Mire que lle
digo, don Paio! Con tanto falar de Eduardo e a súa familia vou e deixo a Lita
sen a súa historia! Que, vaia por diante, non lle perde a cara en interese á do
seu marido.
Pois verá, don
Paio, Lita nacera en Escudeiros, nas terras de Ramirás, hoxe algo máis que unha
aldea e algo menos cunha vila, que ten un patrimonio inmaterial fascinante
intimamente ligado á cultura e a ese corazón fidalgo e monacal que irradia a
veciña Celanova. E digo fidalgo porque Escudeiros é un topónimo de orixe
ilustre. Non por nada escudeiro é o grao anterior ó dos cabaleiros, apelativo
co que se coñecía ós que portaban o escudo e as armas do seu señor, coidaban do
seu cabalo e asistían ao cabaleiro mentres se formaban baixo a súa tutela no
uso das armas e no estrito código de conducta propio de tal condición, como paso
previo e necesario antes de ser nomeados, á súa vez, cabaleiros.
A aldea de
Escudeiros, malia o seu pequeno tamaño, garda na memoria das súas pedras e
fontes o eco de vellas historias nas que a fronteira entre o aquén e o alén,
entre o físico e o máxico, esvaécese. Nas pedras da igrexa parroquial, centro
espiritual dunha fe cristiá en permanente loita contra das crenzas máis ancestrais,
fondamente arraigadas nas carnes das xentes. Nas fontes como a da Levada, reino
das Mouras e os Encantos.
As fontes e os
mananciais en Galicia son, por excelencia, espazos liminares, portais cara ao
"outro lado"; lugares propicios ao exercicio da sanación. E na fonte
da Levada exercía a súa actividade de «sabedora», Isolina a nai de Lita.
Certo, don Paio!
Hai moita confusión con iso das bruxas e as menciñeiras: a xente pensa que é
todo un e non é tal. Na cultura popular galega, hai catro tipos de mulleres
curadoras: dous pertencen ao mundo do físico e dous ao máxico. A «sabedora» e a
«boa muller» ao físico, e a bruxa e a meiga ao máxico. A «bruxa» asociada coa
desorde, a enfermidade e a morte e a «meiga» como representación simbólica da
orde, a saúde e a vida. As «boas mulleres» son aquelas veciñas que coñecen unha
serie de remedios eficaces para certas doenzas, mentres que a «sabedora» é unha
muller que coñece as propiedades curadoras das plantas e, ademais, certo tipo
de prácticas médicas tradicionais vinculadas á medicina popular.
Isolina moveuse
toda a vida neste terreo de "facer o ben" aos demais, de practicar o
oficio artesanal de curar o corpo ou a mente coa aplicación de herbas medicinais
seleccionadas con sabedoría, e prácticas salutíferas aplicadas con tento; e non
porque tivera algo contra da meigas —que xa lle gustaría posuír tal don!—, senón
porque nacera sen esa forza telúrica, sen esa capacidade de cruzar a fronteira
do invisible que teñen elas. Sendo moi cativa, preguntáralle á nai por tal
circunstancia: se elas eran meigas ou menciñeiras, recibindo dela unha resposta
tan pouco concreta, tan envolta nas brétemas da linguaxe, que ata que coñecera
unha, nunca chegara a saber cal era a diferencia.
Fose como fose, menciñeira
ou meiga, a Isolina custoulle ferro e fariña dar cun mozo que quixera sentar
sen medo á súa beira. Na sociedade rural galega as menciñeiras, sexan meigas ou
«sabedoras», son respectadas pero non queridas. Respectadas polo seu coñecemento
profundo do medio natural, pola súa eficacia real, pero temidas. Ese mesmo
poder que as facía esenciais provocaba o receo:
Quen ten o
poder de sandar tamén o ten de magoar...
Certo don
Antonio: o pobo é desconfiado! O é de xeito natural ou alguén sementou nel esa
desconfianza? Porque igrexa e medicina oficial perden moita clientela coa
actividade destas mulleres! E polo diñeiro baila o can!
Mírese como se
mire, para un mozo da aldea, achegarse a Isolina para mocear implicaba cruzar
unha barreira invisible feita de silencios, olladas, recendos e calafríos. Un
muro detrás do que axexa o descoñecido e agarda o soñado; un obstáculo para
cuxa superación cómpre reunir moito valor; ou moita desesperación! E mira que a
Isolina era —a dicir da xente da contorna— unha rapariga ben garrida! Pero os
mozos a miran de través por non quedar enmeigados, e ninguén se achega a ela no
torreiro da festa para pedirlle un baile. Condenada á soidade porque o medo ao
máxico é máis forte que o desexo!
E ela, orgullosa
e distante, sofre en silencio por ese illamento, mentres ve como outras mozas
vanse aparellando. Penso eu; ou quero pensar que ninguén mo dixo xamais! So que
—vostedes perdoarán— deixeime levar polo impulso literario.
E foi así ata que
un día houbo un accidente grave na mina de estaño de Escudeiros. Varios
mineiros quedaron mancados baixo dunha derruba, un afundimento dunha galería
interior que carecía de puntais de reforzo. Aqueles días chovera a eito e as filtracións
de auga provocaron o colapso do teito da galería, deixando a catro obreiros
sepultados e a un con graves feridas polos bloques de pedra caídos.
Os compañeiros de
Román, que tal era o nome do ferido, o levaron de urxencia, con moi bo sentido,
á casa de Isolina, por ver de darlle os urxentes auxilios que o arrincaran das
gadoupas da vella señora, baixo cuxo dominio estaba practicamente xa.
—
Cando
abriu os ollos decateime de algo especial: teu pai miraba co revés do ollo —contoulle
Isolina á súa filla, querendo expresar que Román tiña o don de ver o que os
demais non perciben.
Ben sabe, don
Paio que na nosa terra a mirada é a canle do poder máis absoluto. Da mirada
nace o meigallo e o asombro pero tamén a clarividencia. E Isolina soubo ver no
ollos de Román o futuro da súa filla.
A ciencia de
Isolina salvou a Román da morte. E en xusta correspondencia Román salvou a
Isolina da soidade e os receos da veciñanza casando con ela en canto recuperou
o control das súas forzas. Todo era felicidade na casa de Isolina cando ao
pouco tivo unha preciosa filla, de quen a avoa dixo nada máis mirala que herdara
o xenio da semente. Isolina non sabe nada de recesivos e dominantes pero ten
claro que a herdanza non a tocara a ela, pero que prendera na rapaza, que non
vai precisar de ungüentos nin de herbas de San Xoán para gañar a vida; a filla
ten o poder do sangue nos ollos.
Pero a felicidade
da familia de Isolina, Román e a pequena Lita, torceuse na man duns militares perxuros
que, obedientes ás ordes do capital, deron un golpe de estado contra da
República en xullo do trinta e seis. E o Román, picador e líder sindical da UXT
na mina, era o albo perfecto para a represión falanxista. Descabezar de forma
inmediata todas as organizacións que puideran opoñerse ao golpe, deixar ao
sindicalismo mineiro sen o seu líder, era o paso previo para implantar na
bisbarra o reinado do terror: sen líderes non hai organización, e sen
organización as posibilidades de resistir a un exército disciplinado non
existen.
Certo é que tan
pronto como se coñeceron as primeiras noticias do alzamento militar en África e
a posterior sublevación das guarnicións da península, os sindicatos declararon
a folga xeral; en Escudeiros e no Viso os traballadores paralizaron a produción
e abandonaron as explotacións e os lavadoiros para poñerse a disposición dos
comités de defensa da República que se estaban organizando nos concellos de Ramirás,
Gomesende, Cartelle e a propia vila de Celanova.
Non sei quen foi
o que dixo que o 18 de xullo as autoridades da República lle tiñan máis medo ao
pobo que aos militares; acertaba! E Celanova non foi unha excepción: fronte a
exixencia dos mineiros, o núcleo máis combativo e disciplinado das forzas leais
á legalidade vixente, o alcalde de Celanova, o galeguista Virxilio Fernández,
intentou coordinar a resistencia pero sen atender ás demandas de armas dos seus
defensores. Como ben dicía o poeta cenetista Antonio Agraz naqueles combativos
versos:
Recordad bien: era julio
y era noche de verano.
Por la Corredera Baja,
Tudescos y el Desengaño,
a la calle de la Luna
donde están los sindicatos,
con violencia de torrente
avanzaba río humano.
¡Armas!, pedían nerviosos.
¡Armas!, pedían airados.
¡Armas para sujetar
a los canallas del fascio!
Como no les daban armas,
a la lucha se lanzaron
la mitad medio desnudos,
la mitad medio descalzos.
E sen elas, que
podían facer fronte as forzas da Garda Civil e as columnas de falanxistas que partiran
de Ourense para asegurar o control do territorio? Ante tropas ben armadas e
organizadas a resistencia con escopetas de caza e dinamita resultaba suicida.
A maioría dos
republicanos da bisbarra baixaron os brazos, convencidos de que non tiñan nada
que temer porque nada fixeran, e a represión alcanzaría soamente aos que se
significaran dalgún xeito. Aquilo foi meter os pés no xerro! Descoñecían que o
ideólogo do golpe tiña as cousas ben claras: "É necesario estender o
terror... deixando unha impresión de dominio, eliminando sen escrúpulos nin
vacilacións a todos os que non pensen coma nós." Non era
necesario facer: Chegaba con pensar! Os meses seguintes, ata o outono de
1939, estiveron marcados por detencións en masa, paseos na revirada estrada
cara a Ourense e consellos de guerra sumarísimos. O propio mosteiro de San
Rosendo en Celanova acabou convertido nunha terríbel prisión central por onde
pasaron moitos destes homes.
O resto, os
poucos que como Román tiveran responsabilidades políticas ou sindicais non lles
quedou outra que fuxir; "botarse ao monte" e intentar resistir ata
que as forzas leais á República recuperan o control. Porque nin falar de tentar
cruzar a fronteira con Portugal: a ditadura de Salazar colaboraba activamente
cos sublevados devolvendo aos fuxidos.
Román, cun
pequeno grupo de mineiros do Seixoval con forte conciencia de clase, houberan
podido resistir algún tempo no monte pero a paternidade recente impulsa aos
homes a tomar riscos que están por riba da necesaria prudencia. E Román era
unha presa abondo apetecida para ter arredor da casa a constante vixilancia dos
sublevados.
—
Eu
era moi cativiña pero recordo perfectamente, deitada no rolo de madeira que
fixera para min, os ollos do meu pai asolagados en bágoas cando aqueles homes
de rostros ameazadores e camisas azuis o separaban violentamente de min —me
dixera Lita cando, moitos anos despois, me contara as súa peripecia vital.
Ao día seguinte
uns carreteiros que ían camiño a Cortegada descubriron o seu cadáver tirado na
cuneta. Clientes da Isolina viñeron darlle noticia que o recoñeceran e que
cando intentaran recollelo do chan saíran de detrás duns matos onde estaban
agachados un par de falanxistas que llo impediran con moito aireo de pistolas,
indicándolles con voces destemperadas que o morto tiña que quedar alí para
escarmento da familia e advertencia aos fuxidos que aínda quedaban escondidos
no monte.
Ferro e fariña
custoulle a Isolina convencer aos carreteiros que a acompañaran a recoller o
corpo masacrado do seu home. Pero os favores debidos á menciñeira eran moitos,
e desacougante a conciencia da súa propia covardía. Todo pesou para torcer a
súa negativa, aínda que teño para min que o argumento que acabou por persuadilos
foi a información de que a Isolina tiña e intención firme de levar con ela á
filla, porque a sona do poder que tiña xa a cativiña na súa ollada correra como
lume en palla seca polas congostras da contorna, ata os máis afastados
recunchos da bisbarra.
E a noticia de
que a pequena meiga formaba parte da comitiva que improvisaran para recuperar o
corpo de Román cabalgou nas voces do vento ata o lugar onde os seus asasinos
montaban ameazadora garda, facendo que o terror cambiase de bando de xeito que que
cando a comitiva chegou ao lugar dos feitos xa non había ninguén que intentara
opoñer resistencia a tan piadoso acto.
—
Apagaron
a tiros o ollar do meu pai —contaba Lita— pero toda a virtude que no seu ser había
non se desvaneceu no vento senón que veu a reforzar máis aínda o meu don.
Soterrado o seu
home Isolina sabe que a sorte é fuxidía, que o medo dos soberbios axiña cría
rabia, e que os cans que liscaron aterrorizados un día irán xuntarse con outros
cans para reunir valor abondo e cobrar as contas co sangue dela e da pequena. Antes
de que a rabiosa manda volvese sobre os seus pasos, Isolina tomou a
determinación de poñer terra por medio: utilizaría o amparo dos carreteiros e
marcharía con eles, aínda que fora só co posto, ata Cortegada. Alí pasaría a
ponte do Miño para coller na estación de Filgueira o ferrocarril ata Vigo. Na
actividade frenética da gran cidade, entre balbordo a súa masa obreira e
mariñeira sería máis doado atopar un refuxio de anonimato para unha viúva e a
súa filla!
E así foi:
Isolina entrou a traballar na casa dun importante persoeiro local, e aínda que
Vigo segue a ser moi rural, e as estrugas, estalotes, abelurias, ameneiros e
sabugueiros son ben doados de atopar, nunca máis foron por ela utilizados, máis
que para a sanación de Lita ou dela mesma; a súa vida se concentrou desde
aquela en non dar pistas da súa existencia: a menciñeira debe esvaecerse para
que ninguén saiba dela e poida dar aviso á mala xente de Escudeiros do seu paradoiro.
E ata moitos, moitos
anos despois, cando Isolina senta que chegoulle a súa hora, Lita non saberá
nada da súa condición de meiga.
Pero isto, don
Paio, xa é obxecto doutro conto, e co seu permiso ou sen el marcho, que hoxe
teño que marchar. E marcho cunha copla de meigas e menciñeiras.
Co que a
terra dá no monte
cura a
menciñeira o mal;
o que a
terra nos oculta
a meiga
sábecho xa.

Ningún comentario:
Publicar un comentario