Mire que lle digo, Don Manoel! Que non moito antes de ser a señora Carme, a
pousadeira fora a Carmiña, unha rapariga tan bonita coma a do poema de Rosalía:
Roxiña cal sol dourado,
garrida cal fresca rosa,
iba polo monte hermosa
co branco pe descalzo...
Copo de neve pousado,
deslumbrando á luz do día,
tan branco pe parecía.
Pero, Don Manoel, a Carmiña tivo moi pouca sorte
cos mozos; os mais deles apoucáballes a súa beleza, e ao resto a súa
intelixencia, que evidenciara demasiadas veces nos poucos anos de escola que os
seus pais lle deixaron seguir. Así que á rapaza acaboulle por suceder como o da
vaca que, por ser de máis boa, acaba moi feireada, e sen que ninguén pregunte
tan sequera o prezo, de custosa que cavilan debe ser. E os anos pasaron, e aos
pais entroulles o desasosego e concertaron a voda cun badulaque papafilloas,
que por non ter non tiña nin terras de seu, nin arte para facerlle un fillo, e
que ao pouco colleu, con outros pailarocos coma el, o camiño da emigración.
Así que cando os gaiteiros chegaron á aldea, a Carmiña era xa Dona Carme,
viúva do paifoco que marchara para Cuba e non dera mais sinais de vida, sen
ninguén que lle enchera o peito de afectos. E, mire que lle digo, Don Manoel!
Que se ao noso Tino unha relación estable non lle metera mais medo no corpo que
o demo, e non seguira devecendo por ver o mar, aquí remataría a nosa historia
do gaiteiro do mar.
Danlle estrañeza os
cantares,
danlle de chorar deseos,
i, os ollos de bágoas
cheios,
pensa nos nativos lares.
Que n'hai máis tristes
pesares,
máis negra malencolía
que a
que entre estraños se cría.
Grande verdade!!!!!!!!!!!!!!
ResponderEliminar