venres, 21 de abril de 2017

Bota punto, saca punto!


Mire que lle digo don Manuel! Que mirando bailar a esta xente do Fiadeiro, case que éntrame a gana de entrar na roda e sacar punto! Que non sei se sabe que eu nos meus anos mozos fun un gran bailador! As mais das veces ás agachadas, que na sociedade machista da posguerra, bailar era de maricallos, e, para o seu pensamento so os efeminados eran quen de ter conciencia e control do propio corpo! Hoxe a artrite xa non me deixa bailar un solto, pero aínda me defendo nos agarrados, que, ben sabe don Manoel, era o que se bailaba cando a vixilancia dos vellos releixábase, que mozas e mozos mellor querían polcas, mazurcas, pasodobre e rumbas para estar ben pretiño os uns das outras. Logo veu o nacional catolicismo, e os curas con pistolón ao cinto, e damas de mantilla e peineta negras coma corvos, e homes de traxe escuro, garabata triste, fixador no pelo e bigotiño fascista. E a amargura cotiá, os silencios cómplices, os mortos e desaparecidos dos que ningún fala, o estraperlo e autarquía. E a fame omnipresente; e xa non cabe nin a música nin o baile que cando non hai que comer do único de que se fala é da comida.

E, mire que lle digo, don Manoel! Sinto non poder darlle a razón cando fala que a Sección Feminina da Falanxe axudou a manter os nosos cantos e bailes; o que fixo esa organización de nefasto recordo foi utilizar a música popular coma vehículo de orientación ideolóxica, non coma gozo e fomento da sensibilidade, confundindo a mantenta, cultura con propaganda, na procura da creación dunha falsa identidade peninsular, a diversidade dentro da unidade da Patria común, diversidade na que nin os cataláns cantaban en catalán, nin os vascos en vasco, nin os galegos en galego, pero todo moi feituco coma unha pera e moi de chorar coma un queipo de vimbios a maior gloria da irrevogable unidade peninsular da “España eterna”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario