Mire que lle digo Don Manoel! Un banco é sempre un banco pero o certo é que
o edificio do Hispano, onde tivo vostede a súa casa, é moi feito e de moito
mérito. E nono digo porque a súa terraza fora unha boa atalaia para ver os
fogos de Bouzas, que a min préstame moito mais miralos dende o mar, dende unha
chalana ou unha dorniña polbeira, ni porque no segundo piso da casa empezaran
as monxas do Amor de Dios a súa andaina, senón porque teño entendido que o
fixera Don Manuel Gómez Román na mesma época que outra obra súa de moita mais
sona: a fábrica de Bernardo Alfageme. Estoutro Don Manuel, era unha persoa moi
especial, arquitecto sen título que daba os seus traballos a firmar aos seus amigos, ata
que a presión dun deles, Antonio Palacios, obrigoulle a volver a Madrid a
rematar a carreira que deixara abandonada por un enfrontamento cun profesor. Impulsor
coma Presidente da Oliva do monumento a Curros que Portanet exiliou ao Castro
nos anos sesenta. Candidato a Alcalde de Vigo pola Fronte Popular
… Teño que confesar, Don Manoel, que daquela non lle tiña moita afección. El
era galeguista, eu comunista e moi radical … Fixen as paces coa súa figura
arredor dos anos oitenta por mor dunha exposición da Caixa de Aforros que se
chamaba “Arquitectura de papel”, “Arquitectura imposible”, ou algo semellante. Unha
chea de debuxos a prumiña e lapis, algúns coloreados. Unha sede para a Real
Academia Galega, outra para o Seminario de Estudos Galegos, unha Escola de
Belas Artes para Vigo. Algúns chamaron a Gomez Román “ensoñador de novas
Compostelas”, cousa que coma frase está moi ben sempre que por Compostela
entendamos Galicia enteira.
E, mire que lle digo, Don Manoel! De Don Manuel Gómez Roman, cando aínda era
Manolito, falábame moito un vello canteiro curmán da miña nai. Contábame que o
rapaz, en lugar de ir a xogar, andaba arredor dos canteiros, que non había
cousa que gustáralle mais que a música dos arxinas, pedra, punteiro e maceta xuntos
nun canto coral de traballo.
Canta, miña pedra, canta
ó compás deste punteiro,
canta, miña pedra, canta
faille
compaña ó canteiro
Encántame, Dn. Manoel, o sea amigo filósofo, Mirequelledigo.
ResponderEliminar