xoves, 13 de xaneiro de 2022

Cantar coma un xílgaro!


Mire que lle digo, don Manoel! Ben, ben, o que é cantar coma un xílgaro, cantaba Maruxa, a filla de Ascensión, unha peixeira de Santa Baia de Alcabre que completaba os seus magros ingresos familiares coa venta do tabaco do “entrepot” do seu home.

Ascensión tivera antes de casar unha brevísima vida artística como soprano na Sociedade coral «La Oliva». Vida artística que tivo que abandonar por esixencia do seu mozo, un mariñeiro do Berbés tan garrido como falto de luces, que puxo tal condición convencido de que o noivado outorgáballe esa autoridade. E cabe dicir que Ascensión, filla ao fin da ideoloxía do seu tempo, no puxo á demanda moita oposición, que xa se sabe que nestas cousas non todo é culpa do home, que a opinión de Ascensión algo contaría no resultado! Que moitas veces dicimos que facemos tal ou tal outro desatino por amor, cando ben sabe don Manoel, que o amor para ser tal non pode ser un camiño de sentido único!

Anos despois Ascensión recibiu, do ceo dicía ela, a recompensa aos seus soños e renuncias que deixara como flores murchas deitadas ao pé do altar da igrexa de Alcabre o día da voda: unha filliña cunha voz e un gusto pola música que engaiolaba aos mesmos paxaros á que puxo por nome Maruxa. E o cura bautizou como María, que a igrexa católica apostólica e romana non está por esas modernidades.

Vostede é moi novo para recordalo pero alá polos primeiros anos da década dos cincuenta suprímese a cartilla de racionamento. E zas!, xa non hai fame en España. Xa non hai fame oficialmente porque os cartos das axudas norteamericanas pola instalación de bases militares se quedan nas poutas duns poucos, e pouco mellora a situación da xente do común. Un pouco si. Abondo como para que algúns menos probes que os demais puideran mercar un daqueles aparellos de radio que algúns chamaban, sen saber moi ben por que, superheterodinos. Que se ben non quitan a fame a distraen, e algúns dos concursos aínda a alivian! Como o de “Chocolates la Perfección” (la perfección del chocolate) en Radio Vigo.

E dun destes concursos de Radio Vigo vai precisamente, o noso relato! Un de cancións que non podo recordar se tamén estaba patrocinado ou non pola citada marca de chocolate, que a memoria ten estas cousas cando un ten máis camiño andado do que lle queda por andar.

O que si recordo era que o concurso tiña como dúas fases. Na primeira os concursantes cantaban con público no salón de actos que a propia emisora tiña ao efecto, ou facíano por teléfono dende casa. Dende a casa ou máis ben desde algún comercio da súa confianza, que dispoñer de teléfono propio non estaba ao alcance máis que da xente de moitos posibles! Rematadas as actuacións do día o público presente, e os ouvintes que quixeran facelo telefonicamente, puntuaban a cada un dos aspirantes establecendo deste xeito ás súas preferencias. A segunda fase, ao finalizar a tempada, se facía unha gala multitudinaria no teatro García Barbón con os concursantes que tiñan máis puntuación, na que outorgábanse os diversos e substanciosos premios as distintas especialidades.

Maruxa fora unha mociña sen complexos, sempre leda coma unha carricanta, que bailaba con xeito e cantaba con xenio diante de calquera sen máis que llo pedira. Pero Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades” e Maruxa medrou de moza a adolescente e co período que sinalaba este paso de nena a muller chegaron os medos e as vergonzas, e o poñerse máis vermella que a doa das xibardas con que calquera lle falara ou simplemente ollara para ela. Se Maruxa estaba a cantar pola casa mentres facía ás súas tarefas bastaba que escoitara o murmurio dunha voz allea ou un mínimo ruído pola casa para que deixara de súpeto de facelo. Malia a todo, os premios do concurso de voces de Radio Vigo eran tan atractivos que Ascensión convenceu a súa filla para que participara no concurso chamando por teléfono dende a rebotica da farmacia de don Miguel, un dos máis ferventes admiradores do seu arte canoro. Así que Maruxa, obedecendo o consello da súa nai, encerrouse baixo sete chaves na rebotica da farmacia, e naquel silencio e soidade ceibou de novo a súa durmida voz. Non teño que dicirlle, don Manoel que a súa puntuación foi a máxima posible, superando con moito a dos mellores.

Convencela para que participara na segunda fase no García Barbón foi peor que un dos sete traballos de Hércules! As forzas vivas do barrio sumaron esforzos en convencer á mociña do necesario que o premio era para os seus pais, argumento este moito máis forte para Maruxa que a posible gloria de gañar o concurso. E a petición do fillo de don Miguel o boticario, que estudaba en Compostela e viñera para escoitala cantar nun escenario, foi o argumento definitivo para que Maruxa dera o definitivo si á súa participación.

Chegou o día. Ben sabe vostede don Manoel que cando unha persoa está relaxada atura ben a gana de mexar. Pero cando está nunha situación de ansiedade a cousa non é tan sinxela, e isto foi o que lle pasou a Maruxa. Cada vez que o rexedor lle anunciaba que se achegaba a súa quenda Maruxa apertaba as pernas xemendo “que me mexo, que me mexo!” Ata que non tivo outra que saír porque xa non quedaba ninguén para actuar.

A orquestra ataca os primeiros compases do tema. O director dálle a entrada, pero Maruxa está noutro mundo onde nin se escoita a música nin hai director. Os golpes da batuta no atril semellan espertar a Maruxa que por primeira vez parece decatarse de onde está. “Da capo” di o director dirixíndose os músicos. E máis baixiño para Maruxa: “veña rapariga! Ti podes!” Pero non é certo: Maruxa non pode. Si que comeza a cantar pero coas poutas do medo apertándolle a gorxa ninguén é quen de afinar, e Maruxa sabe que está fora de ton, e os saloucos interrompen o seu canto.

E diante da situación non hai outra que baixar o pano e parar o concurso, mentres que, coma sempre, a masa divídese en dúas faccións opostas. As bestas que comezan a rir e alcumala, e a boa xente que entenden e comparten a decepción da rapariga. Un galiñeiro que cacarexa, berra, apupa e asubía, e unha platea na que os máis calan e algúns protestan pola actitude dos bárbaros. E ao final, cando os insultos dalgúns superan xa os límites admisibles e se lanzan os consabidos desafíos de “baixa se tes ovos” esube se os tes ti”, montouse unha pelexa que a piques estivo de dar cos pelexadores no cuartel dos grises, acusados de alboroto público.

E mire que lle digo don Manoel! Que aquela noite Maruxa volveu a casa acubillada por un brazo do seu pai, mentres, por primeira vez en moito tempo, Ascensión colgábase do outro, orgullosa da forza e enerxía do seu home.

Non te troco meu meniño,

non te troco meu amor;

nin pola prata da lúa,

nin polo ouro do sol.

 

martes, 4 de xaneiro de 2022

Viva San Roque!


Mire que lle digo don Manoel Non vai moito tempo alá conteille algo da índole e carácter do Roque, aquel home que amaba os cans por riba de tódalas cousas. Do Roque e do seu can que atendía polo nome de Trotski e tiña a cara cuspidiña (segundo os seus ollos) á do revolucionario ruso. Recordará que o noso Roque érache un polemista vocacional que podía pasar horas e horas abullando proposicións, premisas e conclusións, inductivas ou dedutivas, como o caño dunha fonte verte auga.

Xa ve don Manoel! Nada que ver co aquel outro Roque, nado de Montpellier, que percorreu a península itálica camiño de Roma curando a todo canto apestado saíalle ao camiño facendo riba deles o sinal da cruz. E enterrando a aqueles que, por unhas razóns ou por outras, morrían malia a aplicación de tan científico procedemento! Nada que ver un e outro Roque nin na fasquía nin no temperamento! O santo, milagreiro e un pouco parvo; o de Bouzas espelido como o can do ferreiro que dorme ás marteladas e esperta para ás dentadas, que nunca está para traballar pero non falta a ningunha festa. O santo tan xeneroso que aínda despois de morto ten o arranque de curarlle a perna a seu carcereiro, (Xustino, disque se chamaba), cando este deulle unha patada para comprobar se estaba morto de verdade ou tiña gana de amolar; o noso confrade sen facer nunca nada de proveito como o can de san Torrado que canto fai coa boca, desfaino co rabo. Peregrino a Roma o primeiro, nin a Compostela foi o segundo; patrón dos peregrinos, dos contaxiados por epidemias, dos falsamente acusados, dos inválidos e dos cirurxiáns o primeiro, católico non practicante o segundo. Despois de todo o relacionado, creo que podo afirmar con razóns abondo, que as únicas semellanzas entrambos Roques serían o patronímico e o can.

E deste noso Roque, e non do santo que, como é habitual nos santos e non sei moi ben con que propósito meteuse polo medio, era do que ía a anécdota que queríalle contar ao primeiro e á que tantas voltas e circunloquios levo hoxe dado.

Pero onde carallo ía eu? Déixeme aclarar de vez a gorxa e a mente cun grolo deste monterrei. Xa sei: o do polemista vocacional! Pois verá don Manoel. Ben sabe que os cans non son moi habituais na nosa taberna, que a Sefa é da opinión que non entren os cans onde beben os cristiáns, pero fora porque xa estaba dentro e non era cousa de botar fora a un cliente novo, ou porque non tiña moita gana de discutir, aquel día coincidiron na Taberna do Mincha un home cun can deses que chaman salchicha, e o noso Roque.

-  Ten vostede un can moi bonitiño! −Intenta o achegamento o Roque De que raza é?

-  De raza negra. Ben se ve! −Resposta o noso home, sen inmutarse.

-  E como se chama? −Insiste Roque.

-  Chamar non sei como se chama. O chamo eu.

-  E como lle chama vostede?

-  Eu chámolle Breo.

-  Ah! Ben sei! Un apocope de Breogán.

-  Non. Nin “pouco pe” nin ostias: Breo! Nada de Breo o can, que a xente ben sabe que é un can sen necesidade de dicilo!

O home deu por rematada a conversa. Viroulle as costas ao Roque e seguiu a beber o viño e comer da tapa. Cando rematou pediu a conta, pagou e sen desfechar a boca para dicir palabra saíu pola porta. Roque quedou amolado polo pouco que dera de si a conversa. Entón Antón, o irmán do Farruco que todo o que tiña de groso e desmedido no xantar e beber, o tiña de oportuno nas sentenzas, chantoulle dende o extremo da barra:

-   A que non sabedes como se chama a caseta deste can? Contestándose decontado a si mesmo antes de que alguén puidera gañarlle pola man Fogar de Breo-can!

Por dicir: viva San Roque!

prenderon ao meu irmán,

agora que o soltaron:

Viva San Roque e o can!


Por dicir: viva San Roque!

prenderon ao meu Antón,

Aínda pena na cadea:

Abaixo a Constitución!

domingo, 26 de decembro de 2021

Serendipias.


Mire que lle digo don Manoel! Que sería aló polos anos setenta, cando no pesqueiro conxelador da casa M.A.R. que levaba por nome Mar de Labrador, ocorreron os feitos que agora voulle relatar. E que puiden saber do sucedido, non soamente polo coñecemento directo das persoas que nela interviñeron, senón pola miña condición de protagonista deses feitos. Condición que se servirá desculpar, don Manoel, xa que ben sabe vostede, por estatística dalgúns anos de conversas, que non teño por costume exercer.

Como recordará o Mar de Labrador era o primeiro pesqueiro de corrente alterna trifásica que se fixera en Galicia nos estaleiros de Barreras, para ser máis exactos polo que o manexo e mantemento da planta eléctrica de tal buque presentaba certas dificultades para as que os maquinistas navais da ría non estaban moi en disposición de afrontar con éxito. Recordará tamén que don Javier Sensat, coñecedor das miñas habelencias acoplando a barras e desacoplando delas aquelas máquinas do diaño, mañas aprendidas nos buques irlandeses que xa incorporaban esta tecnoloxía, nomeárame xefe de máquinas do Mar de Labrador, aínda que carecera de título oficial que o xustificara.

Seica don Antonio de la Cruz, o enxeñeiro que deseñou a planta eléctrica, correu media Europa na procura de máquinas, aparamenta e cabos para aquela instalación, que nada diso había daquela en España, recalando ao final de moitas reviravoltas nas fábricas que a Siemens tiña en Erlangen e Nuremberg. E máquinas, aparamenta e cabos viñeron das fábricas alamanas para seren instalados no buque baixo a estrita supervisión de enxeñeiros de tal nacionalidade. Que os alemáns perderían unha guerra tras doutra, e a dirección da Siemens estaría acusada de utilización de traballo escravo nos campos de concentración de Ravensbruck, Sachsenhausenen e Auschwitz, pero como dicían eles "arbeit macht frei" o traballo vos fará ceibes, e o que tivo retivo.

Teño que recoñecer que a práctica totalidade da planta eléctrica funcionaba perfectamente, moi á alamana, excepción feita do cabrestante de pesca, tamén fabricado por SIEMENS, e que basicamente era un sistema Ward Leonard con algunha mínima modificación. Curiosamente o sistema daba problemas soamente cando a porta estanca do pañol da máquina e a do armario de automatismos estaban na súa situación normal: pechadas. E perfectamente coas portas abertas, a do pañol da máquina e a do armario de automatismos aberta nun certo ángulo.

Falarei agora do capitán do buque. Don Antonio, do que non se se xa lle falara nalgunha outra ocasión, era, ademais dun moi bo navegante e un máis que aceptable patrón de pesca, un devoto das novelas de Sir Arthur Conan Doyle, e mais en concreto das que relataban as andanzas de Sherlock Holmes narradas polo bo doutor Watson. E un bo conversador que gustaba tanto de escoitar boas historias como de contalas a un auditorio atento. Cousa que no comedor de oficiais do Mar de Labrador rareaba tanto coma os pelos na cabeza dun vello.

-  Os científicos son, en moitas ocasións Sostiña don Antonio diante de quen lle quixera escoitaralgo así como uns detectives da realidade. Reconstrúen cara atrás o camiño de causas que levan a efectos aparentemente casuais e identifican mecanismos de forma que os podamos controlar e reproducir.

Son de culleres nos pratos de peltre e balbordo de sorber a sopa, por todo comentario.

-   O que Thomas Huxley −teimaba don Antonio chamaba “profecía retrospectiva”, ou sexa a forma de obter coñecemento dos achados casuais, das coincidencias felices.

Unha vez máis a calada, e algún arroto, como toda resposta aos intentos do capitán de iniciar algún tema de interese. As miradas dos asistentes á cea no comedor de oficiais do Mar de Labrador seguen cravadas nos pratos como se a fonte da sabedoría estivera no seu fondo.

-   Xa sabedes −insistiu unha vez máis don Antonio, xa un pouco desesperado ao comprobar que tan interesante tema, base dos relatos de Sherlock Holmes estaba a morrer de morte calada Thomas Huxley! O avó de Aldous Huxley, o do “Un mundo feliz”, e de Andrew Huxley, que gañou o premio Nobel polos seus estudos sobre a transmisión dos impulsos nerviosos!

Entón don Manoel, eu, aínda que plenamente consciente de estar como invitado naquel comedor, que malia ao meu cargo o resto de oficiais do buque non me tiñan por un deles, non din aturado máis e intentei botarlle un cabo a onde don Antonio puidera amarrar a lancha da conversa que ameazaba naufraxio.

-  E mire que lle digo don Antonio! Iso que fala dos achados casuais, das coincidencias felices, ten algo que ver con iso que chaman serendipitia, ou aínda chiripa?

-  Ben certo Paio! O método de investigación que empregan os grandes detectives da literatura, sinaladamente o Auguste Dupin, de Edgar Allan Poe, ou o Sherlock Holmes de Sir Arthur Conan Doyle, non son máis que a expresión literaria da asunción cotiá de que todo feito, todo acontecemento que podemos observar, ten unha causa, ou unha serie de causas, que producen tal efecto.

-  Como o do cabrestante de pesca don Antonio?

-   O do cabrestante de pesca? E logo Paio, que carallo pasa co cabrestante?

-   Que non funciona ben máis que coa porta nunha certa posición.

-   E iso?

Conteille entón o proceso da miña investigación, cales foran as miñas observacións e por que camiños dedutivos chegara ás miñas conclusións. Como ben sabe don Manoel, o control do sentido e velocidade da máquina de pesca acádase actuando riba do reóstato de control da excitación da dínamo, de xeito que segundo as necesidades da virada regulas a tensión do conxunto xerador/motor de continua, e polo tanto a velocidade do cabrestante mantendo o seu par motor. Ao chegares a velocidade cero os contactores cortan a excitación da dínamo e entran os freos da máquina. O caso era que por moito que intentáramos sincronizar un e outra actuación non había xeito e o aparello sempre viraba un pouco de máis para desesperación do pesca. Salvo cando as portas estaban na disposición antes indicada: totalmente aberta unha e nunha certa posición a outra [1].

-   Moi ben Paio! −interrompeume impaciente don Antonio Non entendo un carallo de todo o que ves de contar! Queres ir ao cerne do asunto e ilustrarnos arredor da relación que o teu relato ten con Sherlock Holmes ou a serendipitia?

E mire que lle digo don Manoel! Naquel intre, ao comprobar a cara de aburrimento dalgúns dos oficiais do comedor, o anoxo e fastío doutros, e o nulo interese de todos eles por entender as causas polas que o sistema funcionaba o deixaba de facelo consonte a posición dunhas portas, e que tampouco o Capitán, o meu único aliado naquela guerra, devecía por sabelas, dixen para min: Paio, meu amigo, explicandum non poposcit manifestam culpam! E logo xa para eles:

-   Nada meu capitán! Que se algo funciona, aínda que non saibas por que, mellor nono toques.

E como é probable que non recorde de onde ven iso da serendipitia, eu que non son daqueles de tirar cousas, por se ocorre aquelo de «Cando tras anos de gardar unha cousa sen usala decides tirala, non pasará máis dunha semana que a necesites de verdade», lla deixo aquí nun recorte dunha revista vella.

O conto de Serendip.

Hai disto moito, moito tempo, viviu en Serendip, no Afastado Oriente, un  poderoso rei chamado Giaffar. O rei tiña tres fillos aos que amaba profundamente. Tanto que ocupouse persoalmente de darlles a mellor educación para que o seu futuro goberno estivera acompañado por todas as virtudes que son tan necesarias (e tan pouco habituais) para un príncipe. Na súa educación científica non faltaron a filosofía e o cultivo de tódalas artes, maiores e plásticas, chegando a alcanzar o pracer no seu cultivo. Chegados a este punto o seu pai pensou que a educación dos príncipes non estaría completa ata que non camiñasen polo mundo e coñecesen ás súas xentes, así que lles fixo emprender unha viaxe.

No seu camiño topáronse cun mercador que perdera un camelo e que preguntoulles se o miraran. Eles responderon que soamente ollaran unhas pegadas dun camelo, que non sabían se sería o que el buscaba. Que o animal do que atoparan o rastro estaba coxo, cego dun ollo, faltáballe un dente, levaba ao lombo unha muller embarazada e, ademais, carrexaba mel nun lado e manteiga no outro. “Tal era!” −Dixo o comerciante. E, diante dunha resposta tan meticulosa dos tres príncipes, acusounos de haberllo roubado.

Os príncipes foron levados a presenza do Emperador. Este preguntoulles como puideron saber con exactitude tantas cousas sobre o camelo sen velo nunca, e eles referíronlle as súas deducións. O camelo comera herba ao lado do camiño en que esta era menos verde, así que debía ser cego dun ollo. Ao longo do percorrido había uns poucos de herba mastigada que deberon caer polo oco do dente que lle faltaba a este.

As pegadas mostraban que arrastraba unha pata, así que debía de ser coxo. Había formigas nun lado do camiño, atraídas pola manteiga  derretida, e moscas no outro, comendo o mel derramado. Xunto ás pegadas do lugar en que o camelo se había axeonllado, estaban as duns pés e, xunto a eles, ouriños dunha muller. Había tamén pegadas de mans, polo que supuxeron que a muller estaba embarazada e tivo que apoiarse nas súas mans ao ouriñar. O xuízo viuse interrompido polo anuncio de que o camelo fora atopado. O emperador, encantado pola sabedoría dos tres irmáns, despediunos colmándoos de agasallos e eles seguiron as súas aventuras.



Nota [1]: Para aqueles que estean interesados no tema, e cursaran con aproveitamento a materia de Instalacións Eléctricas, preferentemente baixo o meu mestrado, estou en disposición de aclararlles as razóns de tal estraño comportamento. Resulta de especial utilidade repasar as páxinas dedicadas aos procesos de corte en corrente continua do libro de “Centros de Transformación. Anatomía e fisioloxía”  

sábado, 11 de decembro de 2021

Abrir camiños no mar.

 



Mire que lle digo don Manoel! Non sei se chegou a coñecer a Herman, un alemán que traballaba de mecánico na fábrica de motores de Barreras. Non? É certo; despois daquela ocasión xa non veu moito pola do Mincha. Que ocasión? Non tema don Manoel, vai nun correndiño!

Herman (lamento non recordar o seu apelido) viñera como experto para a resolución dos problemas das bombas de inxección de Bosch que Barreras montaba nos motores que fabricaba con licencia da holandesa Werkspoor. Teño para min que Herman era ateo de vocación, pero cando tiña un pouco de Monterrei  de máis no pique de proa, xurdía de ben abaixo das tripas a educación protestante que lle deran os pais, e gustaba de recitar con voz campanuda versículos escollidos do vello testamento. Á práctica totalidade da parroquia, que o pouco que coñecía da Biblia era na versión do Padre Astete, tanto nos tiña que capítulo e versículo citados como fontes foran certos ou inventados, que para o caso tanto dá touciño coma soá!, pero todo ten o seu tempo, e como embude á boca do xerro chegou o día en que coincidiron no mostrador da taberna o mecánico alemán recitador de pasaxes de Biblia e don Evaristo, o ilustre Catedrático de grego no Instituto Santa Irene que verteu ao galego os fermosos versos de Homero.

Pouco hai que contar deste primeiro encontro, excepción sexa feita da expresión de asombro do catedrático, boca lixeiramente aberta da sorpresa, mostacho engurrado, pasmado o camiño da cunca ata os beizos, e os ollos desorbitados, descomedidos detrás das grosas gafas. Intrigado don Evaristo demandou á Fina pola natureza e costumes do mecánico, e nun período de tempo que non son quen de precisar, pero en todo caso breve, mecánico experto no vello testamento e catedrático máis afeccionado a outras divindades, volveron a coincidir na do Mincha un día no que o temporal asolagaba a praia do Adro e a escuma das ondas petaba nas portas da igrexa de San Miguel.

Pouco tardou Herman en atopar na súa memoria capítulo e versículo acaídos ao caso:

-  E dixo o señor: “Subiu o mar sobre  Babilonia; da multitude das súas ondas foi cuberta. Isaías 43:16”

Don Evaristo calou. Tirou un libro do maletín de coiro que trouxera con el, e procurou lixeiro e veloz no seu contido.

-   O señor me perdoará pero esa cita non é Isaías 43:16 senón Xeremías 51:42.

Herman o mecánico xa tiña o rostro rubio de seu, rubio que subía de intensidade cando o viño facía o seu efecto, pero ao sentirse cachado na súa fachenda, o color da súa face pasou do vermello do arroibar ao violáceo indicador de problemas circulatorios importantes. Deixou a cunca que sostiña na man riba do mármore do mostrador, deu media volta e saíu pola porta da taberna sen dar nin chío.

-  Don Evaristo! −laiouse o Mincha −podería vostede estar caladiño, que fodeume un bo cliente!

-  O sinto Farruco! −contestou don Evaristo −pero este home andaba buscando quen o corrixira de tanta desvergonza.

Por un intre a taberna quedou en silencio, como sopesando uns e outros argumentos. Daquela pareceume oportuno rachar a tensión cunha pregunta.

-  Don Evaristo −dixen eu − .E o de Isaías ten algo que ver coa treboada?

- Pois home! Moito non, pero a cousa tampouco está tan lonxe! Di así: “O Señor abriu un camiño a través do mar, un carreiro por entre as augas impetuosas”. E diso de abrir camiños no mar creo que teño eu algo aquí!

E don Evaristo abriu de novo o maletín, colleu un libro e procurou unha historia que máis ou menos dicía así:

Turgut Reis, máis coñecido no levante español como Dragut, foi un destacado corsario que ás ordes de Khair-ad-Din "Barbirroibo" saqueou o Mediterráneo dende Calabria a Túnez, dende Cullera a Pollensa. Para derrotar a Turgut, o emperador Carlos V enviou ao almirante xenovés Andrea Doria que despois de moitas e feras batallas, con grandes perdas por ambas as dúas partes, conseguiu facer fuxir ao pirata que foi a refuxiarse cos 20 navíos que lle quedaban nunha enseada na illa de Djerba. Os barcos de Andrea Doria descubriron o seu agocho e tomaron o control da entrada da badía. Sabedores de que non había parte ningunha por onde Dragut puidera saír coas súas naves decidiron non arriscar ás súas nun enfrontamento directo.

Pero cando todo semellaba perdido a Dragut ocorréuselle facer un camiño para escapar, senón no mar, na marisma que xungue a illa á terra polo sur leste. Dous mil homes durante oito días traballaron con empeño mentres algúns outros soldados fustrigaban a Doria para despistalo.

“tirando los Moros y la Chusma con maromas, y rempuxandolas con los hombros con grandissimo silencio, siguiendo unas tras de otras a la hila las sacaron todas del canal (…) por la otra parte de la Isla y dexo a Andrea de Oria burlado”

E mire que lle digo don Manuel Estas eran as cousas que se lle ocorrían a don Evaristo: dun pequeno dito o sentencia deseguida tiraba unha historia, un sucedido, que deixaba a todo o mundo coa boca aberta. Ata que punto esta do pirata Dragut e o abrir camiños no mar era certa ou tan falsa como as citas bíblicas do alemán, non me hei de pronunciar.

Eu ben vin estar o cuco

enriba do paspallás,

se foi verdade ou mentira,

mira a min que se me dá!


mércores, 24 de novembro de 2021

"Un home sempre leva razón..."

Mire que lle digo don Manoel! Facía anos que non miraba un ollomol tan lucido como o que lle vendeu a Laura hoxe no Mercado de Bouzas. E que, por certo, leva vostede con tan pouco xeito que vaille ir parar ao chan! Tan medrado e lucido o vexo, que tráeme ás mentes aquel da nosa noiteboa do trinta e seis, na que, grazas a dona Alicia, ceamos en troques de patacas ollomol adobado con dignidade! O de “grazas a dona Alicia” non deixa de ser un falar, que xa lembrará vostede que tanto dona Alicia como o seu marido pretenderan aquela noite aproveitarse da nosa necesidade e miseria, pagando menos da metade do que valía o ollomol que lle encargaran á miña nai para noiteboa.

-  Ou mo deixa no que eu digo ou a ver que llo vai a mercar a estas horas dixera daquela don Miguel todo fachendoso e pimpante!

-  Pois mire que lle digo don Miguel! Que iso é precisame
nte o que imos facer!
respondeulle entón a miña nai –que na nosa fame mandamos nos!

Ningún rancor con ela, don Manoel! Non lle voto toda a culpa a ela de facer o que fixo e de ser como era, senón á sociedade que a desamañou. Que teño para min que dona Alicia, como ás máis das “donalicias” de onte e de hoxe, foron de novas nenas feiticeiras grávidas de ilusións e boaventuras e adolescentes bébedas de posibilidades despois. Para nunha volta de man, acabar aferrolladas a un matrimonio construído de frustración e renuncias. Matrimonio do que, segundo a lei de deus, non había volta atrás! Todo o máis chorar os sete chorares maxinando o ben que lle houbera ido con aquel ou aqueloutro galán que a pretendera. Chorar e laiarse esquecendo que a solucións dos nosos problemas e frustracións está, ás mais das veces, en cambiar nos mesmos, e non en cambiar de consorte.

Dona Alicia ven sendo unha daquelas damas que nin discute novidades, nin comprende constitucións, nin se cura de opinar conforme a estas ou ás outras ideas, firme no seu inquebrantable fanatismo relixioso, dogmatismo que ao social e político estende [1]. Unha desas mulleres para as que un home sempre leva razón cando as golpea, as humilla ou as ignora.

- Seguro que sen me decatar sequera, en algo ofendín a súa virilidade! xustifican.

Dona Alicia acepta de bo grao que o desbaldidor do seu marido ande, intentando aparentar cos amigos o que non é e o que non ten, a patadas co diñeiro que non teñen. Acepta que fundira e xogo e putas os cartos da cumprida dote que aportou ao casorio, aínda que tal aceptación implique andar decotío escapada dos acredores, con cada día menos tendas que lle vendan fiado, tan afogada coas débedas que non poida nin mercar unha vasquiña nova cando a que leva acotío está chea de brillos, ou uns polvos de arroz ou a crema Bella Aurora que tanta falla faille para disimular as incipientes engurras. E por riba ter que escoitar a resposta do seu marido cando lle pide algún diñeiro para mercalas:

-  Eso no son más que tonterías! ¿Para quién quieres arreglarte tú, si ya estás casada?

O sexo é para don Alicia unha constante frustración. Nunca o hai cando a ela venlle a gana; sempre cando a el as urxencias. E sempre é sen pararse en outras consideracións, sen deterse a tomar os tempos axeitados. E se ela se resiste, mellor! Que unha violación, aínda que sexa da muller propia, o motiva moito máis que cando ela lle deixa facer sen reaccionar, como se estivera morta. Por non falar das veces que ten que aturar que a use para masturbarse pensando en outra! Sen ires máis lonxe a semana pasada, cando chegou da casa da Collona un pouco caneco de máis e moi fora de si, porque se lle acabara o creto, e dona Esperanza non lle permitira fornicar máis ao che debo.

-  Miguel que vas máis cacheiro cun verrón! A ver se as vas pagar coa parenta e para logo de nove meses vas ter que apandar coas consecuencias! acírranlle os amigos que, aínda que si que estiveron cada quen coa súa pendanga, seguen con gana de foder.

E se esta caste de damas da burguesía ás que veño a alcumar coma “donalicias” son así tomadas de unha en unha, collidas en grupo son moito peores! Como os animais encerrados en mandas, as “donalicias” desenvolven graves cadros de ansiedade e agresividade seguidos de episodios depresivos, e unha grave afectación da saúde mental e da estabilidade emocional. Non tema don Manoel que non é diagnóstico meu! Me limito a repetir como un papagaio ás expresións de don Evaristo, o aposto e baril médico da rúa dos Ferreiros que gustan visitar acotío ás donas das que estamos a falar, e que xa está farto de receitar tanto placebo para alivio, xa que non remedio, dos devanditos males! Que fármacos para estas doenzas non as hai nas boticas!

Que cantidade de enerxía, don Manoel, empregan en manter ás aparencias, as convencións sociais, en ocultar as súas desgrazas individuais dentro do grupo. Rara vez discuten entre elas, e menos diante do inimigo exterior, o home. Non hai espazo para a solidariedade, e se algunha delas cae na tentación, ou amosa algún signo de debilidade, o resto de femias irán en grupo a magoar, a ferir, a lacerar á probe inxenua como pouco digna do seu sexo e condición. Cando cada unha delas devece por deixarse caer nas mesma redes que abomina!

E mire que lle digo don Manoel! Non me estraña que comparada con estas mulleres a mesma Pardo Bazán pareza a algúns un exemplo de feminismo, porque exemplos hai para todo, e un abisinio non parece tan negro cando o comparas cun etíope. E feminismos hai para todos os gustos. Dende feminismos sentidos ata sobrevidos; dende os biolóxicos ata os científicos; dende os que integran a perspectiva de clase, ata os feminismos meramente folclóricos, como o do personaxe aquel que afirmaba todo foncho na prensa, no que pensaba era toda unha declaración “de apoio á loita feminista”, que “tiña por norma non falar mal das mulleres, sexan quen sexan, representen o que representen”. Porque eu don Manoel, que son dos tempos que son, como creo fondamente na igualdade de tódolos sexos, cando teño que criticar a alguén, do mesmo xeito que non reparo no color do que teñen os ollos, tampouco o fago tendo en consideración en cal dos múltiples sexos milita.

Sei que queda moito por avanzar. Que a república foi un primeiro banzo dos moitos que compre subir. Que logo na ditadura, recuamos da man de cregos e militares en igualdade e dereitos ata a idade media. E recuamos todos! Homes e mulleres; a sociedade no seu conxunto. E que hoxe, nas mans desta tan curiosa transición, imos avanzando, a pequenos pasos e moito máis lento do que cumpriría, pero avanzando camiño á necesaria igualdade de dereitos. Pero sei tamén que para poder avanzar máis rápido cómpre o traballo de todos. O traballo, si, que non a loita! Que loita implica violencia e demasiada violencia sofren xa ás mulleres. Traballo e mobilizacións tamén. Aínda que sempre acompañadas de formación e educación! E nada de “sácate ti que me poña eu”, senón cóbado con cóbado, apostos facendo bo xugo e turrando do mesmo carro. Para que nunca máis se poda dicir con razón de muller ningunha:

“Así o atopamos e así o habemos de deixar” é a fórmula que a todo aplica, crendo firmemente que o mundo, por moitos tombos que dea, volve sempre ao que ela viu, coñeceu e sentiu, na súa florida mocidade.[2]



[1] Benito Pérez Galdós “As tormentas do 48”. Episodios Nacionais

[2] Ibidem.

domingo, 7 de novembro de 2021

"O negro Pepito"


Mire que lle digo don Manoel! Estaba hoxe, como teño por costume, escoitando a radio cando de súpeto ouzo nela unha canción que leva por título “Montilla”, que eu coñecía na versión do grupo Illapu[1]  e que no retrouso di algo así como:

Ahí viene Montilla a dar la pelea

y viene diciendo, morena: la bala chirrea.

Él armó su gente con la artillería

y prendió los fuegos, morena, al Ave María.

E o inmenso poder evocador da música fai que a canción me colla no seu colo para levarme a un tempo e un espazo xa idos! E nun instante me devolva ao pegañento calor e o acedo recendo a aceite queimado da máquina do Mar de Labrador, para nese útero escuro e esvaecido atopar a singular presenza do “negro Pepito”, un engraxador guineano que tiña ás miñas ordes naquel buque da Casa MAR do que penso que xa lle falara.

O, por mal nome, “negro Pepito” chegara a Vigo dende o seu Malabo natal, daquela Santa Isabel, despois de dar no camiño máis de mil reviravoltas que darían para unha novela do tamaño e o interese da “Historia de Tomás Jones, o expósito”. E coma as horas da garda na máquina son moitas, eu son daqueles que ás veces saben escoitar e o engraxador tampouco militaba na grea dos mudos, deseguida souben da súa boca algunha das cousas daquela vida que tantos xiros, cambios, voltas e viradas tiña.

Dixen antes que Xosé, que eu nunca quixen utilizar aquel aldraxante alcuño de “negro Pepito”, nacera en Santa Isabel[2] na illa Fernando Po. Dixen, e non sei se é de todo certo. Porque, polo menos no meu recordo, a máis antiga das historias que contou comeza na escola da Misión que os claretianos[3] tiñan en Banapá, hoxe un barrio de Malabo, onde estudiou as primeiras letras, pero tal cousa fala de onde naceu ao coñecemento e non de onde viu a luz primeira.

Contoume Xosé que, malia o total descoñecemento do castelán que tiña ao ingresar na Misión, berce que foi da obra misioneira claretiana na Guinea Ecuatorial, zafouse nas materias que tiñan que ver coa lingua, e brillou nas relacionadas co cálculo e as matemáticas, o que lle deu a oportunidade de ser escollido cando rematou as primeiras letras para ingresar na prestixiosa escola de carpintería que fundara, e dirixira ata o 1949, Lluís Sagarra, o misioneiro que, aínda sen estudios de arquitectura, foi autor dos proxectos e director das obras da catedral de Santa Isabel en Malabo, da igrexa de Batete e dunha chea de construcións de todo tipo na illa de Bioko. Podo dar fe de que tanto a carpintería en xeral como o cálculo de estruturas en particular, non tiñan segredos para o meu engraxador.

E dirá vostede, don Manoel: como un carpinteiro con tales habilidades chega a engraxador nun pesqueiro conxelador? E ten moita razón en preguntalo! Pero éche o que hai! Tantos anos de descoñecer a nosa propia historia imos coñecer o que sucedía nunha das máis afastadas das nosas colonias? Creo que xa o puxera sobre aviso das moitas reviravoltas que deu o Xose para chegar ata a Taberna do Mincha, e seguro que non faltará ocasión para relatar algunha máis.

Agora, se non lle resulta enfastiado don Manoel, volvamos á máquina do Mar de Labrador, e aos meus engraxadores. Un que xa coñece, Xosé o “negro Pepito”, e Mo Tzu ao que chamabamos Mozi, un chinés de procedencia descoñecida que entendía mal e falaba peor na nosa lingua. Xosé e Mozi non cadran ben en case que nada. Xosé fala un perfecto castelán, e aínda intenta con xeito adobialo con algunha expresión en galego, mentres que Mozi ten dificultades para entender o que se lle manda facer. Xosé é un gran profesional que anda decote coa orella posta ao que lle contan as máquinas, adiantándose aos seus desexos e necesidades, mentres que o de Mozi é unha penitencia para el, e para o resto do persoal de máquinas.

Os erros de Mozi coas máquinas ás que tanto estima Xosé son constantes. Un día que de erro pasa a barbaridade, Xosé intenta intervir para que a avaría non vaia a maiores, e Mozi o aparta con violencia mentres espétalle na súa case que inintelixible fala:

-  Fuxe de aí negro fedorento!

Daquela Xosé encolleuse de ombreiros, sorriu amosando aqueles dentes dun branco ferinte, e púxose a cantar:

El que me dijera negro

yo no me enojo por eso

porque negro tengo el cuero

pero blanco tengo el hueso.

E mire que lle digo don Manoel! Disque os galegos non somos racistas. E digo eu que todos somos racistas se chega o caso. E como afirmaba no conto das dúas portas do Memorial do Holocausto de Xerusalén, non existe unha porta para as persoas sen prexuízos raciais porque non hai persoas sen prexuízos raciais. Porque o racismo nace da inseguridade e do medo ao diferente, e xa sabe que, perdoando a expresión, “o que ten cu ten medo”.



[1] Illapu, cuxo nome no idioma quechua significa raio, é un recoñecido grupo chileno de música de raíz andina, que foi fundado en 1971 na cidade de Antofagasta.

[2] O nome actual da cidade de Santa Isabel é Malabo e o da illa de Fernando Po, Bioko.

[3] Os claretianos, oficialmente Congregación dos Misioneiros Fillos do Inmaculado Corazón de María, é unha orde misioneira fundada en 1849 polo arcebispo de Santiago de Cuba e confesor da raíña Isabel II, Antonio María Claret i Clará.

domingo, 10 de outubro de 2021

O home que amaba aos cans.


Mire que lle digo don Manoel! Viña pola nosa taberna, perdoará dona Sefa o posesivo!, pero algo nosa xa é, un home moi amante dos cans. Puxéranlle por nome Roque, e quero pensar que tal escolla non fora feita a mantenta, por ver se coma o santo collía afecto a tal especie animal, senón que nome e afección non eran senón unha de tantas casualidades nas que non cómpre procurar ocultos designios.

Mala cousa era falar de cans cando o noso Roque estaba diante! Porque como lle deixaras coller o fío era quen de dar máis leria que un batán falando e falando ata escorrentarlle á probe Sefa co toda a clientela da taberna.

- Ter can reduce a tensión e depresión e o risco de padecer enfermidades cardiovasculares. −Argumenta o Roque, para ir facendo boca. −Aumenta a  autoestima e axuda moito a mocear! Por exemplo: a moza dos teus degoiros ten can? Pois xa está! O teu can achégase ao dela e contacto establecido! Que cando o can quere cadela moito esfarela! E coa vantaxe de que tedes moitos intereses comúns de que poder parolar!

E nunca falta quen acuda ao cebo, e responda:

-  Un can na cidade é un estorbo! Outra cousa é na aldea onde os deixas ceibes na era e de cando en cando lle botas auga para beber e algo para xantar.

-  Ter un can na cidade é unha regalía! Mantente novo e en forma! O teu can necesita xogar, ser paseado a miúdo. Fará que non teñas outra que manterte en forma para andar canda el, para correr tras del. E moito máis barato que un ximnasio!

Logo están os do argumento social-sentimental.

-  Coa fame que hai no mundo, non sei como sodes quen de gastar os cartos nun animal en troques de mercar alimentos para os nenos famentos de África!

-  Para os de África ou para os do Calvario, que tampouco pilla tan lonxe! Home, non sei ti, pero eu estou de voluntario nun banco de alimentos! Porque querer aos animais non che fai querer menos aos seres humanos; aínda que algúns deles o merezan pouco.

O noso Roque sempre ten o ás para matar o tres! E tamén ten respostas para os do “gato e can, mala parella fan”.

-  Pois onde estea un gato que se quiten tódolos cans!

-  Por iso se vende a vaca, porque a un gústalle o entrecosto a outro o solombo! Como di o adaxio “O gato é da casa, e o can é do amo”.

-  O gato irá a súa pero non o oculta. O can vai de leal pero tamén hai proverbio para iso: “abanea o rabo do can, non por ti senón polo pan

-  Logo non son tan distintos de nos! Pero non é certo que os cans sexa leais a quen danlles comida; non son leais a un comedeiro automático! O son ós que atenden as súas necesidades de todo tipo. Incluída a necesidade de afecto, que teñen máis desenvolvida que as propias persoas. Todo o que deas a un can cho devolverá centuplicado. Salvo os malos tratos! E sobre todo, nunca se afastarán do teu lado e menos en momentos difíciles.

Xa ve don Manoel que o noso Roque era daqueles de que “anque me botes os cans ó rabo, léveme o demo se deixo o nabo”, que podía seguir deitando proposicións, premisas e conclusións, inductivas ou dedutivas, horas e horas ata que o seu opoñente arriara a maior, pagara os chatos, e saíra da taberna xurándose a se mesmo non volver á do Mincha mentres o Roque estivera nela.

Acompañaba sempre ao Roque un can de ollos cheos de sabedoría canina, que atendía polo nome de Trotski.

-  Se vos fixades nel contaba ao que o quixera escoitar veredes que o nome élle ben acaído. Ten cara de chamarse como o revolucionario ruso. É a vantaxe cos cans e o problema cos fillos. A estes tes que elixir o nome antes de saber que cara van a ter, e se lle vai ou non a “quedar ben”.

-  Levas razón Roque! −sinalaba eu− Que cara de chamarse “Melampo” non ten ningunha!

-  Por moito que sexa o nome do can de San Roque! engadiu o Roque entre risas.

Chamar Trotski ao teu can non tiña nada de malo aínda nos tempos da ditadura. Coñezo máis dun falanxista que tiña un Trotski por mascota, e a práctica totalidade dos que tiñan un can con tal nome endexamais escoitaran falar de Lev Davidóvitch Bronstein nin de Natalia Sedova, alternativa axeitada cando o animal non era can senón cadela.

Un dos que estabas nestas era o Marcial, perdón!, don Marcial, fixera a súa fortuna coa guerra, denunciando e roubando terras e facendas. Camisa nova dos máis crueis e asañados, casou, ou mercou muller, que deulle varios fillos. Un deles foi a Compostela a estudar medicina e volveu co título e unha noiva da mesma profesión. Un día o fillo do Marcial e a noiva foron á aldea a coñecer ao resto da familia, os predios, leiras, eidos e veigas. O gando vacún e cabalar, e aínda os cans. Un destes cans, o máis cariñoso e falangueiro, o preferido de don Marcial, tiña por nome Trotski. A rapaza que ben sabía ás orixes da fortuna do seu futuro sogro, e as simpatías que pola revolución soviética tiña, pareceulle un curioso paradoxo que un home da fasquía de don Marcial lle dera tal nome a un can a quen tan ben trataba. E sen pararse moito a pensar nas posibles consecuencias, fíxollo saber ao seu futuro sogro:

-  Don Marcial, que curioso é que chame Trotski ao cadelo que máis estima ten.

-  E logo, rapariga? Que ten de raro o nome?

-  E que se chama como un dos líderes da Revolución rusa!

Don Marcial non deu chío. Foi ata o armario onde tiña as armas; colleu unha escopeta de caza, abriuna, púxolle dous cartuchos e meteulle un tiro na cabeza ao can.

-  Na miña casa non hai sitio para comunistas! -dixo por toda explicación.

A noiva ergueuse silandeira, recadou o bolso e a chaqueta que deixara riba do sofá, e cuspiulle con desprezo estas palabras:

-  Se aínda lle queda outro cartucho e quere matar a outro comunista agora é a súa oportunidade.

E mire que lle digo don Manoel! Quen mo contou non dixo en que remataron os amores do fillo do Marcial e a súa noiva comunista, pero eu quero pensar que xente estudiada ten o seu propio criterio, e o conto remataría como a cantiga:

Se non quer a túa nai,

e tampouco quere a miña,

en querendo ti e mais eu

temos a guerra vencida.