sábado, 3 de agosto de 2019

Novas escolas filosóficas.


Mire que lle digo don Manoel! Que xa que anda vostede encerellado inventando novas escolas filosóficas, nantronte a nadadorística coma variante da peripatética, hoxe quero poñer eu o meu tixolo para construír tan magno edificio, engadindo a variante etílica na ben recoñecida escola tabernaria.

Ven isto a que onte, cando andaba na procura da letra dunha vella canción mariñeira atopei unha versión sorprendente, de principio prometedor e de final de escachizar a rir, que xa sabe vostede que as veces vai un a por croques e volta con ameixas! A cántiga en cuestión leva por título “Polo río abaixo vai meu amor”, aínda que outros a coñecen por “Viño de Betanzos”, e no vídeo é interpretada riba da ponte dun río, non sei se Mendo ou Mandeo, por un nutrido grupo musical; rematada a execución, no sentido da brincadeira de don Alejo [1], o vocalista, nun intre de lirismo apaixonado, alza o seu vaso para brindar:

-          Que viva o viño de Betanzos! –invoca o oficiante.
-          Si, si, que viva, que viva! –responde a afervoada parroquia alzando o vaso de morapio.
-          Que para vivir así –afirma, moi foncho e pagado de se mesmo, o vocalista –é mellor non morrer nunca!

Para engadir de contado a reflexión na mellor tradición da recén fundada escola etílica:

-          Que dicía o noso amigo Alvarito que en paz descanse!



Nota [1]: Para aqueles que non tivesen o privilexio de escoitarllo referir, fago un pequeno resumo do conto aludido, subliñando que contado por el é moito mellor. Isto vai dun rapaz que estudaba piano é dun pai empeñado en que don Alejo escoitara tocar ao seu cativo. Ao finalizar a interpretación o pai pregúntalle cheo de fachenda:
-          Mestre, que lle parece a execución?
-          Home … A execución un pouco excesiva de máis; pero unhas boas ostias non lle digo eu que non!

domingo, 28 de xullo de 2019

A praia dos homes pequeniños.




Mire que lle digo, don Manoel! Que ben me soubo que na súa visita de onte á taberna do Mincha trouxera, collido de ganchete, ao seu amigo don Antonio. Teño que engadir que non sen tempo, que xa tiña eu gana de ter diante dos ollos á tan boa persoa que ata foi quen de dicir en público, na presentación do noso libro en Andel, tan fermosas palabras que gardo como o máis prezado dos tesouros! Que teño para min que o seu amigo é home de amplos afectos, grandes como o mar que tanto ama, porque nun dicir amén sentinme incluído neses aprecios!

O certo é que a súa visita con don Antonio veume moi oportunamente, como forca en pescozo de curial, que dicían no meu tempo. Dese xeito tiven momento, lugar e ocasión para escoitar un pouco máis e falar un pouco menos do que en min é abendoito, que non todo vai a ser estar na horta e non ver as verzas, e o falar menos a ninguén lle fixo mal, que non hai mellor palabra que a que está por dicir e cada quén é dono dos seus silencios e escravo das súas palabras; ou era ás avesas? Que xa sei don Manoel que moitas veces ten que ter comigo máis paciencia que un pescador de cana, que emprego dez minutos en explicar que voume quedar máis calado cunha nécora, e ao fin acaba vostede coma o negro do sermón: coa cabeza quente e os pés fríos.

Respondendo ás miñas indagacións relatounos don Antonio os avatares do seu camiño cara ao coñecemento, a traveso da poesía, aguilloado pola ansia de liberdade e pola necesidade de esborranchar os seus diaños persoais. Falounos dos seus primeiros poemas, poemas de ferro chamoulles, de ferro oxidado pola realidade diría eu, pola brétema da imposibilidade de loitar contra da mediocridade, dos seus anos de loita abafado pola moita carraxe, e a procura constante de respostas as máis sinxelas das preguntas. Foron anos de poesía case que vomitada ata chegares, digo eu se a través dos seus indispensables Dylan, Aute e Paco Ibáñez, a esoutra poesía tan cantable, tan chea de musicalidade e ritmo, tan achegada ás coplas populares, como a do Poemar o mar, o libro co que agasalloume.

Poemar o mar! Pouca cousa! Ben sei que don Antonio é, non coma min un home que traballa no mar, senón un home de mar, como unha especie de Teseo, fillo de Poseidón, que toma do mar a forza da súa inspiración. Ben podía vostede don Manoel ir a nadar canda el, a ver se formaban un círculo filosófico como os da Grecia antiga. En troques da escola peripatética de Aristóteles na que, segundo a tradición, o mestre paseaba cos seus discípulos, reflexionando sobre a vida, sería a escola nadadorética!

Sabía don Antonio onde aparecera o cadavre do meu pai? Supoño que non, e que o seu relato encol da praia das fontes xurdiu sen máis, como unha desas que moitos chaman casualidades e outros coincidencias astrais. Dende agora farei coma el e chamarei á praia das Fontes praia dos Homes Pequeniños, como cando el era cativo e ollaba dende o cantil aos bañistas, aínda sen coñecemento abondo como para saber relacionar a distancia co tamaño. 

E mire que lle digo, don Manoel! Me dixeran que don Antonio escribía literatura infantil e agora podo acreditar con coñecemento abondo que tal cousa é tan falsa como que están a chover xoubas; para o meu entender literatura infantil é aquela que trata aos lectores coma a descerebrados e non aquela, como a de don Antonio, que pode ser apreciada por lectores de calquera idade. Eu non lle son poeta pero de cantar sei un cento e máis unha saquetiña, e aínda que non me tire da lingua desátolle a baraciña:

Arma vela, arma vela,
mariñeiriño do mare;
arma vela, arma vela
que ben á sabes armare.

venres, 19 de xullo de 2019

Meu pai no carro do argazo.


Mire que lle digo, don Manoel! Non é descoido nin esquecemento, máis ben pudor ou recato, se ata a de agora non lle contara nada das miserias e infortunios que a miña probe naiciña tivo que apandar dende o aciago día no que os Comesaña, uns amigos de Alcabre viñeron pola casa coa noticia de que o corpo do meu pai aparecera na rebouza do túnel, preto da praia das Fontes.

Creo que xa lle falara, don Manoel, que o meu pai era home comprometido politicamente, membro do Ateneo Sindicalista Libertario e dirixente do Sindicato da Industria Pesqueira da CNT e redactor do seu voceiro El Despertar Marítimo, moito máis que un simple mariñeiro, moito máis que un simple sindicalista, un home culto con voz e opinión propias, elaboradas grazas ás moitas lecturas e ao afán de saber e facerse un home mellor, un home libre. Libre e libertario, como xa lle dixera, e ningunha das dúas podía ser tolerada polo novo orde que pretendía levar por diante tódalas arelas de liberdade dun pobo que comezaba a espertar do seu sono.

Aquel xullo de 1936 cheo de luz e esperanza de novos tempos encheuse de súpeto de nubeiros de tronada con camisa azul na procura da “eliminación de todo xerme disolvente que altere a fecunda harmonía entre capital e traballo” mediante “á depuración das filas da clase traballadora”. E segundo Víctor Montenegro presidente da patronal pesqueira de Bouzas e ilustre redactor de listas negras, “se hai algún sector desa obra depuradora, ningún en forma máis urxente que o sector pesqueiro”! Tío e sobriño complementábanse na tarefa: mentres o tío presentaba denuncias e delataba as xentes do mar, o seu sobriño Erasmo os asasinaba como a forma máis axeitada da continuación da loita de clases por outros medios”.

Contárame o pequeno dos Comesaña que aquela noite funesta escoitaran pasar “O coche fantasma” de Erasmo Montenegro, un Hudson Super Eight do 1930, pola carreteira que pasa á rentes da súa casa, o que, naqueles días posteriores ao levantamento fascista, eles ben sabían o que quería dicir. Así que, obviando toda prudencia, el e o seu irmán pequeno saíron atrás do automóbil por ver se eran quen de chegar a tempo a onde ía parar. Aínda estaban pola curva do Matadoiro cando ollaron ao lonxe, o resplandor dun disparo rachando as tebras da noite, e un intre despois dous máis e os seus estouros. Despois o rechío dos pneumáticos do Hudson camiño de Bouzas indicoulles que o vieiro estaba franco, e que poden avanzar ás agachadas ata o lugar onde adoitan deixar aos paseados. E alí, na encosta que leva ao túnel que cruza por baixo a carreteira de Samil, adiviñábase un vulto escuro; como o dun boneco desamañado. Era o cadáver do meu pai. Cumpríase así o que don Xosé Vilaverde, o que fora Secretario Xeral da Confederación Rexional Galaica da CNT e tallista de santos, predixo no mitin da CNT do Primeiro de Maio no Tamberlick : “o porvir pecharanos as súas portas para abrir as das nosas tumbas”.

Teño poucos recordos nidios daquela mañá na que o vello dos Comesaña entrou pola porta da casa a darnos como mellor soubo a noticia, non por temida menos terrible, e todos eles me parecen como alleos, como que lle tiveran sucedido a outro. Quero adiviñar as figuras do meu irmán pequeno bagoando e a miña nai co rostro crispado e dun estraño color gris, rinchando os dentes para non berrar de dolor, e o balbordo do infortunio choutando polas portas e ventás das casas de pescadores como unha chea lamacenta que asolagara de podremia a vida do pobo.

Teño poucos recordos, pero todos eles escuros, como esborranchados. Do mesmo xeito que nos periódicos ou no cine, a vida despois da sublevación sucedía en branco e negro.Pouco branco e moito negro; poucos traxes brancos, de comuñón ou de voda, algúns máis na burguesía adiñeirada; e moitos traxes negros; poucos nos homes, e case que perpetuos nas mulleres, que estaban sempre vestidas de morte, loito eterno que comezaba na adolescencia e non remataba máis que coa súa propia morte. Como dicía o meu probe pai asasinado, triste resultado dunha relixión que adoraba a un home torturado, unha relixión para a que a risa era cousa do diaño, unha igrexa de homes de negro que so quere mulleres disfrazadas de cascudas ao seu redor. Mal podía meu pai maxinar que o loito que tanta carraxe lle daba que a súa muller levara ía ser finalmente loito por el!

As horas da noite se arrastraban cunha lentitude exasperante. Soamente algúns salaios afogados rachan a calada da noite. Tocan na porta: é Dalmacio, un cenetista vello amigo do meu pai que estivera tamén na organización da loita do trinta e dous contra sociedade patronal “La Marítima”. Dalmacio despois de darlle as condolencias a miña nai achegouse e poñendo a súa forte man de traballador no meu ombro, miroume de fite aos ollos e díxome:

-          Camarada, tócache facer o máis difícil! Quedar canda a túa nai. Non ir morrer ás barricadas, que xa nonas hai; non fuxir comigo ao monte a loitar na guerrilla; non o saíres  na procura dos asasinos do teu pai para darlle morte ou morrer ti mesmo no intento! Para todo iso non fai falla máis valor que o da desesperación. Para quedar coa túa nai axudándolle a sacar adiante a familia, a sobrevivir a esta perda, a soportar as humillacións cotiáns de vivir a realidade que está a medrar ao noso redor, fai falla un valor moi especial: o valor da esperanza!

Explicounos logo o que estaba a pasar: o deixar os cadáveres dos paseados tirados ben a vista, sen xuíz nin forense que os levante, sen policía nin Garda civil que investigue os executores do asasinato, que ben o saben eles sen necesidade de preguntar! A estratexia do terror!

A miña nai, que ata ese momento semellaba non escoitar o que Dalmacio estaba a dicir, ergueu a testa e afirmou con voz rexa á que ninguén de nos atreveuse a levarlle a contra:

-          Meu home non vai quedar nunha cuneta como un can!

Ben de mañanciña, case que nin alborecera, mai puxo o pano na cabeza e saíu cara a Casa Parroquial. A miña nai, que non llo dixera don Manoel, era da congregación do Cristo dos aflixidos e, para desesperación do meu pai, tiña o sentido e maila vontade gobernada pola igrexa. E, o que é peor!, por don José Fernández Parada, popularmente coñecido como Padre Comesaña, un daqueles sacerdotes de pistolón ao cinto e correaxe militar por riba da sotana que pensaban que acirrar aos cans da morte formaba parte da súa sagrada misión.

-          Mire don Xosé! –dille miña nai ao chegares canda el –Eu quería pedirlle unha cousa …
-          Anda muller, que ben sei o que me queres pedir; e ben sabes ti que non cho podo dar.
-          Don Xosé! O meu home era un bo home!
-          Non serei eu o que diga que merecía a morte, que non é de bos cristiáns desexar a morte nin dos peores, pero o teu home era un dos soldado do diaño!
-          Se equivoca don Xosé! Que unha cousa é non ser home de igrexa e outra moi distinta ser mala xente! Que o meu home todo o que fixo na súa vida foi loitar por mellorar a dos demais!

Don José Fernández Parada é un cura despótico, que aínda que as veces intente disimular collendo prestadas as formas untuosas dos cregos é máis arisco que a casca da sobreira, convencido de que non se contan os mortos que matas cando deus está do teu lado.

-          Querida filla! E que nono ves? Que iso de loitar por mellorar a vida dos demais é o froito da arrogancia do demo intentando torcer a vontade de Deus que fixo a uns homes ricos e a outros pobres!
-          E non son a súa filla, –dille entón a miña nai, coa boca chea do sangue do seu marido asasinado, –que antes me pegara un tiro no padal que ter algo máis que ver co seu deus sedento de sangue e de vinganza!

Así que aquela mesma noite collemos o carro co que os Comesaña ían na procura de argazo para o estrume das leiras, puxemos o cadáver riba das algas, e polo túnel que aínda existe baixo a carreteira de Samil levámolo arrolado polo canto do eixo ata sementalo nun lugar secreto onde puidera agardar sen persecucións o día en que os homes cheguen a ser irmáns, cese a desigualdade e a Terra sexa paraíso libre da Humanidade.

E mire que lle digo, don Manoel! Aínda que sexa para limpar o sabor a fel, quero, como é o meu xeito, rematar cunha cántiga popular:

Todos os curas é cregos,
debían de ser queimados
que lles din as raparigas
que o amor é un pecado.

domingo, 30 de xuño de 2019

As mocidades da Sefa (4).


Ben sei, meu querido amigo que toca rematar aquilo que tiven a ousadía de iniciar! Que aínda que moito me custe falar desta etapa da miña vida has de volver ó pasado como o can volve ao trousado, e non quero que o meu conto sexa como o de santa ana, que empeza ben e nunca acaba.

Creo que xa lle dixera que os pais de Ricardo eran xente de cartos e moi ben relacionada cos círculos militares mais achegados ao Caudillo. E foi grazas a unha destas amizades, o almirante Nieto Antúnez que era do Ferrol e ao que viñan de nomear Ministro de Mariña, polo que Ricardo puido quedar canda súa nai, destinado ao Cuartel Xeral da Armada, traballando, se é que o que alí facían se pode chamar traballo, a poucos metros da casa dos seus pais no Paseo do Prado de Madrid.

Estes primeiros meses de matrimonio os vivín como nun sono. Ricardo, lonxe da mala influencia de René, estaba encantador, cariñoso e atento, e a súa familia me acollera como a unha filla máis, presumindo do bo casamento que fixera o seu fillo cunha rapaza tan guapa, culta e educada “que no parece hija de sus padres!” como lles escoitara dicir aos meus sogros un día que pensaron que nonos sentía falar. O certo é que os visitabamos a cotío, e que eles gozaban presumindo diante das súas mellores amizades do novo estado do seu Ricardo, que tantos anoxos lles dera no pasado co seu aloucado comportamento. Teño que recoñecer que ao principio eu quedaba un pouco pampa co luxo e boato destas reunións da alta sociedade madrileña, pero non tardei moito en decatarme de que en canto rascabas un pouco no ouropel co que se disfrazaban, deseguida percibías que todo en eles era pose e fachada, que no fondo eran como os sepulcros branqueados dos que nos falaba o Padre Parada, que por fóra locen fermosos, pero que por dentro están cheos de ósos de mortos e de toda inmundicia.

Un malfadado día escoite nunha daquelas reunións unha conversa que oxalá que nunca escoitara; algo que foi para min como un xerro de auga fría e que me fixo entender de súpeto moitas cousas nas que, ata daquela, non reparara.

-          ¿Sabes que veo a tu hijo estupendamente? Desde que se casó es una persona distinta –dicía dona Marina, unha muller moi santeira esposa dun Capitán de fragata do Ministerio.
-          Tienes toda la razón. La verdad es que Sefa ha sido para nosotros como una bendición.
-          ¡Mucho rezamos pidiendo a San Judas Tadeo que encontrara alguna buena chica que lo reformara!
-          ¡Pues ya ves! Ahí lo tienes: enamorado como un tonto de una galleguiña melosa que consiguió lo que parecía imposible. Alejarlo de la mala influencia de su amigo René.
-          ¡Pues habrá que ponerle una vela al santo patrón de las gallegas, porque no quisiera para ti lo de la pobre madre de René! ¡Qué escándalo! ¡Que llegue el Jefe de día y encuentre al oficial de guardia desnudo en la cama con un marinero!

Eu que viña polo corredor toda cargada co xogo de te e as pastas, ao escoitar isto peguei un abalón que un pouco máis e vai toda a louza a parar ao chan.

-          ¡Mujer! ¡Qué susto me has dado! Es que te mueves como un fantasma, ¡que no se te oye venir!

O do pantasma seguro que era pola color que se me quedara na cara ao escoitar a conversa. Cando marcharon as visitas a miña sogra colleume as mans e mirándome de fite aos ollos preguntoume se non sabía nada do de René.

-          Nada! –contesteille eu.
-     ¡No temas! ¡Ya pasó todo! Ahora lo que tenéis que hacer es darme un nietecito y todo será maravilloso de nuevo!

Pero a miña probe sogra Amalia equivocábase. Para o seu cativo entender os problemas eran como o lixo, que se lle pasa a vasoira e desaparecen, que, como no caso do René, retirando a porcallada de diante esvaécese o perigo, cando máis certo é que as conciencias sonche como os trapos vellos que o remendas por unha fenda e esgaza por outra parte. Aquela noite caeume a primeira labazada pola máis nimia das desavinzas. E decontado o arrepentimento, as escusas, as promesas, os xuramentos e os agasallos. E volta a roda da violencia ao seu punto de partida. A seguinte malleira que recordo foi un día ao chegar a casa despois dunha festa no Ministerio.

-          Xa te chegou de coquetear cuns e con outros, non si? –espétame nada máis abri-la porta.
-          Coquetear, Ricardo? –pregunteille eu. –Soamente estiven a falar cos teus compañeiros, que logo dis que son unha túzara que non falo con ninguén.
-         Non sexas cínica, que ben che vin movendo o cu e inclinándote para adiante para que che miraran as tetas!

Eu porfío e me cae a primeira ostia. Lle insulto e me cae a segunda. E logo un rosario delas, xa sen control, e cando me tiro ao chan, patadas no ventre e na cabeza, procurando facer dano. E cando o ataque de ira remata tírase ao chan canda min, abrázame e bícame chorando e pedindo perdón, nono quixen facer, etc. E eu como unha imbécil que era daquela penso que os golpes son parte do sufrimento que eu lle provoco co meu descaro, que son eu a que anda provocando aos homes coa miña falla de recato, e que a súa reacción é normal nunha persoa que está tan namorada de min, e que teño que facer algo para non provocar a súa xusta ira. Xa ve, meu amigo! Que retorcida pode chegar a ser a mente da vítima que é quen de admirar ao seu verdugo!

Pero o mundo é coma un pano de man e un primeiro venres de mes que ía camiño da igrexa do Jesús de Medinaceli a bicar a imaxe e levar, como é costume, non sei se fabas, garavanzos ou lentellas, case que dou de fociños coa miña amiga Margarida que viña canda un grupo de amigas.

-          Sefa! –dime, colléndome polos ombreiros para verme a cara detrás do veo. –Que alegría mais inesperada! Vives por aquí?
-          Vivo! Mellor dito: vivimos, Ricardo e máis eu, moi preto de aquí; mira, douche a miña tarxeta de visita. Pero dime: que fas en Madrid?
-          Perdoa, non tiña a túa dirección e non tiven oportunidade de dicircho! Estudio na Complutense! Mira que te presente ás miñas compañeiras de Facultade: esta é Sefa, a miña mellor amiga.

Aquel encontro con Margarida espertoume do pesadelo de “non vida” na que eu mesma me enterrara. Que facía eu levando legumes e bicando a un pau? Que facía eu tan lonxe do meu mar de Bouzas, e do solpor sobre as Cíes? Que facía eu aturando os gritos os desprezos e a violencia dun home que me anulaba como persoa? Así que armeime de valor e na primeira oportunidade, aproveitando unha comida familiar soltei a bomba.

-          Me voy a matricular en la Complutense. Quiero hacer Geografía e Historia.
-          ¿Y para que quieres estudiar? ¿No tienes en casa todo lo que necesitas? –Contestou Ricardo cheo de rabia contida.
-    Quiero estudiar; saber más del mundo en que vivimos, comprender como llegamos hasta aquí como sociedad, saber lo que pasó y por qué pasó.
-   ¡Pasó lo que tenía que pasar! ¡Que un grupo de españoles de bien decidimos impedir que el comunismo se adueñara de nuestra patria! ¡Además, la universidad de hoy es un nido de rojos! –Argumenta don Ricardo, pai.
-      ¿Y si te quedas embarazada? –Añade doña Amalia –Tendrías que dejar la Universidad para cuidar al niño.
-      ¡Tranquila doña Amalia! Tiene mi palabra de que si me quedo embarazada dejo la Universidad.

Alí acabou a conversa na casa dos meus sogros. Non tal na nosa casa, onde nada máis traspasar o seu limiar Ricardo obstinouse en continuala, tentando crebar a miña decisión, primeiro con boas palabras e conforme ía comprobando que tódolos seus argumentos e tódalas súas ordes estrelábanse nas miñas firmezas, recorrendo ao método habitual; as ameazas e gritos; as couces a cadeiras e mobles; o lanzamento contra as paredes das figuriñas e adornos ao seu alcance; e, decontado e inevitablemente, as labazadas, os intentos de estrangulamento, as patadas, e o repertorio completo de humillacións. Todo igual que as outras ocasións, salvo que desta fóiselle un pouco a man e espertei no hospital Gómez Ulla coa cabeza escacholada. Aínda estaba a espertar da anestesia cando vexo entrar a Margarida na habitación.

-          Sefiña! Que pasou, miña rula!
-          Caín polas escaleiras.
-          Dime a verdade! As escaleiras polas que caíches teñen nome …
-          Non tal! Caín e morra o conto!

Recordo vivamente a escena: Margarida e máis eu collidas das mans a falar cando entra o Ricardo. Margarida érguese da cadeira e vai a por el:

-          Es un monstro, un animal! Non se pega a quen se quere!

Ricardo non da chío. Dálle as costas a Margarida e marcha da habitación, pero antes bota riba de min unha ollada tan cargada de odio que xéame o sangue nas veas. Aquela noite o terror non me deixa durmir. Cada vez que a canseira vence a miña vontade de vixilia soño que Ricardo achégase a min e tenta estrangularme. Pola mañá cedo a natureza vence ao pavor e durmo ata ben entrada a tarde. E ao espertar alí están os ollos de Margarida a acariñarme.

-          Mira ti que non querían deixarme entrar! Que se era familia túa, que se non era! Ide pro carallo, lle tiven que dicir!
-          E que pasou?
-          Que o da porta era galego!

Rimos coma tolas. Como ríamos antes, cando a vida aínda non me golpeara a alma co seu rigor. Pasaron os días e Margarida non saía do meu lado.

-          Que non tes nada mellor que facer? –dicíalle  eu, pensando que estaba deixando as aulas por me coidar.
-          Ter, teño moitas cousas; cousas mellores non! –contestaba ela.

Pero eu sabía que aquilo tiña data de caducidade. Que xa estaba mellor e ían darme a alta; e tería que volver canda Ricardo. Cando cheguei a casa tiña ao meu pai, o Farruco, aquel que alcumaban o Mincha, agardando na porta.

-          Colle unha maleta e mete dentro so o que sexa teu –ordenou con rexa voz.

Meu pai, vostede ben o coñece meu querido amigo, é pequeno e non moi forte; Ricardo sacáballe case que medio metro de alto e outro tanto de ancho, pero non de home. Meu pai é moito, moito home! E eu collo unha maleta pequena, moi pequena, e boto dentro o pouco daquela casa que quero levar comigo. Collo ao meu pai de ganchete e saio pola porta sen mirar atrás.

A meniña xa non chora
Ten canda ela ao seu pai
Que ven levala á súa terra
Que ha de librarlle do mal.

venres, 21 de xuño de 2019

As mocidades da Sefa (3).

Ben sei, querido amigo, que onte lle deixei quedar como o millo sen espiga, cando xuntei nun mesmo relato, e case que na mesma frase, ao Ricardo e un foguete coa pólvora mollada. A mente ten as súas reviravoltas que nos non somos capaces máis que de albiscar! Creo que xa lle dixera que, para o meu pensamento, as mulleres temos no noso natural algo non sei se na cabeza ou noutra parte máis carnal, que non funciona moi ben; senón de que esa teima de namorarnos de quen non debemos, dos homes máis ruíns e mesquiños, esa atracción fatal pola froita prohibida que sabemos que vainos facer mal?
Ese ano Margarida e máis eu fomos estudar o “preu” no Santa Irene, que daquela e en contra da propia ideoloxía do réxime, aínda era de educación mixta. Teño un bo recordo daqueles días, malia o traballo que representaba o ser moito mellores que os nosos compañeiros para obter as mesmas cualificacións, e o de ter que afacernos a ser o obxecto de desexo de todos aqueles monifates coas caras picadas de graos e espiñas, que tiñan decote tal exceso de sangue na cabeza de abaixo que deixaba sen ela as poucas neuronas que tiñan na de arriba. E se, como dicía Margarida, iso non deixaba de ser normal nos nosos compañeiros, que pasaban polo complexo proceso de facerse homes, nono eran tanto as olladas libidinosas dos profesores cada vez que o borde da saia quedábanos un pouco máis arriba do que eles consideraban axeitado, o un botón da nosa blusa pugnaba por abandonar a súa prisión.

