Mire que lle digo, Don Manoel! Ninguén quere morrer lonxe da casa e da
familia! Pero o Marcial non tiña casa de seu, polo menos que Tino coñecera, e da
familia, merecido o non, xa veu o trato que levou, que as da filla son palabras
moi duras para espetar diante da tumba dun pai, por mala que fora a vida que o gaiteiro
lle dera. O asunto é que a filla do Marcial, da que xa lle dixen que non sabía
o nome, e o seu mozo colleron o camiño de Lugo, e xa desapareceran na primeira
reviravolta da congostra cando o cura, o dono da pensión, os dous ramistas e o
Tiniño acordaron coller xuntos o camiño de volta para apagar a sede que tanto
atafego lles dera. E xa sabe Don Manoel, que o primeiro neto de viño apaga a
sede, o segundo ceiba as linguas e os seguintes a poñen de estropallo, así que,
cando o crego marchou a atender ás súas obrigas, rematado o primeiro cuartillo,
os ramistas aproveitaron para falar do eclesiástico como o xudeu do touciño.
De
todo o que contoume o Tiniño que lle relataron, dúas cousas quedáronme na
memoria: que a sotana dos cregos ten 33 botóns de alto a baixo, representando a
idade de Cristo, e cinco en cada puño, un botón por cada unha das chagas, e tamén que o crego tiña un fillo e que este
coñecía tal paternidade, polo que cando un día lle preguntaron:
-
E ti
rapaz, de quen ves sendo?
-
Eu,
meu señor, son fillo do cura de Meira
-
E
logo, meu? Colgou a sotana?
-
Ai
non señor, non. Arremangouna!
E, mire que lle digo, Don Manoel! Que deste conto non
acredito a veracidade, que eu vendo coma comprei, e o Tiniño tiña estas cousas
de facer pasar chistes por sucedidos!
Anque son de antre os toxos,
criada nas carrasqueiras;
tamén sei beber o viño
como as nenas da ribeira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario