sábado, 16 de febreiro de 2019

O señor cura non baila ...



Mire que lle digo don Manoel! Di unha ben coñecida cántiga que “o señor cura non baila porque ten unha coroa...” ao que responde a freguesía entusiasmada: “baile señor cura, baile, que deus todo llo perdoa”. Non sei ben se a meirande parte dos que a cantan saben que unha coroa é, na primeira acepción do vocábulo do dicionario da RAG[1], “peza ornamental de forma circular, de distintos materiais, que se pon arredor da cabeza, xeralmente como sinal de honra, autoridade ou nobreza” a “Tonsura circular” […] da “parte superior e posterior da cabeza do home, de onde sae o pelo en distintas direccións”, e, por seguir coas definicións aclaratorias, tonsura no uso católico é “un círculo afeitado na coroa que serve para distinguir aos clérigos dos laicos”. Quer dicir, meu amigo, que a tal coroa do noso crego non é en modo algún signo da santidade do pater, senón simplemente que, por imperativo do «Ordinibus sacris III» do Catecismo romano, demostrativo do seu estado sacerdotal, e do seu compromiso de renuncia ao mundo e as súas vaidades e cousas semellantes; compromiso que o que está en tal estado de dignidade ten que renovar mensualmente cunha oportuna visita ao barbeiro.

Algúns escritores católicos afirman sen probas que o poidan acreditar, que tal costume foi introducida polo apóstolo Pedro, e que ven sendo a representación da coroa de espiñas que os tonsurados asumen no seu camiño de renunciacións que é o estado clerical. E digo eu, don Manoel, que tal será para os fillos dos ricos que toman voluntariamente tal estado, pero non para os fillos dos labregos probes, ou aínda das mancheas de viúvas dunha e outra caste, tan abondosas nesta nosa terra de emigración e naufraxios; que a nada renuncian eses fillos, con un pouco máis de luces que os seus irmáns, ao coller o camiño do seminario que non sexa a renuncia á fame e á ignorancia.

Dicía un opúsculo fascista que, despois do “Alza-miento” na España republicana as “hordas roxas” tivérona moi fácil con iso de recoñecer ao inimigo: bastaba con mirarlles a cabeza e xa! “Como camuflar o oco divino? Como tapar a conexión con Deus?”, preguntábase desesperado o redactor! Que tal afeitar toda a cabeza?, pregunto eu. Porque postos a agachar marcas distintivas é bastante máis doado que medre o pelo que o prepucio! E que me di, don Manoel, da beleza, harmonía e lirismo que ten o de chamarlle oco divino á tonsura? Porque para os que falamos en prosa, os prosaicos, o oco divino é cousa mais suxestiva que a coroa dun cura. E se polo buraco rapado na coroa se establece a conexión con Deus está claro que os calvos teñen con tan afamado e insigne personaxe unha conexión 5G!

E mire que lle digo, don Manoel! Que non andarei eu tan desnortado nesta miña hipótese da relación existente entre a calidade da conexión e o tamaño da tonsura cando na tonsura romana ou  coronal[2], a que deixa un círculo de cabelo ao redor da cabeza, durante a Idade Media o tamaño da  tonsura tendeu a aumentar por graos regulares segundo o rango do suxeito, desde  subdiácono a bispo.

Dúas cousas hai no mundo
Que eu non podo comprender;
os curas, o ir ó inferno
e os médicos, morrer.


[1] Poño o nome da Academia Galega da lingua en acrónimo para poder facerme a ilusión de que xa chegou a hora na que a R tradúzase por Republicana.
[2] Esta forma de tonsura, hexemónica en Italia, o reino franco, Inglaterra e España, é coñecida como a tonsura de San Pedro xa, segundo a lenda, foi a que levaba o Apóstolo. Outras formas de tonsura son a celta e a grega. A celta ou de San Xoán, presente nas illas británicas, difería da romana en que o círculo de cabelo ao redor da cabeza estaba roto, estando a parte da fronte afeitada; a grega ou de San Pablo, a da Igrexa ortodoxa, consistiu orixinalmente en afeitarse a fronte enteira.

xoves, 7 de febreiro de 2019

Para a netiña de don Manoel



Mire que lle digo, don Manoel! Moitos agasallos teño xa recibido da súa neta. Tantos que, se a vostede non lle sabe mal, quero facerlle eu tamén un ben cativiño. Non é nada de prezo pero para min é de moito valor: unha lenda que contoume un mariñeiro de Bantry que chapurreaba algo de castelán. O conto leva por nome:

O muíño de sal.

Din que isto pasou, van xa moitos anos alá, nun pequeno pobo mariñeiro de casiñas de cantería encalada con patín e corredor. Non moi lonxe do pobo, no cume dun rochedo a carón do mar onde o vento non deixaba nunca de bruar, había un muíño de sal. Disque o muíño era dun xigante, e a dicir das xentes, un muíño máxico xa que o sal nunca se daba acabado.

O pobo mariñeiro da nosa historia estaba nunha costa inzada de pequenos areais, cavorcos e cantís cos que o mar está sempre a pelexar. E boa parte dos seus habitantes manteñen a cotío esa pendencia co mar para levar algo de peixe a casa; e moitas, demasiadas veces, a pendencia remata en zarracina, dano, destrución, estrago e morte. Morte como a do pai de Catuxa, que foi ao mar e esqueceu botar ás augas un pan de millo a modo de pago, e o barco afundiu, que aquel día ía moi mala mar pero “barca parada non gana soldada” e cando os bandullos están baleiros un home que merece tal nome non pode quedar na casa.

Un deses días nos que o balbordo do vento non te deixa escoitar os teus pensamentos, o xigante, que algo tiña de filósofo, andaba de camiñada pola praia cando veu a Catuxa choutando polas rochas intentando apañar algo que xantar. O xigante, que malia o seu aspecto aterrador era unha persoa moi bondadosa, achegouse a rapariga por ver en que atafegos andaba a coitada.

-          Bo día teña vostede señor Xigante! –dixo a Catuxa que era unha nena moi educada.
-          Bo día! –respondeu o xigante -engadindo despois dunha pequena pausa-. E logo, rapaciña; cómo non andas na escola?
-          Non podo ir a escola, meu señor. Teño a miña nai no leito ouveando de dolor coma un can doente, e alguén ten que ver por levar algo para xantar!
-          E que fuches quen de apañar? Isto? Un puñado de lapas e caramuxos?

A nena sinte como un salaio puña por saírlle do peito e vira a cara para as liñas que a escuma debuxa na praia para que o xigante non poida ver o esbagoar dos seus ollos. Mais ao xigante non lle fai falla mirarlle pra a cara a nena para percibir en todo o seu corpo as pegadas da fame.

-          Lévame a túa casa – dille o xigante colléndoa da man.

Pouco menos frío facía no interior da cabana pequena e ruín, feita con madeiras mal ensambladas que facían  zunir o vento, que na mesma praia de onde viñan. Tan probe era a choupana que nin as arañas facían nela os seus acubillos. E o xigante sinte como a carraxe, a indignación pola inxustiza, medra no seu peito, e os seus ollos están a piques de guindar bágoas coma noces, axeitadas, ben é certo!, ao seu tamaño. Porque, aínda que o xigante sexa mais feo que un sanmartiño e teña a pel coma casca da sobreira ten un corazón que non lle cabe no peito, e non gusta moito da sociedade na que vive.

O xigante percibe que non pode reparar tódalas inxustizas do mundo pero tamén sabe que unha longa viaxe comeza por un pequeno paso, e remediar a fame da nena e a súa nai é un bo xeito de cambiar algunha cousa, así que en dúas ou tres alancadas chegouse ata ao pobo e trouxo baixo do brazo a un notario.

-          Tome nota – dille ao aterrorizado notario -. Faga o documento que acredite que esta muller e a súa filla pasan a ser as propietarias do meu muíño de sal.

Nai e filla puxeron a traballar o muíño e tiñan tanto sal que a vendían en todos os pobos da comarca. E fundaron no pobo unha Irmandade de viúvas coa que compartiron á súa fortuna e admitiron nela aínda ás que non chegaran a saber se o eran ou non, e aínda as que nin tan sequera tiveran a oportunidade de saír do estado civil orixinal. E ata fixeron unha cantiga a xeito de himno que dicía algo así como:

A muller do mariñeiro
pódese chamar viúva,
cando o home vai ao mar
vaille para a sepultura

Pero aquilo da Irmandade non podía deixar indiferentes a todos aqueles que medraran grazas á miseria dos demais; podería servir de exemplo a outros e, a estaríache bo o choio! E levados do diaño pola cobiza do ben alleo, as forzas vivas do pobo ordenaron aos seus matóns pór remedio a aquela situación, comisando, por contraria a todo dereito, a pedra na que consideraban que residía a maxia do muíño. Pero a cousa non era tal e as mulleres da Irmandade fixeron unha pedra nova que aínda moia mellor ca outra. Así que aqueles aos que chaman forzas do orde por non chamarlle da inxustiza, seguindo as instrucións dos seus amos, volveron ao muíño e o desmontaron pedra por pedra para o embarcar nunha goleta de dous mastros que mandaran chamar para o levar á capital.

Pouco gustáballe a carga, aínda que nada sabía da súa procedencia, ao capitán da goleta. Mandou aparellar o buque, e nada mais armar vela o vento deixou de soprar de súpeto, polo que, para poder saír do porto, non houbo outra que arrancar a máquina ata perde-la costa pola popa. Ceibar o capitán os folgos que tiña retidos no peito ata dobrar os cons e erguerse un temporal foi todo un! Tan terrible foi o trebón que buque e muíño afundiron sen que aboiara de un nin de outro nin unha soa táboa. E aí, no fondo do mar, está o muíño moendo, moe que moe. E por iso a auga de mar é tan salgada e, se non o remedia ninguén, seguirao sendo por sempre.

E mire que lle digo, dona Lucía! A Irmandade das viúvas (e asimiladas), que xa aprenderan o valor da unión, seguiu adiante sen necesitar do muíño nin de ningunha outra maxia máis que a da solidariedade.

venres, 18 de xaneiro de 2019

Para a fada Morgane



Mire que lle digo, don Manoel! Ben me sabe o ter novas da Morgane, a fermosa rapaciña loura que viñera da Bretaña, a estudar na ETRAD, non sei ben se canto popular con Xisco ou arpa con Begoña. Da Bretaña e sendo máis precisos da Haute Bretagne, porque tanto o pobo onde naceu, Goneg, como no que vive, Saint-Sulpice-la-Forêt, están nos arredores de Rennes, na Bretaña máis interior e, a dicir dalgúns, menos bretoa.

Coñece vostede Rennes, don Manoel? Eu ben pouco. Tan só da noite que fixemos aló camiño do ferry inglés que nos levaría a Cork, xa sabe, a vila da Aileen, a rapaza do Tiniño, da que xa lle falara en máis dunha ocasión. Foi unha viaxe de tolos a que fixemos en automóbil para volver a embarcar no pesqueiro que nos agardaba en Bantry; de Vigo a Donostia, e de Donostia pasando por Irún, Bayonne, Bordeos e Nantes ata Rennes. Chegados alá, o que é a mocidade don Manoel!, derreados como estabamos, aínda fomos a cear a un bistró e a dar unha volta pola vila para baixar o comido, antes de regresar ao hôtel. E teño que dicir que non sei se agora terá mellorado moito pero daquela a hostalería en Francia padecía gravísimas doenzas fillas dos omnipresentes monsieur chauvinisme e madame grandeur; o titulado bistró non deixaba de ser un furancho; o hotel unha pensión con penico e a cama mais chedeiro que leito. Ben de mañanciña saímos cara a vila de Roscoff, que está na costa norte da Bretaña a máis de douscentos quilómetros de Rennes, onde tomamos o transbordador a Cork, e xa, no que nos pareceu unha carreiriña de can, ao noso barco en Bantry.

Tempo despois, tomando uns netos con don Álvaro Cunqueiro, que se deixába caer ás veces pola taberna do Mincha, souben moitas máis cousas da capital do vello condado. E unha das que mais me chamaron a atención foi o coñecer que tamén eles andaban en liortas co nome que os demais lle daban a súa cidade. Que se nos temos que rifar cos de sempre para que non lle chamen Puenteareas a Ponteareas, ou Sangenjo a Sanxenxo, con quen teñen que loitar eles? Cos franceses que din Rennes?; cos bretóns que lle chaman Roazhon? Ou cos galos irredutibles que lle din Resnn, o nome en galó, ou gallo, unha lingua romance derivada, como o resto das linguas romances, do latín dos invasores romanos?

Cunqueiro sabía moito desta terra que utilizara como escenario dos ires e vires coma a faba na ola do sochantre das súas Crónicas de tal nome. Un sochantre, coma sen dúbida xa sabe, é o cóengo que está por baixo do chantre, polo menos no que a dignidade se refire, e que adoita a encargarse da ensinanza do canto chan aos nenos e aos capeláns; mais o sochantre de Cunqueiro, que leva por nome Charles Anne Guenole Mathieu de Crozón, é tamén tocador de bombardino en todo canto enterro de mérito houbera na Bretaña. Cunqueiro faille saír de Pontivy na carroza de Mamers o Coxo a tocar tal instrumento, (da familia do vento metal e voz de barítono/tenor, por certo), no enterro do fidalgo de Quelven. Na carroza espéranlle cinco compañeiros de viaxe ben peculiares; o coronel Coulaincourt de Bayeux; a luceciña azul de Guy Parbleu; o aforcado escribán de Dorne, Jean Pleven; a dama de ollos verdes coma esmeraldas, Clarina de Saint-Vaast e Monsieur de Nancy, o verdugo de Lorena. E digo ben peculiares porque, coma descubre o noso sochantre ao pouco de montar na carroza, todos eles, xente pacífica onde as haxa!, levan mortos ben de tempo.


E mire que lle digo, don Manoel! Se lle parece que isto non ven moito a conto coa fermosa rapaciña loura que viñera da Bretaña, a estudar na ETRAD, e qué poden ter en común este fato de réprobos, pantasmas, aforcados e sombras que viaxan en carroza camiño de Quelven polos camiños de Bretaña coa nosa rapariga, á que pretendemos dedicar esta conversa, direille que o señor Cunqueiro, que tanto vai brincando coa danza macabra, empuxando ventos polas congostras de Bretaña, coma facendo un círculo na terra galega para dispensarse de coller a cruz e o caldeiro do malfadado vivo que dirixe a procesión da estantiga, que algúns chaman santa compaña; o señor Cunqueiro, insisto, porque, amais de recoller e relatar as aventuras do mencionado sochantre, é douto e competente na Materia de Bretaña, como ben se pode enxergar no seu Merlín e familia, no que boa parte desta Materia son as andanzas da fada coa que a nosa Morganne comparte algo máis que nome.

Unha pantasma de ollos azuis ri na distancia,
saltando cara ao poñente:
por un camiño que persigo eternamente,
Tomo alento e cara alí vou.

 A luz do sol crébase pinga a pinga:
vai cantando e saltando alto
entre as flores cun son de ilusión,
nunha canción de soños.

Río, é tan rápido e alegre;
tan distante que chora a miña fantasía:
Espero que poida xacer algún día,
xacer por sempre e soñar

Fata Morgana de Christina Rossetti (1830-1894)

xoves, 27 de decembro de 2018

Do tranvía na rotonda



Mire que lle digo, don Manoel! Xa ten o señor alcalde de Vigo un xoguete novo! Cansou do dinoseto, cansou do Bernardo Alfageme e agora os reis, que el republicano non é, trouxéronlle un tranvía para xogar. Un tranvía sen vía pola que circular, por suposto! Un tranvía con pantógrafo pero sen rede eléctrica na que se conectar. Un tranvía sen pasaxeiros pero con moreas de visitantes ben dispostos ao exercicio da nostalxia, que non saudade nin morriña, que todos eles son sentimentos de tristeza, mais a morriña o é do lonxe concreto, a saudade do lonxe impreciso e a nostalxia de algo querido que se perdeu.

E o tranvía de Vigo se perdeu, ou o perdemos, naquel ano de 1968, cando o alcalde de Vigo, don Rafael Portanet Suárez, do que din que era de Cangas sen outra razón de mais peso do feito de que nacera alí, revogou a concesión do transporte público á Compañía de Tranvías, aducindo que aqueles montóns de chatarra de ferro eran un atranco importante para o desenvolvemento da cidade. E algo de razón non lle faltaba, pero a súa preocupación non era tanto pola eficacia na mobilidade da cidadanía, que as moitas liñas do tranvía acadaban con eficacia, senón da mellora das finanzas dos seus valedores no Goberno, e súas propias.

Si, don Manoel! O seu valedor, ao que don Rafael debía o seu cargo de alcalde de Vigo, non era outro que aquel tenente coronel amigo íntimo de don Francisco, ferrolán coma el, traidor como el ao xuramento de fidelidade á República, ao que chamaron con toda xustiza don Camulo, pola súa afección a matar o can para curarlle a rabia, e a fusilar periodistas mellor que pechar xornais, e a súa concepción de que gobernar é castigar. Coma tantos outros da súa especie, todo o que don Camulo tiña de león na rúa o tiña de cordeiro na casa, que dona Ramona era asturiana e filla de xente de moitos posibles de Noreña. E, a que ven todo isto?, dirá con todo merecemento. Pois a que a empresa Viguesa de Transportes, Vitrasa, adxudicataria da concesión do servizo de transporte, inxustamente revogado a Tranvías de Vigo anos antes da súa extinción en 1975, fora formada pouco antes en Asturias polos Rodríguez Bustelo, a familia de dona Ramona, a muller do agora xeneral!

E, mire que lle digo don Manoel! Agora o señor alcalde, da manciña da compañía beneficiaria da cacicada, invítanos a facer un exercicio de amnesia colectiva e subirnos a un tranvía de Zaragoza, que toda a terra éche país!, e que por moito que pinten de branco e vermello e enfeiten de madeiras nobres no seu interior, ten cos tranvías que deixamos podrecer nos recheos da avenida da Florida a mesma semellanza que un ovo ten con unha castaña. Se a idea dos responsables da desfeita era a de  render homenaxe ao tranvía como un dos primeiros modelos de transporte colectivo na cidade” na miña opinión o conseguiron na mesma medida que co Bernardo Alfageme. Se daquela conseguimos transformar o derradeiro buque construído con roblóns na ría nun arremedo soldado para decorar unha rotonda, agora, cun tranvía de Vigo que nunca será tal, levantaremos un novo monumento para o goce intelectual desa manda de túzaros que nin coñecen a historia da cidade que habitan nin teñen por ela o mais cativo interese. 

Alá eles, que eu son de Bouzas!

Esquecíchesme, esquecinche,
á min pouco se me dá;
á pena que ti me deches,
outro xa ma quitará.

domingo, 16 de decembro de 2018

O conto da leiteira



Mire que lle digo, don Manoel! Tamén a min berrábame a miña nai cando se me pegaban as sabas aquilo de “arriba rapaz que xa pasaron as leiteiras!” Porque daquela esas mulleres de braveza que traían acotío o leite a vilas e cidades eran para todos nos exemplo de forza, prontitude e dilixencia, fonte de información en ausencia de diarios especializados, e espertador de noctámbulos e xentes de mal vivir co tinguilear das súas caldeiretas.

Entre todas aquelas leiteiras doutro tempo veume agora as mentes unha rapaza farruca e garrida coma ningunha: a Carmela do Xuncal! Tódolos días dende ben noviña a Carmela viña dende o xuncal de Navia, ou de san Paio como diciamos entón coa teima santeira que asolagara os nosos falares despois da derrota, traer o leite as mellores casas de Bouzas, que tiñan en moito a súa puntualidade, honradez, probada rectitude de comportamento, e, o mais importante, calidade do leite fornecido. Carmela vivía coa súa nai, nun cacharufo medio derreado que estaba preto do camiño do Xuncal, de onde lles viña o nome á familia.

Familia só de mulleres, avoa, nai e filla, como tantas outras na nosa desventurada terra, de mulleres vestidas de interminable loito as maiores, e de farrapos as pequenas. Familias de viúvas de vivos ou mortos, as maiores, e de orfas de vivos ou mortos, as pequenas, que cando os homes marchaban a procurar unha nova vida alén do mar ninguén dos que quedaban na terra sabían deles ata que volvían cheos de cartos. Que poucos tiñan valor abondo coma para retornar, como o home do debuxo de Castelao, a morrer canda os seus; os mais esvaécense na calada da brétema do tempo e a distancia, sen enviar mais pegada que a que deixan no corazón dos que esperan contra toda lóxica.

Nai e filla defendían a vida cunha unha única vaca rubia, mais marela que vermella, de pouco pero saboroso leite, á que chamaban a Parrula. Carmela mercáballe o leite a outras casas dos arredores pero o leite da Parrula ía sempre separado do resto e nunca mesturábase co das demais, reservado para aquela casa onde había un cativo doente ou que necesitaba de especiais coidados. O camiño que leva dende san Paio a Bouzas e maiormente chan. Costa arriba ata o cruceiro e costa abaixo dende alí. Media hora a paso vivo. Pero non tan doado de facer para unha rapaciña lanzal cando vai cargada con dúas caldeiretas, unha no molido da cabeza e outra no cadril.

A xeira de Carmela comezaba antes do canto do galo. Muxir á Parrula, tomar unha parva de leite mazado cun pouco de pan reseso, recoller cunha canada as sobras do leite das casas veciñas na caldeireta grande, torcer o molido e aprestarse a saír co primeiro raiar do sol camiño a Bouzas. E sorte tiña de ter vendido nas casas fixas todo o leite que levara, que outras compañeiras, de peor sorte, ou peor leite, tiñan que percorrer as rúas de Bouzas ao berro de “Leite. Quen merca leite?” e ter que cobrar no momento en troques de por semanas, que deste xeito o diñeiro rende máis!

E precisamente nun encontro que tivo a Carmela neste camiño cun fregués habitual da nosa parroquia do Mincha, Nicasio levaba por nome e cuxo apelido non hei de dar, por ser seu pai un daqueles servidores da patria que se fixeron armadores cos barcos roubados aos mariñeiros galegos de Trintxerpe, aquel distrito de Pasaia que neses anos algúns chamaban a quinta provincia galega e outros  o “Buraco bolxevique”. Neste encontro, na versión de Nicasio, e enfrontamento, liorta ou retesía, na de Carmela, comeza o noso particular conto da leiteira. Conto que, como a totalidade dos contos da tradición oral, ten centos, senón milleiros, de versións que, se ben coinciden no fundamental, presentan fortes desemellanzas nos tempos, lugares e aínda protagonistas. A versión que estou a piques de relatarlle está feita arredor da que contou o propio Nicasio na taberna do Mincha, con algún que outro retrinco doutras versións das moitas que escoitamos doutras xentes que por unha razón ou outra paraban na taberna con gana de falar. Aínda que, don Manoel, antes de ir mais aló debera advertirlle que o noso protagonista tiña por alcume “Nin casio” por mor do pouco creto que merecían ás súas historias!

Din que fillo de porco marrán seguro, cousa que non era de todo certa para o noso Nicasio, que era carallán e fandangueiro pero sen chegar nin de lonxe á maldade do seu pai. Mais ben era daquela caste de mozos que nunca se deitaban tarde; porque deitar deitábanse de mañá, pero da mañá do seguinte día. Un daqueles, en resumo, que á hora de tomar decisións, fanlle mais caso á cabeza de abaixo que á cabeza de arriba.

Conta o noso Nicasio que tiña daquela un “Citroën 11 lixeiro” co que recorría toda canta corredoira había nos arredores da vila e mais aló, por ver de entrar nas saias das mozas como o raposo nos poleiros. Regresaba dunha destas cacerías cando topou no camiño dos Casaliños coa Carmela cargada co seu leite. Ao pasar canda ela miroulle para a cara que pareceulle talmente como a dun anxo. Miroulle pras pernas e os peitos, firmes como dúas mazás, e aínda que viña co depósito baleiro despois dunha noite movida decidiu parar e falarlle.

-          Bo día rapariga! Onde vas tan cargadiña?
-          Bo día meu señor. Ben sabe vostede onde vou. Levar o leite á súa casa, por non entrar en mais miudezas!
-          Tesme que perdoar, non che teña visto antes.
-          Tampouco é que o señorito estea tan cedo na casa … Nin que atenda pola porta de servizo!

Ao Nicasio fíxolle graza a desenvoltura da rapaza e insistiu na oferta.

-          Sube muller que che aforro a camiñada!
-          Non sei eu …
-          Sube muller, que a estas horas ninguén vaiche ver!

Así que Carmela subiu. Deixou unha caldeireta no asento de atrás e a mais pequena onde ía o leite da Parrula suxeito entre as súas pernas. Conta Nicasio que aquel recendo ao leite mesturado co de rapariga nova acendeulle de novo o desexo e argallou un quefacer para facerlle as beiras á fermosa leiteira.

Compre sinalar que o Citroën 11 lixeiro sedán” tiña 3 velocidades non moi ben sincronizadas, e a perna esquerda de Carmela quedaba ben preto da panca do cambio, así que nestas de escoller a mais axeitada para as complexidades do camiño, o Nicasio aproveita para tirarlle da saia para arriba. A rapaza remóvese inqueda pero non dá chío. Nicasio sinte a paixón subíndolle pola entreperna coma unha lapa alancando pola palla seca e decide avanzar coa man cara ao seu obxectivo.

-          Saca de aí esa man que vas levar unha labazada que vas a quedar sen dentes!
-          Ten compaixón de min! Mira como me puxeches, que a teño coma a dun burro!

E sen mais colleulle a man e púxolla sobre os seus xenitais. Ela deu chimpo no asento pero non retirou a man. Baixouna un pouco de onde o Nicasio lla puxera ata chegarlle aos testículos, e de súpeto, apertándollos con man de ferro díxolle con voz mainiña:

-          Agora ti e mais eu imos ser boíños e deixar que as cousas non vaian mais alá. Vasme levar ata a entrada de Bouzas e alí ti colles polo teu camiño que eu collerei polo meu.

E o Nicasio ría a cachón lembrando que a Carmela marchara cantando baixiño aquela de:

Tan bo camiño ti leves
como o caravel levou.

mércores, 28 de novembro de 2018

O conto do Arghimiro



Mire que lle digo, don Manoel! Non. Que eu saiba ao Tiniño nunca lle cadrou pasar polas terras de Ordes cando andaba de cacho para testo, de cribo para cabazo, por mor do famoso caderniño onde o gaiteiro Marcial gardaba o misterio dos seus roteiros. Ou, cando menos, nada notable ocorrera por aquelas fermosas terras que chaman de Trastámara, ou sexa de máis aló do río Tambre, que dera motivo a unha das súas parrafeadas.

Pero se do que anda vostede á procura é dunha narración, incidente, peripecia ou sucedido ben podo relatarlle a que o señor Arghimiro, un dos parroquiáns habituais da taberna do Mincha que era desas terras, de Frades para ser máis concretos, gustaba de contar a todo canto láparo viña mollar a palleta no viño de Monterrei co que a Sefa agasallaba aos clientes que consideraba que podían ter un longo percorrido como tales.

Contaba o Arghimiro que un día de inverno, de camiño á feira de Ordes por ver de mercar un xato, á altura de Barbeiros tivo un mal encontro, non sabía se con trasnos ou pantasmas, que houbo de custarlle a vida, aínda que, por sorte, todo quedou en susto, abraio e estrañeza. Teño que explicar que o Arghimiro era daqueles homes aos que chamaban os xans, persoas que tiñan o natural de ver as pantasmas coma se foran xente viva, condición á que se chegaba, se temos que crer as nosas avoas, por mor dun credo mal rezado polo padriño no seu bautismo, ou aínda por unha unción cos óleos equivocados, na citada cerimonia.

O día en cuestión, o Arghimiro saíra de Frades moi cedo, por mor de ser o primeiro en chegar á feira e botarlle comodamente a vista enriba ao gando, que xa se sabe que de xato verás qué boi terás. O que ao saír da casa fora ameaza de chuvia volveuse realidade cando aínda o sol non se elevara no horizonte, e un pouco mais de camiño adiante, cando xa faltaba pouco para chegar a Ordes, comezou a chover a cachón e o que fora chuvieira volveuse arroiada. A auga baixaba polos camiños en enxurrada e o río Samo ía tan crecido na ponte do Cruceiro que case que non se podía cruzar a pé enxoito. Mollado coma un pito e con mais auga nos zocos que lama nos camiños ao chegares ao Fondo de Aldea pareceulle albiscar que na capela de Santa María de Barbeiros había luz, e matinou que sería un bo lugar onde se resgardar do dioivo. Achegouse á igrexa e comprobou que a porta estaba aberta e que había moitos cirios acesos como se foran a misar. Caladiño coma un furelo Arghimiro achegouse ao altar e procurou un banco onde sentar, un pouco por descansar e outro pouco por secar os pés e a roupa. O moito madrugar, a canseira do camiño andado e o calorciño das moitas candeas acesas fixeron que en pouco tempo entrara nun estado de sopor pouco distinguible do soño. De súpeto un ruído como de madeiras batendo acompañado por uns xemidos e queixas que semellaban vir dalgún lugar moi preto dos infernos tirárono bruscamente deste adormecemento.

-          As ánimas do purgatorio que me veñen buscar - dixo para si, e un calafrío correulle as costas de norte a sur, da caluga ao cu.

Do susto, o Arghimiro caeu do banco abaixo; deu un pincho no aire, recadou as súas pertenzas, que tampouco era cousa de deixalas por unha pantasma mais o menos, e coa mesma botou a correr como un foguete para liscar daquel lugar, pero coas présas equivocou o rumbo o que lle fixo tropezar cos candeeiros tirando por terra os brandóns do altar e todo canto cirio se cruzara no seu camiño, correndo a máis non dar como quen leva o demo detrás. Tan axiña como saíu para fóra, as portas cerráronse de golpe sen que ninguén as tocara, o que foi un motivo máis para saír como un foguete sen mirar atrás, chegando á feira de Ordes en menos tempo que se viñera voando.

Tal foi o abraio que o incidente lle meteu no corpo que esqueceu o xato e o trato e soamente foi quen de baleirar un par de netos de viño no Orellas sen dar nin chío nin trabar conversa con ningún dos fregueses que tan afamada parroquia ten.

Como a compra do xato seguía estando pendente non tivo outra que volver a Ordes a semana seguinte, aínda que desta colleu polo Pedrouzo, un camiño que lle afastaba da capela de Santa María de Barbeiros, na que tivera tan mala experiencia. Desta tivo sorte. Nin choveu nin tivo mal encontro e o camiño ata a feira fíxoselle curto de máis. Mercou un bo xato e ata tivo tempo de botar un ollo ás anchuras de vacas e bois, cuartos traseiros nas vacas e dianteiros nos bois, que xa se sabe que a vaca, vela ir; e o boi, velo vir.

Desta volta o viño do Orellas sóubolle a malvasía. Atopou alí algúns vellos coñecidos; ao Venancio, que era de Cerceda, da parroquia das Encrobas, que anos despois espoliaría a mina de Barrié coa complicidade do goberno de Franco; ao Cholo que viña de lonxe: de Marrozos máis aló de Compostela; ao Miguel que era, como el de Frades, e o Zalo do propio Ordes.

-          Caga boi na fonte! – dixo o Zalo – A que non sabedes o de Santa María de Barbeiros?
-          E logo? – contestou o Arghimiro ao que a camisa non lle chegaba ao peito – Que foi iso de Santa María de Barbeiros?
-          Pois que a pouco arde toda a igrexa. Menos mal que o Evaristo mirou o lume e avisou a xente antes de que a cousa fora a mais. Pero non sabedes o mellor!
-          O mellor? Que foi o mellor? – atreveuse a preguntar Arghimiro, máis incómodo que tres nun zapato.
-          O mellor foron os dous que atoparon na porta da igrexa ollando para o lume ben achegadiños, en coiros, como a súa nai os trouxo ao mundo: a Maruxa dos Baltaras e o Señor Cura!

E mire que lle digo, don Manoel! Que nin credos mal rezados nin óleos equivocados! Nin pantasmas nin ánimas do purgatorio! Nin Xan nin Perillán! As cousas, teñen tendencia a ter explicacións sinxelas, e se temos un home novo casto por imperativo categórico e unha muller pracenteira non hai que “multiplicar os entes sen necesidade”. Ou como diría Guillerme de Ockham: entia non sunt multiplicanda praeter necessitatem.

Río Samo, río Samo,
ben se ve que es da montaña;
feo fillo das brétemas,
e das uces desleigadas.

martes, 27 de novembro de 2018

Para os amigos de Ordes


Miren que lles digo meus queridos ordenses, tan afastados do meu mar de Bouzas coma achegados no meu afecto! Os meus moitos anos e a pouca saúde impídenme estar esta noite convosco, mais a miña pequena grande amiga Lucía, que estou certo que non é daquelas que canto din hoxe, mañá non é nada, prometeume que vos lería estas palabras de agradecemento. Agradecemento que podería dicir que é para todos e cada un dos presentes (e para aqueles que xustificaron a súa ausencia), e deste xeito acabaríamos de contado, pero que non vou facer ese non é o meu estilo, mais dado aos ditos e refráns, e, ao dicir de Lucila, a miña editora, ás frases subordinadas.

En primeiro lugar quero agradecer a hospitalidade das xentes do Bar Orellas, este templo do rock e do folk que o foi hoxe tamén da palabra, e templo da palabra nesta lingua proletaria do noso pobo que dicía Celso Emilio e que é o noso maior tesouro, un tesouro que nonos debemos de deixar arrebatar. E quero dicir que é un verdadeiro gozo ter oportunidade de que alguén lea nunha taberna o que tivo o seu berce tamén nunha taberna!

E falando de ler, vaia o meu recoñecemento para o Gonzalo e os dous migueles, os amigos que prestaron a súa voz aos meus pensamentos, recollidos con agarimo no seu día por don Manoel e que hoxe facedes coas vosas voces volver á súa esencia efémera.

E, como ben saben os que me coñecen, a música e a palabra van sempre xuntas no meu aprecio, coma unha nai e unha filla. Vaia, polo tanto, meu recoñecemento aos músicos Toni, Alexandre e Serxio, por ese labor de polinización das palabras. Sempre hai música soando na miña cabeza!

E último que non derradeiro, deixei para o final manifestar a miña gratitude ao autor de todo isto, Gonzalo Veiras. Alguén contoume, don Manoel, que foi alumno seu. Se estou no certo a súa participación neste serán ten, a ben seguro, dobrado mérito.