Mire que lle digo
Don Manoel! Hoxe cando ía cara a taberna a tomar o viño cos amigos pasei pola
Alameda, xa sabe, a que está diante da que foi a súa casa, aquela que cando
vostede era neno estaba chea de cativos xogando, as mais das veces as raparigas
a xogos de nenas, coma a mariola ou a
aceiteira, e os rapaces a xogos de
nenos, a billarda ou á buxaina! Que non sabe o que é a mariola? Pois o que as súas irmáns
chamaban a mariquitilla! Non tema,
Don Manoel! Volvo co conto. Dicía que pasei pola Alameda e alí estaba o meu
vello amigo Henrique tomando o sol nun banco con outros compañeiros. E noutro
banco, a rentes deles, un grupo de mulleres. Homes con homes e mulleres con mulleres! Cando
lle fago observar tal circunstancia, Henrique, con ollos de pícaro, dime:
- E logo meu
amigo! Vostede que sabe tantas cantigas non sabe aquela de:
Canta, cuco, canta, cuco,
na rabela do arado,
os homes entre as mulleres
éche gando mal gardado.
- Pois
mire que lle digo, Don Henrique! Que esa saber nona sabía, pero si estoutra:
O bailar homes con homes
E mulleres con mulleres
É coma a gaita sen fol-e
E o tambore sen cordeles
Ningún comentario:
Publicar un comentario