Mire que lle digo Don Manoel! Que non é morte a que nos rouba aos seres
amados; a morte nolos garda e os fai inmortais na nosa lembranza. Demasiadas veces
é a vida a que nolos rouba definitivamente. Aínda que, mire que lle digo, cando
algo do teu morre de pouco serven as condolencias e a filosofía. Que mortes son
todas, e formas de morrer hai moitas. Que os hai que morren sen dar chío, coma
un paxariño, outros que os ves apagarse paseniño coma a luz dunha vela, e
outros a chorros entre berros de dolor que nos fan desexar que algo ou alguén
os arranque das gadoupas da agonía. E todas son malas, que por vella que sexa a
aciñeira sempre é verde para facer leña dela. Por iso Don Manoel, aí lle vai a
miña particular encomenda aos defuntiños, que me aprendeu o meu avó, para o
noso benquerido Cándido:
Saúdos,
meus defuntiños
Aquí
estamos todos xuntos
Nos,
que non temos repouso
E os que estades xa
defuntos.
Vós
que fostes coma nós
Agardade
con paciencia
Non
ha de pasar moito tempo
Que remate esta ausencia
Ningún comentario:
Publicar un comentario