xoves, 21 de xaneiro de 2021

Para os compañeiros da ETRAD.


Mire que lle digo don Manoel! Teño para min que xa lle contara, que cando me chegou a idade da xubilación decidín aproveitar a oportunidade para comezar a facer realidade todos aqueles soños, que cando era mozo deixara de lado por non ter xeito para levalos adiante. Non don Manoel; a lectura non. Que cando deixei o Gran Sol e embarquei de xefe de máquinas no Mar de Labrador xa tiña tempo abondo para retornar ás paisaxes dos novelistas que arrouparan a miña infancia. Tolstói, Dostoyevsy, Gógol, Turguénev, Goncharov, Korolenko, Chéjov! E tamén os poemas Pushkin, e Mijaíl Lérmontov. Pero sobre Máximo Gorki, que sempre foi para min como un irmán maior animándome acotío a ser cada día mellor. Pero no vaia a pensar, don Manoel, que soamente os rusos merecían a miña estima e aplauso, que Vítor Hugo, Charles Dickens ou John Steinbeck, sempre estiveron entre os meus autores favoritos! E aínda que algún poida pensar que un buque non é o mellor lugar do mundo para ler novelas do mar, os Herman Melville, Joseph Conrad, Nathaniel Hawthorne, e riba de todos eles o meu Robert Louis Stevenson, que para meu interno dende ben neno eu sempre fun Jim Hawkins, foron sempre boa compañía das longas mareas. Bendita sexa a tendencia das máquinas a funcionar ben que permitiume tantas horas de lectura co arrolo do ronrón das máquinas, ou o balbordo do mar!

Xa sabe don Manoel: o sabio pensa as cousas e o parvo fainas. E moi listo non debo ser que con tal ocasión metéuseme na cheminea que á gaita do Marcial, que o Tiniño me deixara en agasallo antes de marchar con destino descoñecido, cumpría darlle uso máis acaído á súa natureza que o de decorar unha parede. E digo agasallo e non herdanza, que para tal cumpriría que o Tiñiño, do que nada máis souben dende que o Lisardo, o camareiro do Derby, me entregara o paquete que o gaiteiro do mar lle deixara para min, estivera morto, cousa que nada así o indica.

Os moitos anos e o pouco uso que tivo dende que chegou ás miñas mans, deixaran á gaita un pouco prexudicada de máis e, como recordará, leveina a reparar ao recén fundado Obradoiro de instrumentos da Universidade Popular de Vigo de don Antón Corral, e de que este esgrevio mestre artesán ao espila para revisar o estado do fol, atopara debaixo da veste da gaita a carta de despedida que o Tiniño me escribira, e agochara nela. Aquela gaita en escala modal, con diferenzas nas terceiras e nas sétimas maiores e menores, sorprendera moito ao mestre Corral, empeñado en saber algo máis da súa orixe e construtor, cousa da que non puiden dicirlle máis que o seu dono era das terras de Celanova. Argallou entón o mestre Corral que o construtor fora o López de Baltar. Conteille entón algunhas das andanzas do Marcial que o Tiniño me relatara, e ás súas viaxes pola terras de Lugo, o que levoulle a matizar que a gaita tamén podía ser do taller do Curuxeiras, que era de A Pastoriza, ou aínda do de Francisco do Crego de Sinde, aquel gaiteiro que tanto lle gustara a don Xosé Seivane cando era cativo.

Reparada a gaita xa podía comezar a tomar aulas do instrumento na Universidade Popular. Ben sabía eu que, polo que argallara coa gaita da man do Tiniño no bou do Gran Sol, isto de facela soar ben non ía ser cousa de chegar e encher! E menos aos meus anos, que o home ten catro idades: de neno, rei; de mozo, capitán; de casado, burro e de vello, can!, e pola escola corrían de mozos algúns dos mellores gaiteiros que esta terra deu, Carlos Corral, Tiano Labraña, Ramòn Casal, José Carlos Bouza, Carlos Núñez ou Anxo Pintos, e ningún deles necesitou moito tempo para coñecer tódolos segredos do instrumento! A comparación da miña torpeza coa súa habelencia e talento estivo a piques de acabar coa miña paciencia e dar ao traste coa miña determinación. E teño que dicir que sen as verbas de alento de don Ricardo Portela, que ás veces andaba pola escola, houbera devolto á gaita do Marcial ao seu soporte na parede.

Recordo que outro dos que andaban canda a min pola escola, e que tampouco dáballe moito xeito a aquel saco de tubos, era o Anxo, un mozo cunha prematura calvicie que gustaba moito de estar de lareta cos vellos. Anxo estaba casado cunha cordobesa, unha muller morena e moi guapa que cantaba e bailaba como os mesmos anxos.

Tengo un querer y una pena.

La pena quiere que viva;

el querer quiere que muera.

Cantaba arrancando por soleares, esa combinación métrica de tres versos octosílabos que riman en asonante o primeiro e o terceiro, e que os expertos chaman "terceto galego". Quizais por iso a Milagros, que tal era o seu nome, gustáballe o folclore galego. Polo menos ata que ao seu home deulle un día por ir a aprender a toca-la gaita. Ela soportou ecuánime o largo proceso de aprendizaxe de Anxo, pero en canto aprendeu a tocar ben, pediu a separación, argumentando, non sen certa razón, que se antes o seu marido cansaba deseguida de practicar, en canto colleulle o tintimán á cousa xa non parou de tocar e tocar, polo día e pola noite.

Anos despois Anxo casou de novo. E vai o vello día a día morrendo e máis e máis deprendendo. Que se non se pode dicir que cos anos faise un máis listo pero si que máis prudente, e desta o meu amigo Anxo casou cunha pandeireteira, coa que aínda segue felizmente casado, xuntos practicando a súa devoción na CANMP, a Confraría da Adoración Nocturna da Música Popular.

E mire que lle digo don Manoel. Anos despois, debeu de ser a finais dos noventa, chegou a Vigo o mestre Rodrigo Romaní para dirixir o Conservatorio de Música Tradicional; deste primeiro conservatorio naceu, no 2008 se a memoria no me traizoa, a Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo, a ETRAD, esa marabilla de proposta educativa sobre música tradicional que, como a pintura impresionista, por tela tan preto de nos non somos quen de apreciar; aprecio que no estranxeiro danlle, e que obxectivamente merece. E para todos os que forman parte del vai a cantiga de hoxe:

Cando a lebre diga misa

e o raposo sexa frade,

daquela, meus queridiños,

que a nosa amizade acabe!

luns, 4 de xaneiro de 2021

Poderoso Caballero es don dinero!



Mire que lle digo don Manoel! Sobre este mesmo mármore desta nosa Taberna do Mincha caeron as pingas dos brindes que pola terceira República (desta tamén necesariamente Galega) facíamos ano tras ano con Nuno Espiñeiro, ese hoxe famoso arquitecto! Eran os anos setenta e, morto aquel can cuxa dentadura esixiamos que caera, todo parecía posible. E eu, que aos meus anos xa viña de volta de demasiadas cousas, admiraba o seu entusiasmo, a súa determinación e afouteza en demanda de liberdades. Porque don Manoel, tras demasiados anos de ver como os meus camaradas esnaquizaban a súa vida loitando contra da ditadura, comezaba a pensar dela que era como a pedra Cantadeira da bocana norte da ría, que por moitas e moi feroces ondas vaian escacholar nela seguirá firmemente aferrollada ao magma primixenio e cada día máis cuberta de cadáveres de valentes.

Nuno lideraba un grupiño de mozos de pelaxes diversas, aos que aos que emborrachaba co doce licor do seu coidado discurso, e engaiolaba coa súa fermosa voz de barítono. Recordo especialmente unha destas xornadas; serían os primeiros anos dos sesenta cando chegou á taberna, tirou do peto unha folla e recitou aquel poema de Celso Emilio que empeza dicindo:

Erguerémo-la espranza

sobre ista terra escura

coma quen ergue un facho

nunha noite sin lúa.

Para engadir decontado a reflexión seguinte:

-   A esperanza ten dúas fillas moi prezadas; a carraxe e a bravura. A carraxe para encarar a inxustiza e a bravura para enfrontarse con ela”

Fermosos anos aqueles don Manoel! Logo o tempo co seu incansable remoer foi desfacendo un a un aquel alegre grupiño de mozos, e Nuno, sensible á perda de público, deixou de vir pola do Mincha. Pasaron moitos, moitos anos ata que un día no que, en contra do meu costume, subín a Vigo para mercar no Corte Inglés algo que non daba atopado en ningures. E foi entrar pola rúa Venezuela para ao chegares á Gran Vía quedar pampo diante do espectáculo! Comprendo que alguén que ten que aturar durante anos o monumento ao “cabezón” na praza Maior de Ponteareas pódelle quedar o padal definitivamente estragado, e nun afán suicida facerse fanático do Sálvame, de Julio Iglesias, e das películas de Almodóvar, pero quedoume claro que a etioloxía do elevado ritmo cardíaco, vertixe, confusión e mesmo alucinacións que a feitura do invernadoiro multicolor chantado no bulevar me orixinou, non era precisamente unha síndrome de Stendhal!

Aínda non fora quen de repoñerme da desagradable experiencia cando escoitei ao meu lado unha voz que chamaba por min. Era Nuno Espiñeiro, aquel arquitecto, músico, amante do cinema e de cen cousas máis, ao que coñecera coa cabeza amoblada de soños, e que hoxe a tiña vestida das neves do tempo. Chocamos os cóbados nese tan ridículo saúdo ao que nos ten sometidos a pandemia, e iniciamos o rápido repaso do moito esquecido e o pouco acadado. Contoume que tiña un estudio de arquitectura e un grupo de música; que escribira é publicara algúns libros de arquitectura e cousas con ela relacionadas, que viaxara moito e andaba encerellado investigando as viaxes de Odiseo polas illas atlánticas. Eu, levando a auga ao meu rego, pregunteille se seguía celebrar o 14 e o 25 de abril. Un pouco anoxado sorprendeume recordando o manido argumento de Churchill que “os que non foran comunistas aos 20 anos era que non tiñan corazón, pero os que aos 40 ségueno sendo non teñen cerebro”.

-          Meu querido Nuno argumentei Apostar por unha egua porque teña moito porte sen saber se ten galope, é como procurar a sombra dun “umbraculum” para comprobar ao pouco, que os paus que sustentan o que pensas que vai ser o teu acubillo, son como os do paraugas do Xosé, que cando caen catro ghotas xe se lle humedece o pau! Porque a primeira pista do pouco futuro que ías ter cos teus novos amigos a tiveches evidente cando ese proxecto teu do Templo de exaltación do peixe en restaurantes temáticos, afundiuse no Leteo administrativo. Por non falar do teu proxecto de Museo Portuario, afundido sen esperanza, xunto coa candidatura dos teus!

Nuno engurrou o fociño, deume catro escusas mal fiadas e marchou Gran Vía abaixo, rodeado polos poucos palmeiros da triste oposición, flaxelado polas verdades do mariñeiro, que non do barqueiro, e abafado pola indiferenza cidadá.

E mire que lle digo don Manoel. O que fai o tempo cos nosos mitos! Ver hoxe a aquel revolucionario que tronaba contra das desfeitas arquitectónicas e urbanísticas dos poderosos, convertido en esmoleiro daqueles dos que tanto abominaba, dos herdeiros dos autores daqueles delitos urbanísticos, ten para min un sabor acedo, como o dun deus grego pillado fornicando cunha galiña. Non me entenda mal don Manoel! Non digo eu que ser de dereitas sexa unha eiva, nin que unha persoa de esquerdas non poda chegar honradamente ao convencemento de que as cousas non son tal como pensara cando tiña menos canas; ou ás avesas, que tamén os hai! Aínda que ben sei que cando non hai que roer, a ideoloxía perde importancia, e primum bívere e deinde filosofare! O ruxidos dun bandullo baleiro non deixan escoitar os murmurios da conciencia, e o exercicio dalgunhas actividades como a arquitectura onde o peso do público pode chegar a ser abafante, son especialmente complicadas para manter as formas e a independencia ideolóxica cando se está a loitar coa fame! “Poderoso caballero es don dinero”, que dicía don Francisco Gómez de Quevedo y Santibáñez Villegas, por suposto sen coñecer ao alcalde de Vigo!

Madre, yo al oro me humillo,

él es mi amante y mi amado,

pues de puro enamorado

de continuo anda amarillo.

martes, 15 de decembro de 2020

A taberna do Mincha.





Mire que lle digo don Manoel! Din que “Nunca é tarde cando a dita é boa” pero tamén que “canto máis tarda máis xea” e que “o que tarde vendima, cómenlle ás uvas e cáganlle nas viñas”, porque para a sabedoría popular cada paremia ten a súa oposta e cada verdade ten a súa verdade oposta, que na vida poucas certezas hai, e que ten menos perigo o que nunca leu un libro que o que leu un so e pretende queimar tódolos demais.

E todo isto a conto de que? Pois que (non sen tempo!) xa chegou á Libraría Cartabón (permítame don Manoel que me sinta un pouco autor tamén) o noso libro “A taberna do Mincha”. O que ven a ser as “Crónicas dun filósofo tabernario 2”, que tal nome tamén leva, por mor de darlle un certo vincallo coa nosa primeira colección de relatos á que vostede deu en chamar “Mirequelledigo!


sábado, 5 de decembro de 2020

Para dona Lucía que hoxe cumpre doce anos.

 


Mire que lle digo don Manoel! Hoxe que a súa neta cumpre doce anos quero contarlle un conto do seu avó! Chame polo mancontro a Lucía que o relato empeza xa!

Érase, non unha vez senón moitas veces, as que a netiña dicíalle ó seu avó:

-   Avó, cóntame un conto de princesas!

E o avó calaba. Como ía explicar a súa adorada netiña de so cinco anos de idade, a carraxe que o invadía cada vez que alguén faláballe de princesas? Porque o avó fora dende ben novo un neno especial, ao que os moitos accidentes que sufrira na rúa e na escola acabaron por apartalo das actividades de risco e dos deportes violentos e, para a súa inmensa sorte, encamiñar os seus ocios ao abeiro das páxinas dos libros. E coa sabedoría contida nelas e o axeitado siso, oportunamente recuperado dos despoxos do seu naufraxio vital, edificar a fortaleza de prudencia, razón e sensatez, dende onde administrar rectamente o coñecemento, ciencia e cultura precisos nos eidos e searas da súa vida.

O avó fora (e era) un lector afoutado, impenitente e contumaz. Afoutado porque tiña a gala rematar todo canto libro encetara; impenitente porque leu tódolos días da súa larga vida, estivera onde estivera; e contumaz porque, aínda estimando e escoitando as opinións alleas, nunca mudou no seu amor por certos libros que a crítica profesional deostaba, nin no seu desdén por outros sinalados como obras mestras por esa mesma crítica.

Por escoller dúas máis entre as particularidades lectoras do avó, (por ter, ten máis que facetas o ollo dunha mosca!) citaremos o seu espírito inquiridor, que obrígalle a ler cun dicionario enciclopédico aos alcances, e o de contradición, que en demasiadas ocasións estraga o goce de algunhas das súas lecturas; en particular os contos para nenos e mozos: a literatura infantil e xuvenil, LIX no seu acrónimo.

Xa de ben novo, ao avó os heroes dos contos non lle parecían tan heroes nin as princesas tan desexables. Poñía os seus afectos máis no Capitán Garfo que no Peter Pan; máis na balea Moby Dick que non no insensato e desvariado Ahab; máis no valente Long John Silver que non no irascible e lingoreteiro Trelawney. Leu a Biblia, cousa que daquela non facían os católicos, e descubriu que o deus do Xénese era un trampón que facía que o fume das ofrendas que Caín lle facía esmagárase contra o chan namentres as de Abel subían dereitiñas ao ceo; un manipulador que tiña que levar a Isaac ata a insania coa súa esixencia de que lle sacrificara ao seu fillo primoxénito, para probar algo cuxo resultado, na súa omnisciencia, xa coñecía previamente; antolladizo e tarabelo que, descontento coa súa propia creación, manda un dioivo universal no que afoga a, cando menos, 20 millóns de persoas e innúmeros animais; un demente sedento de sangue que fai sufrir 10 pragas ao pobo exipcio, inocente das decisións do seu faraón; un racista irredento que pretende que o pobo que escolleu ten dereito a masacrar ao resto de pobos, en teoría tan obra súa como os demais. Todo iso leu e nada entendeu, e nada creu.

E un día nuns exercicios espirituais os xesuítas lle contaron que un católico irreprochable, despois de toda unha vida de bondades e sacrificio polos demais, ía ao inferno por, no intre do seu pasamento, ter un mal pensamento; namentres o que fora un canalla explotador ía ao ceo, tras unha oportuna confesión no instante anterior á súa morte. Ese día decidiu deixar para sempre unha relixión tan absurda onde hai “máis gozo no ceo por un pecador que se arrepinte que por noventa e nove xustos que non necesitan arrepentimento”

E dende esas ningún conto podía ser lido sen buscarlle as cóxegas, ningún heroe era tan perfecto como lle querían facer crer, e canda seu vilán tiña os seus motivos para non seguir o camiño vital establecido. E conforme os libros e a vida o facían medrar intelectual e politicamente aprendía que para a ideoloxía conservadora, viláns eran  tódolos que loitaban por cambiar as cousas, e os heroes aqueles que procuraban por calquera medio que todo seguira igual. Por iso ás máis das veces os viláns tiñan para el tanto atractivo.

E se dos heroes renega, as princesas tampouco teñen para el unha especial consideración:

-  E, que dicir das princesas? Branca Neves por exemplo. Branca Neves era unha inxenua; unha inxenua e unha imprudente. Como senón se pode explicar que se deite tranquilamente a durmir na casa duns descoñecidos? Sete homes que viven no medio dun bosque, afastados do resto da xente. E ananos! Que é cousa sabida que o seu armamento non corresponde coa súa estatura! E logo, cando comproba que, por fortuna para ela, os ananos non estaban moi interesados polo sexo oposto, mete á unha muller do máis sospeitosa na casa e cómese a mazá que lle ofrece. Finalmente nun máis difícil aínda, casa cun tipo do que non sabe máis que o seu xeito de bicar. Bela, a da besta, ten o síndrome de Estocolmo. A saber que libros lía que pouco ou nada aprendeu neles! Porque chegar á conclusión de que para converter a un maltratador nun príncipe azul chega cun pouquiño de paciencia, unha presada de humildade e un brazado de resignación, é, cando menos, perigoso para a saúde.

O avó colle folgos e continúa impertérrito o inventario.

-   E logo temos a Aurora, a Bela Dormente. Outra Bela máis! E cando falan de beleza, claro está!, nunca é da beleza interior! A señorita Dormente é, ante todo e sobre todo, torpe. Máis torpe e zoupeira que un burro atado a un poste. Outra explicación non ten que con 16 anos pida que lle aprendan a fiar, e á primeira que senta na roca sexa quen de picarse coa punta do fuso. Por non falar de que é outra que tal! Como Branca Neves vaise co primeiro que a bica! Que digo eu que, que obsesión que teñen cos bicos! Nin que foran rusos!

E algunha máis merece a súa atención.

-  E para acabar de rematar as cousas o caso de Cincenta. Que pasa por afable, benévola e transixente, cando o que é  de verdade unha coitada, mexeriqueira e pusilánime, que non é quen de dar unha puñada na mesa e defender os seus dereitos. Criada de servir na súa propia casa! Vivindo no faiado cos ratos e agardando un feitizo con hora de caducidade! Menos mal que esta non é princesa senón da aristocracia vinda a menos!

Pero nunca choveu que non escampase! Hai esperanza: as boas e afoutadas lexións da LIX levan anos na loita por trocar o paradigma na literatura infantil e xuvenil! Sen dar nomes, que sempre ten un o risco de deixar fora a alguén con méritos abondo como para estar nela!

E mire que lle digo dona Lucía! O seu avó, que a quere tanto, decidiu deixar por un intre ás súas historias de infamia, e contribuír, aínda que sexa minimamente, á tarefa común da Lexión LIX, publicando na súa segunda entrega das nosa Crónicas dun filósofo tabernario, un conto arredor das andanzas dun xigante xusto que leva por título “O muíño de sal”, e outro dunha serea afoutada, cuspidiña a vostede que chamou “Fuco, a serea e o diaño”. E non quero rematar este conto sen dedicarlle unha copla que non é miña senón popular:

Baila, nena! Baila, nena,

e non deixes de bailar!

Que as estrelas tamén bailan

e non deixan de alumear!

domingo, 8 de novembro de 2020

Eulalia, a da tenda de contos. (2)

 


(Fala dona Lola)

Escoite e verá don Paio! Nun lateral do fielato da estación de Vigo, da que lle falei no conto anterior, había por catro ou cinco escaleiras nas que adoitábamos a sentar ata rematar o bocadillo e a froita da merenda; condición indispensable imposta pola nosas nais antes de poder xogar. E aínda que os libros da época se obstinen en contar que daquela as nenas andabamos por un lado xogando con bonecas e cocinas, a xogos tranquilos, relacionados coas tarefas do fogar que todas soñabamos en crear, e os nenos por outro cos seus xogos de acción como a billarda, os birlos ou as “carrilanas”, o certo era que moitos nenos xogaban con nos á mariola, a corda ou a goma, e nos con eles á buxaina ou ao “gua”. E todos xuntos ás lombas, o brilé ou pés quietos. Por non falar de “polis e cacos”, o “escondite” e un, un pouco máis arriscado, que eu practicaba con especial mestría: os equilibrios riba dun dos barrís que os taberneiros deixaban almacenados na explanada ata encher un vagón con eles para devolvelos á súa procedencia, e que en tanto colmaban aquela parte da praza dun estraño recendo a viño e taberna.

Como ás máis das tendas de barrio daqueles anos de miseria, Eulalia agachaba na parte traseira, disimulada detrás dunhas caixas vellas, algúns produtos de dubidosa orixe. Café Sical da outra banda do Miño; un pouco de Winston “de batea” e algunhas cousas de comiso que un garda civil de aduanas, amigo do seu home, depositaba na tenda para a súa venta ás persoas de confianza. Aínda que o certo é que todas aquelas mercadorías so servían para meter o desasosego no corpo de Eulalia, á que aquelas cousas gustábanlle menos que a auga aos gatos. Máis axeitado ao seu carácter e ideas era aquela outra actividade cotián do quilo de patacas, un cartucho de fariña e outro de azucre, e “apúntamo na libreta ata que o meu home cobre o salario da semana”, que ter que estar sempre coas pantasmas da policía axexando na caluga era máis malo de aturar que á señora Virtudes!

A señora Virtudes, a “cangallo” por mal nome, era unha das clientas de a diario. Unha muller grosa e sempre suorenta que tiña por costume, odioso onde os haxa, de picar nas uvas do acio que Eulalia tiña no mostrador, mentres agardaba que a tendeira completara a comanda. Picaba e picaba nelas como quen anda coa cabeza enfaenada en cousas de moito fundamento, ata que non deixaba delas máis que o cangallo. Cando dona Virtudes entraba á tenda, os nenos da estación deixabamos o que estiveramos a facer para poder asistir, mortos de risas, ás rifas entre tendeira e cliente por mor de tan noxento hábito.

Pero se algún cliente facía suar frío á nosa Eulalia era ao señor Amaro; era velo baixar polo muro da estación e comezar unha frenética actividade de ocultación de mercadorías, non moi doada de entender se non sabías quen era o señor Amaro, e que hábitos vestía. Porque o señor Amaro, don Paio, era, a dicir das xentes ben informadas, inspector de Facenda.

Un deses días nos que estaba sentada nun dos banzos da entrada da tenda, lendo un dos tebeos de aluguer, entrou pola porta un home baixiño e osudo, pelo negro engomado peiteado cara atrás, que lle daban á cara unha expresión cruel, subliñada polo omnipresente bigote fino, case un trazo de lapis, dos homes do réxime: o señor Amaro.

-     ¡A los buenos días! -saudou o señor Amaro en castelán, por suposto!

-    ¡Buenos días! -responderon ao unísono Eulalia e a Pilar, que tamén estaba na tenda; eu nada dixen porque os nenos daquela viviamos nun mundo paralelo aos maiores, e raramente entrabamos no deles sen invitación previa.

-     Le veo hoy muy poca fruta, Eulalia. ¿No le quedan pavías?

E antes de que Eulalia puidera contestar, abre a Pilar a súa bolsa da compra e ensínalle ao señor Amaro a cobizada froita:

-      Leve, meu señor, leve desa froita que está deliciosa!

-   Disculpe don Amaro. -intervén rauda a tendeira -Me acaba de llegar a aún no he tenido tiempo de ponerla en el mostrador. ¿Cuánto le pongo?

-    No sé ... Ponme lo que tengas, que a mi señora le gustan mucho las pavías.

Non ben saíu pola porta o señor Amaro que xa estaba Eulalia a berrar coa Pilar:

-   Seica non sabes calar, cona! Non ves que non llas quería dar!

-   Como é iso de que non llas quería dar? Pois non a entendo!

-   Que é o que non entendes! Que este home colle o mellor da tenda, dime que o apunte, e logo nunca paga!

-   Como dis? Que non paga as pavías?

-  Nin as pavías nin nada do que leva! Que non sabes que é inspector de facenda! El non mira para o SICAL e outras cousas de estraperlo que teño, e eu non reclamo o pago de todo o que me debe!

Xa ve don Paio! Do ut des! Que ben sabe vostede que “máis vale o que deixa a seca que o que leva a chea” e que “cando moe o pobre, sempre fai aire”, que non sei se ten moito que ver co conto pero viume a cabeza e “mellor deitalo fora que podreza dentro”.

venres, 6 de novembro de 2020

Eulalia, a da tenda de contos. (1)

 


Mire que lle digo don Manoel! Que xa era ben tempo que volvera a esta xa nosa taberna a súa muller, que o ben feito ben parece e labor esmerado non quer presa. Albízaras e parabéns por tan sisuda decisión! E calo sen máis reviravoltas, que ao pouco falar chámanlle labrego, e que oír, ver e calar son cousas de apreciar!

(Fala dona Lola)

Escoite e verá don Paio! A tenda de Eulalia, da que vai o meu relato, estaba nos baixos da miña vella casa da baixada á Estación. Ben pretiño do Recreo, a taberna da rúa Urzáiz da que me fala; a que que nos anos vinte rexentaban Benito Alonso e Anxelina Montero, os pais de don Xesús. Don Xesús Alonso Montero, por suposto! Xa sabe! Ese rapaz de noventa anos, cantareiro e falador que gusta de levar a contra aos que din del que é comunista.

-          Xa me gustaría a min, chegar a tan alta cualificación! -escoiteille dicir moitas veces! As máis delas elevando unha cunca de viño a xeito de consagración da súa firme determinación de cumprir algún día, non moi afastado, este inquebrantable desexo.

Eulalia, así sen o dona diante, que daquela poucas tendeiras levaban o trato de respecto; Eulalia, dicía, nacera na vila de Arcade, terra de moita sona pola calidade dos seus bivalvos, ostras, voandeiras e berberechos, e na súa mocidade exercía de croqueira [1] polas rúas de Vigo. Esta viaxe cotiá no ferrocarril de Arcade a Vigo, esa tan demorada espera na Estación de Vigo para coller o tren de volta, deu ocasión a que un rapaz de Monforte que traballaba nos talleres da RENFE, ollara por ela, e quedara tan enguedellado no seu feitizo que en pouco tempo levouna ao altar e, co produto da venta dunha leira que a súa familia tiña nas terras de Lemos, lle puxera a citada tenda en tan frecuentada rúa.

Moitos tesouros había para nos os nenos naquela tenda, pero ningún deles resistía a comparanza cos tebeos! Tebeos de venta, troco e aluguer; dos de aquí como Pulgarcito, DDT, Tiovivo, Mortadelo, ou o propio TBO que lles daba nome a todos; e dos de alá como o Tom e Jerry, El gato Félix, La pequeña Lulú, Porky e os seus amigos, ou aínda Supermán. Tebeos suxeitos con pinzas da roupa a cordas que cruzaban a tenda; tebeos atrás dos vidros das portas; e montes de tebeos detrás do mostrador da tenda para a o seu repaso máis de vagar cando xa leras todo o resto! Sen deixar de lado as novelas para ás irmáns maiores ou as nais! Novelas de un peso de Corín Tellado ou Carlos de Santander. E para os rapaces, os pais e os poucos dos carreteiros da Estación que sabían ler, ás “do oeste” de Marcial Lafuente Estefanía ou Silver Kane; as do espazo de Clark Carrados ou Keith Luger e as de medo de Lou Carrigan.

Á tenda de Eulalia baixabamos acotío a mercar á merenda; unha onza de chocolate para meter no pan ou un plátano que collía da piña que tiña colgada do teito. Tamén facía bocadillos de longaínza, de mortadela e o que máis me gustaba de todos eles: o de queixo de tetilla con marmelo! Con el na man saíamos á xogar á praza que había diante da estación. Na zona máis afastada da rúa da baixada á estación estaba unha gran báscula para camións, cunha pequena caseta de madeira mal pintada. Na máis achegada estaba un xardín bastante vizoso e moi coidado, protexido por un sebe de buxo. Entre un e outra estaba o fielato, unha construción de pedra e tellado a catro augas onde estaban os servizos de cobro dos arbitrios e as taxas municipais sobre as mercancías que por esa vía entraban en Vigo. A parte posterior do fielato non chegaba ata o muro da estación; deixaba entre ambas un corredor, cuxa pequena intimidade aproveitaban os moitos que non puideran aliviar no tren as súas urxencias minxitorias, para baleirar a vexigas deixando un espazo cun cheiro noxento a ouriños e quen veña detrás que tanga. Por moi ocupado o espazo citado, ou por outras razón que ao caso non veñen, un día que estabamos a miña irmá pequena e máis eu na tenda, agardando que Eulalia completara o mandado de mamá, entrou pola porta unha muller grosa coa face suorenta arfando de angustia.

-   Que me vou! Que me vou por min! -dicía polo baixiño.

E sen máis pechou a porta da tenda, separou as pernas, púxose en crequenas e deixou saír do seu corpo o exceso de líquido que tanto lle molestaba. Eulalia que ata ese momento quedara coa boca aberta como un sapo, ollando para ela se poder crer o que estaba a suceder na súa tenda, saíu do seu pasmo para poñerse a berrar

-  Pero muller que fai!

-  Non fago nada. Fixen, que xa non aguantaba máis! Déame unhas serraduras e unha vasoira que isto o arranxo eu decontado. E se fai o favor un plátano e unha mazá para levar.

E pode crer don Paio que a Eulalia non deu nin chío? Deulle a vasoira e as serraduras; envolveu nun papel de estraza plátano e mazá, e deullo, man por man co diñeiro; que seguro que foron cartos cumpridos para axudar a esquecer o dano.



[1] Os croques, é a denominación que reciben os berberechos en Vigo e a súa área de influencia por mor da galeguización da súa denominación en inglés palabra inglesa “cockles”.

xoves, 22 de outubro de 2020

A memoria é unha trampona.


Mire que lle digo don Manoel! A que non adiviña quen veu antonte na súa procura? Xavier Moreda, o neto do gaiteiro do que estivemos a falar van alá uns meses! Que contou vostede da nosa conversa que, como dicía o meu pai, viña máis queimado que un cabo de realistas? Non; non pasou nada, don Manoel. Vostede xa me coñece! Non pasaran dous minutos e xa estabamos tomando uns netos de viño e agardando polo prato de polvo! Dous ou tres groliños do noso monterrei e un par de talladas de polvo ceiban o bisté a calquera! Parece ser que o motivo do seu enfado viña polos comentarios que eu lle contara que o Miloro fixera do seu avó Constante.

-   Non me podía crer que estivera a falar do meu avó! díxome xa un pouco máis calmado Pobre Moreda! Estache bo o choio! A que ven iso do “pobre Moreda”? Pobre pola forma como morreu? Daquela de pobre nada! Que o meu avó morreu con honor, fusilado polos sublevados nos muros do castelo do Castro, sen traizoar as súas conviccións, que a ninguén dos moitos persoeiros que outrora o adulaban pediu axuda. E teño para min que morrer pola barbarie fascista, ao lado do seu pai e o seu irmán, e rodeado de homes bos non é o peor xeito de facelo! Que morrer temos que morrer todos e polo menos facelo sen mendigar. Que a unha persoa de súa fachenda e señorío non a vexo senón ergueito diante dos soldados do pelotón de fusilamento, puño en alto e gritando viva a República!

Calei diante desta acendida soflama do seu amigo. Que as veces, aínda que vostede non o crea don Manoel, tamén sei calar cando cómpre dar carrete ao falador para que non perda o fío do seu relato.

-   E se o de pobre ven polo da “economía destemperada” pois tampouco! Que destemperada e desfeita quedou cando o asasinaron, pero a barbería, as actuacións, o negocio dos punteiros e os premios nos concursos de gaitas dábanlle abondo para vestir nos mellores xastres de Vigo e para ter servicio na casa para axudar á súa muller!

-    Ben entendo! Probes quedaron a familias cando mataron aos que aportaban os cartos!

-      “Probes e ben probes; pero nunca humildes”, como dicía a avoa!

Bebeu o Xavier un trago antes de engadir que tampouco aquelo que dicía o Miloro de que os gaiteiros eran xente tan arrogante, soberbia e vaidosa, e que se os xuntabas era raro que non acabaran como galos dun mesmo poleiro, tiña moita aplicación no caso do avó Constante.

-    O que era o meu avó era un carallán! Non había nada que lle gustase máis que argallar unha boa chufa. Non ten máis que ler o desafío que lles manda a Francisco Neira e Isaac Marcuño, esquecendo precisamente a Avelino Cachafeiro, o único que puxera en cuestión o resultado do concurso de gaiteiros do ano vinte e nove na Finca do Carmen. Que outro sentido ten que lles chame “queridos discípulos”?

-    Porque non o foron?

-    Para min que en sentido de educación musical, non. Os tres se formaron en “Queixumes dos Pinos” e o mestrado nesta materia corresponde a Luis Berney. No sentido de coñecemento do oficio de gaiteiro e moi posible que si, e que por tal motivo tivera o Neira tan mala relación co meu avó. Pero, calquera sabe! Canda un conta a feira como lle foi nela!

-    Pois, mire que lle digo don Xabier! Non estou moi polos concursos! Nin de gaiteiros nin de ningunha outra cousa; que se por unha banda son un xerador de rancores e desavinzas entre os practicantes da mesma arte, por outra veñen a ser inxustos pola súa propia natureza, que nunca ninguén pode afirmar cal é a mellor rosa dun xardín, nin o mellor viño dunha comarca, nin o mellor queixo dunha feira, nin a rapariga máis fermosa; que todo e cuestión de gustos, e de gustos hai escrito pouco e malo.

Así seguimos un tempo que foi moito e soubo a pouco, falando duns e outros gaiteiros. Do Francisco Neira, excepcional gaiteiro e acérrimo inimigo do Gaiteiro de Cabral, que sabendo que tiña unha doenza pulmonar, teimou por seguir tocando a gaita, e morreu cunha nos beizos por non facerse cunha gaita de barquín. Do mal perder que tiña o Avelino Cachafeiro, tan pagado de se mesmo, que vai cunha tropa de admiradores ao “Pueblo Gallego” para queixarse dos cartos que deixaran de gañar nas festas da Peregrina de Pontevedra para vir a competir a Vigo “confiados en que se hiciese justicia”. Ao que eu, que xa sabe don Manuel que son moito de cantigas, respondín con aquela que di:

O gaiteiro de Soutelo,

mala centella que o mate.

Non quere toca-la gaita,

sen que lle dean chocolate.

Ao que o seu amigo Xabier engadiu para rematar a conversa:

-    Sabe o que lle digo? Teño para min que o Miloro é unha desas galiñas vellas que cantan como se foran un galo!

-    Espero que non o sexa don Xavier! Que xa sabe o que din desta forma de cantar das galiñas vellas! Que agoira a morte de alguén da casa, e que, para espantar o agoiro, cómpre matar a galiña de contado e, de vez que se lle corta o pescozo, dicirlle: Morte por morte, en ti cae a sorte. E non me vexo eu, nin o vexo a vostede retorcendo o pescozo de ninguén!

E mire que lle digo don Manoel! A memoria ten estas cousas. Un pretende viaxar ao seu pasado e cando chega aló decátase de daquel pretérito non queda máis cunha imaxe borrosa e adulterada. Seino don Manoel! Concordo con vostede en que non hai coñecemento nin intelixencia sen memoria, e que o conxunto de experiencias almacenadas no cerebro é a marca da nosa identidade, a guía da nosa percepción do presente, e o que permítenos anticipar o futuro e adaptarnos aos acontecementos. Pero non menos certo é aquilo de que de dez persoas presentes no mesmo acontecemento non hai dúas versións coincidentes na súa totalidade; ou a necesidade de esquecemento das experiencias traumáticas. Por non falar de que todos os que contamos cousas do pasado temos unha inclinación irrefreable a adornar e embelecer, por non dicir alterar, o noso papel nos feitos relatados. Ao fin don Manoel, non podo negar que co paso do tempo a persoa termina sendo absorbida polo seu relato e o seu personaxe.

Catro cousas son precisas

para saber namorar;

ollo fino, pé lixeiro,

discreto e saber cantar.

Ilustración: “Airiños de Cabral” Constante Moreda é o segundo pola esquerda. Foto cedida pola familia Moreda.