Mire que lle digo Don Manoel! Que eu isto dos Merdeiros do entroido de Vigo
nono vivín, que aínda que teña máis camiño andado do que me queda por andar non
son tan vello coma a bragueta de Adán. Seica aló polos finais do século XIX, algúns
dos mariñeiros do Berbés aproveitaban o entroido para vestirse coma a xente da
labranza que baixaban á vila a procurar os restos de peixe de facer o escaviche,
e limpar os pozos negros para estercar as leiras. Para facer a burla dos labregos
puñan a camisa por fora, unha presa de cebolas pendurados da faixa, unha
carauta o mais fea posible e un pucho con forma de galiña ou animal semellante.
E vestido deste xeito corre, chota e berra polas rúas asustando a xente cos seus
bramidos e a ameaza dunha vasoira mollada en restos de peixe. Segundo din o Merdeiro
representa o desprezo dos mariñeiros pola triste vida dos labregos e
contraposición coa loita heroica da vida do home do mar.
E mire que lle digo Don Manoel: que tradición mariñeira será, pero non dos
mariñeiros de Bouzas, senón dos do Berbés, que fan con esta entroidada coma os
ruíns bailadores: malos de entrar e peores de saír. Que para o meu pensamento o
facer mofa da probe vida dos labregos que baixaban a recoller o peixe que non
valía para poder esterca-las leiras é ser cómplice dos que mandan, que sempre
souberon buscar as diferenzas entre mariñeiros e labregos, para que esqueceran
quen os estaba fodendo aos dous.
Que é moi malo de lavare-e
non te cases cun labrego,
que é moi malo de lavare-e,
cásate cun mariñeiro
que
vén lavado do mare-e.
Ningún comentario:
Publicar un comentario