Mire que lle digo
Don Manoel! Parece que vou ter que recordar aos vellos e informar aos novos de
dous xogos tradicionais que citei antonte: a aceiteira para as raparigas, e a billarda para os pícaros. Empecemos se lle presta polo xogo da aceiteira, que xogábano especialmente as
nenas, aínda que tamén os nenos se cadraba, e mañá seguiremos coa billarda. Para comezar o xogo da aceiteira se escolle unha rapaza para o
papel de nai e outra para apandar. A nai
séntase e a que apanda, o burro, agacha
a cabeza no colo da nai de xeito que non poda ver o que están a facer o resto dos
nenos. Iníciase o xogo coa canción que lle da nome:
Aceiteira, vinagreira, chascarraschás;
amarrar, amarrar e non dar,
dar sen dó, que morreu meu avó.
Dar sen rir nin falar
un belisquiño no cu e botar a voar.
Tódolos
compañeiros de xogo vanse achegando e en cada verso do recitado danlle un belisco
ou un azoute no cu. Rematada esta parte corren todos a agocharse, e a que fai
de nai pregunta: Están os paxariños na
gaiola? ao que o resto das nenas responden: Están, si, señora e a nai: Boto
a rede? E as nenas cando xa está agochadas: Alá vostede, bótea se quere. Nese intre a nai ceiba a nena que fai de burro
cuxa misión é atrapar a algunha das rapazas antes de que cheguen onda a nai, ocupando a atrapada o posto do burro e volta a comezar. Tamén, cando
había poucas nenas, so unha delas daba o belisco e o burro tiña que adiviñar cal das nenas lle dera beliscada, gañando
se acertaba. Algún ao mellor dime que iso chámase a pica polaina, e o que se canta é:
-Quen te picou?
-A pica polaina.
-Vai por ela e tráema.
Pero, mire que
lle digo, Don Manoel, que en xogos infantís tradicionais hai case tantas variantes coma
parroquias!
Ningún comentario:
Publicar un comentario