xoves, 28 de setembro de 2017

Para dona Helena Villar Janeiro


Mire que lle digo don Manoel! Hoxe que é o aniversario da súa amiga na rede Helena Villar Janeiro, véuseme ás mentes un comentario verbo do uso do galego que antóllaseme vaille gustar. No so porque a cousa vaia de docentes e aconteza no tempo actual e nun lugar da Galicia interior, xeografía onde a lingua é mais do cotián e menos do militante, senón porque ben sei do seu compromiso vital coa fala.

Un grupo de profesores parrafean de temas varios antes de entrar nun claustro. O idioma que utilizan é, como non!, o castelán. Paseniño, sen presas, entran na sala onde vaise celebrar o devandito claustro. E, o que son as cousas! Tódalas intervencións fanse en galego. Pero en galego litúrxico!

Eu, don Manoel, non quero ese galego! Quero o galego dás nais falándolle aos cativos na rúa camiño da escola, o galego dos peóns insultando aos automobilistas que non respectan a un paso cebra, o galego dos que preguntan algo a un descoñecido, o galego das tascas, das aulas, do ascensor, da tenda de barrio e do supermercado, do barrio periférico e da rúa do Príncipe.


E, mire que lle digo, don Manoel! Non é que eu critique aos que chegaron a amar a lingua por militancia política, ou por amor á súa parella, que todas as razóns son boas para amar á cultura. Critico esa nova diglosia do politicamente correcto e amo afervoadamente a xentes coma a dona Helena, que emperrenchouse en publicar para que os fillos dos demais tiveran a mesma oportunidade que os seus María e Abe de ler contos na súa lingua.

xoves, 21 de setembro de 2017

Viaxe a Ítaca

Mire que lle digo don Manoel! Que traio hoxe no peto un recorte da prensa que atopei na casa para comentalo con vostede, se non lle resulta enfastioso. A cousa ven dun comentario arredor da utopía que a xente ten en grande estima, pero co que eu non podo mais que estar en desacordo. Nunha palestra que o director e actor de cine arxentino Fernando Birri xunto co xornalista e escritor Eduardo Galeano impartían en Cartagena de Indias, alguén preguntou que para que serve a utopía. A pregunta e a resposta de Birri, elaborada por Galeano, e traducida por min ao galego di mais ou menos o seguinte: 

-          A utopía está no horizonte. Camiño dous pasos, ela afástase dous pasos. Camiño dez pasos e o horizonte córrese dez pasos máis aló. Por moito que camiñe nunca a alcanzarei. Entón para que serve a utopía?
-          Para iso, serve para camiñar.

E digo eu, don Manoel, que certo é que a vida é como unha viaxe dende o berce ata o cadaleito, que coma dicía Homero antes que Kavafis o importante é o camiño e o que acontece mentres o percorremos.

Cando emprendas a túa viaxe a Itaca
pide que o camiño sexa longo,
cheo de aventuras, cheo de experiencias…

Mais non é menos certo que camiños son todos pero non é o mesmo autovía que congostra, corgos que vereas. E mais importante: onde che leva canda seu dos camiños, porque utopía está en ningures, polo tanto collamos o camiño que collamos está ben, porque, se facemos caso da parábola de Galeano, todos os camiños levan a utopía, o Camiño de Santiago ou de Monseñor Escrivá de Balaguer.


E, mire que lle digo, don Manoel. Ulises volta á súa patria, Ítaca. O periplo que haberá de levarlle de volta prolongarase por máis de vinte anos, percorrerá augas mansas e bravas, coñecerá xentes boas a malas, sufrirá a ira dos deuses e a protección dunha deusa, escoitará cantos de mulleres e de sereas, mais ten unha patria soñada onde chegar. O camiño é importante pero sempre que te achegue  onde queres chegar. 

sábado, 9 de setembro de 2017

Mire que lle libro!

Miren que lles digo, meus amigos! Que hoxe quero compartir con todos vostedes unha nova que me ten mais contento que unha gaita nas festas, que diría o meu Tiniño. Ben saben que eu comecei sendo soamente un vello mariñeiro afeccionado á conversa. Mais tarde, os meus parrafeos con Don Manoel tiveron un oco nas redes sociais e no corazón de moitos de vos. Facebook primeiro e logo, grazas ao acertado consello dun poeta dilanófilo, nun blogue.

Asi que: Mirequelledigo, Mirequellefeis, Mirequelleblogue e agora se todo vai coma ten que ir, Mirequellelibro. Non é mala cousa! Eu estou contento, e moito mais o estarei se, chegado o momento, vos achegades en día e hora que confirmaremos ao lugar onde oficiaremos a cerimonia inaugural desta nova singradura de MIREQUELLEDIGO no papel.

martes, 29 de agosto de 2017

O fillo do señor Xosé

Mire que lle digo, Don Manoel! Ao señor Xosé lle saíra un fillo inútil. E o feito tiña a Don Xosé mais amolado que tres nun zoco, non tanto polo feito en si, que iso lle pode pasar a calquera, senón polo moito que tiña que aturar o fachendear dos seus amigos, que pasábanlle polos fociños os éxitos dos seus fillos, que estudaran carreiras de prestixio e tiñan postos de moito predicamento na administración pública ou nos negocios.

Cando morreu o Ditador e se legalizaron algúns partidos políticos o Xan, que tal era o nome do fillo do señor Xosé, meteuse en política a falta doutra ocupación mellor, e tanta labia tiña e tan ben mandado era que en pouco tempo ascendeu ata os postos de mais relevancia e irresponsabilidade dentro do partido, asombrando a propios e alleos co seu arte para esquivar os problemas no seu labor de goberno.

Nestas estabamos cando un día chegou a casa do político un informático das novas xeracións do partido que tiña a misión de completar o currículo do persoeiro. Coma o agora Don Juan non estaba na casa atendeulle o señor Xosé que estaba no alboio da casa tallando leña para o inverno, coa súa irmá Socorro.

-          E logo, Don Xosé. O seu fillo que carreira ten?

E antes de que Don Xosé argallara unha resposta axeitada, a tía Socorro, sen erguer a vista do feixe de leña que estaba a recadar sentenciou:

-          A de rozador de toxos!

venres, 25 de agosto de 2017

Mais doutrina có abade!


Mire que lle digo Don Manoel! Se non lle importa ímonos para aquela outra mesa que estes de aquí xa me teñen mais canso que un raposo vello corrido dos cans. Que as veces pásame coma aos carros que de baleiros non dan nin chío e cando van cargados todo son queixas. Os moitos anos que cólmanlle a un o peito de rarezas! Cousas que de común nin me chaman a atención, en ocasións fanme encher a gorxa de carraxe e non son quen de as tragar.

Ti houberas feito o mesmo; máis vale o malo coñecido que o bo por coñecer; pensa mal e acertarás; coa que está a caer. Veña a trillarme os oídos coma quen maza nun polbo! Arrastrados se vexan coma as cóbregas esa cuadrilla de moinantes que saben máis doutrina có abade! Que o de ti houberas feito o mesmo, as mais das veces non deixa de ser unha escusa para a covardía, o máis vale o malo coñecido que o bo por coñecer para seguir votando sen remorsos aos mesmos corruptos, e o pensa mal e acertarás para xustificar a miseria moral e a intolerancia.

E, mire que lle digo Don Manoel! Falarlle de a que está a caer a xeración que sufriu a violenta represión física, económica, política e cultural da longa noite de pedra, que aínda dura, non deixa de ter o seu aquel!

Veño dunha romaría,
dunha romaría noutra;
veño dunha romaría
e mañá vouche pra outra.

mércores, 9 de agosto de 2017

O caderno do Marcial


Mire que lle digo, Don Manoel! Ao Tiniño se lle facía que os camiños que o Marcial collía eran de mais preguizosos e desnortados, e moitas das veces tampouco lles achegaban moito ao mar. Tanto collían cara ao norte, coma se procuraran os portos de Foz ou Viveiro, coma cara ao oeste a Noia ou calquera dos portos das rías, como desandaban o camiño feito e marchaban en dirección oposta ao mar. O que si era certo e que estes cambios de rumbo facíanse a mantenta, e o resultado era sempre unha feira, un mercado ou unha romaría, onde adoito os estaban xa a agardar.

Un día o Tino descubriu que todos eses camiños e as súas reviravoltas estaban nun misterioso libriño que o Marcial levaba agochado no peito nunha saqueta dependurada do pescozo cunha baraza, e considerou para si que o oficio de gaiteiro quería mais coñecementos que estudar as melodías e adornos, a preparación de pallóns e palletas, o coidado da veste e os fleques e a afinación da gaita. E que Marcial aínda tiña moito mais que lle ensinar. E, dende logo, darlle a súa oportunidade de tocar, aínda que fora un par de pezas!
E coma para que agarda todo chega, o Tino ten a súa ocasión na feira dun pobo que non sei se coñecerá, Don Manuel, na ribeira do Eo, Ribeira de Piquín. Pois se algunha volta deu por alá ao mellor tamén sabe que ben preto de Ribeira, no Chao do Pousadoiro, estaba o taller dun dos grandes construtores e gaiteiros desta terra: Don Xosé Seivane.

En Ribeira de Piquín ten o señor Marcial moitos e moi sedentos amigos. Así que o Tiniño non ten que facer nada de mais; abonda con facer de menos, non andar decontado a rentes do Marcial envorcándolle a cunca, e baleirándolle o viño no chan cando non mira. E cando o ramista ven a procurar a Marcial para tocar, o Tiniño ten a súa oportunidade de lucir por vez primeira coma gaiteiro de seu.

Para pobre aprendo a xastre,
para rico a zapateiro,
para putañeiro, crego,
e para borracho, gaiteiro.

venres, 21 de xullo de 2017

Os misterios do rosario!

Mire que lle digo, Don Manoel! Cando alguén morría na aldea a práctica totalidade dos veciños se reunían na casa do finado para acompañar á familia durante toda a noite. Se coloca ao defuntiño sobre a cama vestido co seu mellor traxe, e a xente vai entrando na alcoba para despedirse do defunto comentando o bo que sempre foi e a grande perda que é para todos. As mulleres quedaban a rentes do defunto rezando un rosario tras doutro namentres a maioría dos homes retirábanse a outra habitación para xantar e beber en homenaxe ao morto.

A cousa é que neste velorio entre os homes que quedaron a rezar estaba Fuco O Tatexo, e cando chegoulle a quenda de rezar o seu misterio non da arrancado. A xente remóvese inqueda nas bancas e tallos. Entón se escoita a voz da tía Socorro, que non pode aturar mais e bérralle:

-          Fala ou rebenta, cona!


E mire que lle digo, Don Manoel! Ata a familia do morto tivo que escachar coa risa!