Mire que lle digo, don Paio! Curta, o que se di curta, non foi —por moito que prometera no texto—, o conto da miña compañeira de vida, que empeza ben pero en canto dá dous pasos na dirección correcta dálle a pulsión de explicalo todo e alá vai a pretendida brevidade!
Escoite e verá!
Nos baños das oficinas de CENSA coinciden na miña
presenza Xoán Ledo, obreiro e sindicalista, e don Carlos de Miguel, enxeñeiro
do ICAI afeccionado ás chanzas.
—Home Xoán! Ti que es un rapaz espelido, sabes en
que se diferencian cando van a ouriñar un de taller e un de oficinas?
—Vostede dirá, don Carlos...
—Pois que o de taller primeiro lava as mans e logo
ouriña, mentres que o de oficinas primeiro ouriña e logo lava as mans!
—Non é por levarlle a contraria nin por rebentarlle
a chiscadela, don Carlos: non sei o que farán os de oficinas que non é tal a
miña ocupación, pero ata onde eu sei os de taller temos o costume de lavar ás
mans antes e despois de ouriñar!
Xa ve, don Paio, traballo feito non corre presa!
Dedicado ao meu benquerido Ángel, que quería que tamén me metera cos poderosos...

Ningún comentario:
Publicar un comentario