Mire que lle digo, Don Manoel! Que xa é ben tempo de narrar a chegada a
Vigo do noso gaiteiro, para que dunha vez por todas deixe de estar dando voltas
coma con lume no rabo e chegue a ser de certo o Averomar, o gaiteiro do mar. O
noso Tino tomou a determinación de coller o camiño para Vigo despois de parar,
unha miguiña de mais do que a prudencia aconsella, en Gargamala, parroquia do
concello de Mondariz do que moitos din que é terra ruín e xente mala, outros sinalan o pouco dotadas que están
as nenas:
Aquel piñeiro tan alto
no medio ten castañetas
as nenas de Gargamala
non teñen barrigha nin tetas.
E outros o moito que recende o pelo das súas mozas polo costume de lavarse
con auga adobiada con tomiño, tamén coñecido por tromentelo.
Rapazas de Gargamala
que botades ó cabelo?
Unha herba que hai no monte
que lle chaman tromentelo.
Para o Tiniño non debía ser tan mala a terra, nin tan pouco agraciadas as
mozas, polo menos a moza á que andaba a facer ás beiras, e algo mais de tempo
seguro que quedaría, porque cama e comida tiña, pero entráronlle as presas de
marchar cando os pais da rapaza, empezaron a sospeitar que as promesas de
casamento do Tiniño eran tan certas coma palabra de portugués. E, mire que lle
digo, Don Manoel! Unha vez mais temos que ver ao Tiniño recadando o pouco que
tiña, gaita que herdara do Marcial incluída, saltando pola ventá da casa na que
entrara pola porta, mentres cantaba polo baixiño:
Que noite aquela neniña
Que noite aquela de verán
Ti contando nas estrelas
Eu nas pedriñas do chan
Ningún comentario:
Publicar un comentario