Mire que lle digo Don Manoel! Á primeira viaxe do Tiniño no barco de Cangas
seguiron moitos outros, que a travesía, a mais de prestarlle no emotivo
tampouco resultaba mal no crematístico. O medo a un naufraxio, xunguido á
imposibilidade de escapar do artista, fai rubir coma a espuma no pucheiro a munificencia
dos públicos, e abre bulsas e faldriqueiras. Ao Tiniño non facía falla, coma a
outros músicos de menos mérito, cebar o pucho cunha cadela e un patacón para
chamar á xenerosidade dos viaxeiros, que o son da súa gaita acordaba tan ben co
zunido do vento mareiro que o público as veces esquecía que xa chegara ao seu
destino. E aínda por riba non se mareaba! Iso enchíalle de ledicia, imaxinando as
longas singraduras, ignorante de que navegar na ría non é a mesma cousa que
facelo en alta mar. Pero o noso Tiniño devece polos grandes horizontes, so o
ceo e o mar coma únicos límites da súa música. A ría non é abondo! A ría é coma
un mar domesticado.
O navegar pola ría
Sen o compás do gaiteiro
é coma barco sen remo
e remo sen mariñeiro.
Marabilloso texto, rematado por unha coarteta memorabel!!!!!!
ResponderEliminar