Mire que lle digo, Don Manoel! Non levaba o Tino dous días en Vigo e xa estaba
coma con lume no rabo por colle-lo barco ata Cangas. O seu amigo de Bangueses
buscáralle un sitio na Orensana, na
rúa de Lepanto, a mesma pensión na que el estaba, pero o Tino foise para unha
da rúa de Urzáiz, daquela José Antonio, que estaba uns metros mais aló e era
mais cara, pero que dende a ventá da súa habitación víase o mar. E cos cartiños
que recadara na viaxe no autobús dende Gargamala a Vigo, tiña para tirar uns
días, mentres non atopaba algunha ocupación.
O primeiro día que o de Bangueses tivo de descanso no Derby, xa tiña ao Tino,
que erguérase coa primeira luz do día, chamando por el e petando na porta da
habitación,
- Esperta,
prosma! Que es mais lento que o sapo na cinza! Xa fai horas que o sol está o
ceo e vai un día de gloria!
- Déixame
durmir, Tino, que sempre andas a anoxar! Temos todo o día por diante, para
coller o demo do barco.
Ao pouco xa estaban no Bar Estación para tomar un café rápido e baixar por
Afonso XIII ata o peirao que estaba detrás do Náutico e coller un billete de
ida e volta a Cangas no pendello de Vapores
de Pasaje. Hai moita xente agardando no molle para coller o barco, pero o
Tiniño non é amigo das riolas, e coma terra
onde vaias fai coma fagan, en troques agardar á rea dos que van pola
escaleira, fai coma algúns outros, e dun chimpo ponse na cuberta do buque!
Un par de asubíos do chifre do barco, a máquina de vapor acelera o seu
latexo, e os auxiliares ceiban as gazas dos norais de proa e popa e o vapor
afástase do peirao. Xa están collendo o rumbo cara a Cangas e o buque abanea
docemente. O Tiniño pensa que vai adoecer coa emoción; o vento mareiro que dálle
no rostro, as pingas de auga salgada que lle repenican nas mans, o cheiro do
fume ciscado de carbón a medio queimar! Todo é para el música nos seus ouvidos!
Así que, ledo coma un xílgaro, saca a gaita do Marcial, da que nunca se separa,
enche o fol e ata arribar ao peirao de Cangas o Tiniño é, por vez primeira, un
gaiteiro do mar!
-¿Onde tocaches, gaiteiro?
-Eu toquei de mar a mar.
-Moito andiveches, gaiteiro,
pouco puideches tocar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario