venres, 10 de maio de 2019

Do voto secreto.


Mire que lle digo, don Manoel! Sabe que na manifestación deste Primeiro de Maio en Vigo atopei de novo ao seu amigo Tavo? Deume saúdos para vostede e, con tal motivo, recordamos o conto aquel do secreto do voto que me relatara o pasado ano neste mesmo escenario. E, sorte a miña!, tiña un máis destes sucedidos que, ao meu entender, describen de xeito sublime a esencia da alma galega e as súas contradicións, como poderá comprobar deseguida.  
A escena é cuspidiña á do pasado ano. Día de votacións; non importa se municipais, autonómicas ou xerais; sempre é o mesmo conto. Un autobús contratado polo Partido Que Sempre Gaña, PQSG, recolle aos maiores das parroquias da contorna. Na porta, alegre o rostro, decidido o ademán, coidadosamente vestido de traxe de garda e garabata azul, camisa sería sería excesivo!, pelo engomado e peiteado cara atrás, cuns rizos rebeldes na caluga, o interventor do partido, armado de bocadillo de embutido e sobre coa papeleta axeitada coa solapa coidadosamente pechada.

Nunha das parroquias, cuxo nome non imos citar por razóns obvias, o autobús recolle a unha muller, á que chamaremos Carme por aquilo de poñerlle un nome aínda que non sexa o seu, unha muller que é sospeitosa de desafección ao partido que con tanta xenerosidade a vai trasladar (é manter) ata o colexio electoral para que poda cumprir co seu deber cidadán. O interventor ben sabe que dende ben moza é das da “casca amarga”, da parentela do Camilo de Dios e toda esa patulea do diaño, pero non lle pode dar atrás sen expoñerse a que a parroquia viaxeira se lle levante como a escuma do mar nun baixío, e decide, agudo como un esquío dise a se mesmo, vixia-la con máis ollos que caldo de venres para que non poida cambia-lo voto con tanto esforzo carrexado.

-          Preguntaredes –di o Tavo retranqueiro coma sempre –por qué a muller, se era parente do guerrilleiro antifascista, subiu ao autobús? Polo bocadillo de pan reseso e infame embutido? Pois vai a ser que non! Subiu porque quería votar e non tiña outro medio de chegares a tempo ao colexio electoral. E subiu decidida a argallar algunha andrómena para non introducir na urna a papeleta do PQSG que lle deron co bocadillo na porta do bus.

Tiña que ser cousa de ver as voltas e reviravoltas de Carme e o interventor, do interventor e Carme, nese empeño da muller por permuta-la papeleta e do interventor de que nono faga; como dous inimigos que respéctanse porque se coñecen ben, estúdanse, vixíanse, búscanse, sepáranse, acósanse, adormecen, espertan, e perden a paciencia!

-          Ei Francisco! –mira ti por onde sabemos o nome do interventor –manda parar o autobús que voume toda por riba!
-          Que coño queres Carme, que amolas máis que tres nun zoco!
-          Que pares o autobús que teño que cagar. Gústache mais así?
-          Espera a que cheguemos, e no colexio electoral o fas ao teu gusto.
-          Ben quixera pero non dou chegado! Non quererás que o o faga no autobús?
-          Merda! Chauffeur! Aparta onde poidas que esta muller ten que facer de corpo!
-          Pois iso!

A Carme fai as súas cousas, renovan a marcha e chegan, sen máis anécdotas dignas de mención, ao colexio electoral onde, disciplinadamente e co sobre recibido ben visible na man, os ocupantes do autobús cumpren co sagrado deber que tantos esforzos custou acadar. Un pequeno paseo pola vila e de volta para o autobús. A Carme leva nos beizos o sorriso posto, cousa que ao interventor Francisco chéiralle a corno queimado.

Concluíu a xornada electoral; péchase o colexio e comeza o reconto dos votos. O presidente da mesa vai extraendo un a un os sobres da urna e nomeando con voz baril ao partido votado para que se contabilice o voto. Entón, ao abrir a lapela dun sobre, descobren a orixe do cheiro infame que lles apestou todo o serán. É unha papeleta do PQSD chea de merda. O presidente da mesa, que é un home de moitas luces, proclama eufórico:

-          Volto en branco non é. Nulo pode que o sexa. Pero para min o sentido do voto está claro: merda para o PQSG!

luns, 6 de maio de 2019

A cruz de ferro


Mire que lle digo don Manoel! Cando, van alá uns días, canteille a copla da Cruz de Ferro, canteina como ma ensinaron:

Ó pasar a Cruz de Ferro
a Gudiña ben a sei
i agora voume achegando
aos aires de Monterrei.

Ben sei que a letra non ten moito sentido que a que chaman Cruz de Ferro está no cumio do Monte Iragodo, entre Foncebadón e Manjarín, e dende ese punto, por moi boa vista que o camiñante teña, non é moi doado ver a Gudiña, que está a máis de cen quilómetros ao suroeste. Teño para min que o autor da copla falaba doutra cruz de ferro e así o teño escoitado argumentar. Un cliente da taberna afirmaba que tal cruz era a da Portela do Padornelo, cousa que eu non acredito, porque a tal cruz é de pedra e está tamén a unha boa distancia da Gudiña. Respondía a isto o Farruco, o noso taberneiro, sen máis pretensión que o seu bo coñecemento daquelas terras, que tal punto podería ser o Cruceiro da Portela, que está en Vilamaior do Val preto de Verín, ben por traer a auga ao seu rego, ben por aquilo de “i agora voume achegando/ aos aires de Monterrei”, e suxerindo o troco do segundo verso por “a Gudiña ben pasei”, cousa que pareceume ben acaída a min e absurda ao defensor do Padornelo, pero xa se sabe que mal me queren as comadres porque lles digo as verdades.

Non foi este o caso do defensor da cruz de ferro no Padornelo, que, despois de mollar a palleta cun groliño de monterrei, contounos a tradición que paso a relatar.

Nos duros anos da fame, que foi ata ben pouco, a madurez chegaba aos mozos de súpeto, cando no pobo se formaba a cuadrilla para ir a segar a Castela e o pai pronunciaba o nome do fillo como unha orde que non tiña escusas. Moitas cuadrillas facían a viaxe pé, en grupos de xentes da mesma comarca, e era tradición que cando a cuadrilla chegaba a este punto onde deixaban atrás a galega terra, facían unha paradiña para descansar, comer unha parva e beber un grolo de viño. Alí, a xeito non sei moi ben se broma pesada, rito de iniciación ou de paso, os veteranos contábanlle aos que ían por vez primeira á sega, a historia daquela Cruz de Ferro.

-          De forma semellante que os mariñeiros poden escoitar o mar nunha buguina, por moi afastado que estea del — dille o veterano ao novizo —este cruceiro ten a virtude prodixiosa de que achegando a orella ao seu varal podes escoitar as voces dos que deixaches na aldea; sexa nai, irmáns ou aínda a noiva!

A proposta era tan atractiva que ninguén se resistía á tentación de probar. Así que cando o neófito achegaba a orella ó fuste do cruceiro, o veterano dáballe un empuxón na cabeza ata que batía coa pedra, mentres recitaba esta ladaíña ou calquera outra fórmula semellante:

-          Unha fouce non fai sega pero axuda a quen a leva; con este croque, ingresas na irmandade da seitura. Amén!

E, mire que lle digo, don Manoel! Compre sinalar que ás máis das veces o golpe era máis toque que cacholada, pero algúns oficiantes puñan tanto empeño na cerimonia que ao novizo quedáballe a orella quente ata chegares aos campos de Zamora. E alguén que estaba a escoitar, comezou a cantar polo baixiño:
Mozas que van á seitura,
mozas que á seitura van,
mozas que van á seitura
lévana pero non a tran.

venres, 3 de maio de 2019

Leña verde todo é fume.




Mire que lle digo don Manoel! Se non lle sabe mal imos para aquela mesa do fondo, que estoulle máis farto de necidades, parvadas e simplezas que un gato de tripas; certo é que a xente é libre de expresar ás súas opinións, pero non menos certo é a liberdade da outra de non ter que escoitalas. Que non é tanto polo volume dos seus berros, que xa se sabe que xente nova e leña verde todo e fume, senón polo desnortado das súas afirmacións nunha xente que se definían a se mesmos como de esquerdas.

Culpa da nosa sociedade, por deixar de lado a formación política da mocidade; en troques de facer deles cidadáns responsables das súas propias decisións e formalos na cultura do esforzo e da solidariedade, construímos monstros egoístas, pendentes exclusivamente da satisfacción inmediata dos seus caprichos.

Aínda que, don Manoel, isto de ser de esquerdas é para algúns como ser do “Dépor” ou do “Celta”, algo máis achegado ao corazón e aos xenitais que ao raciocinio. Cousa de afouteza, denodo e valor e non de observación, reflexión e raciocinio. Así se lle dan razóns a aqueles que manteñen que as opinións políticas son unha circunferencia na que extrema dereita e extrema esquerda son o mesmo punto ideolóxico, poñendo como exemplo ao anarquista de mercado Fernando Sánchez Dragó, quen dende a militancia comunista da súa xuventude chegou a ser o ideólogo oficial da extrema dereita, namentres mantiña con singular impudicia intelectual que “ser de esquerdas ou de dereitas é unha das infinitas formas de ser estúpido que ten ao seu alcance o ser humano”.

Non teña medo, don Manoel! Ben me coñece, que podo dar máis voltas que as que da un muíño de vento, pero sempre volvo ao rego onde deixei o conto. Falaban, e como lle dixen non era necesario botarlle orellas coma ás dunha burra para os escoitar, de que o da Transición fora todo unha farsa, dos satélites carrachos do bipartidismo hexemónico e dos soldos aberrantes dos dirixentes aburguesados e casposos; eu, don Manuel, non lle vou falar da transición, que vostede viviu o mesmo ca min, e sabe que sapos houbo que tragar por mor dunha análise que hoxe pode parecer equivocado, pero que daquela nono parecía tanto; dos satélites carrachos nada lle sei, que os únicos carrachos que coñezo se alimentan do sangue dos animais e non do bipartidismo, por moi hexemónico que este sexa; e se de soldos aberrantes, no sentido de afastados do sentido común, temos que falar, diríalle que me molestan menos que soldos pequenos e roubos impunes, non vaia a saír máis caro o prebe có peixe!

Coma case sempre non lle falta razón, don Manoel. Todo iso molestoume, pero se teño que ser sincero o que me fixo levantar do asento para non ter que ir canda eles, foi cando afirmaron impávidos que calquera Estado que pretenda chamarse democrático, debera de prohibir certos partidos políticos e meter inmediatamente no cárcere aos seus membros. Non don Manoel, non! Nun Estado democrático ninguén pode prohibir a ningunha facción política salvo que de forma reiterada e grave esta organización atente contra ese réxime democrático de liberdades; e o de “meter no cárcere inmediatamente” á xente por expresar ás súas opinións, aínda que estas sexan contrarias ás nosas, nos recorda demasiado a tempos non moi afastados.

E mire que lle digo, don Manoel! Eu, sen querer sentar cátedra máis que desa especialidade, que aínda non se imparte en universidade ningunha, de filósofo tabernario, quero lembrarlle as verbas que a escritora británica  Evelyn Beatrice Hall puxo en boca de François-Marie Arouet, máis coñecido como Voltaire :

“Estou en desacordo co que dis, pero defenderei ata a morte o teu dereito para dicilo”

luns, 22 de abril de 2019

De mariños e sereas! Parte 2: da serea e do diaño.




Válame deus, como canta
A sereíña na mare!
Os mariñeiros dan volta,
solo pola oír cantare.

Non hai que ser adiviño, don Manoel, para saber que aquilo que ten a Lucía máis inqueda que un sarillo non é o tempo que lle levou as carracas chegares de volta a Lisboa, ou de cómo foi o recibimento, ou se ao cabo[1] lle chamaron deste o destoutro xeito, senón o que foi de Fuco e a carabela; e por riba de todo, cando sae a serea do título? Pode estar tranquila coma unha rula, miña rapaciña, que pouco falta xa! Recorda cando as naves encontran aquelas fortes correntes e o temporal de vento racheado? Lémbrase da diferenza que lle contara entre os comportamentos dunhas e outras naves en condicións de navegación críticas? Con ventos moi fortes mentres as carracas teñen que arriar todo o trapo e con elo perden a capacidade de manter o rumbo, a carabela, coas súas veas triangulares mantén mellor esa capacidade.

Por iso a carabela, coa forte man de Fuco no leme, perde de vista as carracas e segue avanzando cara ao sur, intentando manter un complicado equilibrio na súa distancia á costa; moita significa perderse, ao non poder observar as estrelas nun ceo cheo de nubeiros; moi pouco, embarrancar en calquera dos baixíos que a fervenza da escuma non sinala. Nesa están cando un día na cerradiña da noite, vixiando as rompentes por babor case que embarrancan nunha illa que aparece de súpeto por estribor. A mar está complicada e o constante rolar do vento ten a mariñería extenuada; o capitán da galera ordena fondear nunha praia que semella ofrecer un pouco de acougo para pasar a noite. O barco tira dos amarres como un garañón que venta unha egua e o capitán ten que poñer a varios mariñeiros a vixiar áncoras, ancorotes e rizóns. Xa é media noite cando o vento amaina e Fuco fai so a segunda quenda de garda dende o castelo de popa. Un refacho de vento abre un celaxe no ceo e unha raiola de lúa ilumina a costa da illa; sentada riba dunha rocha Fuco descubre con asombro unha fermosa muller. No seu pasmo se lle cae o tanque do ron que leva na man, metendo un ruído que alarma á muller. Neste intre ás súas olladas se cruzan uns segundos que parecen anos. Cando a muller salta á auga Fuco pode comprobar que non ten pernas. É unha serea! E hai moitas, moitas mais na mesmas rochas, que tamén desaparecen no mar! Pero Fuco quedouse enguedellado na ollada da primeira, e aínda que canta baixiño o son da súa voz chega moi lonxe.

O amor que por ti sinto,
é tan grande, que non sei;
pero ponme triste á idea
de que xa non che verei.

Como ben debe de saber, dona Lucía, as sereas aman a música, e Fuco ten unha fermosa voz que utiliza con acerto; así que non necesita entoar moitas coplas para percibir que hai uns ollos de muller mirándolle de fite dende a amurada baixa do convés. Fuco achégase a ela paseniño e dille:
-          Que fermosa es!
-          Grazas –responde a serea, baixando pudorosa a mirada –Bos ollos con que vostede me ve!
-          Es unha serea?
-          Son.
-          E hai moitas mais coma ti? 
-          Hai. Somos moitas; tantas que esta illa ten por nome a Illa das Sereas[2]
-          Alá de onde veño teño escoitado falar de vos, pero nunca imaxinara que tivera que vir tan lonxe para namorar dunha!
-          Sei que ves de moi lonxe; es ben distinto das xentes desta terra. E, xa sabes que as sereas somo moi curiosas, que vides buscando tan lonxe do voso fogar?
-          Eu navegar; ver xentes e terras distintas. O Rei disque procurar ao Preste Xoán.
-          Nesta illa estades en perigo; a nosa xente ten moi malas experiencias cos humanos e buscan vinganza.
-          Non temas; no amencer levaremos áncoras e continuaremos camiño cara o sur.
-          Eu te podo levar a unha badía na que podedes reparar o barco ao abrigo das treboadas. Compre dobrar un cabo moi perigoso pero eu che podo guiar.
-          Así o faremos!
-          Alborece o día; teño que marchar!
-          Vai logo, se tes que ir, vaites! Pero antes de partir quero saber o teu nome!
-          Se queres podes chamarme Maruxaina.

Como se entenden dous seres tan distintos non llo teño que explicar, miña amiga! Que o amor ten a súa linguaxe e nela entendéronse os dous! Aínda que para poder reproducir o que se dixeron tiveramos que traducilo ao galego.

Á mañá seguinte a brétema no deixa ver nada pero Fuco insístelle ao capitán que o amarre non é seguro, que o vento está a rolar e a praia xa non é refuxio senón ameaza, e que é urxente que se fagan ao mar, e que el levará ao buque sen perigo de chocar contra os cantís da costa. O capitán, que sabe das habilidades do seu piloto, ordena a manobra e a carabela pon rumbo ao sur, escuso dicir que baixo a guía da serea que o vai mudando de rumbo para escudar os baixíos e coller os ventos favorables. En pouco dobran o cabo que logo alguén chamará da Boa Esperanza, e atopan o necesario acougo no Golfo dentro das Serras.

E mire que lle digo, dona Lucía! Se o grande fose valente, o pequeno paciente e o vermello leal, todo o mundo sería igual. A fortuna duns é a envexa doutros, e Fuco tiña moitos amigos pero tamén algún moi perigoso inimigo, daqueles que sempre gaban todo o que fas, pero que no interno non soportan os teus éxitos, e receoso da sorte de Fuco pilotando o buque, escudando tódolos perigos e levándoo ao abrigo da badía, argallou o sistema para que cando o piloto subira a cuberta non tivera mais aquel que espertalo, e deste xeito pescudar do que o noso rapaz facía na súa quenda de garda, cando o resto da tripulación durmía. Así foi como Duarte, que tal era o seu nome, descubriu os amores de Fuco e Maruxaina. E como a envexa polo ben alleo ten as patas ben largas nun correndiño espertou ao capitán e o convenceu para recadar un fato de mariñeiros cos que coller nunha rede aos namorados. Así o fixeron, case sen oposición, que os namorados estaban collidos das mans mirándose aos ollos alleos por completo ao que os rodeaba. Os mariñeiros meteron á serea nunha gaiola e ataron a Fuco ao mastro maior. O capitán, que o tiña en grande estima, foi falar con el:

-          Pero Fuco, seica toleaches! Enmeigado por unha serea!
-          Enmeigado non, meu capitán. Engaiolado, enguedellado, apaixonado, namorado … Todo iso si, e máis.
-          Disque o canto dunha serea pode anubrar o sentido a un home …
-        Meu capitán, temos que ceibar á serea! A necesitamos para que nos guíe e poder atopar aos nosos perdidos compañeiros de expedición.
-          Ti podes falar con ela? Entendes o que di?
-          Entendo, meu capitán. De feito contoume o que pasou coas carracas.
-          Afundiron?
-          Non tal. Están a salvo nunha praia a unhas cantas légoas ao leste.
-          E como sabe ela esas cousas?
-          Sabe o que ás súas irmás contáranlle!

O capitán era un home honrado e de bo xuízo. Así que non se tomou moito tempo en decidirse a seguir o consello de Fuco, ceibar á serea e poñer ao noso home no leme da carabela para que esta os guiara ata a praia, hoxe Mossel Bay, ou sexa badía dos Mexillóns, onde intentaban reparar as avarías das naves. Escuso dicir, dona Lucía, que deron con eles doadamente, que dobraron de volta o cabo das Tormentas, e que para o resto da travesía pode seguir o relato que don Pedro Antonio de Alarcón fai dos feitos e que xa lle contara antes.

Ao chegares á altura da illa da Sereas os amantes se separan. Maruxaina queda cos seus, e Fuco, sometido ao xuramento feito a el-rey , marcha.

-          Espérame. – pídelle Fuco -Xúroche que hei de volver!
-          Seino! Pero lembra que o ben buscalo e o mal esperalo. Gárdache de Duarte, que non che quere ben! E se algo pasa, non vaias moi lonxe do mar e chama por min! E calquera das miñas irmáns me traerá o recado.

Non se equivocaba a serea e ao pouco de chegar a Lisboa a xerarquía eclesiástica, atendendo á denuncia do Duarte, toma preso á Fuco, para, tras sisuda reflexión, ditaminar que as sereas eran peixe e coma peixe non podían ser bautizadas, polo que a relación entre un católico e unha serea era pecado de paganismo, e como tal merecedora de pena de morte. En espera do cumprimento da sentenza o brazo  secular encerra a Fuco nun alxube do Baluarte do Restelo, no medio do Texo. A noite anterior ao día no que o han de aforcar, no medio dun forte cheiro a xofre, materialízase na cela un fidalgo vestido de calzas e xibón, brigantina con remaches dourados, gorgueira e ferreirolo, e ao cinto unha fermosa daga de orellas veneciana. No seu rostro un sorriso de fatuo, retranqueiro e maligno, afeito a todo tipo de artimañas. 

-          Non teñas medo Fuco –dille con voz baril.
-          Es o Demo?
-          Son! E tamén son o único amigo que tes neste intre. Que xa sabes o que di a copla:

Mesmo diante da xustiza,
o pobre non vale nada;
vén o rico e o atropela;
vén o xuíz e dille: cala".

-          Eu probe non son.
-          Pero ben que che fixeron calar cando quixeches explicar o da carabela!
-          Calar non me calaron, pero tampouco me escoitaron.
-          Nin sequera o teu amigo Bartolomeu saíu por ti …
-          Aí falaches!
-          Non te preocupes, que eu podo sacarche desta.
-          Algo pedirás a cambio …
-          Quid pro quo, meu! O que non se paga non vale. Eu heiche sacar desta se me entregas o primeiro que ates coas túas mans, mañá de madrugada.

Ao alborexar, antes de cantar o galo, levantouse Fuco.  Calzou os zocos, puxo a camisa e o pantalón e cando colleu o cinto, escoita unha voz que grítalle polo zapón:

-          Detente, Fuco! Non ves que se cingues o cinto, es ti a primeira cousa que atas coas túas mans, e es a ti mesmo a quen entregas ao diaño?
-          Es ti, Maruxaina? Que alegría volverche mirar!
-          Díxenche que cando me necesitases estaría ao teu lado!
-          E logo? Que é o que debo facer?
-          Colle uns destes peixes salgados e átaos pola cola cunha baraza. Faslle un nó aos extremos e entrégaslle o atado ao diaño dicindo: ti cumpriches a túa parte; e eu agora cumpro a miña.

O diaño chegou ben de mañanciña a procurar a alma de Fuco, pero cando o piloto entregoulle o atado do peixe mirouno de fite en fite e díxolle cun sorriso raposeiro pero compracido:

-          Ben sabía eu que un galego era complicado de pillar!
-          Cachar a un galego é difícil –respondeu o Fuco -pero a unha galega, imposible! E se a galega é unha serea, que non é carne nin peixe, mais imposible aínda!

O diaño cumpriu a palabra dada ceibándolle das súas ataduras e abríndolle portas e postigos para que puidera marchar con Maruxaina que agardaba por el no Texo. Ao ver á parella marchar nadando nun mar de felicidade, non pode evitar, diaño é, darlle un par de consellos:

-          Cambias unhas ataduras por outras; non sei cales serán peores! Aínda que para vos no se fixo aquilo de: o que fóra vai casar, ou vai enganado ou vai enganar! E non lle digades a ninguén que enganastes ao diaño!
-          Non fales tanto e da os parabéns, que non vas deixar de ser diaño por iso! –responde Fuco, que, nadando nadando, xa case que está en Carcavelos.

E, mire que lle digo, dona Lucía! Que Maruxaina e Fuco foron felices, tanto como se pode ser na realidade, que sempre é un pouco menos que nas lendas. E sen que veña moi a conto, ou si, quen sabe?, remato cun romance dun mariñeiro e o Demo, que aprendín de neno.

A nove millas da costa
baténdose na mar brava;
voces daba un mariñeiro,
voces de que se afogaba.

Respondíalle o Demo
do outro lado da auga:
-Canto deses mariñeiro,
a quen da auga che sacara?

-Déralle eu os meus  navíos
cargadiños de ouro e prata.
Miña filla por esposa,
miña sogra por escrava!

-Non che quero os teus navíos
Nin a sogra por escrava;
quero que cando te morras,
á min me entregues a alma.

-Vaites, vaites Satanás,
con esa infame palabra!
Son un galego solteiro
E tampouco douche a i-alma.

Pénsao ben mariñeiro,
vida con nada se paga;
o meu poder é inmenso
e cumpro ben a palabra.

Respóndelle o mariñeiro
con estas graves palabras:

-nunca tiveches poder
sobre estas augas salgadas,
enganosa é a túa promesa
e non val a túa xogada!

Que non teño medo á morte
Nin ao inferno, se é que cadra
Bo fin é para un mariñeiro
Afogarse nestas augas

Deixo o meu cabelo aos calvos,
doazón disparatada!
E a miña cabeza aos merlos,
que en ela fagan morada.

Os ollos déixollos aos cegos
para que vexan onde andan;
os oídos para os xordos,
para que escoiten baladas;

A lingua déixolla aos mudos
para que digan palabras,
e as mans déixolle aos  mancos
para que fagan labranza.

Os meus pés son para os coxos
Para andar as súas xornadas.
as tibias deixo aos gaiteiros
para que toquen a gaita.

Dito isto, o mariñeiro
Bebeu da auga salgada
Deixou de loitar coas ondas,
morreu e non houbo nada.


Nota [1]: Moita xente aínda segue a pensar que o Cabo de Boa Esperanza é o punto mais meridional de África. O certo é que este punto está uns 150 km mais ao sur, no Cabo das Agulhas, que conserva hoxe nos mapas o seu nome en portugués. O nome ven do feito de que nese lugar a declinación magnética é nula e as agullas dos compases apuntan exactamente ao norte xeográfico. Tamén neste punto chocan as frías augas do Atlántico coas máis cálidas do Índico, o que sumado aos fortes ventos que se orixinan nestas latitudes e as augas pouco profundas arredor do cabo, converte este punto nun lugar certamente perigoso para a navegación.
Nota [2]: Os navegantes actuais, que carecen de fantasía, confundiron sereas con focas e hoxe a illa leva por nome Robben Island, é dicir illa das focas. A illa ten unha longa tradición de prisión dende fins do século XVII. No século XX estiveron prisioneiros opositores ao réxime do apartheid como Walter Sisulu, Govan Mbeki, Robert Sobukwe, e o mais famoso de todos eles: Nelson Mandela.

De mariños e sereas! Parte 1: das viaxes.


Mire que lle digo do Manoel! Que esa netiña súa sabe o que esqueceu o demo! Ledo estou como micho con axóuxere de saber que gustou do meu conto do “Muíño de sal”, e hoxe que vostede a trouxo por vez primeira a esta humilde taberna do Mincha, se a vostede lle parece oportuno, quero que leve con ela o relato dunha vella lenda de mariñeiros que me contara o meu pai nunha daquelas noites de trebón nos que o vento chifraba nas xanelas, e a escuma do mar chegaba ata á porta da casa, demorando arredor dela como se a quixera levar nas súas salgadas gadoupas. O conto leva por nome:

De mariños e sereas!

Pois, mire que lle digo, dona Lucía! O conto de hoxe vai das aventuras dun mariño galego na expedición que Don João II, rei de Portugal, argallou aló polo século XV, co propósito declarado de establecer relacións amigables co mítico reino cristián do Preste Xoán, e as non declaradas de investigar a verdadeira dimensión das costas do sur de África, para avaliar a posibilidade dunha ruta marítima as terras das especias.

Parte 1: das viaxes.

O Preste Xoán, miña neniña, era un rei e patriarca cristián descendente directo de Baltasar, xa sabes, un dos tres Magos de Oriente, que rexía, aló polas terras da India, unha nación de cristiáns que evanxelizara Santo Tomé pouco despois da morte de Cristo. Unha terra, a dicir do bispo alemán Otón de Frisinga, chea de riquezas, marabillas e criaturas estrañas.

Pouco sabemos do noso mariño; o seu nome, Fuco; que pode ser o hipocorístico de Francisco, ou alcume tirado das algas de tal nome que algúns empregan para tinguir panos; o seu lugar de nacemento, na finca da Puntada en Poio, parroquia Porto Santo, na ría de Pontevedra, finca que, por certo, está ben preto da Casa da Crus dos Colón; e o oficio, mariño de altura, que era home que coñecía ben as estrelas do ceo e os caprichos do vento, malia non ter asistido nunca ás aulas universitarias.

Por aqueles días o maior da familia de emigrantes xenoveses, Cristovo Colón, o 20 de xaneiro de 1486 se fiamos das crónicas da época, está co seu valedor o frade da Rábida e eminente astrónomo onubense Antonio Marchena, no Alcázar de Córdoba expoñendo ante os Reis Católicos o seu proxecto de abrir unha ruta polo Atlántico para chegar ás Indias Orientais. Pero os Reis de Castela e Aragón están encerellados noutros afáns mais rendibles a curto prazo, e, malia a apaixonada defensa do astrónomo, non ven rendibilidade nin garantías na ocorrencia do mariño. Cando o seu irmán pequeno, Bartolomeu, sabe do novo fracaso, convence ao seu amigo da nenez, o noso Fuco, para marchar a Lisboa a procurar algunha oportunidade na expedición ás terras do Preste Xoán que Don João II puxera ao mando de Bartolomeu Días. E dous bos mariños galegos non han de quedar sen ela!

Bartolomeu Días, dona Lucía, era un experto mariño, que fixera aulas de Matemáticas e Astronomía na Universidade de Lisboa, e servira na fortaleza de São Jorge da Mina. Esta de agora non era a súa primeira expedición, que antes desta capitaneara un navío na que Diogo de Azambuja fixera ao Golfo da Guinea, e na que amosara de sobras a súa capacidade para determinar as coordenadas dunha posición, como de enfrontarse a calmas e tempestades, abundancias e esfameadas.

Un e outro Bartolomeu, Días e Colón, e o noso Fuco, saen do porto de Lisboa, o día 12 de agosto de 1486 saudados por unha inmensa multitude, en tres buques. Dúas carracas de 50 toneladas de veas redondas, mandados un por Díaz, como xefe da expedición, e o outro por Juan Infante, e unha terceira embarcación máis pequena e na que ían os  bastimentos, non sei se patache ou carabela, pero de vea triangular, moito mais manobreira, pilotada polo Fuco.

Como conta don Pedro Antonio de Alarcón na súa crónica Descubrimento e paso do Cabo de Boa Esperanza, que teño aquí comigo, a navegación presentouse feliz; en menos dunha semana chegaron a Tenerife, onde fixeron auga; pasaron sen contratempo o terrible cabo  Bojador, e o día 21 de setembro atopáronse co sol sobre a liña  equinoccial, que, como lle contarían na escola é a liña que divide á Terra en dous hemisferios iguais, o cero das latitudes xeográficas. Un mes despois chegaron ao esteiro do río Zaire, hoxe río Congo, onde fixo desembarcar a uns negros do reino de Benín, que o acompañaban como intérpretes, a que se entendesen cos habitantes daquelas terras, e soubo por estes que as súas ideas sobre o límite de África non carecían de fundamento. Levaron ancoras, e con ventos favorables en poucos días correron outras cento vinte leguas cara o sur, fondeando na  desembocadura dun río ao que chamaron dos Elefantes polos moitos que viron nas súas beiras[1].

Leo o que segue a contarnos Alarcón no seu libro: o comandante saltou entón a terra cun mariño a quen quería moito, e que non era outro que Bartolomeu Colón, e que subindo polas marxes do citado río dos Elefantes, atoparon media ducia de salvaxes, negros, espidos, feísimos, e de máis de sete pés de altura, que vogaban tranquilamente no tronco dunha árbore baleirada ao lume, coméndose un hipopótamo. Logo que se acougou a mutua sorpresa daqueles homes tan distintos entre si,  preguntáronlles os dous Bartolomeu, por medio dos negros que tomaron no  Congo, quen eran; ao que contestaron que eran os kuakua. Estaban no país dos  hotentotes.

Aqueles xigantes […] eran tan estúpidos que case non tiñan memoria, descoñecían o pudor e ata carecían de idioma, expresando os seus sentimentos con xestos, acenos e berros; pero así e todo se consideraban moito máis civilizados que outra nación que dixeron acharse ao Mediodía, composta de homes que vivían nos bosques como as feras; polo que os portugueses chamáronos “bosgemanes”. O clima era tépedo, e cando chegaron alá os portugueses, que foi a mediados de outubro, concluía o inverno. Despois de descansar algúns días, levaron ancoras os atrevidos aventureiros e dirixiron as proas ao polo meridional.

O que son as cousas das lendas, querida Lucía! Os khoisas, que non kuakua, o grupo étnico que habitan nesta rexión de África, nin son xigantes, son máis baixos e exiguos que os restantes pobos africanos, nin feísimos, teñen unha cor de pel amarelada, nin son, por suposto, estúpidos; teñen idioma de seu, que incorpora sons de clic feitos coa lingua na cavidade bucal,  memoria e unha cultura de decenas de millares de anos, que os divide en dous grandes grupos: os hotentotes dedicados ao pastoreo e os bosquimáns, á caza e a recolleita.

Non teña medo, miña querida amiga; o seu avó xa ben sabe que, por moitas reviravoltas que dea sempre volvo ao conto onde o deixei! No seu camiño cara ao sur os nosos expedicionarios encontran unhas fortes correntes que os afastan da costa, e un forte temporal de vento que cambia constantemente de dirección impedíndolles saber que rumbo están a tomar. Tres días e tres noites dura a borrasca cun mar arborado que esnaquiza veas e drizas, enxarcias e obenques; e logo unha semana aboiando coma cortizas nas mans dun deus rebuldeiro e boureón, cun ceo tapado de lúgubres nubeiros que non deixan ver as estrelas do ceo, para poder saber co cuadrante e o astrolabio onde os levou a treboada. Por fin, unha mañá o vento cesa e as ondas empurran ás dúas carracas á unha badía baixa e areosa, onde facer as primeiras reparacións. A carabela, moito mais mariñeira, fai xa moitos días que desapareceu da vista das maltreitas carracas e o comandante da expedición teme que se afundira cos bastimentos cos que contaban para volver a Portugal.

Ao fin, unha noite con estrelas! Pero os cálculos da lonxitude non eran determinantes para asegurar se dobraran ou non o tan desexado extremo! Por uns días continuaron navegando cara ao Leste, seguindo a costa, e temendo a cada momento que esta se dirixise de novo ao Sur, como lles acontecera no golfo de Guinea. Así chegaron á desembocadura dun río ao que chamaron Ancho, pola súa considerable largura, onde fixeron augada. Por seguir co relato que don Pedro Antonio de Alarcón fai dos feitos, que moitas outras versións hai, alí sublevouse a tripulación, pedindo a Díaz que se volvese, pois o barco das provisións perdeuse, e xa se atopaban a máis de mil oitocentas leguas da patria; pero Díaz obtivo que lle deixasen correr outras vinte e cinco leguas máis, prometendo que, se naquel espazo non se inclinaba a terra cara ao Norte, daría por terminada a expedición e regresaría a Lisboa. Poucas horas despois, a costa de África presentouse aos ollos dos portugueses tendida cara ao Norte en toda a extensión que alcanzaba a vista.

-          Compañeiros! -gritou o comandante-: triunfamos! Hai tres días que dobramos o último cabo de África!... A Portugal! A Portugal!.

Reparadas as avarías das naves, e feitas algunhas provisións, levaron ancoras, volveron as proas cara ao camiño que trouxeran, e emprenderon a volta a Portugal, onde chegaron en decembro de 1487, dezasete meses e medio despois da súa partida.

E mire que lle digo, dona Lucía, que aquel cabo ao que chamaran Tormentoso non conservou moito tempo o seu nome, que D. João II, era de outra opinión no que a nomes fai conta, e:

"Partidos dali, houveram vista daquele grande e notável cabo, ao qual por causa dos perigos e tormentas em o dobrar, lhe puseram o nome de Tormentoso, mas el-rei D. João II lhe chamou cabo da Boa Esperança, por aquilo que prometia para o descobrimento da Índia tão desejada."


Nota [1]: O río dos Elefantes chámase hoxe The Olifants River, en inglés e Olifantsrivier en Afrikaans. O río ten uns 285 km de largo e desemboca na pequena vila de Papendorp, a 250 km ao norte de Cidade do Cabo.

sábado, 6 de abril de 2019

Cousas das Ménades



Mire que lle digo do Manoel! Home falador esbardalla a máis e mellor! Aínda que tampouco penso que moito errara cando, van alá unhas semanas, afirmei que arestora, por mor das redes sociais,

todo o mundo pode ser,
se lle peta,
novelista ou poeta,

Que poetas empeñados en darnos a roncha coas súas redondillas, quintillas, sextetos, coplas de pé quebrado e aínda sonetos, sempre os houbo, e polo menos aos actuais é moito máis doado escaparlles con ben, que a aqueles os tiñas que escoitar mentres que estes cun gústame teñen pitanza abondo para os seus egos; e que lupanda, amigo!, se pos nos comentarios algunha frase laudatoria como fermoso poema, emocionantes versos ou belísimo traballo! Entón centola da ría, lacón con grelos e mel nas filloas!

Quero supoñer, don Manoel, que no seu tempo sufriu estoico os embates dos amigos que regresaban dunha viaxe cargados de fotos ou, o que a todas luces (apagadas) é peor, de diapositivas. E o imaxino sentado na escuridade; ouvindo, que non necesariamente escoitando, as minuciosas explicacións con que os anfitrións adobiaban ás imaxes; así o figuro: impertérrito, sufrindo en silencio, sen laiarse de que o vaso de viño que lle serviran estaba, fai xa longo tempo, baleiro; e sen posibilidade de emborracharse para mitiga-lo sufrimento. Pois xa ve: o de hoxe é moito máis levadío! Grazas ás redes sociais podes parar cando queiras a mostra de fotos, a lectura do conto, relato, haiku, poema mínimo ou máximo, e encher de novo a cunca; será do teu viño, pero hai agasallos que saen moi caros!

Non é que menosprece a poesía. Gusto dela como gusto dos viños; e sei daquela como destes. Sei que viños me chiscan no padal, e sei dos poemas que me chiscan a mente ou o corazón; ou os dous de vez. Admito sen desavinza que son mais de rima e metro que de verso libre, que disque é o máis natural, máis coloquial e menos convencional que o verso medido, máis semellante ao respirar, ao ritmo cambiante da inspiración e expiración do poeta; pero se de ritmos corporais falamos, teño que declarar a miña preferencia polo da sístole e a diástole.

Esta epidemia de produción poética, que nos meus tempos estaba limitada aos adolescentes coas gónadas a rebentar como castañas no medio da cinsa quente, hoxe semella que é mais cousa de mulleres. Ou polo menos iso é o que dicían no faro unhas raparigas que se chamaban a se mesmas as Ménades, ben é certo que sen moito coñecemento do verdadeiro significado da palabra [1]. Dás unha patada a unha árbore e cáenche centos de autoras”, afirman sen clarexar moito os motivos que podían ter as mencionadas autoras para estar subidas a unha árbore á espreita dunha patada.
E mire que lle digo, don Manoel! Que venme agora ás mentes unha idea que faime cambiar a cor da cara coma un polbo! Se cadra intentando arranxar as miñas baballadas do pasado aínda metín o barco máis nas pedras, e que estaría moito mellor calado como ben fan os curas cando comen.

Cando fales fala baixo
que a silveira ten oídos,
os contos dos falapoucos
deben ser mais caladiños.



Nota [1]: Non erra o meu mariñeiro no seu comentario, posto que o significado literal de  ménade é “a que desvaría”. As  Ménades, na mitoloxía grega, como ben podedes atopar en Internet, foron as primeiras ninfas encargadas da crianza de Dionisio, o deus asociado á tolemia ritual e a éxtase.