Mire que lle digo Don Manoel! O señor Represas, que
de parvo non tiña un pelo, rematado o encargo dos punteiros do Rexemento, ofreceulle
ao Seivane traballar no seu taller as fins de semana que non tivera servizo, a
cambio dun salario de 7 pesetas diarias. Si Don Manoel; o Señor Represas é “O Marreco”,
o gaiteiro e construtor de gaitas do Xinzo de Ponteareas; que non quero
chamarlle polo alcume, non por que non sexa o nome que lle puxeron na pía,
senón porque neste caso dáme un certo reparo, que marreco é na zona da raia, a mais
dun pato e un home que fai unha chea de cousas e ningunha delas particularmente
ben, un chepudo, e, mire que lle digo Don Manoel!, que dos eivados non tolero
escarnio.
Seivane foi ao taller varios fins de semana,
porque daquela con sete pesetas aínda se podía montar mais dunha festa. E ben
que houbera quedado, pero cando chegou a tan agardada licenza da mili o noso
futuro construtor de gaitas quixo regresar a súa Fonmiñá natal; polas razóns
que foran, Don Manoel, que ao Tino non llas quixo contar. E, mire que lle digo,
Don Manoel, que tan certo coma gaita en voda que boa terra é esa para facer
instrumentos de música! Que o Chao de Pousadoiro é un recuncho cheo das voces
de cen ríos. A mais do Eo están o Servial
que atravesa o lugar de San Xorxe, o Lúa de fermoso nome, e por riba de
todos no aprecio de Don Xosé, o Rodil de pebidas de ouro e troitas cantareiras
na tixola!
Que dende o Lérez lixeiro
ás veigas que o Miño
esmalta,
non houbo no mundo enteiro
máis arrogante gaiteiro
que o
gaiteiro de Penalta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario