sábado, 15 de agosto de 2026

Máis mata a mala lingua...


Mire que lle digo, don Paio! E eu que pensaba que a xente desta confraría xa aborreceran os contos das asistentas da nosa casa! Pois, xa que insisten, contarei unha anécdota máis; curta, para non empachar ao persoal por riba do razoable.

O conto de hoxe vai do infortunio da Maruxa, unha moza en idade de merecer que estivo pouco tempo traballando na nosa casa. O tempo de cubrir a ausencia por enfermidade da súa nai, Dina, outra das protagonistas das nosas historias de asistentas. Pois non vai tanto tempo, don Paio! Recorda? Aquela que dixera do tío Tomás que «tiña menos xeito que un pavo nun tellado» cando ao ir coller unha tixola na cociña guindou ao chan media vaixela! E menos mal que era a de diario!

Maruxa comparte moitas cousas coa súa nai. Non podería ser doutro xeito, que dous que dormen no mesmo colchón vólvense da mesma opinión. Nai e filla comparten, por exemplo, unha mesma traza delgada e nervada, froito do extenuante traballo manual e da desnutrición crónica propia da súa economía de subsistencia e comparten tamén unha preocupante falta de hixiene persoal agravada —no caso de Maruxa, pola rexa e abundante transpiración dunha femia en flor.

Ten moita razón, don Paio! Eu daquela non podía maxinar que a citada falta de hixiene puidera ter outra orixe que a apatía e o desleixo. Cos meus poucos anos a única realidade era a nosa: auga corrente na casa, toallas limpas, xabón de olor na pila. Nin pensar na carencia material de medios, ou en razóns sociais e culturais profundas polas que o coidado persoal puidera chegar a ser unha carga insoportable.

Pero non é diso do que vai este conto senón doutra das características compartidas que non citáramos: o analfabetismo. Ningunha das dúas sabe ler, cousa abondo habitual e que a ninguén preocupa; porque son mulleres, e as mulleres abondo teñen con coidar a casa, ao marido e aos fillos seguindo, puntual e exactamente, as indicacións da santísima trindade da intimidación: o clero, os caciques e a Garda Civil.

A cousa vai que neses días Maruxa moceaba cun rapaz de non moitas luces que coñecera nun baile de «La Palmera», o mítico salón de baile da antiga carreteira de Villacastín, hoxe avenida de Ramón Nieto. E digo que de non moitas luces sería, porque os pais —un matrimonio de Leiro que puxeran a principio dos anos cincuenta un despacho de viños na rúa de Lepanto— gastaran unha chea de cartos en intentar que o rapaz sacara o bacharelato en canto colexio de sona había en Vigo, sen que —o moi bárbaro!— conseguira achegarse nin tan sequera ao cuarto curso.

Menos mal que a Patria, sempre oportuna, cruzouse no camiño da parella, e «antes de que o lume se fixera cacharela» e os primeiros bicos e furtivos tocamentos chegaran a anubrar as fronteiras da prudencia, o mozo foi chamado a cumprir as súas obrigas no Cuartel de Instrución de Mariñeiría que estaba situado na zona de Esteiro, no Ferrol.

Escribirasme? —preguntara Maruxa ao ir a despedilo, máis por comprobar que non a esquecería que pola ansia de recibir as cartas.

—Escribireiche! —prometeu el, que non era cousa de afrouxar un lazo tan doce como no que nese intre estaba.

E abofé que escribiu! Unha única carta un mes despois de chegar ao Ferrol. Carta que, por moitas voltas que lle deron, non revelaban nin a nai nin a filla o seu contido. Como non era cousa de gastar os cartos en balde, acordaron agardar por algunha máis para levalas xuntas a quen as puidera ler. Pero o tempo pasaba e ningunha carta máis chegaba á choupana da Cabalaria onde vivían.

Así que Dina, aproveitando que ven a presentarnos á súa filla Maruxa —que lle fará a substitución o tempo que teña que gardar repouso despois da cirurxía que ten programada no «Pirulí»—, achégase ao meu pai e pídelle con moito misterio que lle lea o que pon aquela condenada carta que recibiron fan meses e que están nunha agonía por non poder adiviñar o que nela di o mozo da Maruxa. Que ben sabe que o señorito Fernando ten moitas cousas que facer, pero que non llo quere pedir ao señorito Tomás, porque é solteiro e un pouco xarelo, que ben sabe ela que ten butaca reservada para todas as Compañías de Revistas que visitan Vigo.

—Veña esa carta! —di o meu pai Fernando poñendo as lentes de ler.

Polo que eu recordo, a carta viña a dicir máis ou menos o seguinte:

«Maruxa:

Espero que ao recibo da presente esteas ben de saúde. Eu ben tamén, grazas a Deus, sen máis novidades que as propias do servizo.

Ferrol é moi bonitiño, con rúas moi rectas e feitas a escuadro coma dun carpinteiro, con moitas cafeterías e edificios de moito mérito.

Pero non é diso do que che quería falar, que levo moito tempo dándolle voltas ao pote sen saber como dicir o que teño que dicir.

Mira Maruxa: teño un compañeiro de instrución que é de Candeán e coñece ben a túa familia. Asegura que a túa nai é unha lercha que anda sempre a presumir do que ten, cando o certo é que non ten. Tamén di que é cousa de ver a cantidade de trapallada que leva enriba os domingos, cando sae coa rede botada por ver o que pesca, por iso que, por moito señorío que afecte no vestir, non se lle achega ninguén, porque todo o que leva está estragado e con máis merda que o pau dun galiñeiro. A roupa e ela!, que segundo conta é unha porcona que fai anos que non se lava nin as partes que máis hixiene demandan!

E para rematar: Todo o mundo en Candeán sabe que non tes pai coñecido, e como apunta o refrán «Puta a nai que a pariu de solteira, e puta a filla que o ronsel herda», non vou casar cunha moza con tales antecedentes por moito que non me deixaras nunca meterche man.

Así que xa sabes: cada un polo seu camiño e Dios no de todos.

O teu mozo que xa non o é».

O comedor énchese dun silencio arrepiante. O meu pai retira as lentes coas que se axudara na lectura. Eu percibo desde a miña cadeira que fai hercúleos esforzos por manter o rostro inmutable; cos dentes fortemente pechados pretende evitar o inevitable, porque as comisuras dos beizos comezan a moverse sen control ao percibir claramente tras a porta do dormitorio a risa de coello —contida pero tremendamente contaxiosa— do tío Tomás, que escoitara todo desde o seu agocho.

Entón Dina ergueuse da mesa, diante da cal estaba sentada escoitando a lectura coma quen escoita unha sentenza de morte, tomou a Maruxa de ganchete e saíu pola porta non sen despedirse do meu pai cunha lección de dignidade que non esquecerei nunca.

—Filla de solteira! Que saberán eles! Viúva de vivo —como tantas outras— son. Grazas, don Fernando. Hai solto polo mundo moito fillo da gran puta, aínda que as súas nais fosen unhas santas!

Tes, en cambio, orfos e orfas

e campos de soidade,

e nais que non teñen fillos

e fillos que non teñen pais.

E tes corazóns que sofren

longas ausencias mortais,

viúvas de vivos e mortos

que ninguén consolará.

 


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario