venres, 6 de xullo de 2018

Eu cantares sei un cento.



Mire que lle digo, don Manoel! Eu de amores seille tanto coma de albardar ratos, pero o demo, cando non ten que facer, sacha os nabos antes de nacer, e ben se me alcanza que se a semana seguinte xa están no seu posto os gaiteiros de sempre, e o João non falta ao baile, pouco espilido ha de ser para que non repare en que a mais garrida moza de Campobecerros esmorece porque a saque a bailar! Porque, don Manoel, eu non tiven o gozo de coñecer á Fina nos seus anos mozos pero, como gusta de dicir o Eladio, ben se ve pola vaca como foi a xovenca, e seguro que non era daquelas que teñen que darlle a beber ao mozo a quen queren atraer mais licor que o dos seus ollos!

E fálolle de dar a beber un licor ao mozo para o namorar, porque moitos dos vellos costumes e tradicións coas que as mozas procuran engaiolar aos mozos para que as pretendan teñen que ver con beberaxes preparados a este fin con viño ou augardente mesturado con cinza de queimar un guecho de cabelo da moza, ou pingas da cocedura de osos de defunto, e aínda de sangue do período. As rapazas de Bouzas son un pouquiño mais finas e delicadas; recollen no solsticio de verán herba de namorar nos cons das praias e a poñen nun dos petos do home a quen queren conquistar, sen que este se decate.

Outras tradicións presentes en moitos lugares da nosa terra é o de facer nós nas xestas que rodean certas ermidas como a da Santa María da Franqueira no concello da Cañiza,na Paradanta,  ou a de San Antón no concello de Gomesende, nas terras de Celanova. Se a moza logra facer o nó cunha man soa, é sinal de que casará nese mesmo ano.

Dende o alto da Cañiza
Vexo o coto da Franqueira
As mozas que atan a xesta
Non van alá mais solteiras.

Tamén nalgunhas capelas coma a de San Eliseo, ou a de Santo Antonio, hai o costume de que as mozas tiren unha pedra que ten a forma do peletre da mariola a un pozo cunha boca moi estreita que hai nos arredores, dicindo:
San  Eliseo, casar quero...

Se a pedra entra pola rendiña é sinal de que a rapaza casará aquel ano.

Os santos casamenteiros teñen, don Manoel, un traballo moi especializado, e compre saber a quen dirixirse consonte os casos. Por exemplo as viúvas, se quixeren pedir un novo casamento deben dirixirse a Santa Ana, que é quen sabe dese oficio. As moi feas e deformes deben dirixir as súas preces a San Xudas Tadeu, que é o santo das causas desesperadas e perdidas. Para aquelas que xa non están na súa primeira xuventude o seu avogado é San Bento de Palermo para os do norte de Galicia e San Gonzalo de Amarante para os miñotos.

San Gonzalo de Amarante
Casamenteiro das vellas
Por qué non casas ás novas
Que mal che fixeron elas

Traballo especializado e de risco!, engadiría eu! Polo menos no caso de Santo Antonio que ocúpase das rapazas novas. Porque cando cando o santo non lles concede o que pediran quítanlle as veas acesas que lle ofreceran, e o castigan en efixie azoutando, salpicándolle viño por riba, picándolle con alfinetes, atándolle unha corda ao pescozo, meténdolle nun pozo ou poñéndolle mirando contra a parede.

E mire que lle digo, don Manoel! Contan en Portugal que Santo Antônio e São Gonçalo rifaban porque cando aínda non se establecera con claridade as competencias dun e outro, as mozas casadeiras pedían a intervención dun santo sen ter en conta a especialización citada. Di o poema:

Santo Antônio ficou bravo
com Jesus foi reclamar:
- Em assuntos de noivado
e casório ao pé do altar
São Gonçalo ainda acaba
ocupando o meu lugar...
O Senhor sorriu e disse:
- Toniquinho, não esquenta:
Você casa as que têm vinte,
ele casa as de cinquenta
Você para em vinte e nove,
ele assume até os noventa
Pois não é que o tal acordo
fez o céu se encher de graça?
Os dois santos se abraçaram
e até hoje, sem pirraça
Santo Antônio acode a uva,
São Gonçalo, a uva passa

(A Disputa de São Gonçalo com Santo Antonio pela Proteção das Encalhadas. Oswaldo Rios e Fabio Sombra)

luns, 25 de xuño de 2018

Teño xoubas, teño chinchos!



Mire que lle digo, don Manoel! Que veño hoxe cos illares crebados de tanto rir co que contoume a Laura, unha rapariga ben garrida, que ten un posto de peixe no Mercado de Bouzas.

Eu non adoito a preguntar prezos nin calidades, que de prezos a Laura ben sabe que non son de regatear, que se os cartos me chegan para o que quero, merco e se non me chegan marcho sen el, e de calidades pouca cousa me poden aprender; pero o mariñeiro do conto de Laura non tiña o mesmo costume, e dirixiuse a ela sinalando con índice a un dos grupos de peixes do posto.

-          Mira rapaza, a como tes esa xouba?
-          Non é xouba, meu señor, que é chincho!
-          Que chincho, nin que raios! Vasmo dicir a min que andei a navegar toda a vida!
-          Pois logo, non lle digo nada, meu señor! Mais que a xouba está a 12 € o quilo e o chincho a 6 €
-          Un pouco caro, me parece …
-          Caro ou barato, por menos non llo dou.
-          Veña logo un quilo de xouba.

E deulle os chinchos, que chinchos eran, e cobroullos coma xouba, que outra cousa non merecía por sabichón e petulante.

-          Navegar, navegaría, pero o peixe que sinalou chinchos era, e seguirían a ser chinchos, por moita auga salgada que trouxera no bigote!

Teño xoubas, teño chinchos.
Teño sardiñas tamén!
Son da lancha do meu home
Quen a min me quere ben!

domingo, 10 de xuño de 2018

Onde Fina coñece ao que sería o seu home.


Un deses domingos de baile, no alpendre que o Avelino tiña ao pe da súa casa de comidas con aloxamento no que convertera á súa vella taberna por mor dos moitos traballadores  que as obras do ferrocarril Pobra de Seabra/Ourense trouxeran ao pobo, non recordo moi ben causa, porqué ou razón, a hora do baile chegara, e o grupo de gaiteiros que o Fanchico contratara, coma o resto dos domingos para poñer coa súa música a gana de bailar, non daban chegado.

Ben puideramos ter collido as pandeiretas e facer, coma era tradición, bailar á xente coas nosas xotas, muiñeiras e agharrados, mais a chegada dos gaiteiros afixéranos mal, e xa ningunha de nos quería coller a primeira quenda de tocar mentres as demais bailaban, que coma di a copla:

Bailade nenas, bailade,
vai esta e non vai outra;
para tocar xa non podo,
para cantar estou rouca.

E polo si ou polo non ningunha das rapazas da aldea facía intención de colle-la pandeireta para abrir o baile, todas nos sen dar nin chío, mais caladas que os curas cando comen, e o bruar das protestas dos homes ia subindo de ton e de volume, e o Fanchico xa non sabía que facer da súa vida, temendo, con razón, que as cousas foran a mais, e a xente do ferrocarril pasara dos ditos aos feitos.
Entón, coma por encantamento, aparecen no estrado un home moi ben plantado, levando na man unha gaita distinta da nosa. Con il un rapaz cunha caixa militar coas colores da bandeira portuguesa, e un vellote cun bombo todo estragado. As miradas viran para eles e faise un certo silencio que lle permite dirixirse á xente nestes ou parecidos termos:

-          Gentes todas. Como os gaiteiros demoram mais tempo do que é conveniente para a integridade do local, se não vos parece ruim, vamos tocar algumas peças da nossa terra trasmontana, que esperamos que sejam do voso agrado.

E o gaiteiro da outra beira da raia, toca a gaita mirandesa e todos bailamos ao seu son, que as raias e fronteiras so existen no papel cando as xentes queren que así sexa, e non hai mellor xeito de facelas desaparecer que a música! E veña a xente a bailar unha peza tras doutra sen parar mentes de quen é o seu par, cal é a sua nazón ou condición, ata quedar derreados e suorosos, para ledicia do taberneiro que con tanto movemento nunca tanto viño vendeu!

Así foi, miña filla! Todos a bailar, e ele a tocar. Todos menos a túa nai, que aínda que acotío mais bailadora que unha buxaina, aquel bendito domingo poucas pezas botou, ben certo é que mais por mirar para o gaiteiro de ollos de mel, que polo son peculiar da gaita mirandesa

Para cantar e bailar
Eu son como a primavera,
pero para namorar
teño moi mala maneira.

sábado, 2 de xuño de 2018

Axustando á collonésima de pelímetro!



Mire que lle digo don Manoel! Os galegos non lle somos moito do sistema internacional de unidades, que, sen ir mais lonxe, o torneiro de Talleres Reyna, o Bernaldino, pouco antes da xubilación aínda seguía a facer os axustes das pezas en pelímetros, e o seu submúltiplo, a collonésima de pelímetro. Por iso non lle debe de estrañar que nas tabernas de Bouzas segan a medi-lo viño en cuncas ou netos, e mentres polo mundo adiante necesiten que os vasos leven unha marca indeleble de control de por onde debe quedar o líquido escanciado para evitar reclamacións, na taberna do Mincha non fagan falta tales trebellos para axustar unha cunca de viño de xeito tal que haxa que ter moi bo pulso para non derrama-lo viño ao levar aos beizos. O que, como di a vella cando fía o seu copo, non deixa de ser unha boa forma de saber cando na cisterna non cabe mais líquido e compre recoller o aparello e marchar antes de non ser quen de gobernar a lancha ata a casa.

Contábame meu pai que había en Bouzas un taberneiro, cuxo nome nunca cheguei a saber, que cando se lle queixaban por algunha falcatruada que lles facía, sempre contestaba coa mesma ladaíña: "cambiarás de taberneiro pero non de ladrón", tratando de convencer á súa clientela de que o ladroízo era algo consubstancial ao oficio de taberneiro como argumento fundamental para acadar a fidelidade e non deserción dos seus clientes.

Os curas e os taberneiros,
teñen moito parecido.
Os curas bautizan nenos,
e os taberneiros o viño.

E, mire que lle digo, don Manoel! Por se quixera mercar algo de viño para levar, déixolle un pequeno resumo das medidas galegas de capacidade de líquidos mais coñecidas.

CUARTEIRON, s.m. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado dun cuarto litro, ou sexa 250 ml, no SI. Equivale a medio neto
Comentario: Mellor nona pida, don Manoel. Ningún home pediría menos dun neto aínda que fora para beber so.

NETO ou CUARTILLO, s.m. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de medio litro, 500 ml, no SI. Un neto contén dous cuarteiróns.
Comentario: O menos que bebe un home adulto so. Se está acompañado se pedirán uns netos. Así, indeterminado; xa se irá vendo como van as cousas.

CUARTILLA ou CANADA s.f. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de 4 litros. É, polo tanto a cuarta parte dunha OLA, e contén oito NETOS
Comentario: Mais o menos a cantidade necesaria para colle-lo rumbo axeitado. Mellor non usala moito por esas terras adiante que nalgunhas zonas de Galicia unha canada son oito litros.

CUARTA, s.f. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de 8 litros. É a cuarta parte dun canado, e dicir, media ola.
Comentario: Para levar para casa, pero non posta. Polo menos sen haber repartido con outros parroquiáns.

OLA, CÁNTARA ou CABAZO, s.m. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de 16 litros. Equivale a dúas cuartas, ou catro canadas, ou dezaseis netos.
Comentario: A mesma consideración que a anterior. Pero desta os parroquiáns teñen que ser moitos.

CANADO, s.m. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de 32 litros. Equivale a 2 olas ou cántaras, ou catro cuartas, ou sexa oito canadas, así en feminino.
Comentario: Medida machista onde as haxa. Un canado val coma oito canadas!

MOIO, s.m. Medida de capacidade para líquidos equivalente aproximado de 128 litros. Equivale a 8 olas, ou catro canados, ou 32 cuartillas.
Comentario: Do moio, don Manoel, pouco lle podo dicir, que non sexa:

Oito olas fan un moio.
E dous cuarteiróns un neto
Un canado oito canadas.
Eu contigo non me meto

domingo, 27 de maio de 2018

Fina continúa o relato dos seus amores.



Daquela, miña filla, poucas diversións tiñamos nas pequenas vilas como a nosa de Campobecerros. Poucas no inverno e algunha mais no verán, que o verán é tempo de faenas comunais, e de mocear ao seu remate con cantos e bailes en fiadas e fiadeiros. Poucos mozos solteiros quedaban na aldea, e poucos mais nas aldeas da contorna, Portocamba, As Eiras, Veiga de Nostre, Venda de Bolaño, Cerdedelo e outras, que tiveran afouteza ou necesidade abondo como para percorrer os longos e escarpados camiños ata un dos nosos seráns, despois dunha esgotadora xornada de traballo, polo que non era raro que houbera tres mulleres para cada home, e sempre moitas mais cantareiras que bailadoras.
O lugar de Cercedelo
é terra de poucos homes,
e aqueles poucos que hai
chámanlles remenda foles.

Entre os mozos que viñan acotío ás nosas fiadas estaba precisamente Farruco, que xa daquela era un rapaz tan laidiño e mirrado que ningunha moza quería bailar con el. Menos a túa nai, que coma sempre foi un pouco mexericas, de mais sensible a laios de cans, queixas de neno e choros de viúva, as veces dáballe mágoa miralo so, e botaba uns soltos con el. Nunca a cousa pasou de aí, pero xa sabes que ao vilán dádelle o dedo e colleravos a man, e daqueles pos estas lamas, e ao pouco o Farruco, confundindo fariña co farelo, comezou a incomodarme coa súa actitude posesiva e controladora, coma se algunha relación, fora daqueles pouco frecuentes bailes, houbera entre os dous, o que serviu para, aguilloada polas bromas e burlas das amigas, cortar toda relación con el.

Daquela a aldea conservaba unha certa relevancia grazas á súa situación a medio camiño entre A Gudiña e Laza, na verea Real de Castilla, camiño obrigado tanto de rabaños da  transhumancia, peregrinos e tratantes de gando, coma dos galegos que ían ou viñan de segar de Castela. Que como di a cantiga:

Ó pasar a Cruz de Ferro
a Gudiña ben a sei
i agora voume achegando
aos aires de Monterrei.

Todo esa pasaxe de xentes de alá e acolá mantiña con mais fatigas que ledicias a tenda de abarrotes dos teus avós e a taberna de Avelino o Fanchico, ata que, coa a chegada das obras do ferrocarril que tiña que unir a Pobra de Seabra con Ourense,  as cousas cambiaron e o pobo encheuse de obreiros, carrilanos, galegos, andaluces, murcianos e portugueses. E entre todos eles aquel que me roubou o corazón: o teu pai.

Coa chegada de tanta xente de fora as necesidades de aloxamento e comida medraron de xeito tal que o Avelino, que de parvo tiña pouco, virou o negocio como a folla da ulmeira, de taberna a casa de comidas con aloxamento, e trouxo tódolos domingos un grupo de gaiteiros para facer, nun alpendre que tiña ao pe da casa, un baile de tanto prestixio e renome que mesmo viña xente de Verín e aínda mais aló a gasta-los cartos con tanto esforzo gañados.

Bailade, nenas, bailade,
Pasádelo ben na terra,
Que a vida logo se acaba
E a morte logo vos chega.

mércores, 23 de maio de 2018

De niños, infernos e poetas


Mire que lle digo, don Manoel! Fai anos lin nun diario a noticia de que un fato de poetas mais ou menos contestatarios, celebraran en Pontevedra un deses encontros, non sei se poéticos ou de poetas, a que tan afeccionados son algúns, ao abeiro dun epígrafe de sete estralos:

Só a poesía nos pode sacar dos infernos que a intelixencia crea

E ven isto a conto porque estes días volvín atopar esta frase curta colocada, non coma é de lei no encabezamento dunha obra, capítulo, parágrafo ou cousa semellante, senón nun comentario laudatorio nunha desas redes sociais que tanto aborrezo, malia ter tanto que lles agradecer.

E mire que lle digo don Manoel, que contando co seu permiso e fiado na súa paciencia que é coma a dun santo, desta volta non penso deixar pasar sen mais comentario tan perigoso sofisma. Porque detrás dunha premisa atractiva, o da poesía coma instrumento para mellorar o futuro, ou nas verbas do poeta sacarnos dos infernos, ven unha afirmación mais que discutible: que eses infernos son un produto da intelixencia, cando todo o mundo sabe que a intelixencia é soamente unha capacidade, e que outra cousa ben distinta é o resultado desa capacidade. Aínda mais: que coma ben di o refrán:

O que sabe onde está o niño ten o coñecemento, pero o que o colle ten o niño.

E vostede sabe, don Manoel, que eu gusto da poesía coma ás pitas do trigo. Mellor que ma lean de viva voz, que o que recita a poesía volve darlle vida. Ou aínda mellor que ma canten, que a poesía enténdese mellor cando se escoita coa música que leva no interno.
Así que, don Manoel, cante comigo aquela de Xosé Luís Rivas Cruz:

Melra, melriña, doce asubiar;
trás daquel valo; fuches pousar;
eu hei saber-e do teu neal.
Eu hei saber-e do teu neal.
Anque te agaches no silveiral,
anque me leves pra outro lugar;
eu hei sabere, do teu neal.
Eu hei saber-e do teu neal.
Non teñas medo, non hei roubar,
os paxariños que qués gardar,
quero sabere do teu neal.
Quero sabere do teu neal.
Biquiño rubio, lindo asubiar!,
dime ónde gardas o teu fogar.
Non teñas medo, non hei roubar,
nin os teus fillos, ni o teu cantar.

xoves, 17 de maio de 2018

A República Galega



Mire que lle digo don Manoel! Filla do amor, da paixón e da desgraza, tal lle dixo a Fina á súa filla Sefa, ao desvelarlle que o seu pai biolóxico e o legal non eran a mesma persoa. Cousa, por outra parte, ben doada de inferir, sen outra mais que botarlle un ollo á fasquía do Mincha.

O de filla do amor e da paixón, era ben doado de entender, mais o e filla da desgraza podía ter interpretacións abondo, que desas terras de Monterrei é o dito:

Amigo do val, compadre portugués e aire sanabrés, fódome nos tres.

Ao que os portugueses opoñen o seu mais razoado:

De Espanha, nem bom vento, nem bom casamento.

Pois ben sabido é que cando os ventos sopran de España son máis prexudiciais para as colleitas portuguesas: máis fríos e agres no inverno e máis secos e aborrecibles no verán, que cando sopran desde o mar. E o do bo casamento é cousa traída ao refrán como consecuencia do resultado para Portugal dalgúns desposorios mal sucedidos entre as testas coroadas de España e Portugal, e non unha recomendación para a xente do común, que ben sabe don Manoel, que, tanto para os da raia seca como para os da mollada, a fronteira nunca foi mais que unha raia nun papel.

E se de ventos falamos, os que sopraban daquela, aló polos primeiros anos dos trinta, eran pouco favorables para os obreiros que encheran a vila de Campobecerros e outras da contorna ao chamado do traballo na construción do ferrocarril que don Miguel Primo de Rivera argallara para poñer na súa mesa o peixe de Vigo nas mellores condicións de frescura, que os dirixentes da tan ansiada República, na que tantas esperanzas puxéramos, pensaron, non sen razón, que moitos cartos eran aqueles para tan pouco peixe, e decidiron cancelar a súa construción.

Non empeza a República con moi bo pe para os intereses dos case que doce mil obreiros “carrilanos”, galegos da contorna e da distancia, sanabreses, andaluces, un fato de murcianos e unha chea de portugueses, que, diante da cancelación das obras, néganse a retornar as súas terras de orixe coa mesma fame coa que chegaron. Os anarquistas e comunistas organizan a protesta, chegando na súa desesperación a asaltar o Consistorio de Vilar de Barrio e unha cabana onde gardábanse a dinamita para as voaduras. A Guarda Civil reprime as protestas coa seu habitual violencia, pero as reivindicacións dos obreiros conseguen mobilizar a unha parte importante da mediana e pequena burguesía, farta do abandono no que o goberno central ten a Galicia. E teño entendido que coma resultado da xornada de folga xeral alguén ergue no pau do balcón principal do Concello a bandeira galega, e segundo as fontes da época proclama a República Galega.

Dous días despois, o 27 de xuño, na capital galega unha multitude, insatisfeita polas respostas do goberno de Madrid ás súas demandas, tomou a Pazo de Raxoi, obrigando a dimitir á corporación enteira e nomeando ao mestre Antón Alonso Ríos presidente da Xunta Revolucionaria da República Galega. Dicían os diarios da época que "Santiago atópase á expectativa do que sucede no resto do país" agardando o "latexo do corazón de Galicia", mais cando o Goberno de Madrid declarou a súa intención de reinicia-las obras do camiños de ferro os ánimos arrefriaron, e a única bandeira galega que uniuse á de Compostela na demanda dunha república galega foi … a da Pobra de Seabra.

E mire que lle digo, don Manoel! A república galaica durou tan pouco coma a auga nun cesto. Non tivo repercusión ningunha na dinámica política do momento, e foi esquecida coma unha arroutada mais das que se facían daquela. Conforta saber que anos despois algúns seguen a celebrar a efeméride con música, xantar popular e un partido da Liga Nacional de billarda.