xoves, 17 de abril de 2025

Na morte do «Migallas»


 Mire que lle digo don Manoel! Canto me alegra que, superados con éxito eses pequenos problemas de saúde, o teñamos de novo entre nos exercendo de notario dos nosos parrafeos, e aínda das rexoubas e cubilladas. Que agora que caio, é máis que posible que esta desgraciada circunstancia que lle mantivo afastado da nosa compañía háxalle tamén impedido coñecer a triste nova do pasamento do noso bo amigo e notable poeta don Luis de Altamira, ao que algunha xente ruín coñecía por «o Migallas». Supoñíao. Sei do aprecio que sentía por el, traducido en frecuentes invitacións a compartir con nos mesa ou mostrador, e a compra de canto caderno de poemas lle ofrecía.

Ben llo sei, don Manoel. A morte dun poeta, de calquera poeta, supón unha perda importante na irmandade do ben, a extinción silenciosa dun universo enteiro, unha xanela á sensibilidade que se pecha, unha campá rota que perde a súa voz. Xa nunca máis o veremos entre nos intentando vender eses pequenos folletos, coleccións de poemas sinxelos celosamente cicelados coa silenciosa esperanza de que foran lidos por algunha alma sensible. Todo ese esforzo, as incontables horas de introspección, de procura incansable da palabra precisa, toda esa a paixón vertida en cada verso, todo desvanécese con el no esquecemento.

Pero non me faga moito caso don Manoel. A morte de don Luis me doe máis do normal porque  confróntame cunha verdade incómoda: a inmensa maioría do que facemos, do que pensamos, do que creamos, por moito que alguén coma vostede se empeñe en gardalas nos seus escritos para as xeracións futuras, non transcenderá da nosa curta existencia. A inmortalidade don Manoel, é unha quimera esquiva.

Con todo, talvez a verdadeira recompensa do artista non resida no que a posteridade coñecerá de el, senón do acto mesmo de crear, de dar forma a algo que quizais poda vivir brevemente na experiencia doutro ser humano. Don Luis deixara encargado ao seu caseiro de entregarme os seus escritos nun fardo atado cunha baraza. De todos eles escollín este poema en prosa no que mestura humor, fantasía e alento poético. A verdadeira beleza reside na intensidade do instante, na autenticidade da expresión, aínda que o seu eco sexa breve e silencioso.

O xograr namorado

Na afastada cidade de Samarcanda, alí onde as cisternas non se baleiran xamais, e os patos salvaxes voan en espirais máis rápidas que nos demais lugares, vivía, fai moito, moito tempo, cando os homes crían en Deus e Deus cría nos homes, un xograr, un trobador[1].

O xograr do que vos falo era un mozo fermoso e escintilante, non no seu aspecto exterior no que non se diferenciaba moito dos demais mozos, senón na súa alma á que soamente os deuses máis enxebres podían mirar de fronte.

O noso xograr amaba a unha moza, e amábaa ata o último e máis recóndito recuncho da súa alma. A moza era a súa musa, a divina inspiración da súa música e a súa poesía. E a moza amaba ao xograr coa mesma falta de límites.

O trobador cantaba ao amor que non se acaba, á alegría de vivir e a un mañá repleto de esperanzas, porque, aínda que carecían de bens materiais, eran felices na abundancia dos demais bens dos que desfrutaban.

Mais o xograr tiña unha grande anomalía no seu temperamento: amaba a verdade, e tiña o corazón quente e as ideas xenerosas. Amaba á moza cunha paixón sen límites pero tamén amaba á xente do común. E ese amor o levaba a cantar tamén a liberdade, a igualdade e á irmandade de tódolos homes. Mais aquel canto non gustaba aos poderosos que o mandaron deter. E foi detido, e levado á cadea, e amarrado á parede con fortes grillóns.

Na cadea coñeceu a fame, a inmundicia e o infortunio de moitos coma el. Mais a súa desventura, os golpes e as aldraxes non foron quen de acalar o seu canto, que voces anónimas repetían polas calellas de Samarcanda.

O Sultán enfurecido ordenou que o cargaran de máis cadeas, e o enterraran na mais fonda das celas do cárcere. Mais o seu canto seguía a soar nas voces do pobo, canto que o vento da noite collía amorosamente no seu colo e o levaba ata as habitacións do pazo onde durmía o sultán. Así que este decidiu zorregarlle de lategazos para que o xograr deixara de cantar, pero canto mais mallaban nel mais fermoso era o seu canto, máis se alzaba nas voces do pobo, e menos deixaba ao Sultán durmir no seu leito de cen colchóns de plumas ao que tiñan que subilo por unha escada de ouro.

Farto xa de pasar as noites sen pechar o ollo, e convencido de que a aplicación da forza non ía mellorar ó problema, o Sultán ordenou traer ao xograr á súa presenza.

      Quen es ti que non deixas de cantar nin cargado de cadeas, nin quebrado a azoutes? —preguntou retórico.

      Son nada mais que un xograr.

      E como sendo xograr, e polo tanto do mundo da farándula, non cantas a gloria das miña fazañas, do meu poder divino, da miña maxestade?

      Porque son un xograr do pobo, e ser xograr do pobo é cantar á verdade.

O Sultán verdeou de envexa, amarelou de carraxe, chegou ata o gris da tolemia... Pasou por todos os colores posibles pero sen chegar ao roibo da vergonza, que era o que lle houbera salvado. Orfo doutra estratexia, seguiu preguntando sen criterio nin convicción.  

      Non es sensato. Deberas cantar a quen te pode pagar, e non ao pobo que non ten nin o mais preciso para vivir.

      O cantar non se paga, se agradece.

      Non che fai falla nada? De que vives entón?

      Vivo da xenerosidade da xente á que gústalle o meu canto. E non me fai falla nada para ser feliz.

      Como podes dicir que es feliz sen ter nada, se eu teño todo e aínda non son feliz?

      Tes todos os bens materiais. Pero che falla o mais importante. O que non poderás ter namentres non busques no teu interno: o teu verdadeiro ser.

E o Sultán soubo que o dicía o xograr era certo. E mandouno decapitar. E foi decapitado e a cabeza que cantara belas cancións chantada riba dunha pica no mais alto do pazo para que o pobo comprobara en cabeza allea os resultados de levarlle a contra ao seu Sultán, e o seu cadáver abandonado para alimentar ás hienas, os voitres, e toda esa bichería que fai da calaza a súa mantenza.

Pero ningún animal comeu o seu corpo. E as flores pecharon os seus cálices para non dar o seu perfume ao asasino. E os paxaros das gaiolas do pazo trocaron o seu canto por queixumes. O ouro das alfaias converteuse en chumbo, e o viño en vinagre nas adegas do Sultán y a peste e a miseria tomaron pousada no seu pazo.

E a muller que el amaba, e que lle amaba a el, chorou e chorou polo xograr ata que os seus ollos se secaron e o seu corazón se rompeu coma un boneco mecánico ao que dáselle demasiada corda. E morreu. E o Sultán que o soubo derramou cinzas riba da súa testa, e xemeu:

      En verdade vos digo que este xograr era un home xusto!

E mandou a procurar ao seu mago mais sabido para que rescatara ao xograr das poutas da morte. O mago encargou as hienas que lle trouxeran o corpo, e os voitres a cabeza da pica onde estaba chantada. A os paxaros encargoulle que o encheran de novo cantos e ós árbores que encheran ás súas veas con novo vizo. Finalmente ordenou ao sol que saíra de detrás das negras nubes tras das que se agochara e enchera o corpo de calor, e finalmente ordenou ao vento que enchera os pulmóns do xograr de aire.

O xograr espertou e un novo canto xurdiu coma un manancial dos seus beizos. E todo o pobo de Samarcanda achegouse para escoitar o seu canto. E o xograr mirou a multitude e sentiu unha grande ausencia.

      Onde esta a miña namorada? Onde está que non sinto a súa presenza?

E todos calaron e os seus ollos, incapaces de aturar a angustia do xograr, furaron a terra.

      Morta? – preguntou o xograr nun bramido.

      Si – asentiu o mago que o trouxera de novo á vida

Unha nube negra de tristura abateuse riba da cabeza do xograr e a súa ledicia derrubouse coma un castelo de area. E a dor converteuse en ira e increpou duramente ao sabio que o fixera volver.

      Para que quero vivir se ela está morta?

      Ela non está morta. Algo debín de facer mal, cando non a sentes bulir dentro de ti!

E o xograr, parou de berrar, aínda parou un intre de alentar. Quedou quedo, a espreita, sen respirar, co pulso baténdolle fortemente nas tempas,...e a sentiu, a sentiu! Estaba aló no mais fondo do seu renacido ser como un fureliño, coma unha faísca que devece por ser cacharela.

Entón o xograr cantou mais e mellor e nunca porque agora cantaba ao Amor inmortal, ao amor que vai moito mais aló da morte dos corpos.

FIN



[1] En sentido estricto un xograr era un artista polifacético, capaz de tocar instrumentos, cantar, contar historias ou lendas, recitar poemas, remedar, realizar acrobacias, amais doutros xogos, que non tiñan por que ser da súa autoría, mentres que un trobador era un poeta lírico e compositor das súas propias pezas, un creador.

luns, 14 de abril de 2025

Xulio Bernárdez Zabaleta, mestre e amigo.


Mire que lle digo, don Manoel! Pois non ven de saíres pola porta o fillo do seu amigo Xulio o da eléctrica! Estivo a agardar por vostede unha miguiña, pero, segundo dixo, tiña présa, e informado de que vostede atracaba por estes peiraos, quedou en volver noutra ocasión que el tivera menos apuro.

Non lle digo que non! Polo pouco que paraba quieto teño para min que o de “con menos présa” será para cando estea xubilado; e iso se cadra!

E mire que lle digo don Manoel! Teño para min, mirando para a expresión do seu rostro, que hoxe vai coller vostede a palabra para, en contra do seu inveterado costume, tecer co fío dos seus recordos unha historia acaída a esta lembranza.

Fala don Manoel

Veña Miguel: deita aquí unha cunca dese treixadura teu, que para esta peza teño que mollar ben a palleta. Non será o monterrei do Mincha pero tampouco lle perde a cara. E achega tamén unha tapa desas, que vexo que a de hoxe é de callos con garavanzos, prato de moito fundamento ao que tanto xeito lle da a túa compañeira, e que estes bárbaros da unión europea —non se merecen as maiúsculas— na súa ignorancia non incluíron no seu infame «lote de supervivencia de 72 horas».

Pero vaiamos ao asunto!

Debín de coñecer a don Xulio entre o ano setenta e catro e o setenta e oito. Non antes do setenta e catro porque foi nesa data cando me fixen cargo da Dirección Técnica da Sesta Área, e non despois do 21 de febreiro de 1978 no que, segundo teño entendido, celebrouse o contrato de compra da Central de Freixa á sociedade Carburos Metálicos, S.A., ante D. Eduardo Méndez, notario de Pontevedra.

E agora que o penso, tivo que ser máis tarde de xuño do setenta e cinco, porque foi nesa data cando incorporouse como técnico da Delegación de Vigo o meu benquerido amigo Octavio Ledo, contador nestas Crónicas nosas de tantos sucedidos ocorrentes e enxeñosos da súa Limia natal. E o Tavo é un dos protagonistas desta peripecia que a piques estivo de rematar en traxedia.

Recordo perfectamente o día de autos. E nunca mellor empregada a frase porque con autos ten que ver. Como Xulio tiña cousas que facer de mañá en Pontevedra quedáramos de esperarnos na marisquería que hai na entrada de Arcade contra das dúas e media, para subir despois de xantar ata a central eléctrica.

A delegación de Vigo non era moi grande e os dous técnicos, director e dirixido, compartiamos despacho. “Queres acompañarme a ver a central?” pregunteille ao Tavo nada máis colgar o teléfono con Xulio. Non houbo necesidade de dicirllo dúas veces. Seguro que non tanto pola emoción de ver un salto tan fermoso como o da Freixa senón pola sona do restaurante onde estabamos citados, e a esperanza de que Xulio non houbera esquecido a súa afección ao marisco que calquera dos outros dous asistentes á cerimonia compartiamos afervoadamente

Saímos da oficina de Vigo arredor das dúas menos cuarto, tempo abondo para chegar a Arcade agora que xa non hai que pasar polo funil de Redondela. Pedimos un par de viños para agardar a Xulio coa palleta ben mollada. E ben mollada que está cando chega cun certo retraso. Aínda por riba o marisco —moito e de calidade— que Xulio encargara, está no seu punto de sal o que fai que os vasos parezan ter un buraco por onde se baleiran sen sentir.

Entre bocado e bocado —que co marisco os tempos entre eles son longos— don Xulio aproveita para contarnos que a idea de pedir a concesión do aproveitamento de parte do caudal do río Verdugo no lugar que chaman “a Freixa da Rocha” en Ponte Caldelas fora do enxeñeiro vigués Ramón Laforet Cividanes.

      Chaman e con moito sentido querido amigo —aproveito que don Xulio está chuchando da cabeza dun santiaguiño para meter baza—, que freixa na nosa fala quer dicir desnivel brusco ou pronunciado no leito dun río onde se precipita a auga.

      Don Ramón Laforet Cividanes —continuou impávido o noso anfitrión— pedira esta concesión coa idea de fornecer electricidade a unha fábrica de carburo para os candís do alumeado, que quería construír en Arcade, Carburos Laforet. Mágoa para el que con a nosa actividade de levar a subministración eléctrica ata o recuncho máis afastado do país, o seu negocio esmorecera e tivera que vendela a Carburos Metálicos de Barcelona.

      E a fábrica aínda existe, don Xulio? —pregunta don Octavio, por amosar que, malia a abundancia de marisco presta a debida atención á conversa.

      Está menos de quiñentos metros de aquí. Se queredes podemos ir a botarlle unha ollada por fora cando rematemos de xantar; é unha fermosa mostra de arquitectura industrial.

E tiña razón. O certo é que edificio das oficinas centrais, situado á beira das vías do tren, ten unha fermosa fachada de ladrillo cara vista que merecería a súa conservación. Segundo don Xulio o terreo que ocupaba a factoría era moito máis extenso do que hoxe podemos ver, e a propiedade chegaba ata a praia onde os donos da factoría construíran un pequeno peirao onde desembarcar o mineral que se transportaba ata a fábrica a través dun funicular duns 200 metros de lonxitude.

Toca coller os coches para chegar ó noso destino por unha carreteira chea de curvas. Menos mal que o pequeno paseo ata a fábrica e sobre todo o aire do mar serviu para disipar as brétemas alcohólicas do meu cerebro. E menos mal que vou conducindo porque estou seguro que ata o abstemio máis militante trousaría ata o primeiro leite de ir no asento traseiro.

Estamos chegando ao noso destino. A carreteira local faise decontado camiño de carros estreito e profundo, con silvas e toxos que entran polas xanelas do coche. Avanzamos con dificultade ata chegares ao bordo dunha impresionante carricova en cuxo fondo se adiviña a construción que alberga as máquinas da central.

      Deixamos aquí os coches —ordena don Xulio—. O resto hai que facelo un pouco a pé e outro pouco a pata!

      Non haberá que baixar por ese carroucho? —protestou o Tavo que xa ía un pouco prexudicado do camiño.

      Un pouco esburacado de máis para baixar cos coches si que está...

      O problema non é tanto de baixar senón de volver a subir, que aquí se quedan ata os «catro por catro»

      Pois adiante, que dos covardes non hai nada escrito!

Hai xente que soamente son que de apreciar a beleza dunha paisaxe, ou dun solpor; eu a vexo e a desfruto tamén nunha instalación industrial como esta con ás súas dúas turbinas Francis de eixo horizontal do fabricante suízo Atelier de Construction Mécanique de Vevey, cos seus reguladores de velocidade de Escher Wys, acopladas ós seus xeradores síncronos de General Eléctrica Española de 750 KVA a 500 rpm.

      Bótalles unha ollada a ver se lles atopas algo estraño. —me di don Xulio, desfrutando por anticipado do meu fracaso.

      Pois non sei...

      Busca, busca!

      Merda! Hai unha fase que non ten debandados!

      Exactamente! Iso é. Os alternadores son bifásicos coas fases conectadas en triángulo aberto.

Xa vexo a cara que estades a poñer. A ver como volo explico! A característica fundamental dun sistema trifásico é que as tres tensións teñen a mesma magnitude e están desfasadas entre si en 120 graos, desfase que xérase intencionalmente na disposición dos debandados no alternador.

Para estes alternadores que estaban destinados a fornecer enerxía ao forno eléctrico de fabricación de carburo, a opción máis económica era fabricalo precisamente deste xeito.

Explicoume que a súa pretensión era a de non tocar os alternadores para engadirlles a terceira fase, xa que o risco de deteriorar o illamento das outras dúas ao introducir nas rañuras a terceira fase era elevadísimo nunhas máquinas tan antigas. Como de todas formas tiña que instalar uns transformadores que elevaran a tensión de xeración á de distribución en Media, poderíamos subministrar uns transformadores axeitados para o seu propósito? O certo é que eu non estaba moi seguro, pero sabía a quen preguntar.

      Podemos achegarnos a algún lugar onde teñan teléfono?

      Podemos. E se está José Antonio temos un máis a quen pedirlle opinión!

      Eu voulle pedir opinión a unha das persoas que máis saben de transformadores en España. Ti despois es libre de pedirlla a que te pete.

Subir ata os coches foi sorprendentemente doado. Posiblemente pola presa que eu tiña de chamar por teléfono antes de que pecharan a fábrica de transformadores. Pero chegar ata a Eléctrica Os Muíños en Ponte Caldelas nos levou menos dun cuarto de hora, e afortunadamente Lanzagorta estaba na fábrica de Erandio. “Ningún problema” —me di—. “Hoxe meto no correo o estudo teórico e o presuposto dos transformadores”.

      Isto hai que mollalo! —propón Xoán Manuel Estévez, un dos propietarios da Eléctrica Os Muíños, que non é que saiba moito de que vai a cousa pero que non desaproveita ningunha ocasión destas, abrindo unha botella de Chivas de 12 anos.

Ningún de nos ten xa ningunha presa co que a conversa flúe mainamente dende as diferencias entre un whisky «blended» e os «sigle malt», ata o labor social das pequenas eléctricas en achegar a enerxía eléctrica ata o derradeiro recanto da nosa fermosa terra. Xulio defendía os «blended» como creación que busca a harmonía e a consistencia mediante a combinación de diferentes whiskies de diversas destilerías, e  os irmáns Estévez a honradez do «sigle malt» como expresión individual dunha destilería. O que non defendía nindiós era a postura de «Foinosa» de deixar amplas zoas do territorio galego sen cubrir por mor dos elevados tempos de retorno da inversión.

Con esas e outras semellantes acabouse o Chivas e decatámonos que neste tempo se fixera de noite. Xulio aceptou a invitación a durmir que lle fixeran os seus colegas, pero cumpría que nos volvéramos a Vigo, que á mañá seguinte tiñamos unha reunión importante. Así que non había outra que coller o coche e intentar volver a casa por unha carreteira escura, descoñecida e chea de reviravoltas. Eu, malia a miña acreditada capacidade para metabolizar o alcohol, non me sinto con capacidade abondo para conducir un automóbil, polo que, sabedor da mítica capacidade de aguante dos limiaos de pro, pregunto:

      Tavo como estás ti para conducir de volta a casa?

      Eu? Como unha rosa!

      Fenómeno! Colle ti o coche, que eu levo o pique de proa a reverter e vou moi mal de trimado![1]

Sento no posto do copiloto, disposto a botar unha soneca ata Vigo. Octavio arranca e a primeira manobra xa me fai abrir os ollos. Enfilamos a carreteira a unha velocidade máis que notable e ao coller a primeira curva a dereitas observo que o coche invade o carril contrario; a primeira a esquerdas as rodas do meu lado caen na cuneta de onde lles custa saíres malia os esforzos do condutor; na seguinte a dereitas as rodas da esquerda imitan a actitude das súas compañeiras na curva anterior. A min o terror ven de despexarme a cabeza case por completo.

      Octavio, estás ben?

      Por suposto! Por que o preguntas?

Nese intre o Tavo retira a vista da carreteira e o coche, sen condutor que preste atención ao seu trazado, vai directo a precipitarse por un barranco.

      Frea! —grito desesperado.

Baixo do coche e lle fago saír so asento do condutor.

      Saca de aí malfeitor, que aínda estás máis bébedo ca min! Que polo menos eu son consciente que o estou! E ti nin iso!

Subimos de novo ao coche, desta volta cadaquén no seu posto. Eu conducindo e o Tavo durmindo a borracheira, chispa, curda ou lupanda ata chegares a Vigo. E sabedes que? Co susto que levei as brétemas da bebedela desapareceron como por arte de maxia, e nunca tiven a  cabeza tan clara e a percepción tan aguda como aquela fermosa noite na que por tantas aventuras pasamos.



[1] O trimado dun buque, tamén coñecido como asento, refírese á diferenza entre o calado de popa e o calado de proa. Noutras palabras, indica a inclinación lonxitudinal do buque con respecto á liña de flotación.

sábado, 15 de marzo de 2025

Vinte anos de pirata...


Mire que lle digo don Manoel! Xa facía tempo que o Damián, aquel poeta minimalista que traballaba na asesoría do meu amigo Antonio, aquel noutrora rapaz, afervoado difusor da poética do silencio do que xa lle teño falado abondo, non se deixaba ver pola taberna.

O certo é que, pechada xa como ben sabe a nosa taberna do Mincha, esta outra, onde tivemos que fixar a nova sede da nosa confraría, quédalle un pouco a contramán para facer a clásica escapadela da oficina cando a media mañá o estómago reclama os seus dereitos.

Damián é home de afervoadas conviccións nisto da poesía. Se a memoria non me traizoa penso que xa lle contara moi polo miúdo ás súas discusións con don Luis de Altamira Toranzo, máis coñecido como «o Migallas», arredor de se a poesía debe ter ou non rima e ritmo, se debe ou non debe ser intelixible, se debe comunicar ou soamente sorprender. A entrada de Damián coincidiu cun comentario que fixéralle a Miguel o taberneiro arredor dunha noticia do «faro» de hoxe.

      Manda chover na Habana Miguel! Como dicía Xosé, “vinte anos de pirata e aínda non sabes onde está o mar Caribe!”

      Bo día á concorrencia! —di Damián que unha persoa educada. Para preguntarme decontado— E logo don Paio: que lle pasa ao pirata ese co Caribe?

      Bo día Damián! Ao pirata nada. Soamente unha frase comparativa que utilizaba un engraxador que viña comigo na máquina do «Mar de Labrador», cando alguén sinalaba o evidente como descuberta propia.

      E logo, que foi o da descuberta?

      Pois segundo a periodista do «faro» unha rapariga moi feita e aínda un pouco carapucheira, que ven de publicar un ensaio acerca das relacións, normalmente pouco frutíferas, que hai entre a poesía e a economía.

      Xa sei quen é. Esa poetisa que pon a cara de ser a versión galega de Penélope Cruz!

      Amodiño Damián! Críticas ao físico mellor non.

      Perdón don Paio, ten vostede toda a razón. É que a súa actitude tírame dos meus couzóns Abomino das persoas que se fan a se mesmas preguntas retóricas sen ningunha intención de que ninguén llas responda.

      Refíresche a iso de “cómpre profesionalizar as poetas?

      Por exemplo! E por que “as” e non “os”?

      Porque para elas o inclusivo é “as” e non “os”.

Nese intre intervén Miguel na conversa para reclamar a debida atención ao ritual tabernario, que Damián, no seu arrebato de cólera, esquecera respectar.

      E logo don Damián, que lle poño? O de sempre?

      Por suposto! E que temos hoxe de tapa?

      A muller fixo un estufado de lentellas con chourizo e verduras...

      Co seu allo porro, cenoria e un pouquiño de pataca?

      E o chourizo!

      Xa estás tardando!

Para min que unha das cousas que máis lle proia a Damián non era o chourizo das lentellas, que estaba no seu punto de pemento, senón ao sentirse aludido pola acusación da poetisa irredenta arredor do “perigo de deixar o discurso da literatura aos que teñen as costas cubertas por un traballo remunerado, por motivos familiares ou de parella”. Iso e a consigna chamada á militancia feminina a “retirar o discurso poético das mans masculinas

      Pero que tipo de chamamento é ese?

      Creo que a rapariga pretende facer unha crítica á dominación masculina no ámbito da poesía...

      Vaia unha crítica máis estúpida. Dominación masculina na terra de Rosalía!

      Pois iso é o que pide: dar máis espazo e recoñecemento á poesía escrita por mulleres.

      Non tal don Paio! Le, lea: “Fomentar unha cultura de gremio de mulleres poetas.”

      Ves! Pois teño para min que niso teño que darche a razón.

Aproveito que Damián sopra na culler para arrefriar as lentellas que Reme, a muller de Miguel, ven de servirlle, para explicarlle que un “gremio de mulleres poetas” non é precisamente unha reivindicación moi sensata. Porque, se ben é certo que os gremios controlaban os prezos e os salarios e regulaban as condicións de traballo para asegurar un nivel de vida digno para os seus membros, tamén establecían normas de calidade para os seus produtos, e controlaban o acceso ao oficio para limitar o número de practicantes e manter a estabilidade económica dos seus membros. Tamén serían responsables da formación de novas poetas a través dun sistema de aprendizaxe que garantira a calidade dos poemas.

      Ao final don Paio, para esta muller todo é unha cuestión de cartos. Que se “necesito que se me pague por este traballo”,  “que non queden so os intermediarios con ese beneficio”, “son moito máis responsables as institucións e o mercado”...

      Non tal Damián! Queixase, con razón, de todo esa grea de xentes que pensan que ós artistas teñen abondo para vivir coa visibilidade e o prestixio. Onde non acerta é en pensar que son soamente as poetisas as que sofren tal ofensa económica; por desgraza é común a moitas profesións algunhas delas —como a súa don Manoel— non artísticas.

Tampouco está moi acertada co ataque aos intermediarios. Hai intermediarios do tipo do irmán ou o mozo de “Risíbel D.A.” que merecen esa xenreira, e intermediarios do tipo Carlos Barral que pola contra son acredores de toda a nosa admiración e cariño. Finalmente o de poñer unha copulativa e non unha adversativa entre institucións e mercado da a impresión de estar acendendo unha vea a deus e outra ao diaño. Como no chiste dos vascos non podes estar a cogomelos e a «Rolex». Se estás a cogomelos se respectuoso coa contorna, non danes a flora nin a fauna, non arranques os cogomelos; córtaos pola base para non danar o micelio e dificultar futuras colleitas; tampouco os colleites demasiado novos ou demasiado vellos; finalmente non mestures cogomelos na mesma cesta. E se estás a «Rolex» xa sabes: ou alguén perdeu un antes ou mellor que te dediques e escribir letras de «reguetón».

E mire que lle digo, don Manoel! Marchou o Damián cando rematou as lentellas e non cando o fixo a conversa, que moita tea quedaba por cortar. Pero el tamén estaba a cogomelos! Eu quedei rumiando as propostas da nova e entusiasta poeta ata que, sen vir moito a conto, veume á memoria un poema de Celaya que coñecín na voz de Paco Ibánez:

Poesía para el pobre, poesía necesaria

como el pan de cada día,

como el aire que exigimos trece veces por minuto,

para ser y en tanto somos dar un sí que glorifica.





mércores, 11 de decembro de 2024

Da meritocracia dos imbéciles


Mire que lle digo don Manoel! Veño de ler hoxe, non sei moi ben onde, algo que considero especialmente acaído ao momento, aínda que non esta escrito especialmente para el. Fala de meritocracia, intentando explicar aplicando as leis de Newton, as razóns polas que o cumio das organizacións políticas e empresariais do mundo enteiro están indefectiblemente ocupadas polos máis inútiles e canallas.

O artigo está, don Manoel, escrito por un dos seus.

....A brecha —refírese á brecha aberta entre os que valen e os que ascenden, na pirámide empresarial, política ou social— vaise alargando por unha razón moi importante: outra forza que actúa á súa maneira na dinámica. A tendencia insoportable, inaceptable, enervante, molesta, e directamente descualificadora para o ascenso, que temos os técnicos a empregar decote a palabra maldita: NON.

“A fotovoltaica non produce de noite. A eólica non produce se non hai vento. As renovables eléctricas intermitentes e descontroladas non son a solución que necesitamos.

Ven agora a mellor de todas:

      Non vou dar permiso para construír un centro comercial cun aparcamento subterráneo nunha zona inundable.

Para min, don Manoel, que o redactor do opúsculo acerta. Non gusta nada aos que mandan que un subalterno, opóñase ao desexo do seu supremo superior. E se logo pasa o que pasou a culpa será, unha vez máis, do condutor do tren.



martes, 13 de agosto de 2024

A sorte de Kokura.


Mire que lle digo don Manoel! Que a conmemoración do día de hoxe me trouxo á mente a historia que me contara no seu día don Takeshi Fukui, un comerciante xaponés que viñera a Vigo por mercar meixón do Miño.

Ese día, 9 de agosto como hoxe, o señor Fukui estivera visitando, en compañía do seu socio e amigo don Javier, os mercados da angula da desembocadura do Miño, Tui, Goián e os seus arredores. 

Sexa por unha pronta finalización das xestións programadas, sexa por unha querenza de don Javier polos seus lugares de costume, o caso é que á hora canónica da «chiquita» un e outro personaxe entraban pola porta da nosa taberna do Mincha.

Eu, que os vexo entrar, collo a miña cunca de viño e con ela na man achégome a saudar a don Javier, que “o que non é agradecido non é ben nacido”, e eu, cando menos, débolle o meu emprego de xefe de máquinas do pesqueiro conxelador «Mar de Labrador». 

Don Xavier fai as presentacións e me invita a compartir mesa e viandas. O xaponés fala nun castelán torpe —que co seu permiso traducirei á nosa fala—, pero que nos permite entendernos sen maiores dificultades. Falamos devagar, de temas sen maior importancia, e a conversación flúe como a auga calma da bogada dun mariñeiro vello.

Entón, non sei moi ben nin como nin por que, irrompe como piollo por costura unha expresión que cambiaría totalmente o significado daquel día: "a sorte de Kokura". 

— Mire que lle digo, don Takeshi! —me atrevo a preguntar— Que ven sendo iso da sorte de Kokura?

— Un lugar común entre as xentes do meu país. Unha frase feita que se utiliza para describir como ás veces a casualidade che permite escapar dun destino terrible.

— E o de Kokura?

— É o nome da cidade onde nacín eu. Unha antiga cidade que, por certo, hoxe xa non existe como tal, porque en 1963 fusionouse con outros municipios da contorna para formar unha cidade moito maior: Kitakyushu.

Nese intre chega a Sefa cun xerro de monterrei e dúas cuncas que enche ata o bordo. Fai un leve aceno cos ollos, como pedindo permiso para completar o contido da miña, —demanda á que don Javier responde cun pequeno movemento de cabeza—, e volve lizgaira co prato de polvo, os escarvadentes e o pan. 

Tras satisfacer o apetito —que non a fame— e a sede, a conversa reinicia o seu curso, transitando de novo as vellas corredoiras do falar redondo. Ata que don Javier fai un comentario meteorolóxico, que pola súa natureza tería que ser inofensivo, pero que volve a ceibar a baraza da lingua de don Takeshi.

— Este mal tempo me ten farto —comenta don Javier.

— Iso de bo tempo ou mal tempo éche moi relativo! —argumento eu— Depende para que, e para quen. Para un labrego ás máis das veces a choiva adoita a ser bo tempo; mentres que os que están de vacacións na praia non son da mesma opinión.

— Non sabe vostede —intervén o señor Fukui, nun fío de voz— o acertada que é a súa opinión. O mal tempo que fixo en Kokura o 9 de agosto de 1945 convertérona na cidade máis afortunada da historia.

— E logo? Como foi?

— Ata vai moi pouco tempo nunca ouviran falar de Kokura, verdade? Seguro que de Hiroshima e Nagasaki algo máis escoitarían, non si?

— Por suposto! —contestamos ao unísono don Javier e máis eu.

— Pois a boa sorte de Kokura foi a perdición de Nagasaki.

Entón o señor Fukui contounos unha historia que non hei de esquecer xamais.

O que don Takeshi Fukui contou un día na Taberna do Mincha

Todo na vida son casualidades. Berlín rendeuse ante as forzas soviéticas o 2 de maio de 1945. Nese mesmo mes os aliados occidentais capturan aos científicos alemáns do Proxecto Uranio. Otto Hahn, Werner Heisenberg e os seus compañeiros aínda non tiñan a bomba atómica e estaban moi lonxe de conseguila. A principal motivación da maioría dos físicos do proxecto Manhattan, parar a Hitler e impedir o trunfo do fascismo, desvanecíase, e ás presas por dispor dela antes que os nazis, deixaban de ter significado. 

Menos dun mes antes, o 12 de abril, en plena guerra mundial, un derrame cerebral acababa coa vida do presidente Roosevelt, e levaba a Harry S. Truman á presidencia dos Estados Unidos; un posto no que tería que tomar unha decisión crucial: invadir o Xapón ou lanzar a bomba atómica sobre o seu territorio?

E fomos os propios xaponeses os que lle dimos a resposta coa nosa resistencia suicida na illa Okinawa. Os expertos militares modificaron a cifra de corenta mil baixas previstas inicialmente para unha invasión de Xapón ata o medio millón de baixas. 

Ao dia seguinte, 30 de xullo, Truman entregou unha nota a Henry Stimson, Secretario da guerra, na que lle indicaba que a bomba debía lanzarse non antes do 2 de agosto, data de clausura da conferencia de Postdam á que asistía, pero en canto estivese lista.

Truman e os seus asesores crearon un comité que tiña como misión escoller catro cidades xaponesas situadas no radio de acción dos B-29, para ás dúas bombas que estaban operativas: "Little Boy", unha bomba Uranio-235 de 16 quilotóns, e "Fat Man", de Plutonio-239 e 21 quilotóns. Ningunha consideración ética se tivo en conta na elección, soamente as consideracións prácticas: onde fora máis efectiva e provocara unha maior destrución. Para iso, se analizaron factores como o efecto psicolóxico que produciría, a importancia estratéxica e a concentración urbana da cidade, así como o maior potencial de dano provocado pola explosión. Ao final as cidades elixidas foron Hiroshima, Kokura, Nagasaki, y Niigata.

Hiroshima tiña un bo tamaño, un importante depósito de armas e un porto no centro dunha área urbana e industrial. Ademais está rodeada duns outeiros que concentrarían o efecto da explosión, facendo que o dano fora moito maior. 

Kokura foi elixida segundo obxectivo preferente tras Hiroshima, debido a que alí estaba un dos arsenais máis grandes de Xapón, onde se fabricaban armas químicas. 

E como alternativa, Nagasaki, cidade portuaria con dúas fábricas militares que non foran bombardeadas ata esas datas.

O 6 de agosto de 1945 o ceo de Hiroshima estaba despexado e as condicións de nebulosidade e visibilidade eran óptimas. Ás 8:15 horas a explosión de "Little Boy" parou os reloxos e desatou o inferno sobre Hiroshima. 66.000 persoas morreron ao instante e 69.000 quedaron gravemente feridas.

En palabras do Dr. Marcel Junod, representante do Comité Internacional da Cruz Vermella en Xapón e o primeiro médico estranxeiro en chegar a Hiroshima:

Segundo as testemuñas, nalgúns segundos, miles de seres humanos, nas rúas e nos xardíns do centro da cidade, golpeados por unha onda de calor aguda morreron como moscas baixo os efectos da temperatura. Outros se retorcían como vermes, atrozmente queimados. Todas as vivendas, os depósitos, etc. desaparecían como varridos por unha forza sobrenatural. 

Os que permaneceran no interior desas casas morreron ou foron gravemente feridos. Os que por milagre salváronse, non escaparon ao incendio que se declarou; ese vasto cinto de lume impediu que as vítimas abandonasen o centro da cidade, e que chegasen a esta os socorros. Se, a pesar de todo, algúns lograban atravesar ese obstáculo, para poñerse aparentemente a salvo, habían de morrer, na súa maioría, dez, vinte ou corenta días mais tarde, por mor do efecto tardío dos misteriosos e implacables raios gama.

No que quedaba da fachada da estación, as agullas do reloxo paráronse polo incendio ás 8:15.

Foi quizais a primeira vez na historia da humanidade que o nacemento dunha nova era quedou rexistrado na esfera dun reloxo.

Esa foi a primeira vez que a climatoloxía salvou a Kokura. Se as condicións do ceo de Hiroshima ese día non foran óptimas o “Little Boy” houbera caído riba da miña cidade deixando morte, metais retortos e cascotes. E pantasmas queimados pola radiación que, para a súa desgraza, tardarían moito en morrer.

O 9 de agosto amenceu completamente anubrado sobre Kokura, polo que os bombardeiros B-29 tiveron que sobrevoala tres veces esperando poder ver a cidade. Como o B-29 que levaba a "Fat Man" non recibiu a ratificación da confirmación visual do obxectivo, decidiron entón dirixirse a Nagasaki.

E esa foi a segunda vez que a climatoloxía salvou a Kokura. Se as condicións do ceo de Kokura ese día non foran malas como foron, “Fat Man” houbera caído riba da miña cidade. De aí ven o dito do que lle falaba, “a sorte de Kokura”.

... ... ... ...

Un largo silencio seguiu á narración de don Takeshi Fukui. Quen de nos podería engadir algo ao seu relato? 

As cuncas valeiras, e no prato de polbo soamente a tallada que chaman da vergonza do galego; pouco quedaba por facer máis que o que don Javier fixo: erguerse do seu tallo, pedir que lle apuntaran a consumición, despedirse da parroquia e saír pola porta co comerciante xaponés. 

Eu quedei na mesa, aflixido e pensativo, intentando aplacar a enxurrada de imaxes que as palabras do señor Fukui sementaran no meu pensamento, e laiándome das consecuencias que un simple comentario climatolóxico desatara.

Non pasa nin un minuto da partida dos meus ocasionais compañeiros de mesa cando xa está a Sefa boureando ao meu redor coa arreda de se ten que traerme ou non un pouco máis viño.

— E logo, don Paio, que ten vostede que o vexo un pouco apesarado?

— Non é nada Sefa. Cousas da conversa de hoxe.

— O da “sorte de Kokura”?

— Carallo Sefa! Caladiña como un furelo e ata sentes medrar a herba! E logo, cal é a túa conclusión do que escoitaches?

— Que a boa “sorte de Kokura” foi a mala de Nagasaki.

— Boa conclusión! Sempre a boa sorte duns é a mala doutros. A bala que non me da a min, mata ao meu camarada; o asento do autobús que me pediron cambiar é o que resulta máis gravemente danado no accidente mortal...

— Digo eu que máis sorte sería que a bomba non chegase a estalar; ou que Openheimer e os seus non a deran acabado a tempo; ou que Truman se decidira pola invasión; ou que o vicepresidente non fora Truman, ... Que sei eu!

— Ou que o Comodoro Perry non lles inoculara aos xaponeses o virus do capitalismo que forzou á apertura do Xapón cara ao mundo exterior, procurando o conflito militar como medio de espallar a súa esfera de influencia. Nesas o Xapón gañou o control de Taiwán, Corea e a metade sur da illa rusa de Sakhalin. E unha vez que empezas a xa non podes parar de invadir!

— Sabe o que penso don Paio? Igual para acabar con todas as guerras non nos vai quedar outra que acabar co capitalismo!

— E sabes o que penso eu? Que aprendes rápido, miña querida Sefa! Así que berra con todos nos: 

polo desarme, pola paz, OTAN NON! E xa que estamos nesas: Goberno sionista á cadea, xa!

Vigo 09/08/2024

 

mércores, 17 de xaneiro de 2024

Setembro do 72


Mire que lle digo, don Manoel! Ben certo é que a liberdade nunha sociedade se mide sempre pola liberdade que ten o que pensa diferente, pero non o é menos que privilexiar a liberdade individual sobre a liberdade colectiva, a liberdade individual riba da xustiza social, non é máis que unha forma de xustificar os abusos dos poderosos. Dirame, don Manoel, e con razón, que moi filosófico comezo hoxe. E eu tomareillo a broma; coma sempre. E coma sempre pensarei que, malia as miñas pretensións de alegrarlle a súa visita a esta nosa taberna con algunha narración, relatorio, ou aínda ás veces (menos das que sería de desexar) brincadeira, acabo introducindo, á mantenta ou sen querer, algún proverbio, sentenza ou apotegma, que invalida, ou polo menos pon en solfa, a miña pretensión de non dar leccións a ninguén. Pero é o que ten o animal: repugnante e mexeriqueiro como boi vello que son.

E non me diga que non é para estar filosófico se temos en conta que, cincuenta anos despois das loitas de setembro do 72, non estamos moito máis preto da consecución dos nosos ideais do que estabamos entón, e que despois de tódalas vidas sacrificadas e tódolos futuros hipotecados naquel pulso ao Réxime, a clase obreira definitivamente non vai ao paraíso.

Que onde estaba eu en setembro do 72? Pois de arribada co Mar de Labrador aos peiraos da Casa MAR. Sei que foi un sábado, polo que debeu de ser o 16, case que ao final do conflito, e viñamos dunha campaña especialmente longa e frutífera en Namibia. E non; non me chamou especialmente a atención o ambiente nas dependencias da factoría nin, por suposto, o das oficinas cando subimos a entregar as documentacións para poder coller uns días de descanso na casa, que non sabe vostede don Manuel o que se move a terra que vostedes chaman firme despois de máis de medio ano na mar.

O camiño ata a casa xa foi fariña doutra muiñada! Chegando a Barreras vemos un grupo de xente na porta do estaleiro gritando consignas como «amnistía e liberdade». Antes de que dean chegado as leiteiras dos grises, a xente dispérsase e xorde un novo grupo diante de Freire. E cando os grises están chegando a Freire, a concentración está en Cardama, ou en Armada ou en Santodomingo! «O que levo perdido!»—dixen para min con admiración. E apresurei o paso para chegar canto antes á casa.

Son moitos anos os que levo celebrando a miña chegada con ben a porto amigo cun conxunto ordenado e meticuloso de actividades, que forman o meu pequeno ritual de «xa estou na casa». En primeiro lugar, teño que mergullar completamente o meu corpo en auga doce para extraer coidadosamente de todas as súas engurras e dobreces, pregas e buratos toda traza de vello sal mariño mollado de suor, de restos de combustible mal queimado e graxa lubricante. A continuación, estreo unha toalla, portuguesa, por suposto!, e seco completamente cada parte do meu corpo coa debida atención e coidado. Chega o momento de escoller, moi devagar, con agarimo, a roupa que vai cubrir ese corpo renacido na auga lustral, comezando pola estrea dunha muda interior, unha camisa branca e un pantalón coa raia ben marcada, para finalizar cos calcetíns de fío e un par de zapatos confortables e acabadiños de lustrar. Poño o reloxo, collo a carteira e as chaves da casa e xa estou en disposición de saír ata a do Mincha por ver que novidades me conta a xente.

Non necesito preguntar: toda a taberna ferve coas ansias de contarme todo o que leva pasado, empezando polas mortes de Ferrol en marzo e os conflitos de Kober en abril, o de Barreras en maio, e esta traca final que comezara de forma inocente coa negociación do convenio colectivo dos da Citroën e a súa reivindicación do sábado inglés.

—O malo, don Paio —explicoume a Sefa mentres enchía a miña cunca daquela ambrosía longo tempo anhelada—, é cando dúas partes se sentan a negociar nunha mesa e unha delas non ten respecto pola outra! E iso é o que pasa! A patronal non tiña intención de negociar ningunha mellora nas condicións dun traballo para o que tiñan milleiros de solicitudes avaladas por cacheiras, lacóns, chourizos e outras exquisiteces!

—Cartos incluídos, ben o sei! E, claro!, as cousas van a peor, que onde non hai non cómpre buscar!

—Iso é! Ti non queres darme o sábado inglés, pois eu convoco unha xornada de loita para ese sábado que non me queres dar. Ti non vés traballar o día 9, pois eu mando cartas de despedimento a cinco traballadores e abro expedinte a outros catro sindicalistas!

Aos poucos, que hai máis clientes que atender, a Sefa vaime contando o resto dos feitos. De como o seguinte luns ás seis da mañá os traballadores de Citroën concentráranse na fábrica e iniciaran unha marcha cara ás outras factorías da contorna para pedir a solidariedade dos seus traballadores. E de como repiten a mesma estratexia o seguinte día, pero desta volta xa entre cargas policiais e detencións. Cada día que pasa, o apoio social á folga vaise estendendo e estendendo, e a masa de traballadores que ha controlar a autoridade competente (máis ben incompetente) vai medrando. Segundo Sefa, que sempre está coa orella posta, aos xerifaltes do réxime preocúpanlles «certas mostras de indulxencia que algúns policías armadas dan cos manifestantes, de forma especial cos estudantes que se sumaron ás mobilizacións. Denuncian a actitude dalgúns que amagan en troques de golpear, ou golpean riba de obxectos próximos simulando facelo no lombo dos manifestantes». Eu escacho coa risa, porque a Sefa pon toda a alma na posta en escena dos golpes simulados, e comento:

—E para apagar o lume da protesta non se lles ocorre mellor cousa que traer a xente dos corpos especiais da Policía Armada dos cuarteis de León e Valladolid! É como se para extinguir un incendio trouxeras unha manda de expertos pirómanos ben armados de bidóns de gasolina!

—Non sei se beberan gasolina, como di vostede, ou algunha outra substancia, don Paio! Que me contou a Paquita, a filla do José do Troncoso, que está de oito meses, que tivo a cara dun deles a menos dunha cuarta da súa e tiña as pupilas dos ollos totalmente dilatadas!

—Miña nai! E pasoulle algo?

—Tivo sorte! Que ollaron por ela tres obreiros de Cardama que a coñecían e foron a polo policía! Salvárona da malleira, que nese estado os grises non respectaban nin cativos nin vellos, nin embarazadas nin paridas con bebés!

—Non sei como non se dan conta de que a actuación desmedida destes grupos especiais favorece a implicación das xentes do común nas reivindicacións dos traballadores en folga!

—E que eles van ao seu! Contaron que estes días, nunha carga que fixeron preto de Sindicatos na que houbo varios feridos, a policía chegou a entrar no local do sindicato vertical, e que houbo protestas porque golpearon a varios funcionarios dos seus! E a xente tenlles tanta xenreira que cando van eles protexendo a circulación dun Vitrasa a xente espera polo seguinte.

Pois sería neste intre da conversa ou en calquera outro semellante cando se achega a min, por aquilo de saudarme, o Moncho, o fillo dun vello compañeiro de mareas no Gran Sol, que traballa de soldador no estaleiro de Barreras.

—Pero de onde carallo sae vostede, don Paio, que lle teñen que explicar todo coma se non fora de Bouzas? —dime con retranca.

—Pois teño para min que do inferno, porque había por alí moita xente queimada…

—Quero entender que segue vostede na máquina do Mar de Labrador, non si? E que lle parece a que temos montada?

O Moncho está entusiasmado. Cóntame que máis e máis traballadores se unen á loita; máis e máis cidadáns pasan de ter unha actitude neutral a dirixir a súa xenreira contra os corpos represivos. Que xa hai máis de sesenta detidos e case que trinta empresas en paro, e que canto máis forte sexa a represión, mellor; mellor canto menos teña que perder a xente, que a deterioración das condicións de vida dos obreiros melloran a súa determinación na loita de clases.

—E o Comité de folga está de acordo con esa estratexia? —pregúntolle ao Moncho un pouco incrédulo— Tedes consultado a asemblea? Porque, ata onde eu sei, a cousa ía de negociar melloras alcanzables, para demostrar aos traballadores o valor da unión e a utilidade da loita polas reivindicacións da maioría.

—A clase traballadora non pode perder esta oportunidade! Que este facho que ergue Vigo hoxe sirva para marcar o camiño cara á vitoria das nosas xustas reivindicacións!

E así seguimos un bo tempo, carne de mitin e pasquín el; xerro de auga fría eu, intentando atemperar o seu entusiasmo con baños de realidade, aínda entendendo que sempre, por moi racional que se pretenda ser, calquera decisión sempre vai ter unha compoñente emocional oculta. Expoñendo el a necesidade dos dirixentes de marchar sempre por diante das masas, matizando eu que por diante si, pero non tanto que un e outro se perderan de vista. E chegando, ao pouco de falar, ao acordo arredor da necesidade de combinar a loita polos obxectivos inmediatos —o salario, o dereito ao descanso, o traballo, a vivenda…—, coa convicción de ser loitadores por outro mundo distinto, por outra sociedade máis xusta que o capitalismo.

Un ollo no paso curto para superar os obstáculos, pero a mirada no futuro, para non perderse no camiño, para non esquecer onde queremos ir.

Marchamos cada un para a nosa casa moi contentos e satisfeitos de sermos capaces de chegar a puntos de encontro. Ao día seguinte saio dar unha volta polo mercado, por ver de comprar un pouco peixe e, sobre todo, falar coa xente, que o mercado de abastos é un bo termómetro do estado de saúde da economía das familias. E teña por certo, don Manoel, que o seu aspecto non era precisamente para botar foguetes! Malia que a nosa terra teña unha clase obreira que non abandonou a súa pequena horta, cunhas galiñas e algún coello, que poden servir como mínima caixa de resistencia, un conflito tan longo no tempo e amplo na extensión acaba coas posibilidades de resistencia das familias en poucos días. E cando os nenos choran coa fame, a vontade de seguir comeza a esmorecer. A parte máis concienciada dos traballadores conservará por máis tempo a súa vontade de resistir, pero o que realmente importa nestes casos é a opinión do traballador normal! E cando as empresas fan un chamamento para que os obreiros renoven a súa actividade, baixo ameazas de enviar cinco mil cartas de despedimento, a Asemblea Obreira entende que a prioridade neste intre pasa a ser a de saber rematar a folga sen deixarse o futuro do movemento obreiro asembleario e democrático nese proceso.

E mire que lle digo, don Manoel! Aínda que, como dicía Aldous Huxley, a única lección que nos ensina a historia é que os seres humanos non aprendemos nada das leccións da historia, si que é certo que aqueles días marcaron un fito importante no desenvolvemento do movemento obreiro. Algúns estiveron alí, superaron o medo e loitaron polo que consideraban xusto. Outros non tiveron a oportunidade, ou non superaron o medo ás consecuencias, ou non tiveron claro que a folga xeral fora o mellor método. Outros chegamos tarde e marchamos cedo. Quixeramos ter loitado pero non tivemos a oportunidade. E moitos outros estiveron dende a solidariedade, dende o apoio activo ás familias dos represaliados. Pero o que é tan seguro coma que a ningún can engorda o lamber, é que a cidade que saíu deses días que hoxe lembramos non foi nunca máis a mesma. Vigo foi daquela, ademais dunha cidade de moitos habitantes, unha cidade de moitos cidadáns.

(Publicado orixinalmente no libro colectivo "50 aniversario folga xeral 1972" editado pola UC das CCOO de Vigo)