Mire que lle digo Don Manoel! Que, coma vostede ben sabe, moitos estudios
non lle teño pero o meu pouco caletre ben me da para afirmar que das peripecias
da Reconquista de Vigo tampouco ten a xente as cousas moi claras. Que se as
tivera non entendo moi ben que mantivera unha rúa e un monumento a un personaxe
tan nefasto coma Pablo Morillo, suposto heroe da Reconquista de Vigo, cuxo único
mérito foi recibir a capitulación do coronel Chalot, aproveitando que o
verdadeiro protagonista, o capitán de granadeiros Bernardo González del Valle, Cachamuíña, estaba hospitalizado das feridas
recibidas no asalto á Porta da Gamboa. Morillo, conde a marqués de non sei
cantas cousas, foi, como ben sabe, militar de carreira no peor sentido da
frase, un barallocas que xurou fidelidade á Constitución de 1812 coa boca
pequena, e á primeira oportunidade entrou en Vigo a sangue e lume ou fronte das
tropas absolutistas, retirándolle á cidade a súa condición de capital de
provincia, que pasou a historia da infamia coma autor do comentario tras firmar
a orde de fusilamento do grande científico, fillo de galegos e heroe da
independencia colombiana, Francisco Xosé de Caldas: España non necesita sabios.
E, mire que lle digo, Don Manoel! En cada ocasión das que o mellor do pobo tense
posto en pé contra da tiranía, no devalar do entusiasmo colectivo, cando damos
á terra os corpos dos Carolos mortos baixo
as balas do inimigo, volven coma os corvos, os potentados, os poderosos, coa
súa cohorte de militares sanguinarios e cregos
raspalleiros, todos eles con máis mala intención cá dun raposo axexando
unha pita. E non é que queira facer coma
o mestre Cirola, que non sabia ler e xa puña escola, pero para min que é á
xente do pobo, á quen, pase o que pase, lle seguen a chover no lombo paus coma
trancas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario