Mire que lle digo Dona Loli! Que alégrome moito de
que se decidira hoxe a acompañar ao seu home á súa semanal visita a esta nosa
egrexia laica da taberna. E de xeito especial que me traia á memoria o
personaxe do Sacaúntos, aquel home de ollar terrible que dedicábase a sacarlle
a graxa aos nenos pequenos ata deixalos nos ósos. Lémbrome da miña aboa,
arredor da cuxa aba debruzabámonos os seráns de chuvia e vento os rapaces do
barrio para gozar, tremendo coma xostras, ao escoitar os contos de medo da nosa
nenez. O Sacaúntos da miña aboa non mataba aos nenos. Coas súas artes, malas
por suposto, extraíalles o unto e marchaba para o bosque onde o comía para
volverse forte e vigoroso coma os nenos. Noutras versións o Sacaúntos vendía aos
vellos o unto que roubaba aos nenos, para con el cambiar o seu vello sangue por
outro máis novo. Pero foi no conto de Dona Emilia Pardo Bazán onde descubrín o
peor dos Sacaúntos posibles: non o malvado boticario que vendía ungüentos
elaborados coa graxa dos cadáveres de rapaciñas novas, senón eses pais adoptivos
que non dubidan en matala á súa filla para conseguir cartos.
E mire que lle digo, Dona Loli, que hoxe os Sacaúntos
que mais medo me meten sonche o Banco Central Europeo, o Fondo Monetario
Internacional e os patróns da Señora Merkel. E para non rematar isto con
tristuras, que vostede non as merece, déixolle cunha cántiga do Sacaúntos que
penso que faralle rir a cachón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario