martes, 28 de febreiro de 2017

Mariñeiros e labregos no entroido vigués

Mire que lle digo Don Manoel! Que eu isto dos Merdeiros do entroido de Vigo nono vivín, que aínda que teña máis camiño andado do que me queda por andar non son tan vello coma a bragueta de Adán. Seica aló polos finais do século XIX, algúns dos mariñeiros do Berbés aproveitaban o entroido para vestirse coma a xente da labranza que baixaban á vila a procurar os restos de peixe de facer o escaviche, e limpar os pozos negros para estercar as leiras. Para facer a burla dos labregos puñan a camisa por fora, unha presa de cebolas pendurados da faixa, unha carauta o mais fea posible e un pucho con forma de galiña ou animal semellante. E vestido deste xeito corre, chota e berra polas rúas asustando a xente cos seus bramidos e a ameaza dunha vasoira mollada en restos de peixe. Segundo din o Merdeiro representa o desprezo dos mariñeiros pola triste vida dos labregos e contraposición coa loita heroica da vida do home do mar.

E mire que lle digo Don Manoel: que tradición mariñeira será, pero non dos mariñeiros de Bouzas, senón dos do Berbés, que fan con esta entroidada coma os ruíns bailadores: malos de entrar e peores de saír. Que para o meu pensamento o facer mofa da probe vida dos labregos que baixaban a recoller o peixe que non valía para poder esterca-las leiras é ser cómplice dos que mandan, que sempre souberon buscar as diferenzas entre mariñeiros e labregos, para que esqueceran quen os estaba fodendo aos dous.

Que é moi malo de lavare-e
non te cases cun labrego,
que é moi malo de lavare-e,
cásate cun mariñeiro
que vén lavado do mare-e.

luns, 27 de febreiro de 2017

O Tiniño pédelle un favor a Don Xosé Seivane

Mire que lle digo, Don Manoel! Que xa é ben tempo de rematar as andainas do noso gaiteiro polo Chao de Pousadoiro. O certo é que o grupo quedara días de mais pola contorna por mor dunhas febres do Marcial, agravadas polo moito fumar e as moitas noites de durmir ao relente. O Tiniño aproveitara aquelas vacacións para pasar todas as horas do día no taller do Señor Seivane; Don Xosé traballaba e falaba, e o Tiniño escoitaba coa boca aberta, e achegáballe as cousas que o construtor precisaba antes de que as dera pedido, leváballe baldes de auga a Dona Fuencisla e varría o chan da barbería coa que o Sr. Seivane completaba os seus ingresos. Así que Don Xosé e a súa dona tomáronlle moito cariño. Mais o pouco dura, e o moito acábase; o Marcial mellorou da súa doenza e chegou a hora de marchar a outras terras.
  • Mire Don Xosé, que veño me despedir de vostedes. Que marchamos da contorna, e ben quero agradecerlle todo o que vostede me ensinou e as atencións que a súa dona tivo comigo.
  • Non é nada Tiniño; son eu o que estouche agradecido pola túa axuda no taller, e a túa compañía.
  • Don Xosé, que eu quería pedirlle unha cousa, desculpará o meu atrevemento!
  • Pide rapaz, pide! Que contra o moito pedir está o pouco dar.
  • Quería encargarlle unha gaita. Eu agora non teño un can, pero cando gañe cartos hei de vir a recollela e pagar o que vostede me pida.
  • Ben está! Que o bo gaiteiro gaita de seu quere. Pero, dime unha cousa! Alá por onde ti es, hai bos construtores de gaitas. Por que queres que cha faga eu?
  • Non lle sei dicir, Don Xosé! Pero teño para min que, quen vai construír mellor unha boa gaita que un bo gaiteiro?

Don Xosé non pediulle nada de sinal, coma daquela se facía, e unha gaita das que vendía por catrocentas pesetas, arranxouna en trescentas para o Tiniño.

Cásate, miña meniña,
cásate cun carpinteiro
pola semana ten bolo,
E o domingo ten diñeiro.

venres, 24 de febreiro de 2017

Da vergonza do galego

Mire que lle digo Don Manoel! Que ben me sabe que a xente intente recuperar a ledicia que durante tampo tempo lle roubaron, que para o meu entender compre vivir cantando que chorando nacemos; e facer dun “Día de defuntos” a festa rachada dun Samaín, non é mais que a recuperación do verdadeiro sentido que a morte, cando ven coma ten que vir, tivo na nosa sociedade, e nosos defuntiños non meten medo senón agarimo e conforto de saber que volveron á terra de onde naceron. Medo de verdade meten os vivos, eses que son vivos de mais, e non viven que de chuchar en nos ata deixarnos sen sustancia. Entre eles, eses con tonsura e colariño, empeñados en transformar unha festa asociada ao ciclo anual do sol nunha data de bágoas e cheiro a flores de camposanto. Que o lume aceso, e o deixar unha cadeira baleira na mesa familiar tráeme ás mentes o me contou o noso amigo o gaiteiro do mar, o Tiniño, cando un día na feira dun pobo calquera, foi coller do prato a derradeira tallada de polbo.

-      Deixa iso, rapaz! – díxolle o Marcial.
-      E por qué vou deixar a vergonza do galego? Eu nona teño.
-      Ben sei que nona tés! Nin vergonza nin coñecemento, que a tradición de non toma-lo último anaco dunha comida compartida é de ben nacidos nesta terra! Que ese derradeiro anaco se deixa para os mortos, para que se sintan presentes e vivos entre nosoutros.

E mire que lle digo, Don Manoel! Que ben se ve que os defuntos pouco precisan para enche-lo bandullo!

xoves, 23 de febreiro de 2017

A historia do gaiteiro de Penalta (Que o Sr. Seivane contoulle ao Tiniño)

Mire que lle digo Don Manoel! Que do gaiteiro de Penalta, tiña o Señor Seivane unha boa historia! Gustáralle tanto ao Averomar que a contaba unha e outra volta coma que lle sucedera a el. Non é que o Tiniño fora un mentirán, pero, no seu soño, a terra de Celanova común nos seus orixes, Manoel Castro González, “O gaiteiro de Penalta” nacera San Pedro de Mourillós a quince quilómetros da súa Santa Olaia de Portela, os xunguía cun vincallo moito mais forte que a verdade. A fin de contas Manoel era, coma el, fillo de labregos; coma el escollera a vida errante, e, coma el, gustaba engaiolar ás mozas coa súa gaita! Cousa esta bastante común entre os deste oficio que o de Penalba tivo coa súa muller, Rosa Baquero, veciña de Santa María de Olás, seis fillos, e, segundo dicían lingoreteiros, outros tantos esparexidos por Galicia adiante! O caso é que andando nas terras de Celanova, o Tiniño no soño, o Seivane na historia certa, deulle por facerlle ás beiras a unha rapariga moi feituca, que por esas casualidades da vida que non se toleran nos contos, era bisneta do Gaiteiro de Penalta. A rapaza invitouno a xantar na súa casa coa súa familia. Rematada a pitanza a nai da namorada insistiu en mostrarlle un pequeno caixón do mítico gaiteiro. Naquel cofre do tesouro había palletas vellas, ferretes, pallóns, fío de atar, cangas para axustar abertura das follas da palleta e unha vella navalla aínda perfectamente afiada. E, mire que lle digo, Don Manoel! Que aínda que as vellas insistíanlle en que collera o que lle petara, o rapaz Seivane negouse unha e outra vez. Pasados os anos moito lle pesaría non ter collido algunha desas reliquias, mais ninguén saberá se Seivane naquel momento non lle deu valor, ou mais ben cavilou que aquel agasallo levaba, agochado coma carrapato na la, máis intención cá dun raposo axexando unha pita.

I era de ver con qué trazas,
Sin faguer pausas nin guiños
Nin caso das ameñazas,
Furtaba un bico ás rapazas,
Dos noivos diante os fuciños.

(Manoel Curros Enriquez. Aires da miña terra (1880)

martes, 21 de febreiro de 2017

O Seivane volve para a súa terra

Mire que lle digo Don Manoel! O señor Represas, que de parvo non tiña un pelo, rematado o encargo dos punteiros do Rexemento, ofreceulle ao Seivane traballar no seu taller as fins de semana que non tivera servizo, a cambio dun salario de 7 pesetas diarias. Si Don Manoel; o Señor Represas é “O Marreco”, o gaiteiro e construtor de gaitas do Xinzo de Ponteareas; que non quero chamarlle polo alcume, non por que non sexa o nome que lle puxeron na pía, senón porque neste caso dáme un certo reparo, que marreco é na zona da raia, a mais dun pato e un home que fai unha chea de cousas e ningunha delas particularmente ben, un chepudo, e, mire que lle digo Don Manoel!, que dos eivados non tolero escarnio.

Seivane foi ao taller varios fins de semana, porque daquela con sete pesetas aínda se podía montar mais dunha festa. E ben que houbera quedado, pero cando chegou a tan agardada licenza da mili o noso futuro construtor de gaitas quixo regresar a súa Fonmiñá natal; polas razóns que foran, Don Manoel, que ao Tino non llas quixo contar. E, mire que lle digo, Don Manoel, que tan certo coma gaita en voda que boa terra é esa para facer instrumentos de música! Que o Chao de Pousadoiro é un recuncho cheo das voces de cen ríos. A mais do Eo están o Servial  que atravesa o lugar de San Xorxe, o Lúa de fermoso nome, e por riba de todos no aprecio de Don Xosé, o Rodil de pebidas de ouro e troitas cantareiras na tixola!

Que dende o Lérez lixeiro
ás veigas que o Miño esmalta,
non houbo no mundo enteiro
máis arrogante gaiteiro
que o gaiteiro de Penalta.

luns, 20 de febreiro de 2017

O taller do Marreco

Mire que lle digo Don Manoel! Que cando o capitán/director da Banda de Música, soubo que fora o propio Seivane o construtor dunha das dúas gaitas que afinaban co resto de instrumentos da banda, deulle un mes de permiso para construír todos os punteiros para o corpo de gaitas. E vostede, que tamén fixo a mili, ben sabe que ninguén diría que non a un permiso. E, mire que lle digo, Don Manoel!, que era cousa de ver ao soldado Seivane, choutando polo cuartel ata que deuse de conta de que igual non tiña na casa as madeiras necesarias para construír os punteiros, e que entre que ía e viña unha carta coa pregunta e resposta alá foi boa parte do permiso. Coma diría Xosé “o Pilro”, pasou de estar alegre coma un cuco a triste coma o malvís das carballeiras, ese que din que deixou pampo a Ero de Armenteira perante trescentos anos. Ao Seivane a preocupación duroulle moito menos; ata que o compañeiro que tiña a outra gaita que tamén afinaba, díxolle que el o sacaría dese apuro, e levouno ao taller Antón Represas, ao que chamaban “O Marreco”, quen probou a súa gaita e quedou marabillado. 

-          De verdade rapaz que ti fixeches esta gaita?
-          Tan certo coma que imos morrer!
-          Pois imos logo a facer eses punteiros, pero coa condición de que tesme que botar unha man, que eu teño moito traballo.

Deste xeito o Seivane, aínda que tivo que aprender a usar o torno de pedal, rematou en poucos días de facer os punteiros requiridos, no taller do Marreco en Xinzo, e puido marchar a casa de permiso, outra volta ledo mais desta vez coma unha carricanta, para non enredar mais paxaros no conto.

Galiza é unha nai
velliña, soñadora:
na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!

domingo, 19 de febreiro de 2017

O encargo do Capitán

Mire que lle digo, Don Manoel! Que hoxe véndolle o conto como o comprei. Non como o Sr. Seivane o contou ao noso Tiniño, senón coma eu recordo que o gaiteiro mo contou a min, que non podo acreditar mais cousa que a miña propia memoria, e para iso, so ás veces. Pero imos ao caso, que sen tempo non é! Deixamos a pasada semana ao Sr. Seivane entrando en quintas, alá polo ano corenta e dous. Malos anos aqueles para un rapaz, Don Manoel, coa súa mocidade sempre baixo o axexo das sotanas e dos uniformes. Galicia era un cárcere onde todo, cantar, rir, tomar uns netos cos amigos ou mocear nos seráns, podía ser constitutivo de delito de desafección ao Réxime. Así que o noso Seivane, incorporouse ao que chaman “vida militar” e, tras pasar por varios cuarteis, chegou ao Rexemento de Infantería Nº 43 de Pontevedra. Para non sentirse tan so, levara canda el aquela primeira gaita que fixera no taller do seu pai e que lle saíra tan ben, e cando a morriña apertáballe o peito enchíalle o fol e facía abrollar do punteiro unha daquelas melodías da nenez que lle transportaban a súa terra, alá onde xurde o Miño. Cando o Capitán director da banda de música escoitouno tocar veulle a teima de incorporar a gaita ao resto dos instrumentos da banda, encargándolle que buscase gaiteiros polas Compañías e que os preparase; pero cando empezaron a tocar xunto cos metais so dúas gaitas daban afinado. O Capitán, que tal viu, preguntoulle ao Seivane:

-          Mire que lle digo, soldado! Quen foi o que lle fixo a súa gaita? 
-          Fun eu, meu Capitán - dixo o noso rapaz
-     O corpo teno regular, pero a alma tena ben – rematou o Capitán antes facerlle o encargo de construír todos os punteiros para o corpo de gaitas a cambio dun mes de permiso e o pago do traballo.

Pero, mire que lle digo Don Manoel! Case que deixamos conto sen moer para outra maquía, que será, se as cousas non se torcen, a vindeira semana.

Esta gaitiña que eu toco
sente coma unha persoa;
unhas veces canta e rí
e outras veces xeme e chora