sábado, 2 de maio de 2026

A comercialización do intanxible


 Mire que lle digo, don Manoel! Don Lois, o dono de Pesqueiras Reunidas, é un home tranquilo. Moi afeccionado, ben é certo, ós libros de auto axuda, ás locucións adverbiais e as palabras revesgadas; pero nada iso é un defecto que o incapacite para facer de tertuliano na nosa taberna, posto que ocupa con natural eficiencia porque, como home de posibles, compra prensa variada da que recorta coidadosamente os temas que lle parecen de interese para establecer como debate.

E armado dunha desas publicacións veu antonte á taberna do Miguel, espazo que gusta de frecuentar malia ás reprimendas da súa parenta. Neste caso veu cargado coa propia revista, que se ben era un pouco pesada de máis tamén o era das de prezo elevado, e non era cousa de desfacela con tan banal motivo como a incomodidade do seu carrexado. Don Antonio xa lle collera o xeito ao novo peirao e, malia o pouco espazo dispoñible no novo abrigo, manobrando con suma precisión a súa abundante anatomía soubo abarloar a rentes de nos para, saudando efusivamente a babor a estribor poñer a citada revista riba do mármore da barra cun aceno triunfador:

      Moi bo día á toda a boa xente desta parroquia!

      Bo día don Lois —contesteille—. Vexo que hoxe trae bo material de debate...

      Traio! Un artigo moi interesante que leva por título A comercialización do intanxible.

      E iso que ben sendo? —apunta o Remixio que gusta dos debates máis que os cregos dos bautizos.

      Escoite e verá!

Don Lois abre a revista e le: ...a sociedade actual presenta unha tendencia —non di se preocupante ou non— á “comercialización do intanxible”, tendencia que pódese observar con claridade en varios aspectos, principalmente na forma en que consumimos, na estrutura das empresas líderes e na evolución da economía. Esta tendencia baséase no feito de que o valor xa non reside só nos obxectos físicos, senón nos activos que non se poden tocar, como o coñecemento, as experiencias, as ideas e os servizos.

      Vivimos —di don Lois como comentario ao lido— nun “Capitalismo na nube”

      Nas nubes está o articulista ese! —retruca o Remixio.

      Fala da “nube”, no sentido deses centros de datos repletos de grandes ordenadores funcionando día e noite para que ti poidas escoller que película queres ver no teu televisor. Fala desa “economía da subscrición e servizos dixitais” que permite que xa non teñas que mercar un CD para escoitar música ou un DVD para ver unha película; pagas polo «acceso» a un catálogo inmenso de contidos se necesidade de encher andeis e andeis de obxectos que logo nunca sabes onde os tes.

      Pois, que quere que lle diga, don Lois! Para min deixar as miñas cousas na “nube” é como deixar a colleita no hórreo do veciño: estache todo moi ben gardadiño e non ocupa sitio na túa casa, pero o día en que algo se derrame ou que rompas as «hostialidades» co veciño quedas sen ela.

E isto, don Manoel, era sempre así co Remixio: os seus argumentos adoitaban a estar nunha dimensión tan afastada do tema proposto que don Lois aplicaba unha estratexia de "rendición preventiva", renunciando a responderlle como quen renuncia a dar leccións de natación a un sacho, e abrindo de novo a revista continúa coa lectura: O valor das empresas líderes non se basea principalmente nas súas fábricas ou no seu inventario, senón nos seus “activos intanxibles”. Por exemplo, o valor de empresas como Apple ou Google radica na súa marca, na súa propiedade intelectual (patentes, software), e nas súas bases de datos de clientes. Estes activos intanxibles superan con fartura o valor dos seus activos físicos.

      Iso si que é certo! —intervén de novo o Remixio— o valor desas empresas é o que saben de nos! Neste mundo vales porque compras, non polo que es; e se coma min produces case todo o que comes, e vives coa mesma roupa cinco ou seis anos seguidos, es para eles un refugallo da sociedade!

      O malo Remixio é que todo o que saben de nos non lles custa un can: llas dicimos nos para fardar do importantes que somos e o ben que nos van as cousas!

Houbo un silencio; un silencio en que cada un de nos pasou revista mental a todo aquelo que dixera de si mesmo —sen que ninguén lles preguntara— neses modernos confesionarios que chaman «redes sociais». Que cando subes a foto do churrasco que fixeches cos amigos estás dicindo que compras carne, que necesitas carbón vexetal, que tes un xardín que necesitas coidar, que tes poucos ou moitos amigos e moreas de datos máis sobre ti —e sobre eses amigos— polos que alguén paga e que ti regalas. E sobre todo como un americano con cara de subnormal conseguiu o que ninguén: que milleiros de galegos perderan esa inestimable discreción, ese carácter forxado ao longo de séculos de evolución, e que asegurou a nosa supervivencia como pobo: «o sentidiño».

Máis ben sabe don Manoel que o silencio nun dura moito na nosa taberna —e moito menos neste caso que o Lois está coa revista aínda na man, a medio ler—.

      Déixenme que lles lea outra parte interesante do artigo: o da economía do coñecemento.

      E que ven sendo iso? Que a xente economiza tanto os seus coñecementos que xa non sabe distinguir a nabiza do grelo?

      Non tal! Fala de que o saber converteuse nunha mercadoría valiosa pola que estamos dispostos a pagar.

      Iso non é nada novo: os ricos levan séculos pagando a sabios sen escrúpulos para, por exemplo, librarse de pagar impostos.

      Non vai diso. Fala da consultaría, das guías dixitais, dos cursos especializados e, en xeral, da educación en liña, como exemplos do xeito de monetizar a experiencia e o coñecemento.

Daquela intervín eu para engadir que o feito de que alguén tivera que vender —e outro estivera interesado en mercar— a súa capacidade para resolver un problema ou para ensinar unha habilidade, non era precisamente algo novo, e que, en todo caso, o que podía ser novo era o feito de que cada vez máis xente estivera disposta a poñer a disposición da mencionada «nube» o seu coñecemento sen outro pago que unha eventual financiación —«monetización» penso que lle chaman— por medio da publicidade.

      Hai algo que o diñeiro non poda comprar? —sentenciou o Miguel, mentres lles daba nova vida ás baleiras cuncas.

      Haber, haino! O tempo, o sentido, a saúde... —respondeu Remixio, lizgairo.

O certo, don Manoel, é que a mercantilización dos valores é un fenómeno social profundo e moi decepcionante, que transforma a ética, a amizade e a fidelidade, en bens de cambio. A ética, por exemplo, pasou de ser un principio moral a un “activo comercial”. Ninguén é xa, ético por imperativo moral senón por rendibilidade económica. A amizade entrou na esfera comercial co auxe das redes sociais. Xa non importa ter amigos senón «seguidores», porque este número de seguidores ten un valor monetario en oportunidades de negocio, patrocinios empresariais e beneficios económicos. Capitalismo amigable! Finalmente a fidelidade, que no pasado era un valor que se construía co tempo, agora cómprase a través de programas de puntos, descontos e recompensas. A fidelidade xa non se basea na confianza ou nun vínculo xenuíno, senón nun intercambio monetario.

E mire que lle digo, don Manoel! O principal risco desta comercialización do intanxible, no sentido da mercantilización dos valores, é que corrompe a esencia do que son. Cando a ética, a amizade ou a fidelidade teñen un prezo, o seu valor moral desaparece. Foméntase unha sociedade na que as decisións se basean no cálculo de custos e beneficios, en lugar de en principios e relacións humanas auténticas.

E como ben dicía o poeta popular:

Honradez e sentidiño

mámanse xa dende o berce.

Non se mercan nin se fían,

nin hai banco que os preste.

Ningún comentario:

Publicar un comentario