xoves, 28 de marzo de 2019

Para Concha e Xaime de Andel


Mire que lle digo do Manoel! Unha libraría mais que pecha! Aínda que, por mor dos poucos cartos que adoitan a soar na miña faldriqueira, son home máis de bibliotecas que de librarías, unha noticia deste xénero dóeme como se me arrincaran os dentes. Que para o meu entender, don Manoel, se as librerías pechan algo non vai ben na nosa sociedade; que se as librarías pechan o mundo faise peor, mais gris, máis parvo, máis incapaz. Pecha a librería Nicolás de Moya, da rúa Carretas de Madrid, que levaba aberta dende 1862; pecha Semuret de Zamora despois de 118 anos de servizo á cultura; pecha Ortiz de Jaén, vinte anos no mesmo labor; e en Zaragoza pecha Los Portadores de sueños que non foron quen de soñar máis que 14 anos! E agora a nosa Andel anuncia tamén a necesidade de pechar ás súas portas.

Ben certo é que o de Andel era unha acrobacia do “máis difícil aínda”. Unha libraría de fondo dedicada en exclusiva ao libro galego e portugués! Pero Concha e Xaime demostraron durante vinte anos que tal fazaña era posible! Agora os atrancos son demasiados e cando non se pode vivir do que un ama compre procurar novos camiños; deixádenos orfos e queixámonos; e ata convocamos a un coros de choradeiras, que xa se sabe que son unhas mestras na arte de incitar ao pranto, que é mais doado queixarse do pouco que coidan a cultura ás institucións que recoñecer que a maior parte da responsabilidade dese peche é nosa; que se queres que haxa librerías no teu barrio o mellor que podes facer é comprar libros nelas, que, polo menos nunha sociedade como a que vivimos, compre vender moitos libros para que un proxecto deste tipo sexa viable.

Teño por Andel un especial agarimo. Non en van foi o espazo no que un bandiño de marabillosos amigos, Isabel, Begoña, Antonio, Anxo, Xisco, a súa netiña Lucía co Miguel Angel como mestre de cerimonias, celebraron con verbas e música a estrea do libro no que vostede recolleu as nosas conversas, e que deu en chamar as Crónicas dun filósofo tabernario. Filósofo tabernario! Non é pouco! Se algo son, don Manoel, é un bo afeccionado ao palique, defensor afervoado dese vicio que non pode ser solitario da conversa. Pode ser que os meus parrafeos parezan filosóficos pero so no sentido de amor á sabedoría, que sempre mantiven co latino que “primum vivere deinde philosophari”, ou aínda mais primum bivere, (un grolo deste gorentoso monterrei), e deinde philosophari pero so cando a ocasión e a compaña o tolera.

E mire que lle digo, don Manoel! Hoxe que calquera que teña móbil é fotógrafo ou cineasta, calquera que teña un editor de música compositor, todo o mundo pode ser, se lle peta, novelista ou poeta, ou, como no meu caso, filósofo. Que non digo eu que tal cousa sexa mala en se mesma, pero si que, por mor das redes sociais, chega á os que nelas están unha tan desmedida avalancha de contidos, mais ou menos artísticos, que non temos nin a máis mínima posibilidade de poder chegar a separar o grao da palla. Así que se non lle resulta molesto, quero mellor esoutro de mariñeiro con moita mar nos ollos para me definir, e chamemos a un ebanista para facer os mobles, a un electricista para manexar tan perigosa enerxía, e aos médicos para intentar reparar o noso corpo cando ten unha avaría. E procuremos a uns libreiros como Concha e Xaime para nos aconsellar nas lecturas, que compre achegarse ós mellores como as abellas ás flores para facer o mellor mel.

Unha terra ben labrada,
si lle dan ben o labor;
colléndolle ben o froito
cada vez o da mellor.

martes, 5 de marzo de 2019

De volta da ruada


Mire que lle digo, don Manoel! Non. Non foi aquela de Santa María de Barbeiros a única ocasión na que o Arghimiro tivo encontros coas xentes do máis alá; ou polo menos iso nos contou, que xa sabe vostede que na taberna do Mincha somos máis de un aqueles aos que o viño de Monterrei da Fina céibanos o bisté! E o noso Arghimiro, coma boa parte das xentes de Ordes, ten unha rara querenza coas igrexas e os aparecidos. Ou sendo leais coma os cans, non tan sorprendente, que os máis dos galegos somos unha amálgama de católicos por obrigación e pagáns por convicción, asoballados sempre por unha igrexa militante ben disposta a romper a crisma a golpes de crucifixo a aqueles que non son, no seu escrupuloso parecer, abondo afervoados.

A cousa é que froito, ben sexa, no parecer de uns, da abundancia de misas de defuntos, ben sexa, no parecer dos outros, da maior iluminación e asfaltado dos camiños, cada día hai menos encontros coa procesión de almas en pena que percorre de noite as vereas e carreiros, e que algúns dan en chamar a santa compaña. Digo algúns, don Manoel, porque algúns outros chamámoslle estantiga ou estadea, que o de santa compaña é, no noso parecer, unha mala tradución do latín "sanctam cum pania", "os que comen do mesmo pan", referíndose ao convite funeral de ánimas e vivos, ese banquete de cuxos manxares cómpre non comer en ningún caso para non que quedar enmeigados; aínda que si finxir que se come das viandas ofrecidas polas ánimas, que os mortos andan moi espelidos na vixilancia do proceder dos convidados para poder levalos canda eles en procesión. Costume este que se pode engadir á vella sentenza que afirma que sogra e nora, can e gato, non comen no mesmo prato.

Penso que xa lle explicara, xa tempo vai alá, que o noso Arghimiro era un xan, unha daquelas persoas que tiñan o natural de ver as pantasmas coma se foran xente viva, cousa que, se temos que crer as nosas avoas, ten algo que ver cun credo mal rezado polo padriño no seu bautismo. O que non é tan habitual nesta xente aluarada é o que ocorríalle ao Arghimiro que, ademais de ver as pantasmas coma se foran xente viva, vía á xente viva coma se foran pantasmas. Por isto non é estraño que o noso camarada de troulas tivera un encontro cun fato de xentes de corpos brancos e rostros pálidos, que déronlle que matinar e cuxa historia paso a contar.

Un dia, vai desto xa uns poucos anos, era eu aínda un rapaz de mocear -comezou a súa contada o Arghimiro despois de mollar a palleta cun bo grolo de viño- volvía eu cos meus amigos dunha ruada en Cerceda, unha das parroquias das Encrobas, de onde era o meu amigo Venancio, cando para a miña desgraza tiven un destes encontros. Recordo que a festa non se nos dera moi ben, que había poucos remedios naquela botica, máis galiñas que pitas no torreiro e máis soltos que agarrados no baile, que o cura de Cerceda andaba máis atento a virtude allea do que andara nunca á propia. Todos beberamos un pouco máis da sede que tiñamos que apagar, e moito máis do que a prudencia aconsella; ao principio da festa para afogar a timidez, despois para alimentar a alegría e finalmente como anestesia, pasaramos de alegre a chispo, de calcado a caneco e de peneque a  borrachón.

A ruada remata cedo e os pendellos e tabernas pechan as portas e recollen as mercancías. Cómpre coller o camiño de volta a casa que aínda teñen por diante unha boa camiñada. Conta o Arghimiro baixando moito a voz, como se non quixera que a Fina lle escoitara, que algo do que comeu na feira debeulle sentar mal que mentres baila vai botando peidos coma foguetes un día dunha festa. Ao pouco de andar sinte que os gases fanlle renxer as tripas como os dentes dun can enrabiado, e receando que se lles abre a porta poda saír do intestino algún estado máis da materia que o desexado, pide aos seus compañeiros que lle agarden un momento que vai facer os mandados do seu ventre; pero o resto da tropa non lle fai caso e aceleran o paso entre chanzas e risadas.

Tiña eu razón –di o Arghimiro- de non querer aliviar sen máis a presión intestinal. Poñerse en crequenas e escagarriarme como unha billa foi todo un. Cando por fin din rematado o labor de estercar o prado e puiden subir os pantalóns cunha certa seguridade ía alá moito tempo que as voces dos meus compañeiros de troula se perderan na mesta noite. A congostra era ben estreita, e coa pouca chuvia que caera estaba feita un lamazal; para máis inri a lúa acazapárase detrás dunha nube e a pouca luz que aínda me permitía orientarme esvaeceu, co que a posibilidade de rachar unha perna na andaina fíxose case certeza. Sorte que non moi lonxe de onde estaba unha raiola de lúa deu de cheo, como se me fixera unha chiscadela, a pedra dun cruceiro; nunha carreiriña de can cheguei ata a encrucillada onde erguíase a cruz; no o estado da miña cabeza, despois dos acontecementos antes relatados, non era como para acertar cal dos camiños levábame a casa, así que non quedoume outra que sentar nun dos chanzos do cruceiro e agardar que os compañeiros, ao decatarse da miña ausencia, regresen a por min.

Conta o Arghimiro que os últimos acontecementos o deixaran un pouco derreado; senta no pedestal, fai un vurullo coa chaqueta para non mancar a cabeza co varal do cruceiro e, ao pouco, a canseira e os restos do viño completan o traballo e queda durmido. Cando estaba no mellor do sono un frío súpeto faille espertar; ao lonxe, na escuridade e entre a brétema, pode percibir o arrandear das luces dunhas candeas, e o vento que ven de levantarse tráelle o cheiro agre do sebo ao se queimar. Arghimiro ten que fregar os ollos dúas veces, para tirar as lagañas dos ollos aínda pegañentos e convencerse de que non está a soñar, e que dúas ringleiras de camiñantes se achegan canda el. Todos visten unha especie de saión branco e raído cunha carapucha tapándolles a testa e levan un cirio aceso na man.

Tras un primeiro calafrío de terror, e despexado xa o intelecto das brétemas do alcohol, barrena, pensa e cavila na posibilidade de que os seus compañeiros de troula, sabedores da súa afección polas cousas do máis alá, argallaran esta andrómena coa que pretenden darlle un susto de morte e rir a cachón arrogañando o beizo coma os coellos co seu terror pánico; así que, posto de pé nas gradas do cruceiro, diríxese á comitiva a grandes voces:

-          Xocas, Ferreira, Fuco, mira que estades ridículos con esas sabas vellas! Ollo co que facedes, que ningún de vos ten moitas habilidades cós cirios e ides queimar ao de diante!

A procesión seguiu avanzando silandeira, mentres os berros de Arghimiro pasaban do recriminatorio ao directamente aldraxante.

-          Pailáns, desgraciados, que sodes máis noxentos que as lesmas! A quen pensades enganar vestidos desa fasquía? Ide por aí a rirvos doutro, que a min non ma dades!

Cando o cortexo está xa máis preto, Arghimiro recoñece ao seu fronte a Venancio, e decátase de que ten a cara esbrancuxada e macilenta como se houbera vomitado ata o primeiro leite, e que leva nas mans unha cruz toda escangallada e de tan pouco xeito que talmente parecía feita con dúas táboas dunha caixa de peixe.

-          E ti Venancio! Que non deches atopado unha saba para te disfrazar como os teus compañeiros?

Entón o Venancio ao escoitar o seu nome cravou os ollos de fite no Arghimiro e sen despegar os beizos berroulle cunha voz cavernosa que non semellaba saír de humana gorxa.

-          Non cacarexes tanto, langrán. Que se non estiveras nas escadas do cruceiro ía pasarche esta maldita cruz e terías que seguir coa estadea ata que non atoparas algún outro que cha levara.

Conta o Arghimiro que tal medo meteulle no corpo a resposta do Venancio que non quedou no cruceiro nin un intre máis para comprobar se o da comparsa era broma ou realidade, saíndo de alí como gato polas brasas, tremendo coma unha xostra e dando cos talóns no cu do lixeiro que corría, sen ollar atrás nin coller folgos para dar un ai.

E mire que lle digo, don Manoel! Eu non acredito nin nego da certeza do conto, pero o noso Arghimiro quedaba máis serio que un frade de pau cando contaba que pouco despois do incidente no cruceiro, o Venancio collera non sei ben se unha tirícia ou un cólico miserere e que, como manda a tradición da estadea, nuns meses morreu de morte morrida, que non de morte matada.

Indo eu para Cerceda
Saíume a morte ao camiño;
deixei dito me enterraran
nunha bodega de viño.

sábado, 16 de febreiro de 2019

O señor cura non baila ...



Mire que lle digo don Manoel! Di unha ben coñecida cántiga que “o señor cura non baila porque ten unha coroa...” ao que responde a freguesía entusiasmada: “baile señor cura, baile, que deus todo llo perdoa”. Non sei ben se a meirande parte dos que a cantan saben que unha coroa é, na primeira acepción do vocábulo do dicionario da RAG[1], “peza ornamental de forma circular, de distintos materiais, que se pon arredor da cabeza, xeralmente como sinal de honra, autoridade ou nobreza” a “Tonsura circular” […] da “parte superior e posterior da cabeza do home, de onde sae o pelo en distintas direccións”, e, por seguir coas definicións aclaratorias, tonsura no uso católico é “un círculo afeitado na coroa que serve para distinguir aos clérigos dos laicos”. Quer dicir, meu amigo, que a tal coroa do noso crego non é en modo algún signo da santidade do pater, senón simplemente que, por imperativo do «Ordinibus sacris III» do Catecismo romano, demostrativo do seu estado sacerdotal, e do seu compromiso de renuncia ao mundo e as súas vaidades e cousas semellantes; compromiso que o que está en tal estado de dignidade ten que renovar mensualmente cunha oportuna visita ao barbeiro.

Algúns escritores católicos afirman sen probas que o poidan acreditar, que tal costume foi introducida polo apóstolo Pedro, e que ven sendo a representación da coroa de espiñas que os tonsurados asumen no seu camiño de renunciacións que é o estado clerical. E digo eu, don Manoel, que tal será para os fillos dos ricos que toman voluntariamente tal estado, pero non para os fillos dos labregos probes, ou aínda das mancheas de viúvas dunha e outra caste, tan abondosas nesta nosa terra de emigración e naufraxios; que a nada renuncian eses fillos, con un pouco máis de luces que os seus irmáns, ao coller o camiño do seminario que non sexa a renuncia á fame e á ignorancia.

Dicía un opúsculo fascista que, despois do “Alza-miento” na España republicana as “hordas roxas” tivérona moi fácil con iso de recoñecer ao inimigo: bastaba con mirarlles a cabeza e xa! “Como camuflar o oco divino? Como tapar a conexión con Deus?”, preguntábase desesperado o redactor! Que tal afeitar toda a cabeza?, pregunto eu. Porque postos a agachar marcas distintivas é bastante máis doado que medre o pelo que o prepucio! E que me di, don Manoel, da beleza, harmonía e lirismo que ten o de chamarlle oco divino á tonsura? Porque para os que falamos en prosa, os prosaicos, o oco divino é cousa mais suxestiva que a coroa dun cura. E se polo buraco rapado na coroa se establece a conexión con Deus está claro que os calvos teñen con tan afamado e insigne personaxe unha conexión 5G!

E mire que lle digo, don Manoel! Que non andarei eu tan desnortado nesta miña hipótese da relación existente entre a calidade da conexión e o tamaño da tonsura cando na tonsura romana ou  coronal[2], a que deixa un círculo de cabelo ao redor da cabeza, durante a Idade Media o tamaño da  tonsura tendeu a aumentar por graos regulares segundo o rango do suxeito, desde  subdiácono a bispo.

Dúas cousas hai no mundo
Que eu non podo comprender;
os curas, o ir ó inferno
e os médicos, morrer.


[1] Poño o nome da Academia Galega da lingua en acrónimo para poder facerme a ilusión de que xa chegou a hora na que a R tradúzase por Republicana.
[2] Esta forma de tonsura, hexemónica en Italia, o reino franco, Inglaterra e España, é coñecida como a tonsura de San Pedro xa, segundo a lenda, foi a que levaba o Apóstolo. Outras formas de tonsura son a celta e a grega. A celta ou de San Xoán, presente nas illas británicas, difería da romana en que o círculo de cabelo ao redor da cabeza estaba roto, estando a parte da fronte afeitada; a grega ou de San Pablo, a da Igrexa ortodoxa, consistiu orixinalmente en afeitarse a fronte enteira.

xoves, 7 de febreiro de 2019

Para a netiña de don Manoel



Mire que lle digo, don Manoel! Moitos agasallos teño xa recibido da súa neta. Tantos que, se a vostede non lle sabe mal, quero facerlle eu tamén un ben cativiño. Non é nada de prezo pero para min é de moito valor: unha lenda que contoume un mariñeiro de Bantry que chapurreaba algo de castelán. O conto leva por nome:

O muíño de sal.

Din que isto pasou, van xa moitos anos alá, nun pequeno pobo mariñeiro de casiñas de cantería encalada con patín e corredor. Non moi lonxe do pobo, no cume dun rochedo a carón do mar onde o vento non deixaba nunca de bruar, había un muíño de sal. Disque o muíño era dun xigante, e a dicir das xentes, un muíño máxico xa que o sal nunca se daba acabado.

O pobo mariñeiro da nosa historia estaba nunha costa inzada de pequenos areais, cavorcos e cantís cos que o mar está sempre a pelexar. E boa parte dos seus habitantes manteñen a cotío esa pendencia co mar para levar algo de peixe a casa; e moitas, demasiadas veces, a pendencia remata en zarracina, dano, destrución, estrago e morte. Morte como a do pai de Catuxa, que foi ao mar e esqueceu botar ás augas un pan de millo a modo de pago, e o barco afundiu, que aquel día ía moi mala mar pero “barca parada non gana soldada” e cando os bandullos están baleiros un home que merece tal nome non pode quedar na casa.

Un deses días nos que o balbordo do vento non te deixa escoitar os teus pensamentos, o xigante, que algo tiña de filósofo, andaba de camiñada pola praia cando veu a Catuxa choutando polas rochas intentando apañar algo que xantar. O xigante, que malia o seu aspecto aterrador era unha persoa moi bondadosa, achegouse a rapariga por ver en que atafegos andaba a coitada.

-          Bo día teña vostede señor Xigante! –dixo a Catuxa que era unha nena moi educada.
-          Bo día! –respondeu o xigante -engadindo despois dunha pequena pausa-. E logo, rapaciña; cómo non andas na escola?
-          Non podo ir a escola, meu señor. Teño a miña nai no leito ouveando de dolor coma un can doente, e alguén ten que ver por levar algo para xantar!
-          E que fuches quen de apañar? Isto? Un puñado de lapas e caramuxos?

A nena sinte como un salaio puña por saírlle do peito e vira a cara para as liñas que a escuma debuxa na praia para que o xigante non poida ver o esbagoar dos seus ollos. Mais ao xigante non lle fai falla mirarlle pra a cara a nena para percibir en todo o seu corpo as pegadas da fame.

-          Lévame a túa casa – dille o xigante colléndoa da man.

Pouco menos frío facía no interior da cabana pequena e ruín, feita con madeiras mal ensambladas que facían  zunir o vento, que na mesma praia de onde viñan. Tan probe era a choupana que nin as arañas facían nela os seus acubillos. E o xigante sinte como a carraxe, a indignación pola inxustiza, medra no seu peito, e os seus ollos están a piques de guindar bágoas coma noces, axeitadas, ben é certo!, ao seu tamaño. Porque, aínda que o xigante sexa mais feo que un sanmartiño e teña a pel coma casca da sobreira ten un corazón que non lle cabe no peito, e non gusta moito da sociedade na que vive.

O xigante percibe que non pode reparar tódalas inxustizas do mundo pero tamén sabe que unha longa viaxe comeza por un pequeno paso, e remediar a fame da nena e a súa nai é un bo xeito de cambiar algunha cousa, así que en dúas ou tres alancadas chegouse ata ao pobo e trouxo baixo do brazo a un notario.

-          Tome nota – dille ao aterrorizado notario -. Faga o documento que acredite que esta muller e a súa filla pasan a ser as propietarias do meu muíño de sal.

Nai e filla puxeron a traballar o muíño e tiñan tanto sal que a vendían en todos os pobos da comarca. E fundaron no pobo unha Irmandade de viúvas coa que compartiron á súa fortuna e admitiron nela aínda ás que non chegaran a saber se o eran ou non, e aínda as que nin tan sequera tiveran a oportunidade de saír do estado civil orixinal. E ata fixeron unha cantiga a xeito de himno que dicía algo así como:

A muller do mariñeiro
pódese chamar viúva,
cando o home vai ao mar
vaille para a sepultura

Pero aquilo da Irmandade non podía deixar indiferentes a todos aqueles que medraran grazas á miseria dos demais; podería servir de exemplo a outros e, a estaríache bo o choio! E levados do diaño pola cobiza do ben alleo, as forzas vivas do pobo ordenaron aos seus matóns pór remedio a aquela situación, comisando, por contraria a todo dereito, a pedra na que consideraban que residía a maxia do muíño. Pero a cousa non era tal e as mulleres da Irmandade fixeron unha pedra nova que aínda moia mellor ca outra. Así que aqueles aos que chaman forzas do orde por non chamarlle da inxustiza, seguindo as instrucións dos seus amos, volveron ao muíño e o desmontaron pedra por pedra para o embarcar nunha goleta de dous mastros que mandaran chamar para o levar á capital.

Pouco gustáballe a carga, aínda que nada sabía da súa procedencia, ao capitán da goleta. Mandou aparellar o buque, e nada mais armar vela o vento deixou de soprar de súpeto, polo que, para poder saír do porto, non houbo outra que arrancar a máquina ata perde-la costa pola popa. Ceibar o capitán os folgos que tiña retidos no peito ata dobrar os cons e erguerse un temporal foi todo un! Tan terrible foi o trebón que buque e muíño afundiron sen que aboiara de un nin de outro nin unha soa táboa. E aí, no fondo do mar, está o muíño moendo, moe que moe. E por iso a auga de mar é tan salgada e, se non o remedia ninguén, seguirao sendo por sempre.

E mire que lle digo, dona Lucía! A Irmandade das viúvas (e asimiladas), que xa aprenderan o valor da unión, seguiu adiante sen necesitar do muíño nin de ningunha outra maxia máis que a da solidariedade.

venres, 18 de xaneiro de 2019

Para a fada Morgane



Mire que lle digo, don Manoel! Ben me sabe o ter novas da Morgane, a fermosa rapaciña loura que viñera da Bretaña, a estudar na ETRAD, non sei ben se canto popular con Xisco ou arpa con Begoña. Da Bretaña e sendo máis precisos da Haute Bretagne, porque tanto o pobo onde naceu, Goneg, como no que vive, Saint-Sulpice-la-Forêt, están nos arredores de Rennes, na Bretaña máis interior e, a dicir dalgúns, menos bretoa.

Coñece vostede Rennes, don Manoel? Eu ben pouco. Tan só da noite que fixemos aló camiño do ferry inglés que nos levaría a Cork, xa sabe, a vila da Aileen, a rapaza do Tiniño, da que xa lle falara en máis dunha ocasión. Foi unha viaxe de tolos a que fixemos en automóbil para volver a embarcar no pesqueiro que nos agardaba en Bantry; de Vigo a Donostia, e de Donostia pasando por Irún, Bayonne, Bordeos e Nantes ata Rennes. Chegados alá, o que é a mocidade don Manoel!, derreados como estabamos, aínda fomos a cear a un bistró e a dar unha volta pola vila para baixar o comido, antes de regresar ao hôtel. E teño que dicir que non sei se agora terá mellorado moito pero daquela a hostalería en Francia padecía gravísimas doenzas fillas dos omnipresentes monsieur chauvinisme e madame grandeur; o titulado bistró non deixaba de ser un furancho; o hotel unha pensión con penico e a cama mais chedeiro que leito. Ben de mañanciña saímos cara a vila de Roscoff, que está na costa norte da Bretaña a máis de douscentos quilómetros de Rennes, onde tomamos o transbordador a Cork, e xa, no que nos pareceu unha carreiriña de can, ao noso barco en Bantry.

Tempo despois, tomando uns netos con don Álvaro Cunqueiro, que se deixába caer ás veces pola taberna do Mincha, souben moitas máis cousas da capital do vello condado. E unha das que mais me chamaron a atención foi o coñecer que tamén eles andaban en liortas co nome que os demais lle daban a súa cidade. Que se nos temos que rifar cos de sempre para que non lle chamen Puenteareas a Ponteareas, ou Sangenjo a Sanxenxo, con quen teñen que loitar eles? Cos franceses que din Rennes?; cos bretóns que lle chaman Roazhon? Ou cos galos irredutibles que lle din Resnn, o nome en galó, ou gallo, unha lingua romance derivada, como o resto das linguas romances, do latín dos invasores romanos?

Cunqueiro sabía moito desta terra que utilizara como escenario dos ires e vires coma a faba na ola do sochantre das súas Crónicas de tal nome. Un sochantre, coma sen dúbida xa sabe, é o cóengo que está por baixo do chantre, polo menos no que a dignidade se refire, e que adoita a encargarse da ensinanza do canto chan aos nenos e aos capeláns; mais o sochantre de Cunqueiro, que leva por nome Charles Anne Guenole Mathieu de Crozón, é tamén tocador de bombardino en todo canto enterro de mérito houbera na Bretaña. Cunqueiro faille saír de Pontivy na carroza de Mamers o Coxo a tocar tal instrumento, (da familia do vento metal e voz de barítono/tenor, por certo), no enterro do fidalgo de Quelven. Na carroza espéranlle cinco compañeiros de viaxe ben peculiares; o coronel Coulaincourt de Bayeux; a luceciña azul de Guy Parbleu; o aforcado escribán de Dorne, Jean Pleven; a dama de ollos verdes coma esmeraldas, Clarina de Saint-Vaast e Monsieur de Nancy, o verdugo de Lorena. E digo ben peculiares porque, coma descubre o noso sochantre ao pouco de montar na carroza, todos eles, xente pacífica onde as haxa!, levan mortos ben de tempo.


E mire que lle digo, don Manoel! Se lle parece que isto non ven moito a conto coa fermosa rapaciña loura que viñera da Bretaña, a estudar na ETRAD, e qué poden ter en común este fato de réprobos, pantasmas, aforcados e sombras que viaxan en carroza camiño de Quelven polos camiños de Bretaña coa nosa rapariga, á que pretendemos dedicar esta conversa, direille que o señor Cunqueiro, que tanto vai brincando coa danza macabra, empuxando ventos polas congostras de Bretaña, coma facendo un círculo na terra galega para dispensarse de coller a cruz e o caldeiro do malfadado vivo que dirixe a procesión da estantiga, que algúns chaman santa compaña; o señor Cunqueiro, insisto, porque, amais de recoller e relatar as aventuras do mencionado sochantre, é douto e competente na Materia de Bretaña, como ben se pode enxergar no seu Merlín e familia, no que boa parte desta Materia son as andanzas da fada coa que a nosa Morganne comparte algo máis que nome.

Unha pantasma de ollos azuis ri na distancia,
saltando cara ao poñente:
por un camiño que persigo eternamente,
Tomo alento e cara alí vou.

 A luz do sol crébase pinga a pinga:
vai cantando e saltando alto
entre as flores cun son de ilusión,
nunha canción de soños.

Río, é tan rápido e alegre;
tan distante que chora a miña fantasía:
Espero que poida xacer algún día,
xacer por sempre e soñar

Fata Morgana de Christina Rossetti (1830-1894)

xoves, 27 de decembro de 2018

Do tranvía na rotonda



Mire que lle digo, don Manoel! Xa ten o señor alcalde de Vigo un xoguete novo! Cansou do dinoseto, cansou do Bernardo Alfageme e agora os reis, que el republicano non é, trouxéronlle un tranvía para xogar. Un tranvía sen vía pola que circular, por suposto! Un tranvía con pantógrafo pero sen rede eléctrica na que se conectar. Un tranvía sen pasaxeiros pero con moreas de visitantes ben dispostos ao exercicio da nostalxia, que non saudade nin morriña, que todos eles son sentimentos de tristeza, mais a morriña o é do lonxe concreto, a saudade do lonxe impreciso e a nostalxia de algo querido que se perdeu.

E o tranvía de Vigo se perdeu, ou o perdemos, naquel ano de 1968, cando o alcalde de Vigo, don Rafael Portanet Suárez, do que din que era de Cangas sen outra razón de mais peso do feito de que nacera alí, revogou a concesión do transporte público á Compañía de Tranvías, aducindo que aqueles montóns de chatarra de ferro eran un atranco importante para o desenvolvemento da cidade. E algo de razón non lle faltaba, pero a súa preocupación non era tanto pola eficacia na mobilidade da cidadanía, que as moitas liñas do tranvía acadaban con eficacia, senón da mellora das finanzas dos seus valedores no Goberno, e súas propias.

Si, don Manoel! O seu valedor, ao que don Rafael debía o seu cargo de alcalde de Vigo, non era outro que aquel tenente coronel amigo íntimo de don Francisco, ferrolán coma el, traidor como el ao xuramento de fidelidade á República, ao que chamaron con toda xustiza don Camulo, pola súa afección a matar o can para curarlle a rabia, e a fusilar periodistas mellor que pechar xornais, e a súa concepción de que gobernar é castigar. Coma tantos outros da súa especie, todo o que don Camulo tiña de león na rúa o tiña de cordeiro na casa, que dona Ramona era asturiana e filla de xente de moitos posibles de Noreña. E, a que ven todo isto?, dirá con todo merecemento. Pois a que a empresa Viguesa de Transportes, Vitrasa, adxudicataria da concesión do servizo de transporte, inxustamente revogado a Tranvías de Vigo anos antes da súa extinción en 1975, fora formada pouco antes en Asturias polos Rodríguez Bustelo, a familia de dona Ramona, a muller do agora xeneral!

E, mire que lle digo don Manoel! Agora o señor alcalde, da manciña da compañía beneficiaria da cacicada, invítanos a facer un exercicio de amnesia colectiva e subirnos a un tranvía de Zaragoza, que toda a terra éche país!, e que por moito que pinten de branco e vermello e enfeiten de madeiras nobres no seu interior, ten cos tranvías que deixamos podrecer nos recheos da avenida da Florida a mesma semellanza que un ovo ten con unha castaña. Se a idea dos responsables da desfeita era a de  render homenaxe ao tranvía como un dos primeiros modelos de transporte colectivo na cidade” na miña opinión o conseguiron na mesma medida que co Bernardo Alfageme. Se daquela conseguimos transformar o derradeiro buque construído con roblóns na ría nun arremedo soldado para decorar unha rotonda, agora, cun tranvía de Vigo que nunca será tal, levantaremos un novo monumento para o goce intelectual desa manda de túzaros que nin coñecen a historia da cidade que habitan nin teñen por ela o mais cativo interese. 

Alá eles, que eu son de Bouzas!

Esquecíchesme, esquecinche,
á min pouco se me dá;
á pena que ti me deches,
outro xa ma quitará.

domingo, 16 de decembro de 2018

O conto da leiteira



Mire que lle digo, don Manoel! Tamén a min berrábame a miña nai cando se me pegaban as sabas aquilo de “arriba rapaz que xa pasaron as leiteiras!” Porque daquela esas mulleres de braveza que traían acotío o leite a vilas e cidades eran para todos nos exemplo de forza, prontitude e dilixencia, fonte de información en ausencia de diarios especializados, e espertador de noctámbulos e xentes de mal vivir co tinguilear das súas caldeiretas.

Entre todas aquelas leiteiras doutro tempo veume agora as mentes unha rapaza farruca e garrida coma ningunha: a Carmela do Xuncal! Tódolos días dende ben noviña a Carmela viña dende o xuncal de Navia, ou de san Paio como diciamos entón coa teima santeira que asolagara os nosos falares despois da derrota, traer o leite as mellores casas de Bouzas, que tiñan en moito a súa puntualidade, honradez, probada rectitude de comportamento, e, o mais importante, calidade do leite fornecido. Carmela vivía coa súa nai, nun cacharufo medio derreado que estaba preto do camiño do Xuncal, de onde lles viña o nome á familia.

Familia só de mulleres, avoa, nai e filla, como tantas outras na nosa desventurada terra, de mulleres vestidas de interminable loito as maiores, e de farrapos as pequenas. Familias de viúvas de vivos ou mortos, as maiores, e de orfas de vivos ou mortos, as pequenas, que cando os homes marchaban a procurar unha nova vida alén do mar ninguén dos que quedaban na terra sabían deles ata que volvían cheos de cartos. Que poucos tiñan valor abondo coma para retornar, como o home do debuxo de Castelao, a morrer canda os seus; os mais esvaécense na calada da brétema do tempo e a distancia, sen enviar mais pegada que a que deixan no corazón dos que esperan contra toda lóxica.

Nai e filla defendían a vida cunha unha única vaca rubia, mais marela que vermella, de pouco pero saboroso leite, á que chamaban a Parrula. Carmela mercáballe o leite a outras casas dos arredores pero o leite da Parrula ía sempre separado do resto e nunca mesturábase co das demais, reservado para aquela casa onde había un cativo doente ou que necesitaba de especiais coidados. O camiño que leva dende san Paio a Bouzas e maiormente chan. Costa arriba ata o cruceiro e costa abaixo dende alí. Media hora a paso vivo. Pero non tan doado de facer para unha rapaciña lanzal cando vai cargada con dúas caldeiretas, unha no molido da cabeza e outra no cadril.

A xeira de Carmela comezaba antes do canto do galo. Muxir á Parrula, tomar unha parva de leite mazado cun pouco de pan reseso, recoller cunha canada as sobras do leite das casas veciñas na caldeireta grande, torcer o molido e aprestarse a saír co primeiro raiar do sol camiño a Bouzas. E sorte tiña de ter vendido nas casas fixas todo o leite que levara, que outras compañeiras, de peor sorte, ou peor leite, tiñan que percorrer as rúas de Bouzas ao berro de “Leite. Quen merca leite?” e ter que cobrar no momento en troques de por semanas, que deste xeito o diñeiro rende máis!

E precisamente nun encontro que tivo a Carmela neste camiño cun fregués habitual da nosa parroquia do Mincha, Nicasio levaba por nome e cuxo apelido non hei de dar, por ser seu pai un daqueles servidores da patria que se fixeron armadores cos barcos roubados aos mariñeiros galegos de Trintxerpe, aquel distrito de Pasaia que neses anos algúns chamaban a quinta provincia galega e outros  o “Buraco bolxevique”. Neste encontro, na versión de Nicasio, e enfrontamento, liorta ou retesía, na de Carmela, comeza o noso particular conto da leiteira. Conto que, como a totalidade dos contos da tradición oral, ten centos, senón milleiros, de versións que, se ben coinciden no fundamental, presentan fortes desemellanzas nos tempos, lugares e aínda protagonistas. A versión que estou a piques de relatarlle está feita arredor da que contou o propio Nicasio na taberna do Mincha, con algún que outro retrinco doutras versións das moitas que escoitamos doutras xentes que por unha razón ou outra paraban na taberna con gana de falar. Aínda que, don Manoel, antes de ir mais aló debera advertirlle que o noso protagonista tiña por alcume “Nin casio” por mor do pouco creto que merecían ás súas historias!

Din que fillo de porco marrán seguro, cousa que non era de todo certa para o noso Nicasio, que era carallán e fandangueiro pero sen chegar nin de lonxe á maldade do seu pai. Mais ben era daquela caste de mozos que nunca se deitaban tarde; porque deitar deitábanse de mañá, pero da mañá do seguinte día. Un daqueles, en resumo, que á hora de tomar decisións, fanlle mais caso á cabeza de abaixo que á cabeza de arriba.

Conta o noso Nicasio que tiña daquela un “Citroën 11 lixeiro” co que recorría toda canta corredoira había nos arredores da vila e mais aló, por ver de entrar nas saias das mozas como o raposo nos poleiros. Regresaba dunha destas cacerías cando topou no camiño dos Casaliños coa Carmela cargada co seu leite. Ao pasar canda ela miroulle para a cara que pareceulle talmente como a dun anxo. Miroulle pras pernas e os peitos, firmes como dúas mazás, e aínda que viña co depósito baleiro despois dunha noite movida decidiu parar e falarlle.

-          Bo día rapariga! Onde vas tan cargadiña?
-          Bo día meu señor. Ben sabe vostede onde vou. Levar o leite á súa casa, por non entrar en mais miudezas!
-          Tesme que perdoar, non che teña visto antes.
-          Tampouco é que o señorito estea tan cedo na casa … Nin que atenda pola porta de servizo!

Ao Nicasio fíxolle graza a desenvoltura da rapaza e insistiu na oferta.

-          Sube muller que che aforro a camiñada!
-          Non sei eu …
-          Sube muller, que a estas horas ninguén vaiche ver!

Así que Carmela subiu. Deixou unha caldeireta no asento de atrás e a mais pequena onde ía o leite da Parrula suxeito entre as súas pernas. Conta Nicasio que aquel recendo ao leite mesturado co de rapariga nova acendeulle de novo o desexo e argallou un quefacer para facerlle as beiras á fermosa leiteira.

Compre sinalar que o Citroën 11 lixeiro sedán” tiña 3 velocidades non moi ben sincronizadas, e a perna esquerda de Carmela quedaba ben preto da panca do cambio, así que nestas de escoller a mais axeitada para as complexidades do camiño, o Nicasio aproveita para tirarlle da saia para arriba. A rapaza remóvese inqueda pero non dá chío. Nicasio sinte a paixón subíndolle pola entreperna coma unha lapa alancando pola palla seca e decide avanzar coa man cara ao seu obxectivo.

-          Saca de aí esa man que vas levar unha labazada que vas a quedar sen dentes!
-          Ten compaixón de min! Mira como me puxeches, que a teño coma a dun burro!

E sen mais colleulle a man e púxolla sobre os seus xenitais. Ela deu chimpo no asento pero non retirou a man. Baixouna un pouco de onde o Nicasio lla puxera ata chegarlle aos testículos, e de súpeto, apertándollos con man de ferro díxolle con voz mainiña:

-          Agora ti e mais eu imos ser boíños e deixar que as cousas non vaian mais alá. Vasme levar ata a entrada de Bouzas e alí ti colles polo teu camiño que eu collerei polo meu.

E o Nicasio ría a cachón lembrando que a Carmela marchara cantando baixiño aquela de:

Tan bo camiño ti leves
como o caravel levou.