A historia da miña ruína, do meu noivado co ruín e fermoso animal que o Ricardo era naqueles días, cando aínda os excesos de alcohol e drogas non transformaran a súa cintura de palla de centeo a palleiro de catro ferrados, non foi moi diferente á de calquera outra das mozas en idade de merecer da burguesía media e acomodada de Vigo. Paseos pola rúa do Príncipe, café ou chocolate con churros en “La Moderna”, algunha película para maiores de 16 anos, ensinando con orgullo o carné de identidade, e o baile dos sábados nas Sociedades. Margarida e máis eu no do Náutico, menos elitista que o Aero Club, ou o Club de Campo. E, por que non dicilo, con moitos máis candidatos que as outras citadas, que compre subliñar que no Náutico entran gratis os alumnos da Escola Naval de Marín, os capullos de impoluto uniforme branco que volvían loucas ás pititas viguesas e pontevedresas. E eu era unha delas.

O noso foi un deses noivados de manitas e bicos furtivos polo Castro; breve, a diferenza dos da época, porque Ricardo xa estaba no último curso e era tradición celebrar a pedida de man coa entrega de destinos aos novos oficiais da Mariña. Así que o 16 de xullo, día do Carme para máis datos, colleunos nas bancadas da Escola Naval Militar de Marín xunto cunha boa presada de noivas impacientes por consumar ou bendicir a súa relación, xunto coas súas familias que devecían por librarse delas, para asistir ao acto de xura de bandeira dos Aspirantes, e á entrega de Despachos aos novos Oficiais. Despois da vibrante e patriótica alocución do Comandante Director da Escola, os asistentes cantaron con máis entusiasmo que acerto o himno da Armada e o acto finalizou co desfile do batallón de alumnos pola chaira da Escola Naval. Os pais de Ricardo, que eran xente de Madrid de moitos posibles, tiñan mesa reservada nun restaurante de moita pompa e circunstancia da Boa Vila, onde o meu pais disfrazados coa súa mellor roupa suaban para adiviñar cal dos catro ou cinco garfos que había na mesa era o axeitado para come-las ostras.

Xa sabe querido amigo, que algunhas somos moito de cambiar as orellas polo rabo; e eu penso que tal fixen cando cambiei a amizade de Margarida polo amor do Ricardo, que cando empecei a saíres co gardamariña deixei de lado a Margarida, que xa se sabe que compañía de tres fíxoa o demo. Ela, que ben coñecía o meu carácter máis túzaro que obstinado, nada me dixo das reservas que o obxecto do meu namoramento lle suscitaba; e fixo ben!, porque xa o di o refrán que non hai peor xordo que o que non quere oír.

Ben sabe que eu sonlle moi refraneira! Que para min moita da sabedoría popular está recollida nestas sentencias. E xa ve vostede se me equivoco que como canta o abade respóndelle o sancristán, e con aquela de “compañía de tres, o demo a fes”, falei, sen me decatar, de min mesma. Demasiados dos poucos días que Ricardo podía saír da Escola Naval viña canda el o seu compañeiro e amigo René, un rapaz miúdo que facía menos vulto cás barbas dunha formiga, e que parecía imposible que houbera superado as probas físicas necesarias para ingresar na Armada. A escusa do meu noivo era sempre a mesma: que o probe rapaz non tiña con quen saír, e que el non tiña corpo para pasalo ben sabendo que malpocado do seu amigo quedaba na Escola máis aburrido que unha pataca. Cando René estaba diante Ricardo se transformaba dun depredador de mans inquedas nun tímido seminarista que case que non me collía da man. Pero, parva de min, eu nada receaba e, por suposto, nada disto falei nin coa miña nai nin con Margarida, da que xa lle dixera estaba un pouco distante por mor do meu gardamariña, especie animal á que ela aborrecía máis que a un saco de cobras!

Casamos un día de agosto en San Miguel de Bouzas. Recordo que o día da nosa voda facía moito vento; eu estaba un pouco desgustada porque nas bancadas dos meus invitados non mirara a Margarida nin aos seus pais, así que ao saíres ao adro da igrexa e ver a miña amiga agardando por min mentres suxeitaba como podía a pamela, entroume ledicia tal que deixei o brazo do noivo e fun correndo cara a ela, de xeito que para responde ao meu abrazo tivo que deixar de suxeita-lo chapeu que libre de amarras botouse a voar ata deitarse nas ondas da praia, o que nos fixo tan felices que non eramos quen de parar de rirnos coma dúas tolas.

Eu convencera aos meus pais que a festa de vodas tiña que ser no Náutico. Para desesperación deles, que non so sentíanse alleos a aquel formalismo senón que pasaron máis fame que o mestre da escola unitaria de Campobecerros con aquel menú de “œufs poché à la grand crème”, “bocaditos de mar”, “bombón de bechamel” e outras cousas desa fasquía. Menos mal que ao fin papá descubriu que o que no menú describían como “Turnedó Rossini” era un solombo de vitela envolto en touciño acompañado de legumes e unhas pataquiñas, o que deulle forzas para saíres comigo a bailar o valse. Alí tíñanseme que ter acendido todas as alarmas, porque Ricardo bebera tanto que ao sacar a súa nai a bailar case que tira con ela ao chan. “Sentoulle mal o viño, sentoulle mal o viño” dicía a súa familia para xustificalo, pero o caso é que quedei sen valse de vodas como primeira das cousas sen as que íame quedar.

Ricardo, como despois tiven ocasión de sufrir, era polo viño coma o demo polas almas; bebedor compulsivo e daqueles que se poñen violentos cando están bébedos. Porque hai xente que poden beber e beber ata perder o coñecemento e non cambian o seu comportamento, pero Ricardo era daqueles outros aos que o viño descubría o lobo que levaba no seu interno.  A noite de vodas foi un completo fracaso, pois xa se sabe que, non so “que onde entra o beber, sae o saber” senón que “o viño e a borracheira botan o carallo por terra”. Miña nai xa advertírame que no estado que ía o meu marido pouco podía agardar aquela noite, pero eu tampouco afogaba coas presas, e no viaxe habería ocasión de probar aquilo do que tanto falaba a xente.

O certo é que cando o fixemos tampouco foi como botar foguetes! Ben fora pola pouca maña que calquera dos dous non dabamos, como pola pouca afección que Ricardo poña na labor, que o seu máis parecía como o que ten tan presa por marchar do caladoiro que bota o aparello só coas trallas. Pero xa se sabe que o bo traxe cobre a mala liñaxe, e a Ricardo o uniforme lle disimulaba tódalas eivas. Ou iso pensaba eu, que ao pouco de casados comezaron os malos tratos, primeiro de palabra e, de contado, de obra.
A miña casa non quero que veñas,
sempre me ** nunca me preñas.
E que non podes, ou que non sabes,
ou que perdiches as habilidades

xoves, 13 de xuño de 2019

As mocidades da Sefa (2)


A miña mocidade, meu querido amigo! Onde vai ela! As veces penso que nona tiven; outras que si a tiven, e que malgasteina en facer xusto o contrario do que os meus pais e a xente que me quería me aconsellaban! Que fundín a miña mocidade en perseguir luceiros de celofán, papaventos de colores e foguetes de sete estralos coa pólvora mollada; canta enerxía desaproveitada en recorrer camiños que non levaban a ningures! Cando boto agora a ollada atrás vexo unha rapariga coa cabeza como unha esporta de grilos, moi pagada de se mesma, testana como unha mula e máis indixesta que un bolo cru. Nada ao que as máis das raparigas do meu tempo poidan sentirse alleas, nada que o tempo non cure!
Poucos recordos agradables teño do colexio de monxas no que os meus pais me fixeron estudar o bacharelato. O mellor de todos eles a amizade con Margarida, a filla dun médico e unha profesora de piano que chegaran a Vigo procedentes de Toulouse, a capital do Languedoc na que pasaran varios anos. Margarida chegou co seu encantador acento francés e o seu recendo a violetas comezado xa o sexto curso e a sorte quixo que viñera a aniñar no meu pupitre.

Margarida era todo o que eu sempre soñara ser, e tiña todo o que eu quixera ter: clase, encanto, educación … e uns pais de boa familia, cos seus estudios e que falaban, ademais do francés, un castelán tan perfecto como se o estiveran a ler nun libro. Mentres eu tiña que apandar coa vergonza de ter uns pais dunha aldea perdida na montaña, sen tan sequera estudios primarios, e que non falaban máis que unha lingua, que daquela non era nin tal senón un xeito de falar que soamente usaban os obreiros e mariñeiros que viñan á taberna.

Margarida a andar, a moverme con graza, a coller os cubertos, a dicir por favor e grazas; ensinoume a prescindir da xoiería de novas ricas coas que a miña nai gustáballe adornarme e a deixar de lado os vestidos demasiado rechamantes. "Viste vulgar e só verán o vestido; viste elegante e verán á muller”, repetía sempre, engadindo con modestia exquisita que a frase non era súa. Os días que me invitaba á súa casa eran para min os máis felices da miña mocidade. Encerradas na súa habitación pasabamos as horas probándonos roupa, poñendo zapatos de tacos, e pintándonos os ollos e a cara a unha á outra. E logo, aquelas tardes de invernía nas que a criada servía o chocolate con churros na sala de estar, e ao remate a nai de Margarida nos tocaba no piano algunhas pezas que para min eran como o canto dos anxos!

Margarida e máis eu falábamos de todo; tamén de homes; de homes e de sexo, porque, ás avesas que a miña nai, a súa contáralle polo miúdo os trocos que o seu corpo e o seu carácter ían sufrir dende a primeira regra. E de que xeito os tiña que xestionar coa maior cordura, prudencia e sensatez posible, aínda que xa se sabe que nesas idades non é moita. Especialmente no meu caso! Que unha das miñas diversión favoritas era a de xogar cos desexos dos homes e logo contarllo a Margarida para rirnos ás dúas coma tolitates! Como o axudar na taberna non era moi divertido cumpría procurar algún enredo para rachar a monotonía; e un dos meus era o de debruzarme riba das mesas dos clientes para limpar o mármore, coa camisa un pouco máis aberta do debido e comprobar como aos que estaban alí sentados se lles afogaban os ollos nas profundidades do meu escote.

De todos eles o único que retiraba os ollos arroibado de vergoña era o Ernesto, un rapaz novo pero pouco agraciado, nin alto nin baixo pero un pouco cotrolo de corpo, mesquiño de pelo aínda que sen chegar a careco; unhas mans suorentas e un bigote daqueles tan en boga neses tempos completaban o retrato. Debo dicir que eu tiña a Ernesto en bo aprecio e consideración; polo menos ata o momento no que os meus pais empezaron a pensar que non sería mal casamento e intentar metermo polos ollos. Así que, coa irreflexión propia da nosa idade e condición, parecía que os tempos eran chegados de facer algunha barrabasada.

Aquel ano, grazas en gran medida a Margarida, aprobei o sexto curso e a súa reválida cunha notas moi satisfactorias, grazas ás que puiden convencer aos meus pais que me deixaran matricularme coa miña amiga no “preu”. O novo curso trouxo moitas novidades: novo colexio e en verbas de Margarida “novas lilas purpúreas nos xardíns do Náutico”. Un sábado, pouco despois do comezo do novo curso, no baile do Náutico coñecín a Ricardo, un gardamariña moi novo e moi guapo, co que casaría uns anos despois.

Collín a lancha en Marín,
fun desembarcar á Vigo;
non me sigas as pasadas,
que non me caso contigo.

domingo, 9 de xuño de 2019

As mocidades da Sefa (1)



Mire que lle digo, don Manoel! Ben atina ao dar por suposto que tamén a nosa querida Sefa fixo algo máis na vida que servir viños na taberna dos seus pais. Que se nos ires e vires do Farruco e Fina tívenlle entretido unha chea de tempo, nada lle contei da vida e andainas da nosa cantineira de corpo belido, á que tan ben lle acaía a Cantiga de amigo de Don Dinís:

De que morredes, filla, a do corpo belido?
Madre, morro de amores que me deu meu amigo
Alba é, vai lixeiro!
De que morredes, filla, a do corpo louçano?
Madre, morro de amores que me deu meu amado
Alba é, vai lixeiro!
Madre, morro de amores que me deu meu amigo
cando vexo esa cinta que por seu amor cingo
Alba é, vai lixeiro!
Madre, morro de amores que me deu meu amado
cando vexo esa cinta que por seu amor trago
Alba é, vai lixeiro!

Pero non adiantemos acontecementos, que o dos amores ven na nosa narración un pouco máis adiante. Déixeme que polo de agora lle conte como a Fina e o Farruco, como tantos outros pequenos comerciantes da súa época, empeñaron tódolos seus cartos e enerxías na procura do ascenso social da súa filla; a cobiza porque foran na vida “moito máis que eles”, foi o afán de moitos dos que conseguiran saír con algún ben da guerra de España. E o primeiro banzo na escada de ascenso de condición social era abandonar o galego, a lingua dos seus, unha lingua de brutos e incultos, polo castelán, que eles chamaban español, e nesta teima andaban no seu afán diario na taberna dirixíndose a ela, invariablemente, no que eles pensaban que era castelán, e mantendo o galego na súa relación entre os dous e cos clientes.

E se o abandono da fala era o primeiro chanzo, a educación nun colexio de pago, en troques dunha escola pública, era o segundo. E xa enguedellados na caza e captura dun bo partido co que agatuñar pola escada social, como remate da faena, ingresar á rapariga a golpe de cartos nunha Sociedade de moita aparencia, como por exemplo o Real Club Náutico de Vigo, que facía pouco que inaugurara o seu flamante edificio social nas Avenidas, o mellor caladoiro de bos partidos, ateigado como estaba de Cabaleiros Aspirantes a gardamariña, fillos das grandes familias da pesca, da conserva ou a construción naval e aínda funcionarios públicos en idade de merecer.

En idade de merecer estaba un dos protagonistas da nosa historia, o noso Ernesto Tomás, un cliente habitual da taberna do Mincha, funcionario de Aduanas que, como don Quixote, viñera dun lugar da Mancha de cuxo nome, neste caso, non podo acordarme. Ernesto Tomás era un bo rapaz, risoño e conversador, que aturaba de bo lecer as brincadeiras que algún fregués da nosa confraría do monterrei, un que estivera emigrado en Bos Aires, facía co seu nome transformándoo nunha pregunta con acento do Río da Prata: Ernesto, tomás? Tomamos! –respondía Ernesto, invitando con tal motivo a unha rolda aos presentes. O certo é que Ernesto fixera boas migas coa xente, e aínda intentaba ceibar, con mais entusiasmo que acerto, algunhas expresións en galego canto estaba cos amigos comendo e bebendo a embute coma abades. E teño para min que a ninguén enganaba acerca das verdadeiras razóns polas qué, tendo boas tascas no Berbés, moito máis preto do seu choio, viña en canto cadraba á taberna do Mincha, que ten bo é viño e boa cociña, pero tamén unha fermosa cociñeira da que o noso rapaz quedara máis namorado que un ollomol.

Pero, o que son as cousas, don Manoel! Máis inútil que botar auga no mar e poñer olliños de carneiro degolado a quen está ollando para outras leiras. Por moitas virtudes que Ernesto tivera, por moi bo partido que o mozo fora, a Sefa estaba daquela moito mais atenta á outro tipo de pantalóns dos que heille de falar en canto que ocasión sexa propicia como pera madura na boca dun larpeiro.

O da guerreira de palas,
ó do pantalón de corte;
quere falar coas mozas,
e aínda non ten bigote!