luns, 12 de decembro de 2016

Cousas da Reconquista de Vigo

Mire que lle digo Don Manoel! Que, coma vostede ben sabe, moitos estudios non lle teño pero o meu pouco caletre ben me da para afirmar que das peripecias da Reconquista de Vigo tampouco ten a xente as cousas moi claras. Que se as tivera non entendo moi ben que mantivera unha rúa e un monumento a un personaxe tan nefasto coma Pablo Morillo, suposto heroe da Reconquista de Vigo, cuxo único mérito foi recibir a capitulación do coronel Chalot, aproveitando que o verdadeiro protagonista, o capitán de granadeiros Bernardo González del Valle, Cachamuíña, estaba hospitalizado das feridas recibidas no asalto á Porta da Gamboa. Morillo, conde e marqués de non sei cantas cousas, foi, como ben sabe, militar de carreira no peor sentido da frase, un barallocas que xurou fidelidade á Constitución de 1812 coa boca pequena, e á primeira oportunidade entrou en Vigo a sangue e lume ou fronte das tropas absolutistas, retirándolle á cidade a súa condición de capital de provincia, que pasou a historia da infamia coma autor do comentario tras firmar a orde de fusilamento do grande científico, fillo de galegos e heroe da independencia colombiana, Francisco Xosé de Caldas: España non necesita sabios.

E, mire que lle digo, Don Manoel! En cada ocasión das que o mellor do pobo tense posto en pé contra da tiranía, no devalar do entusiasmo colectivo, cando damos á terra os corpos dos Carolos mortos baixo as balas do inimigo, volven coma os corvos, os potentados, os poderosos, coa súa cohorte de militares sanguinarios e cregos raspalleiros, todos eles con máis mala intención cá dun raposo axexando unha pita. E non é que queira facer coma o mestre Cirola, que non sabia ler e xa puña escola, pero para min que é á xente do pobo, á quen, pase o que pase, lle seguen a chover no lombo paus coma trancas.

domingo, 11 de decembro de 2016

Tocar a gaita as sereas

Mire que lle digo, Don Manoel! É certo que dende o primeiro día que chegou a bordo, tomei ao noso Tiniño, o Averomar, como sería coñecido a bordo ben pouco despois, ao meu coidado. Non sabería dicir moi ben se por interese na súa persoa ou na gaitiña que levaba nunha bolsa dependurada no ombreiro. Moito me gustou sempre a música, Don Manoel, pero nunca tiven a oportunidade de ter un instrumento para facela na miña man, ata que chegou o Tino. E para iso, cando o Tiniño me deixaba a súa gaita para me deprender, entrábame polo corpo coma un respecto reverencial que me impedía tocar, e deixábame varios días amolado coma tres nun zoco. E, mire que lle digo, Don Manoel! Cando xa comezaba a collerlle o xeito, un malfadado día de mar campal, nunha manobra de largado do aparello, o noso gaiteiriño fixo unha imprudencia, daquelas contra as que o advertira mil veces, e pouco faltoulle para ir ao mar coa rede, a tocarlle a gaita as sereas, coma disque fixera o gaiteiro Ubaldo na praia de Praceres de Pontevedra.

xoves, 8 de decembro de 2016

Para a miña compañeiriña querida.

Mire que lle digo Dona Loli! Que alégrome moito de que se decidira hoxe a acompañar ao seu home á súa semanal visita a esta nosa egrexia laica da taberna. E de xeito especial que me traia á memoria o personaxe do Sacaúntos, aquel home de ollar terrible que dedicábase a sacarlle a graxa aos nenos pequenos ata deixalos nos ósos. Lémbrome da miña aboa, arredor da cuxa aba debruzabámonos os seráns de chuvia e vento os rapaces do barrio para gozar, tremendo coma xostras, ao escoitar os contos de medo da nosa nenez. O Sacaúntos da miña aboa non mataba aos nenos. Coas súas artes, malas por suposto, extraíalles o unto e marchaba para o bosque onde o comía para volverse forte e vigoroso coma os nenos. Noutras versións o Sacaúntos vendía aos vellos o unto que roubaba aos nenos, para con el cambiar o seu vello sangue por outro máis novo. Pero foi no conto de Dona Emilia Pardo Bazán onde descubrín o peor dos Sacaúntos posibles: non o malvado boticario que vendía ungüentos elaborados coa graxa dos cadáveres de rapaciñas novas, senón eses pais adoptivos que non dubidan en matala á súa filla para conseguir cartos.
E mire que lle digo, Dona Loli, que hoxe os Sacaúntos que mais medo me meten sonche o Banco Central Europeo, o Fondo Monetario Internacional e os patróns da Señora Merkel. E para non rematar isto con tristuras, que vostede non as merece, déixolle cunha cántiga do Sacaúntos que penso que faralle rir a cachón. 

mércores, 7 de decembro de 2016

Galicia metrallada nas cunetas

Mire que lle digo Don Manoel! Que nesa Praia das Fontes, ou tamén da Batería, que hoxe a xente nova chama dos Olmos, houbo, fai ben anos, unha fábrica de salgadura e un peirao para descarga-lo peixe.  Daquela había tanta fartura no mar que os carros de bois que viñan polo túnel baixo a carreteira, que aínda existe, na procura de argazo para o estrume das leiras, levaban coas algas, centolas e nécoras a eito,  que pouco valor se lles daba daquela.
Mire que lle digo Don Manoel! Moitas lembranzas da nenez tráeme esta paraxe, pero tamén, agochada no medio de tanta fermosura, un calafrío polo espiñazo, e o recendo do terror e da morte dos mártires de Alcabre, os directivos de la Sociedade Agrícola Emilio Comesaña Sobreira, de 43 años, casado y con sete fillos, carpinteiro; José Comesaña Pérez, de 26 años, casado y con dous fillos, albanel, seu irmán Antonino Comesaña Pérez, de 28 años, casado e con dous fillos tamén, e Fernando Costas Iglesias, casado e sen fillos, electricista. Apresados o 30 de setembro do 36 por falanxistas e gardas civís, levados ao cárcere no que converteran o Frontón da Rúa María Berdiales, e “sacados” na alborada do 6 de outubro para ser “paseados” na Pasaxe de Vincios e enterrados en San Vicente de Mañufe.

Na inscrición da placa di:
Outra vez, outra vez o terror!
Un día e outro día,
sen campás, sen protesta.
Galicia metrallada nas cunetas
dos seus camiños".
Luis Pimentel


EN LEMBRANZA DOS ASESINADOS NA SUBLEVACIÓN FASCISTA DE 1936. PRAIA DE FONTES, 17 AGOSTO 2002. A VV. NOSA TERRA

martes, 6 de decembro de 2016

Aperta urxente para Cándido Pazó

Mire que lle digo Don Manoel! Que non é morte a que nos rouba aos seres amados; a morte nolos garda e os fai inmortais na nosa lembranza. Demasiadas veces é a vida a que nolos rouba definitivamente. Aínda que, mire que lle digo, cando algo do teu morre de pouco serven as condolencias e a filosofía. Que mortes son todas, e formas de morrer hai moitas. Que os hai que morren sen dar chío, coma un paxariño, outros que os ves apagarse paseniño coma a luz dunha vela, e outros a chorros entre berros de dolor que nos fan desexar que algo ou alguén os arranque das gadoupas da agonía. E todas son malas, que por vella que sexa a aciñeira sempre é verde para facer leña dela. Por iso Don Manoel, aí lle vai a miña particular encomenda aos defuntiños, que me aprendeu o meu avó, para o noso benquerido Cándido:

Saúdos, meus defuntiños
Aquí estamos todos xuntos
Nos, que non temos repouso
E os que estades xa defuntos.

Vós que fostes coma nós
Agardade con paciencia
Non ha de pasar moito tempo
Que remate esta ausencia

domingo, 4 de decembro de 2016

De nacionalismos e necio-nalismos.

Mire que lle digo Don Manoel! Que cando se fala de nacionalismo eu póñome serio coma un frade de pau, e vénseme ás mentes os traballadores do mundo matándose nas trincheiras de Ypres na primeira guerra mundial, que os mais dos nacionalismos son de contabilidade, e moitos outros son necio-nalismos. Que eu quero mais un nacionalismo de cidadáns, que sexa integrador, que un de razas, que procure u odio ao alleo, ao que ten outra fala, outras tradicións ou outro color na pel.
E mire que lle digo Don Manoel, que o único nacionalismo que non me pon inquedo coma o rabo dun lagarto é o nacionalismo musical, do que falaba fai o outro día o seu amigo Alejo. E, mire que lle digo, Don Manoel! Que, postos a escoller, eu sonlle mais de internacionalismos como a dos Brigadistas que viñeron a loitar ao noso lado contra o fascismo, que de nacionalismos coma o de Vicente Risco. E, xa postos, loitador pola soberanía das persoas contra do capital, que pouco soberano se pode ser cando tes dobrar o pescozo para poder dar de comer aos teus, cando outros aspiran a controlar o teu corpo e aínda o teu pensamento.

Da xente que ocúpase en facer felices aos demais!

Mire que lle digo Don Manoel! Que por sorte ademais de monicreques, gavachos, farfalláns, preguiceiros, fachendosos, falapoucos, ventaxistas, fatuos, maníacos depresivos, mentireiros, narcisistas, psicópatas do poder, consumistas e buscadores compulsivos de recoñecemento, hai xente que ten un aquel especial para darlle felicidade aos demais. E tal como eu o vexo o seu amigo Carlos Álvarez é desa caste. Os meus parabéns para todos os que teñen a sorte de telo coma mestre, aínda que hoxe estea mais centrado na curación dos corpos que na sanación dos espíritos por medio da música.