Mire que lle digo Don Manuel! Que en liortas, pendencias, e porfías cos
compañeiros de xogo de nenos, e cos das aldeas veciñas de mozos, estivemos en
mais dunha ocasión! Os mais da xente do meu tempo, e, moito me temo que, a de
calquera tempo, que os altercados empezan pola desavinza, contiñan pola porfía,
medran na tirapuxa, e rematan no enfrontamento físico. O que non deixa de ser normal!
É parte da competencia polos recursos escasos, coma, por exemplo, as mozas
guapas! As exhibicións de fachenda non son so do galo do curral, son a estratexia
que pode permitirlles gañar os recursos en competencia sen necesidade de que
finalmente teña lugar unha verdadeira batalla. Cando as cuadrillas de mozos
loitaban por unha imaxe dun santo, hoxe polos colores dun club de fútbol, non loitan
polo santo nin polo club senón pola posibilidade de cortexar ás mozas das outras
parroquias. Pero do fútbol de hoxe, coas súas batallas con feridos e mortos, é
unha cousa ben distinta! Non sei ben, Don Manoel, se é exasperación social ou a
falla de futuro, o que conduce a algúns grupos de mozos a utilizar o fútbol
como pretexto para desatar a violencia. As tribos de mozos rivais cítanse para enfrontarse
en combate, ou axexan aos adversarios para mallar neles, sen que o fútbol ou a
militancia política sexa mais que un pretexto, que o fanático, o violento, non
necesita do fútbol para ter unha razón para a xenreira.
martes, 14 de marzo de 2017
Os donos dos cans.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario