Mire que lle digo, Don Manoel! É certo que dende o
primeiro día que chegou a bordo, tomei ao noso Tiniño, o Averomar, como sería coñecido a bordo ben pouco despois, ao meu
coidado. Non sabería dicir moi ben se por interese na súa persoa ou na gaitiña que
levaba nunha bolsa dependurada no ombreiro. Moito me gustou sempre a música, Don
Manoel, pero nunca tiven a oportunidade de ter un instrumento para facela na
miña man, ata que chegou o Tino. E para iso, cando o Tiniño me deixaba a súa
gaita para me deprender, entrábame polo corpo coma un respecto reverencial que
me impedía tocar, e deixábame varios días amolado coma tres nun zoco. E, mire
que lle digo, Don Manoel! Cando xa comezaba a collerlle o xeito, un malfadado día
de mar campal, nunha manobra de largado do aparello, o noso gaiteiriño fixo
unha imprudencia, daquelas contra as que o advertira mil veces, e pouco
faltoulle para ir ao mar coa rede, a tocarlle a gaita as sereas, coma disque
fixera o gaiteiro Ubaldo na praia de Praceres de Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario