domingo, 2 de agosto de 2026

Suspirando por Bouzas

 

Mire que lle digo don Manoel! O meu amigo Marcial era un antigo compañeiro de mareas e suores, rexo como unha bita, que traspasara a fronteira dos noventa sen sufrir nin tan sequera un catarro. Pero “home ancián e trapo vello non teñen arranxo nin remendo”, e un infausto dia, cando xa estaba a piques de chegares aos cen, caeu nas garras dunha tose de can que por non facerlle atención derivou en bronquite para rematar ao pouco en pneumonía, dando cos seus ósos —moito máis que ósos non tiña— no Álvaro Cunqueiro, hospital universitario de Vigo que, non sei moi ben a santo de que, leva o nome, do intrépido fabulador.

Mira ti por onde o Marcial ten vencellos familiares con aquel señor Xosé do conto, aquel que tiña un fillo tan inútil que se dedicara á política. E estando eu na habitación entraron pola porta por ver de darlle o derradeiro adeus. Pero non viñeran sos: veu con eles a tía Socorro, aquela muller de falar escaso, pero de sentenzas lapidarias, que cando mirou ó que quedaba do seu parente baixo das sabas do hospital dixo con voz animosa:

—Ánimo Marcial que como é a primeira vez que morres vas dar un defunto moi lucido!

Marcial abriu os ollos e, co derradeiro alento que quedaba no seu espírito, moi polo baixiño entoou unha canción:  

A Bouzas non volverei

pola miña mala sorte,

e vaime chegar a morte

mentres por ti suspirei.

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario