Mire que lle digo Don Manoel! Que do gaiteiro de
Penalta, tiña o Señor Seivane unha boa historia! Gustáralle tanto ao Averomar
que a contaba unha e outra volta coma que lle sucedera a el. Non é que o Tiniño
fora un mentirán, pero, no seu soño, a terra de Celanova común nos seus orixes,
Manoel Castro González, “O gaiteiro de Penalta” nacera San Pedro de Mourillós a
quince quilómetros da súa Santa Olaia de Portela, os xunguía cun vincallo moito
mais forte que a verdade. A fin de contas Manoel era, coma el, fillo de
labregos; coma el escollera a vida errante, e, coma el, gustaba engaiolar ás
mozas coa súa gaita! Cousa esta bastante común entre os deste oficio que o de
Penalba tivo coa súa muller, Rosa Baquero, veciña de Santa María de Olás, seis
fillos, e, segundo dicían lingoreteiros, outros tantos esparexidos por Galicia
adiante! O caso é que andando nas terras de Celanova, o Tiniño no soño, o
Seivane na historia certa, deulle por facerlle ás beiras a unha rapariga moi
feituca, que por esas casualidades da vida que non se toleran nos contos, era
bisneta do Gaiteiro de Penalta. A rapaza invitouno a xantar na súa casa coa súa
familia. Rematada a pitanza a nai da namorada insistiu en mostrarlle un pequeno
caixón do mítico gaiteiro. Naquel cofre do tesouro había palletas vellas,
ferretes, pallóns, fío de atar, cangas para axustar abertura das follas da
palleta e unha vella navalla aínda perfectamente afiada. E, mire que lle digo,
Don Manoel! Que aínda que as vellas insistíanlle en que collera o que lle
petara, o rapaz Seivane negouse unha e outra vez. Pasados os anos moito lle
pesaría non ter collido algunha desas reliquias, mais ninguén saberá se Seivane
naquel momento non lle deu valor, ou mais ben cavilou que aquel agasallo levaba,
agochado coma carrapato na la, máis intención cá dun raposo axexando unha pita.
I era de ver con qué trazas,
Sin faguer pausas nin guiños
Nin caso das ameñazas,
Furtaba un bico ás rapazas,
Dos noivos diante os
fuciños.
Ningún comentario:
Publicar un comentario