mércores, 14 de maio de 2025

Pombas e falcóns na taberna do Miguel


Mire que lle digo, don Manoel! Vaia unha regueifa interesante a que acaba de perderse por chegar a deshoras! Facía tempo que non tiñamos connosco ao Inocencio, e hoxe despachouse a gusto con don Antonio a conta das guerras, e de quen vive delas!

Que non sabe de que Inocencio lle falo, don Manoel? De Inocencio de Pedornes, aquel tratante de équidos que sostiña a fermosa teoría de que o mellor do que somos ven da nosa nai! Teoría que —segundo dicía—, confirmaba a bioloxía, porque o resultado do cruce dun burro cunha egua era unha mula, e o dun cabalo cunha burra un burreño, un animal máis pequeno, máis débil e máis parvo que unha mula.

Pois verá como foi o conto, don Manoel. Andaba eu comentando co fillo da señora Carme a noticia do «faro»[1] dos moitos cartos —10.471 millóns de euros, se temos que crer aos papeis—  que o goberno español pensa gastar en armas, e a miña incredulidade en que tal cousa puidera facerse sen “meter a man no peto dos cidadáns nin facer recortes no gasto social”, cando o de Pedornes entrou pola porta con fame de polémica e sede de desavinza.

—      Canto bo por esta freguesía, don Paio, don Antonio!

—      Benvido sexa a ela don Inocencio! Unha cunca de treixadura?

—      Veña logo! E veña ben acompañado dunha tapa deses callos con garavanzos que están a chamar por min!

Calmada xa a sede e aplacado o primeiro afán mastigatorio, o de Pedornes interesouse polo motivo da nosa disputa.

—      Don Paio, que nunca está de acordo coa acción de goberno e desconfía de que os cartos que a Unión Europea nos manda gastar en Defensa, non saian dos petos dos traballadores. —argumenta don Antonio, arrimando o relato á súa sardiña.

—      Non tal! —aclaro eu— Saia da partida concreta que saia, dun modo ou doutro, pagar pagarémolos nos.

—      Diga que si, don Paio! Que o problema non é tanto se hai ou non cartos para pagar os caprichos dos militares senón se vai a ser mais o gasto que o proveito.

—      Creo que está bastante claro de que peto vai saír o gasto, e a que faldriqueira vai ir a parar o proveito, don Inocencio!

—      Outro can máis na merenda! Non chegaba cun pacifista e pariu a avoa! — Alzou a voz Antonio con bastante pouca educación— Vos quedade nesta taberna batendo o papo que xa virán outros a batervos no lombo por non estar preparados para a disuasión e a defensa dos intereses nacionais!

Xa sabe don Manoel que para os do “Si vis pacem, para bellum” o pacifismo é cousa de inxenuos e irresponsables, unha actitude moi cómoda e fácil de manter en sociedades que xa están protexidas por forzas militares, que debilita a capacidade dunha nación para defenderse e disuadir a posibles adversarios, e que un enfoque puramente pacifista é impracticable nun mundo onde existen constantes ameazas e agresións.

—      Pacifista non sei eu se lle son, que entre as miñas bestas ningunha hai dese carácter. Pacíficas si que as teño! Pero non se equivoque con elas don Antonio, que se as leva por mal camiño non debe de estrañarse que se vexan obrigadas a recorrer á violencia! Aínda que non sexa esta a súa natureza nin o seu desexo.

Eu rin para o meu chaleco, coa atinada contestación do de Pedornes. Unha persoa pacífica é aquela que tende a evitar a violencia e os conflitos na súa vida diaria; un individuo de comportamento tranquilo, sosegado, e non agresivo, que está sempre por buscar solucións de consenso aos desacordos. Ser pacífico é unha disposición persoal, unha maneira de ser, mentres que o pacifismo é unha filosofía específica sobre a guerra e a paz a nivel político. Desde unha perspectiva pacifista o militarismo considérase perigoso, custoso e pola súa natureza propenso a xerar violencia e sufrimento. Para o pacifismo a procura da paz a través de medios militares é unha contradición, e que a verdadeira seguridade lógrase a través da cooperación, a xustiza social e a resolución non violenta de conflitos.

—      Pero hai que cumprir con Europa, gústenos ou non! Sen esquecer que o gasto en Defensa creará emprego de calidade!

—      Será en soldados, porque as armas acabarémolas mercando aos americanos; ou, o que é moito peor, aos sionistas! —apunto eu.

—      Xa estamos coa cantilena de sempre! Que será mellor mercarlles as armas aos rusos que aos ianquis? —quéixase Antonio.

—      Non dixen tal cousa; creo que non paga a pena comprar nin a uns nin a outros xoguetes se se fan vellos antes de ser utilizados.

Xa sabe, don Manoel! Os carros de combate, antigos reis da guerra nas rúas, son destruídos masivamente por minas, mísiles e drones kamikaze. Os avións, outrora donos dos ceos, sucumben ao ataque de drones de xoguete de baixo custo. Todo ese o material de alta tecnoloxía que compramos, con repostos para varios anos, non serve para nada fronte ao enxeño do pobo empeñado en defenderse. 

—      Estes seguro que non se farán vellos! O presidente dos Estados Unidos xa advertiu aos membros da OTAN de que, se non destinan os recursos comprometidos á súa propia defensa, o seu país non lles defenderá!

—      E de que ten que defendernos o presidente dos Estados Unidos?

—      Dunha invasión rusa, por suposto!

—      Co presidente que teñen os Estados Unidos me parece moito máis probable de que tivéramos que defendernos dunha invasión americana!

A todo isto observo que o Inocencio, cabeza baixa e ollos mergullados na cunca de treixadura, vai tempo que non intervén no debate, como se o seu espírito estivera moi lonxe da taberna.

—      E logo, don Inocencio! Moi calado o vexo...—dígolle con agarimo.

—      Ten razón don Paio! A compañía me saberá desculpar pero isto das guerras meteu o vento nas velas dos meus pensamentos e levoume co máis pequeno dos meus fillos ata as terras de Bosnia, onde estivo de voluntario coa misión de paz dos "cascos azuis".

—      Pois non tiña nin idea don Inocencio! —interveu o Antonio— E como se lle deu por tal cousa?

—      Que seu eu? Fartaríase da terra, do traballo coas bestas, ou do vento!

—      Ou dos desaires dalgunha moza...

—      Pode ser! A cuestión é que en 1993 o meu fillo, cun amigo un pouco toleirán que andaba de «aloitador» nas rapas da contorna, pediron marchar voluntarios a Bosnia cunha “Bandeira” da Lexión.

—      E que hai que recoñecer que a Lexión se sabe vender ben!

—      Non digo que non; pero só a quen lles emocione esas simplezas de “A miña divisa non coñece o medo,/o meu destino tan só é sufrir,/a miña Bandeira loitar con afouteza/ ata conseguir vencer ou morrer.

—      Vaites, vaites don Paio! Que non sabía eu que memorizara o himno da Lexión...

—      Cómpre coñecer ao inimigo e as súas estratexias, don Antonio! E se quere ata lle podo cantar algunha estrofa daquela cántiga que tanto lle gustaba ao Millán Astray!

—      Non será a do noivo da morte?

—      Será! Son un home a quen a sorte/ feriu con gadoupa de fera;/ son un noivo da morte/ que vai unirse en lazo forte/ con tal leal compañeira.

—      Non cante tales cousas don Paio, que teño para min que cousas como as que canta son as que levaron ao meu fillo a Mostar!

—      Tes toda a razón Inocencio, e pídoche perdón. Pero teño para min que estabas a piques que contarnos algo do teu fillo.

Inocencio de Pedornes conta o do seu fillo en Bosnia.

Hoxe poucos mozos lembran de que ata o 31 de decembro de 2001 o servizo militar era obrigatorio en España. O meu fillo Rafael foi sorteado en 1992 e tocoulle Canarias, non coma a nos un Centro de Instrución de Recrutas, cando a mili no exército de terra era de dezaoito meses, senón directamente ao rexemento e para un período de nove meses. Daquela eu pensaba que o destino non lle fixera moita ilusión, porque ao estar tan lonxe, tiña poucas posibilidades de poder vir a casa de permiso, pero á súa nai, que é moito máis lista ca min, si que lle fixera moito máis graza, porque atopara unha estupenda escusa para ir visitar as illas Canarias con motivo da xura de bandeira do rapaz.

Non sei como serían de longos o par de meses de instrución para o noso fillo, pero para nós pasaron nun amén, e en menos tempo do que se tarda en contalo, tocaba xa coller o avión para Fuerteventura, para asistir á xura no cuartel do Terzo da Lexión en Puerto del Rosario, no que sería o noso primeiro voo!

Debo recoñecer que íamos bastante nerviosos con todos os trámites, e que a miña muller pasouno bastante mal no engalaxe, pero aos dez minutos xa estabamos a pedir un “benxamín” de champaña para celebralo. Non lle vou a levar a contraria, don Paio: eu tamén pasei bastante medo nese intre e ao aterrar no  aeroporto que chaman de El Matorral, a uns cinco quilómetros do noso destino.

Na terminal coincidimos con outra parella que, como nós, viñeran desde Vigo a asistir ao acto da xura do seu fillo. Ou máis ben en palabras do home “para pasar a lúa de mel que non puidera darlle á miña muller cando era o seu momento, que a xura do trapo aquel —con galiña ou sen ela— traíalla ao pairo”. “Pois coma nos” —pensei eu para min.

O que é ser de cidade, don Paio! Eles xa tiñan todo organizado; os plans e os horarios feitos...; ata o taxi que os levaría ao hotel!

—      Véñanse connosco que hai espazo dabondo no taxi—díxonos con tal entusiasmo que non nos puidemos negar—. Mañá vémonos ao almorzo, pero por se por algunha circunstancia que nos é de detallar, non coincidimos no comedor, non vemos ás dez e media na entrada do hotel—. Despedíndose de nós cunha cotenada de complicidade nas costelas— E agora, cada rato ao seu burato, que haberá moito que arranxar.

Escuso dicirlle, don Paio, que todo o tempo foi pouco para recuperar todo o traballo atrasado que tiñamos despois de tantos anos de matrimonio; pero ás dez e cuarto nos estabamos como cravos na porta do hotel.

—      Deuvos tempo almorzar?—Pregunta noso guía nesta aventura insular— A nós tampouco. Imos ao comedor para tomar algo, que o taxista é amigo e sabe onde buscarme.

A nosa intención era que unha vez terminado o desfile da xura ir comer co noso fillo. Pero Rafael tiña algo que contarnos: o seu destino non fora, como nos dixera, una unidade de servicios de acuartelamento —unha  USAC, dixera el— senón unha Bandeira da Lexión á que se presentara voluntario. E que non tiña ningún día de permiso para poder ir a casa; nin para estar con nos máis alá dun par de horas! A nova colleunos por sorpresa, e nun primeiro momento preocupounos o da Lexión, especialmente a súa nai, aínda que ignorabamos todo o resto que xa tiña decidido. Debo recoñecer que se a min o enfado pasóuseme rápido o da miña muller foi visto e non visto. Axiña soubo apreciar as vantaxes de quedarnos sos e poder facer libremente todo o que soñaramos; e sen a presenza do fillo retomar sen ataduras o longamente soñado papel de recén casada.

Desculpe, don Paio, se aquí corro un púdico veo sobre as nosas andanzas aqueles felices días ata que chegou a hora de despedirnos de Rafael e volver a casa. Que se notamos algo raro na súa actitude? Pois o certo é que non, pero tampouco tiña eu ollos para ver moitas outras cousas a parte do rostro cheo de luz da miña muller, ao que as vacacións lle habían borrado centos de engurras e sacado uns cuantos anos de encima.

O noso fillo Rafael non foi nunca de escribir moito. Por exemplo, da súa etapa no CIR temos dúas cartas. Dúas cartas de resposta ás moitas que lle mandou a súa nai neses tres meses. Por iso tampouco nos estrañou moito a ausencia de respostas ás cartas que ela continuaba mandándolle á dirección do cuartel, confiada en que o exército as re dirixiría ao seu destino actual, que supoñiamos nas illas.

Eu, ben o sabe, don Paio, non son home de letras nin de ver moito a televisión, pero naqueles anos noventa era difícil non ter unha idea clara do horror que estaba a vivir a poboación de Iugoslavia, con aquelas matanzas indiscriminadas entre antigos veciños, familiares e amigos, ao que os xornais deron en chamar “limpezas étnicas” ou relixiosas. E no medio desas noticias de destrución e morte, recibimos a chamada de teléfono do noso fillo.

—      Chámovos desde Jablanica, en Bosnia, para dicirvos que, se vedes pola tele que atacaron a unha patrulla da Lexión, non vos preocupedes, que estamos todos ben. —dime case sen deixarnos respirar.

—      Pero fillo, ¿como sendo soldado «de quinta» te mandan a Bosnia?

—      Porque, xa sabe coma son, meu pai. Recorda ao meu amigo dos «curros» Firuco o «aloitador»? Pois el apuntouse á aventura, e eu seguindo os seus consellos decidín que “un bo amigo, no ben e no mal está contigo”!

—      Ben está, mentres non poñas a túa vida en perigo, que tamén “cabalo corredor, home rifante, vaso de vidro e cántara de viño, sempre están en perigo”

Explicoume entón que o seu terzo, o “Juan de Austria” 3º da Lexión, e o "Alejandro Farnesio", o 4º terzo[2], uníranse ao resto de forzas das Nacións Unidas, para “crear as condicións de paz e seguridade necesarias para a negociación dun acordo xeral á crise iugoslava, etc. etc. O traballo encargado consistía en participar na escolta de convois de axuda humanitaria, a distribución de alimentos e medicinas, e a evacuación de civís feridos ou en perigo. Contoume tamén que a misión da forza de paz víase constantemente limitada na súa capacidade para previr atrocidades e garantir a paz debido á falta de cooperación, e a miúdo a manifesta mala vontade, por parte dos combatentes das partes en conflito.

O continxente español en concreto, se despregara na rexión de Mostar e Medjugorje, nunha zona de alta tensión entre as comunidades croata e bosníaca. E xa se sabe: meterse no medio de dous que pelexan usando soamente ás palabras ten consecuencias. Aínda que todo o que pretendas sexa levar axuda humanitaria ós dous bandos por igual. Resultaba moi difícil de entender que os mesmos aos que axudaras onte te tirotearan hoxe porque ías facer o mesmo, levar axuda humanitaria, ao que eles consideraban o seu inimigo.

Dicía Rafael que a falta de recursos e tropas, e de forma especial a falta de cooperación das partes en conflito, limitaba a súa capacidade para previr atrocidades e protexer á poboación civil.  No seu caso o mover o persoal e subministracións a través dun territorio en guerra cos envellecidos BMR-600, que tiñan unha blindaxe moi lixeira, tan lixeira que só servía de protección contra os proxectís dos fusís de asalto, era extremadamente difícil e perigoso. Porque constantemente sufrían ataques por parte dos tiradores musulmáns cando levabamos axuda aos ortodoxos, e dos ortodoxos cando a axuda era para os musulmáns.

E agora, cántaro que moitas veces vai á fonte ou deixa no camiño a asa ou a fronte, pasou o que tiña que pasar:  o tenente Arturo Muñoz, ao mando da 2ª Sección da Compañía “Alba” do IV Terzo "Alejandro Farnesio", caeu gravemente ferido cumprindo unha misión humanitaria. Segundo lle contaron a Rafael uns que eran amigos dos que ían nesa misión, a 2ª Sección desa compañía tiña a misión de levar plasma sanguíneo desde a base de Medjugorje aos hospitais de Mostar, onde se acaba de abrir unha fronte de combate de especial ferocidade. O camiño polo Neretva, ao que chaman con razón “o roteiro da morte”, foi nesta volta un camiño tranquilo ata chegar ao hospital croata, onde descargaran a metade do plasma sanguíneo e os medicamentos. Tocaba despois coller camiño ata o hospital musulmán, onde tiñan que descargar a outra metade. Chegados a este hospital, mentres están a descargar o material, o tenente Muñoz observa que hai un civil ferido laiándose preto de onde eles están, e decide rescatalo. Como o camiño está impracticable para o blindado, o tenente decide ir el a buscalo a pé aproveitando un momento en que parece que o fogo de fusilería amainou. Coa mala sorte que cando volve ao vehículo co civil alcánzalles aos dous unha granada de morteiro, deixándoo malferido. O fogo aumenta e agora hai que saír a buscar a dous feridos en lugar de un. Ninguén pensa na posibilidade de que algún dos que saian a buscar ao tenente pode ser que non volva vivo ao agocho do blindado, “a Lexión no deixa atrás nin aos cadáveres!”. Por sorte o rescate pódese realizar sen máis incidentes, e os médicos musulmáns do propio hospital onde levaran o sangue e as medicinas, fanlle a primeira cura de urxencia que lle permitirá chegar ata a base de Medjugorje, desde onde será evacuado para morrer no Hospital Gómez Ulla de Madrid.

—      Pero, ti non estabas alí, verdade fillo?

—      Non miña nai, estea vostede tranquila. A min non se me ocorreu saír do blindado! Calquera de nós sabe ben que abandonar a protección do vehículo comporta un risco extremo.

Nos conta despois que cando a noticia chega aos campamentos unha labarada de indignación percorre a tropa, xunto cunha profunda dor e a admiración polo seu valor. A práctica totalidade da tropa sinala que a acción de apearse do seu vehículo para rescatar a un civil ferido baixo fogo inimigo foi, sen dúbida, un acto de gran valor e humanidade, moi acaído ao espírito da Lexión. Entón alguén con capacidade para poñer estas cousas por escrito suxire enviar unha carta á súa viúva sinalando a xenerosidade dun heroe, dun lexionario que entregou a vida tentando axudar a outro ser humano nunha situación de extremo perigo. E así o fai, e o firmamos todos. É un intre de orgullo lexionario!

Aos poucos días un rumor comeza a propagarse polos campamentos. Hai noticias de que, a nivel interno dos mandos, está en marcha unha avaliación do comportamento do tenente Muñoz. Segundo estas voces está a debaterse se a acción do tenente Muñoz, aínda que nobre, axustábase ao protocolo de seguridade. Dito en linguaxe cotiá se o tenente excedeuse nas súas funcións, ao poñer o impulso de axudar a civís en perigo por encima da seguridade das súas tropas, e do cumprimento da misión principal.

—      E foi nese momento cando todo rebentou dentro de min, e sentín a necesidade de chamarlles.

—      Fixeches ben, fixeches ben! E cando volves a casa fillo?

—      Ata o de agora estaba certo que a Lexión era a miña casa, a miña vida e o meu futuro.

Rafael calou e por un intre tememos que a conexión se perdera.

—      Fillo! Estás aí? Estás ben?

—      Non tema miña nai! En canto acábese o meu período de enganche volverei ás miñas raíces. Moito máis sabio e cheo de experiencias e moito máis preto de vostedes do que estiven nunca.

Rafael volveu, tal como adiantara, moito máis sabio despois de ter sentido nas súas carnes as realidades dun conflito armado, e as mentiras coas que os señores da guerra disfrazan os seus intereses comerciais para facer asasinos desapiadados das persoas normais, e que os cartos pesan máis que as boas intencións na loita por deter as torturas, abusos e asasinatos.

—      E que conclusión saca vostede diso.

—      Eu ningunha. Que fillos de pais coma nos morreron, e que o meu fillo volveu. Nunca volveu a ser o mesmo pero para mellor, porque nunca volveu a pensar que facer a guerra pague a pena.

E, mire que lle digo, don Manoel! Dou por suposto que o conflito dos Balcáns é moito máis complicado que un enfrontamento en razón de etnias ou de relixións. A relixión, ortodoxa para os serbios, católica para os croatas e musulmá para os bosnios, foi instrumentalizada como un elemento excluínte, como unha forza capaz de destruír o fráxil entendemento entre os territorios dun estado socialista e independente e líder dos países non aliñados como Iugoslavia. Tras a morte de Tito tanto os Estados Unidos como Alemaña viron chegado a súa oportunidade de rachar o equilibrio de poder existente, e promocionar as súas axendas políticas e económicas mediante o enfrontamento nacionalista, relixioso e étnico. Aínda que a tráxica desintegración de Iugoslavia foi tamén o resultado de dinámicas internas, a actuación destes actores externos foi sen dúbida o desencadéante principal.

Dei un longo grolo á miña cunca de treixadura mentres intentaba poñer en orde os meus pensamentos.

—      Sabe don Paio? Seguín con atención todo o que hoxe me contou. E foi do meu agrado, abofé! Pero non lle dou atopado a relación co tema da discusión, a utilidade de incrementar o gasto en armamento

—      Pois, que quere que lle diga don Manoel! O certo é que eu tampouco!

O soldado, vaise, vaise,

vaise, lévano á guerra,

Quen sabe si volverá vivo

ou san para súa aldea.

Cale, miña nai, non chore

si da guerra volvo negro;

miña nai, eso que importa,

non morrin e sano quedo



[1] Ben sabido é que, en Bouzas e bisbarras estremeiras, un «faro» non é necesariamente o periódico que leva tal nome na súa cabeceira.

[2] (Si, don Paio. A min tamén me sorprendeu moito que houbese na Lexión catro terzos; non unha Lexión senón, como se dixéramos, unha coma trinta e tres, pero parece ser que o de Terzo é máis unha reivindicación histórica e simbólica de Millán Astray, unha homenaxe á gloria e o espírito daqueles lendarios "Terzos Vellos" de Flandes, máis que unha referencia directa a unha división en tres partes.)


xoves, 17 de abril de 2025

Na morte do «Migallas»


 Mire que lle digo don Manoel! Canto me alegra que, superados con éxito eses pequenos problemas de saúde, o teñamos de novo entre nos exercendo de notario dos nosos parrafeos, e aínda das rexoubas e cubilladas. Que agora que caio, é máis que posible que esta desgraciada circunstancia que lle mantivo afastado da nosa compañía háxalle tamén impedido coñecer a triste nova do pasamento do noso bo amigo e notable poeta don Luis de Altamira, ao que algunha xente ruín coñecía por «o Migallas». Supoñíao. Sei do aprecio que sentía por el, traducido en frecuentes invitacións a compartir con nos mesa ou mostrador, e a compra de canto caderno de poemas lle ofrecía.

Ben llo sei, don Manoel. A morte dun poeta, de calquera poeta, supón unha perda importante na irmandade do ben, a extinción silenciosa dun universo enteiro, unha xanela á sensibilidade que se pecha, unha campá rota que perde a súa voz. Xa nunca máis o veremos entre nos intentando vender eses pequenos folletos, coleccións de poemas sinxelos celosamente cicelados coa silenciosa esperanza de que foran lidos por algunha alma sensible. Todo ese esforzo, as incontables horas de introspección, de procura incansable da palabra precisa, toda esa a paixón vertida en cada verso, todo desvanécese con el no esquecemento.

Pero non me faga moito caso don Manoel. A morte de don Luis me doe máis do normal porque  confróntame cunha verdade incómoda: a inmensa maioría do que facemos, do que pensamos, do que creamos, por moito que alguén coma vostede se empeñe en gardalas nos seus escritos para as xeracións futuras, non transcenderá da nosa curta existencia. A inmortalidade don Manoel, é unha quimera esquiva.

Con todo, talvez a verdadeira recompensa do artista non resida no que a posteridade coñecerá de el, senón do acto mesmo de crear, de dar forma a algo que quizais poda vivir brevemente na experiencia doutro ser humano. Don Luis deixara encargado ao seu caseiro de entregarme os seus escritos nun fardo atado cunha baraza. De todos eles escollín este poema en prosa no que mestura humor, fantasía e alento poético. A verdadeira beleza reside na intensidade do instante, na autenticidade da expresión, aínda que o seu eco sexa breve e silencioso.

O xograr namorado

Na afastada cidade de Samarcanda, alí onde as cisternas non se baleiran xamais, e os patos salvaxes voan en espirais máis rápidas que nos demais lugares, vivía, fai moito, moito tempo, cando os homes crían en Deus e Deus cría nos homes, un xograr, un trobador[1].

O xograr do que vos falo era un mozo fermoso e escintilante, non no seu aspecto exterior no que non se diferenciaba moito dos demais mozos, senón na súa alma á que soamente os deuses máis enxebres podían mirar de fronte.

O noso xograr amaba a unha moza, e amábaa ata o último e máis recóndito recuncho da súa alma. A moza era a súa musa, a divina inspiración da súa música e a súa poesía. E a moza amaba ao xograr coa mesma falta de límites.

O trobador cantaba ao amor que non se acaba, á alegría de vivir e a un mañá repleto de esperanzas, porque, aínda que carecían de bens materiais, eran felices na abundancia dos demais bens dos que desfrutaban.

Mais o xograr tiña unha grande anomalía no seu temperamento: amaba a verdade, e tiña o corazón quente e as ideas xenerosas. Amaba á moza cunha paixón sen límites pero tamén amaba á xente do común. E ese amor o levaba a cantar tamén a liberdade, a igualdade e á irmandade de tódolos homes. Mais aquel canto non gustaba aos poderosos que o mandaron deter. E foi detido, e levado á cadea, e amarrado á parede con fortes grillóns.

Na cadea coñeceu a fame, a inmundicia e o infortunio de moitos coma el. Mais a súa desventura, os golpes e as aldraxes non foron quen de acalar o seu canto, que voces anónimas repetían polas calellas de Samarcanda.

O Sultán enfurecido ordenou que o cargaran de máis cadeas, e o enterraran na mais fonda das celas do cárcere. Mais o seu canto seguía a soar nas voces do pobo, canto que o vento da noite collía amorosamente no seu colo e o levaba ata as habitacións do pazo onde durmía o sultán. Así que este decidiu zorregarlle de lategazos para que o xograr deixara de cantar, pero canto mais mallaban nel mais fermoso era o seu canto, máis se alzaba nas voces do pobo, e menos deixaba ao Sultán durmir no seu leito de cen colchóns de plumas ao que tiñan que subilo por unha escada de ouro.

Farto xa de pasar as noites sen pechar o ollo, e convencido de que a aplicación da forza non ía mellorar ó problema, o Sultán ordenou traer ao xograr á súa presenza.

—      Quen es ti que non deixas de cantar nin cargado de cadeas, nin quebrado a azoutes? —preguntou retórico.

—      Son nada mais que un xograr.

—      E como sendo xograr, e polo tanto do mundo da farándula, non cantas a gloria das miña fazañas, do meu poder divino, da miña maxestade?

—      Porque son un xograr do pobo, e ser xograr do pobo é cantar á verdade.

O Sultán verdeou de envexa, amarelou de carraxe, chegou ata o gris da tolemia... Pasou por todos os colores posibles pero sen chegar ao roibo da vergonza, que era o que lle houbera salvado. Orfo doutra estratexia, seguiu preguntando sen criterio nin convicción.  

—      Non es sensato. Deberas cantar a quen te pode pagar, e non ao pobo que non ten nin o mais preciso para vivir.

—      O cantar non se paga, se agradece.

—      Non che fai falla nada? De que vives entón?

—      Vivo da xenerosidade da xente á que gústalle o meu canto. E non me fai falla nada para ser feliz.

—      Como podes dicir que es feliz sen ter nada, se eu teño todo e aínda non son feliz?

—      Tes todos os bens materiais. Pero che falla o mais importante. O que non poderás ter namentres non busques no teu interno: o teu verdadeiro ser.

E o Sultán soubo que o dicía o xograr era certo. E mandouno decapitar. E foi decapitado e a cabeza que cantara belas cancións chantada riba dunha pica no mais alto do pazo para que o pobo comprobara en cabeza allea os resultados de levarlle a contra ao seu Sultán, e o seu cadáver abandonado para alimentar ás hienas, os voitres, e toda esa bichería que fai da calaza a súa mantenza.

Pero ningún animal comeu o seu corpo. E as flores pecharon os seus cálices para non dar o seu perfume ao asasino. E os paxaros das gaiolas do pazo trocaron o seu canto por queixumes. O ouro das alfaias converteuse en chumbo, e o viño en vinagre nas adegas do Sultán y a peste e a miseria tomaron pousada no seu pazo.

E a muller que el amaba, e que lle amaba a el, chorou e chorou polo xograr ata que os seus ollos se secaron e o seu corazón se rompeu coma un boneco mecánico ao que dáselle demasiada corda. E morreu. E o Sultán que o soubo derramou cinzas riba da súa testa, e xemeu:

—      En verdade vos digo que este xograr era un home xusto!

E mandou a procurar ao seu mago mais sabido para que rescatara ao xograr das poutas da morte. O mago encargou as hienas que lle trouxeran o corpo, e os voitres a cabeza da pica onde estaba chantada. A os paxaros encargoulle que o encheran de novo cantos e ós árbores que encheran ás súas veas con novo vizo. Finalmente ordenou ao sol que saíra de detrás das negras nubes tras das que se agochara e enchera o corpo de calor, e finalmente ordenou ao vento que enchera os pulmóns do xograr de aire.

O xograr espertou e un novo canto xurdiu coma un manancial dos seus beizos. E todo o pobo de Samarcanda achegouse para escoitar o seu canto. E o xograr mirou a multitude e sentiu unha grande ausencia.

—      Onde esta a miña namorada? Onde está que non sinto a súa presenza?

E todos calaron e os seus ollos, incapaces de aturar a angustia do xograr, furaron a terra.

—      Morta? – preguntou o xograr nun bramido.

—      Si – asentiu o mago que o trouxera de novo á vida

Unha nube negra de tristura abateuse riba da cabeza do xograr e a súa ledicia derrubouse coma un castelo de area. E a dor converteuse en ira e increpou duramente ao sabio que o fixera volver.

—      Para que quero vivir se ela está morta?

—      Ela non está morta. Algo debín de facer mal, cando non a sentes bulir dentro de ti!

E o xograr, parou de berrar, aínda parou un intre de alentar. Quedou quedo, a espreita, sen respirar, co pulso baténdolle fortemente nas tempas,...e a sentiu, a sentiu! Estaba aló no mais fondo do seu renacido ser como un fureliño, coma unha faísca que devece por ser cacharela.

Entón o xograr cantou mais e mellor e nunca porque agora cantaba ao Amor inmortal, ao amor que vai moito mais aló da morte dos corpos.

FIN



[1] En sentido estricto un xograr era un artista polifacético, capaz de tocar instrumentos, cantar, contar historias ou lendas, recitar poemas, remedar, realizar acrobacias, amais doutros xogos, que non tiñan por que ser da súa autoría, mentres que un trobador era un poeta lírico e compositor das súas propias pezas, un creador.

luns, 14 de abril de 2025

Xulio Bernárdez Zabaleta, mestre e amigo.


Mire que lle digo, don Manoel! Pois non ven de saíres pola porta o fillo do seu amigo Xulio o da eléctrica! Estivo a agardar por vostede unha miguiña, pero, segundo dixo, tiña présa, e informado de que vostede atracaba por estes peiraos, quedou en volver noutra ocasión que el tivera menos apuro.

Non lle digo que non! Polo pouco que paraba quieto teño para min que o de “con menos présa” será para cando estea xubilado; e iso se cadra!

E mire que lle digo don Manoel! Teño para min, mirando para a expresión do seu rostro, que hoxe vai coller vostede a palabra para, en contra do seu inveterado costume, tecer co fío dos seus recordos unha historia acaída a esta lembranza.

Fala don Manoel

Veña Miguel: deita aquí unha cunca dese treixadura teu, que para esta peza teño que mollar ben a palleta. Non será o monterrei do Mincha pero tampouco lle perde a cara. E achega tamén unha tapa desas, que vexo que a de hoxe é de callos con garavanzos, prato de moito fundamento ao que tanto xeito lle da a túa compañeira, e que estes bárbaros da unión europea —non se merecen as maiúsculas— na súa ignorancia non incluíron no seu infame «lote de supervivencia de 72 horas».

Pero vaiamos ao asunto!

Debín de coñecer a don Xulio entre o ano setenta e catro e o setenta e oito. Non antes do setenta e catro porque foi nesa data cando me fixen cargo da Dirección Técnica da Sesta Área, e non despois do 21 de febreiro de 1978 no que, segundo teño entendido, celebrouse o contrato de compra da Central de Freixa á sociedade Carburos Metálicos, S.A., ante D. Eduardo Méndez, notario de Pontevedra.

E agora que o penso, tivo que ser máis tarde de xuño do setenta e cinco, porque foi nesa data cando incorporouse como técnico da Delegación de Vigo o meu benquerido amigo Octavio Ledo, contador nestas Crónicas nosas de tantos sucedidos ocorrentes e enxeñosos da súa Limia natal. E o Tavo é un dos protagonistas desta peripecia que a piques estivo de rematar en traxedia.

Recordo perfectamente o día de autos. E nunca mellor empregada a frase porque con autos ten que ver. Como Xulio tiña cousas que facer de mañá en Pontevedra quedáramos de esperarnos na marisquería que hai na entrada de Arcade contra das dúas e media, para subir despois de xantar ata a central eléctrica.

A delegación de Vigo non era moi grande e os dous técnicos, director e dirixido, compartiamos despacho. “Queres acompañarme a ver a central?” pregunteille ao Tavo nada máis colgar o teléfono con Xulio. Non houbo necesidade de dicirllo dúas veces. Seguro que non tanto pola emoción de ver un salto tan fermoso como o da Freixa senón pola sona do restaurante onde estabamos citados, e a esperanza de que Xulio non houbera esquecido a súa afección ao marisco que calquera dos outros dous asistentes á cerimonia compartiamos afervoadamente

Saímos da oficina de Vigo arredor das dúas menos cuarto, tempo abondo para chegar a Arcade agora que xa non hai que pasar polo funil de Redondela. Pedimos un par de viños para agardar a Xulio coa palleta ben mollada. E ben mollada que está cando chega cun certo retraso. Aínda por riba o marisco —moito e de calidade— que Xulio encargara, está no seu punto de sal o que fai que os vasos parezan ter un buraco por onde se baleiran sen sentir.

Entre bocado e bocado —que co marisco os tempos entre eles son longos— don Xulio aproveita para contarnos que a idea de pedir a concesión do aproveitamento de parte do caudal do río Verdugo no lugar que chaman “a Freixa da Rocha” en Ponte Caldelas fora do enxeñeiro vigués Ramón Laforet Cividanes.

—      Chaman e con moito sentido querido amigo —aproveito que don Xulio está chuchando da cabeza dun santiaguiño para meter baza—, que freixa na nosa fala quer dicir desnivel brusco ou pronunciado no leito dun río onde se precipita a auga.

—      Don Ramón Laforet Cividanes —continuou impávido o noso anfitrión— pedira esta concesión coa idea de fornecer electricidade a unha fábrica de carburo para os candís do alumeado, que quería construír en Arcade, Carburos Laforet. Mágoa para el que con a nosa actividade de levar a subministración eléctrica ata o recuncho máis afastado do país, o seu negocio esmorecera e tivera que vendela a Carburos Metálicos de Barcelona.

—      E a fábrica aínda existe, don Xulio? —pregunta don Octavio, por amosar que, malia a abundancia de marisco presta a debida atención á conversa.

—      Está menos de quiñentos metros de aquí. Se queredes podemos ir a botarlle unha ollada por fora cando rematemos de xantar; é unha fermosa mostra de arquitectura industrial.

E tiña razón. O certo é que edificio das oficinas centrais, situado á beira das vías do tren, ten unha fermosa fachada de ladrillo cara vista que merecería a súa conservación. Segundo don Xulio o terreo que ocupaba a factoría era moito máis extenso do que hoxe podemos ver, e a propiedade chegaba ata a praia onde os donos da factoría construíran un pequeno peirao onde desembarcar o mineral que se transportaba ata a fábrica a través dun funicular duns 200 metros de lonxitude.

Toca coller os coches para chegar ó noso destino por unha carreteira chea de curvas. Menos mal que o pequeno paseo ata a fábrica e sobre todo o aire do mar serviu para disipar as brétemas alcohólicas do meu cerebro. E menos mal que vou conducindo porque estou seguro que ata o abstemio máis militante trousaría ata o primeiro leite de ir no asento traseiro.

Estamos chegando ao noso destino. A carreteira local faise decontado camiño de carros estreito e profundo, con silvas e toxos que entran polas xanelas do coche. Avanzamos con dificultade ata chegares ao bordo dunha impresionante carricova en cuxo fondo se adiviña a construción que alberga as máquinas da central.

—      Deixamos aquí os coches —ordena don Xulio—. O resto hai que facelo un pouco a pé e outro pouco a pata!

—      Non haberá que baixar por ese carroucho? —protestou o Tavo que xa ía un pouco prexudicado do camiño.

—      Un pouco esburacado de máis para baixar cos coches si que está...

—      O problema non é tanto de baixar senón de volver a subir, que aquí se quedan ata os «catro por catro»

—      Pois adiante, que dos covardes non hai nada escrito!

Hai xente que soamente son que de apreciar a beleza dunha paisaxe, ou dun solpor; eu a vexo e a desfruto tamén nunha instalación industrial como esta con ás súas dúas turbinas Francis de eixo horizontal do fabricante suízo Atelier de Construction Mécanique de Vevey, cos seus reguladores de velocidade de Escher Wys, acopladas ós seus xeradores síncronos de General Eléctrica Española de 750 KVA a 500 rpm.

—      Bótalles unha ollada a ver se lles atopas algo estraño. —me di don Xulio, desfrutando por anticipado do meu fracaso.

—      Pois non sei...

—      Busca, busca!

—      Merda! Hai unha fase que non ten debandados!

—      Exactamente! Iso é. Os alternadores son bifásicos coas fases conectadas en triángulo aberto.

Xa vexo a cara que estades a poñer. A ver como volo explico! A característica fundamental dun sistema trifásico é que as tres tensións teñen a mesma magnitude e están desfasadas entre si en 120 graos, desfase que xérase intencionalmente na disposición dos debandados no alternador.

Para estes alternadores que estaban destinados a fornecer enerxía ao forno eléctrico de fabricación de carburo, a opción máis económica era fabricalo precisamente deste xeito.

Explicoume que a súa pretensión era a de non tocar os alternadores para engadirlles a terceira fase, xa que o risco de deteriorar o illamento das outras dúas ao introducir nas rañuras a terceira fase era elevadísimo nunhas máquinas tan antigas. Como de todas formas tiña que instalar uns transformadores que elevaran a tensión de xeración á de distribución en Media, poderíamos subministrar uns transformadores axeitados para o seu propósito? O certo é que eu non estaba moi seguro, pero sabía a quen preguntar.

—      Podemos achegarnos a algún lugar onde teñan teléfono?

—      Podemos. E se está José Antonio temos un máis a quen pedirlle opinión!

—      Eu voulle pedir opinión a unha das persoas que máis saben de transformadores en España. Ti despois es libre de pedirlla a que te pete.

Subir ata os coches foi sorprendentemente doado. Posiblemente pola presa que eu tiña de chamar por teléfono antes de que pecharan a fábrica de transformadores. Pero chegar ata a Eléctrica Os Muíños en Ponte Caldelas nos levou menos dun cuarto de hora, e afortunadamente Lanzagorta estaba na fábrica de Erandio. “Ningún problema” —me di—. “Hoxe meto no correo o estudo teórico e o presuposto dos transformadores”.

—      Isto hai que mollalo! —propón Xoán Manuel Estévez, un dos propietarios da Eléctrica Os Muíños, que non é que saiba moito de que vai a cousa pero que non desaproveita ningunha ocasión destas, abrindo unha botella de Chivas de 12 anos.

Ningún de nos ten xa ningunha presa co que a conversa flúe mainamente dende as diferencias entre un whisky «blended» e os «sigle malt», ata o labor social das pequenas eléctricas en achegar a enerxía eléctrica ata o derradeiro recanto da nosa fermosa terra. Xulio defendía os «blended» como creación que busca a harmonía e a consistencia mediante a combinación de diferentes whiskies de diversas destilerías, e  os irmáns Estévez a honradez do «sigle malt» como expresión individual dunha destilería. O que non defendía nindiós era a postura de «Foinosa» de deixar amplas zoas do territorio galego sen cubrir por mor dos elevados tempos de retorno da inversión.

Con esas e outras semellantes acabouse o Chivas e decatámonos que neste tempo se fixera de noite. Xulio aceptou a invitación a durmir que lle fixeran os seus colegas, pero cumpría que nos volvéramos a Vigo, que á mañá seguinte tiñamos unha reunión importante. Así que non había outra que coller o coche e intentar volver a casa por unha carreteira escura, descoñecida e chea de reviravoltas. Eu, malia a miña acreditada capacidade para metabolizar o alcohol, non me sinto con capacidade abondo para conducir un automóbil, polo que, sabedor da mítica capacidade de aguante dos limiaos de pro, pregunto:

—      Tavo como estás ti para conducir de volta a casa?

—      Eu? Como unha rosa!

—      Fenómeno! Colle ti o coche, que eu levo o pique de proa a reverter e vou moi mal de trimado![1]

Sento no posto do copiloto, disposto a botar unha soneca ata Vigo. Octavio arranca e a primeira manobra xa me fai abrir os ollos. Enfilamos a carreteira a unha velocidade máis que notable e ao coller a primeira curva a dereitas observo que o coche invade o carril contrario; a primeira a esquerdas as rodas do meu lado caen na cuneta de onde lles custa saíres malia os esforzos do condutor; na seguinte a dereitas as rodas da esquerda imitan a actitude das súas compañeiras na curva anterior. A min o terror ven de despexarme a cabeza case por completo.

—      Octavio, estás ben?

—      Por suposto! Por que o preguntas?

Nese intre o Tavo retira a vista da carreteira e o coche, sen condutor que preste atención ao seu trazado, vai directo a precipitarse por un barranco.

—      Frea! —grito desesperado.

Baixo do coche e lle fago saír so asento do condutor.

—      Saca de aí malfeitor, que aínda estás máis bébedo ca min! Que polo menos eu son consciente que o estou! E ti nin iso!

Subimos de novo ao coche, desta volta cadaquén no seu posto. Eu conducindo e o Tavo durmindo a borracheira, chispa, curda ou lupanda ata chegares a Vigo. E sabedes que? Co susto que levei as brétemas da bebedela desapareceron como por arte de maxia, e nunca tiven a  cabeza tan clara e a percepción tan aguda como aquela fermosa noite na que por tantas aventuras pasamos.



[1] O trimado dun buque, tamén coñecido como asento, refírese á diferenza entre o calado de popa e o calado de proa. Noutras palabras, indica a inclinación lonxitudinal do buque con respecto á liña de flotación.

sábado, 15 de marzo de 2025

Vinte anos de pirata...


Mire que lle digo don Manoel! Xa facía tempo que o Damián, aquel poeta minimalista que traballaba na asesoría do meu amigo Antonio, aquel noutrora rapaz, afervoado difusor da poética do silencio do que xa lle teño falado abondo, non se deixaba ver pola taberna.

O certo é que, pechada xa como ben sabe a nosa taberna do Mincha, esta outra, onde tivemos que fixar a nova sede da nosa confraría, quédalle un pouco a contramán para facer a clásica escapadela da oficina cando a media mañá o estómago reclama os seus dereitos.

Damián é home de afervoadas conviccións nisto da poesía. Se a memoria non me traizoa penso que xa lle contara moi polo miúdo ás súas discusións con don Luis de Altamira Toranzo, máis coñecido como «o Migallas», arredor de se a poesía debe ter ou non rima e ritmo, se debe ou non debe ser intelixible, se debe comunicar ou soamente sorprender. A entrada de Damián coincidiu cun comentario que fixéralle a Miguel o taberneiro arredor dunha noticia do «faro» de hoxe.

—      Manda chover na Habana Miguel! Como dicía Xosé, “vinte anos de pirata e aínda non sabes onde está o mar Caribe!”

—      Bo día á concorrencia! —di Damián que unha persoa educada. Para preguntarme decontado— E logo don Paio: que lle pasa ao pirata ese co Caribe?

—      Bo día Damián! Ao pirata nada. Soamente unha frase comparativa que utilizaba un engraxador que viña comigo na máquina do «Mar de Labrador», cando alguén sinalaba o evidente como descuberta propia.

—      E logo, que foi o da descuberta?

—      Pois segundo a periodista do «faro» unha rapariga moi feita e aínda un pouco carapucheira, que ven de publicar un ensaio acerca das relacións, normalmente pouco frutíferas, que hai entre a poesía e a economía.

—      Xa sei quen é. Esa poetisa que pon a cara de ser a versión galega de Penélope Cruz!

—      Amodiño Damián! Críticas ao físico mellor non.

—      Perdón don Paio, ten vostede toda a razón. É que a súa actitude tírame dos meus couzóns Abomino das persoas que se fan a se mesmas preguntas retóricas sen ningunha intención de que ninguén llas responda.

—      Refíresche a iso de “cómpre profesionalizar as poetas?

—      Por exemplo! E por que “as” e non “os”?

—      Porque para elas o inclusivo é “as” e non “os”.

Nese intre intervén Miguel na conversa para reclamar a debida atención ao ritual tabernario, que Damián, no seu arrebato de cólera, esquecera respectar.

—      E logo don Damián, que lle poño? O de sempre?

—      Por suposto! E que temos hoxe de tapa?

—      A muller fixo un estufado de lentellas con chourizo e verduras...

—      Co seu allo porro, cenoria e un pouquiño de pataca?

—      E o chourizo!

—      Xa estás tardando!

Para min que unha das cousas que máis lle proia a Damián non era o chourizo das lentellas, que estaba no seu punto de pemento, senón ao sentirse aludido pola acusación da poetisa irredenta arredor do “perigo de deixar o discurso da literatura aos que teñen as costas cubertas por un traballo remunerado, por motivos familiares ou de parella”. Iso e a consigna chamada á militancia feminina a “retirar o discurso poético das mans masculinas”

—      Pero que tipo de chamamento é ese?

—      Creo que a rapariga pretende facer unha crítica á dominación masculina no ámbito da poesía...

—      Vaia unha crítica máis estúpida. Dominación masculina na terra de Rosalía!

—      Pois iso é o que pide: dar máis espazo e recoñecemento á poesía escrita por mulleres.

—      Non tal don Paio! Le, lea: “Fomentar unha cultura de gremio de mulleres poetas.”

—      Ves! Pois teño para min que niso teño que darche a razón.

Aproveito que Damián sopra na culler para arrefriar as lentellas que Reme, a muller de Miguel, ven de servirlle, para explicarlle que un “gremio de mulleres poetas” non é precisamente unha reivindicación moi sensata. Porque, se ben é certo que os gremios controlaban os prezos e os salarios e regulaban as condicións de traballo para asegurar un nivel de vida digno para os seus membros, tamén establecían normas de calidade para os seus produtos, e controlaban o acceso ao oficio para limitar o número de practicantes e manter a estabilidade económica dos seus membros. Tamén serían responsables da formación de novas poetas a través dun sistema de aprendizaxe que garantira a calidade dos poemas.

—      Ao final don Paio, para esta muller todo é unha cuestión de cartos. Que se “necesito que se me pague por este traballo”,  “que non queden so os intermediarios con ese beneficio”, “son moito máis responsables as institucións e o mercado”...

—      Non tal Damián! Queixase, con razón, de todo esa grea de xentes que pensan que ós artistas teñen abondo para vivir coa visibilidade e o prestixio. Onde non acerta é en pensar que son soamente as poetisas as que sofren tal ofensa económica; por desgraza é común a moitas profesións algunhas delas —como a súa don Manoel— non artísticas.

Tampouco está moi acertada co ataque aos intermediarios. Hai intermediarios do tipo do irmán ou o mozo de “Risíbel D.A.” que merecen esa xenreira, e intermediarios do tipo Carlos Barral que pola contra son acredores de toda a nosa admiración e cariño. Finalmente o de poñer unha copulativa e non unha adversativa entre institucións e mercado da a impresión de estar acendendo unha vea a deus e outra ao diaño. Como no chiste dos vascos non podes estar a cogomelos e a «Rolex». Se estás a cogomelos se respectuoso coa contorna, non danes a flora nin a fauna, non arranques os cogomelos; córtaos pola base para non danar o micelio e dificultar futuras colleitas; tampouco os colleites demasiado novos ou demasiado vellos; finalmente non mestures cogomelos na mesma cesta. E se estás a «Rolex» xa sabes: ou alguén perdeu un antes ou mellor que te dediques e escribir letras de «reguetón».

E mire que lle digo, don Manoel! Marchou o Damián cando rematou as lentellas e non cando o fixo a conversa, que moita tea quedaba por cortar. Pero el tamén estaba a cogomelos! Eu quedei rumiando as propostas da nova e entusiasta poeta ata que, sen vir moito a conto, veume á memoria un poema de Celaya que coñecín na voz de Paco Ibánez:

Poesía para el pobre, poesía necesaria

como el pan de cada día,

como el aire que exigimos trece veces por minuto,

para ser y en tanto somos dar un sí que glorifica.





mércores, 11 de decembro de 2024

Da meritocracia dos imbéciles


Mire que lle digo don Manoel! Veño de ler hoxe, non sei moi ben onde, algo que considero especialmente acaído ao momento, aínda que non esta escrito especialmente para el. Fala de meritocracia, intentando explicar aplicando as leis de Newton, as razóns polas que o cumio das organizacións políticas e empresariais do mundo enteiro están indefectiblemente ocupadas polos máis inútiles e canallas.

O artigo está, don Manoel, escrito por un dos seus.

....A brecha —refírese á brecha aberta entre os que valen e os que ascenden, na pirámide empresarial, política ou social— vaise alargando por unha razón moi importante: outra forza que actúa á súa maneira na dinámica. A tendencia insoportable, inaceptable, enervante, molesta, e directamente descualificadora para o ascenso, que temos os técnicos a empregar decote a palabra maldita: NON.

“A fotovoltaica non produce de noite. A eólica non produce se non hai vento. As renovables eléctricas intermitentes e descontroladas non son a solución que necesitamos.

Ven agora a mellor de todas:

—      Non vou dar permiso para construír un centro comercial cun aparcamento subterráneo nunha zona inundable.

Para min, don Manoel, que o redactor do opúsculo acerta. Non gusta nada aos que mandan que un subalterno, opóñase ao desexo do seu supremo superior. E se logo pasa o que pasou a culpa será, unha vez máis, do condutor do tren.