domingo, 2 de agosto de 2020

Bicar o pan.



Mire que lle digo don Manoel! Que algunhas das tradicións do pan que lle contara a súa fámula cando vostede era neno non as coñecía. O de bicar o pan si, que ata o meu pai, que era ateo e anarquista, bicaba o pan cando lle caía ao chan! E non porque pensara, ou algunha vella pantasma do pasado bisbaralle na orella, que ese alimento tivera algo que ver co corpo do cristo, que tal educación non recibira dos seus pais, senón que, como ben me explicaba, as nosas civilizacións eran fillas do cereal, e o trigo, avea, centeo, arroz e millo, eran e son os piares básicos da nosa alimentación, os garantes da nosa supervivencia e a máis fonda fonte, base e fundamento da mitoloxía. Cada terra ten o seu cereal e cada pobo a súa mellor preparación del. Millo, trigo e centeo son os nosos cereais, e o pan o produto no que depositamos acotío a nosa gratitude por estar vivos.

Contaba tamén meu pai que os hórreos, eran na súa orixe, a sagrada casa do pan. Non tanto o “relicario que garda o corpo de Noso Señor” que dixo Castelao, ao fin fillo do seu tempo e da súa educación relixiosa, senón dos primeiros intentos de entender o mundo que nos rodea e ameaza. Para o seu entendemento, o do meu pai, a observación dese mundo dividía aos humanos en dous grupos: os do pensamento máxico e os pensamento lóxico. Para os primeiros, maioritarios en calquera sociedade pasada, calquera suceso inhabitual é o resultado da acción duns seres, semellantes a nos nos seus vicios e maldades, que habitan noutra esfera de realidade. Son os deuses. Deuses cuxa vontade pode ser interpretada por certos individuos dotados dunha superior capacidade para acceder a esa outra esfera, e cuxo comportamento pode ser propiciado mediante certo tipo de accións rituais executadas baixo o control destes xamáns, bruxos, feiticeiros ou sacerdotes. E da organización deste fraude, e do mantemento deliberado da ignorancia e a represión da ciencia, nacen as relixións e as igrexas.

E xa ve don Manoel que listos son estes cristiáns. Collen os mehires e os converten en cruceiros; collen un castro e chántanlle enriba unha hermida; collen un vello hórreo, cargado de significados rituais para as antigas relixións e o cristianizan cambiando os adornos fálicos por cruces. E xa postos, collen o simbolismo do pan e o converten en eucaristía! Deste xeito o maltrato do pan, que para a cultura orixinaria constituía soamente un acto de irreverencia que podía aparellar desdichas, converteuse case que nun sacrilexio!

María dixo que se chamaba don Manoel? E da Barroca, en San Paio de Navia. Xa ve! A ben pouco camiño de Vigo e mantendo integras ás raíces da súa galeguidade! Do Xuncal, ben pretiño dá Barroca era a Carmela, a farruca leiteira da que penso que xa lle contara as que tivo co Nicasio. Recorda? Boas foron! Aínda que teño que dicir que a súa María paréceme un pouco máis igrexeira que a Carmela, con esas cousas de pedir perdón a deus e rezar unha xaculatoria para xustificarse polo descoido de deixar caer o pan! Dáme o corpo que nun caso destes á miña Carmela ía estar moito máis preocupada polo castigo e enfado das potencias terreais, que das celestiais! E, o de facerlle o sinal da cruz para protexerse da mala sorte cando se enforna ou antes de cortalo, ou non comerse o pan adentado por outra persoa, arroxar faragullas ao lume, ou negarse a facerlle torradas porque son o alimento do diaño, para min están xa no terreo do que igrexa oficial considera como superstición. Aínda que non é precisamente un mariñeiro de Bouzas o que pode cuspir a barlovento! Sobre todo tendo en conta que cando saímos a pescar fora das rías botámoslle ao mar, a modo de pago, un pan de millo para que sacie a súa fame de mariñeiros, e cando algún de nos morre na mar, arróxase un pan cun cirio aceso sobre el para que espírito do morto atope a paz.

Algunha anécdota co dos bicos no pan? Difícil mo pon don Manoel! Pero se non é de bicos polo menos de pan ha de ser. Recorda ao Chaleco don Manoel? Aquel rapaz que gañara o seu adeallo por levar a roupa coas mangas cortadas para poder traballar? Pois o Chaleco quedara orfo de nai de moi novo, e como o pai cando non andaba no mar andaba no viño, don José, o párroco de San Miguel de Bouzas, o collera baixo a protección da súa sotana e o puxera a facer cousas de acólito, que doutras cousas non hai máis que rexoubas de lingoreteiras sen moito siso. O certo é que o noso rapaz non era moi afeccionado ás cousas de igrexa, pero cómpre facer da necesidade virtude, e unha comida quente e un lugar onde durmir a cuberto son argumentos abondo para minguar o valor do aprendido da boca dos pais, ver as cousas baixo outra perspectiva, e se non esquecer, acalar a conciencia, polo menos mentres o corpo e a mente medran.

Ata que a tal protección de don José non chegou, O Chaleco pasou fame; moita fame; tanta fame que ata facía bocadillos de pan: un anaco de miga entre dúas codias. Na súa constante procura de algo que xantar descubriu que un rapaz dunha casa rica cando a criada dáballe o bocadillo de chocolate, deixaba o pan e comía o chocolate. Un día armouse de valor, foise canda el e pediulle:

-          Mire señorito. Se non lle serve de molestia, antes de deixar o pan do bocadillo, coma un pouco de chocolate, de ser posible cando estea un pouco derretido, que deste xeito cando lle dea un bico no pan algo de chocolate ha de quedar nel!

E mire que lle digo don Manoel! Que non quero que a cousa quede así de triste e, posto que prometinlle dous contos aquí vai o segundo deles. O Chaleco xa está canda don José e a fame, senón desaparecida xa é máis doada de levar. Nestas estamos cando un día chega á parroquia don Miguel, un sacerdote xesuíta que ven a impartir aos mozos en idade de caer nas tentación da carne uns exercicios espirituais, daqueles que inventara Ignacio de Loiola. Don Miguel era un sacerdote de verbo fácil e palabra incendiaria, e cando estaba no mellor do relato das tentacións de Cristo, que despois de facer un xaxún de corenta días e corenta noites entroulle a fame. Daquela, conta don Miguel, dille o diaño:

-     Se es Fillo de Deus, di que estas pedras convértanse en pans.
-     E que respondeu o Cristo? Que respondeu don Miguel? –preguntou Roque, un dos “cursillistas” un pouco máis meapilas que o resto.
-     Pois que ía dicir! –interveu o Chaleco, lizgairo como un foguete –Fódase que traïamos bocadillos!

venres, 24 de xullo de 2020

Cousas de Xinzo.


Mire que lle digo don Manoel! Non sei se lle contara que estes días estivo pola taberna o seu amigo de Xinzo. Preguntaba por vostede, pero seguro que andaba na procura de alguén con quen mollar a palleta e compartir unha tapa deste polbo tan gorentoso que nos pon a Sefa. E xa postos votar un parrafeo, que non hai nada como unhas fechas de viño para ceibarlle á xente o bisté, e á taberna do Mincha tampouco e que veña a xente a ver a televisión!

Din da xente da Limia, que tanto poderían dicir da de Bouzas ou a de Lavadores, que sonche moi deste ou destoutro xeito; que teñen tal o cal predilección; algúns que son apáticos e flegmáticos; outros que enigmáticos e linfáticos; aqueles que un pouco maniáticos aínda que abondo simpáticos. O resto deles calquera cousa que xulguen acaído ao caso para leva-la auga para o seu rego. Un dos caracteres que adoita a citarse para os de Xinzo e a súa afección ao misterioso, disposición esta que exemplifican cun río e cunha lagoa. O río é o Limia, que algúns chaman Lethes ou “do esquecemento”, e a lagoa a de Antela onde, afirman, está a “cidade  asolagada” de Antioquía. E teño para min que, xa postos ao choio, tamén poderían citar outras notables inclinacións dos limiaos como é o cultivo da pataca, a preparación de receitas gorentosas de ancas de rá e a celebración dun entroido, que coas súas cinco semanas de duración, pasa por ser o mais extenso do mundo mundial, e que se de percorrido literario se trata aí están as obras de Castroviejo, Cunqueiro e Blanco Amor para dar fe do que poden dar de si estas tradicións. Pero non, din con voz campanuda! Son as cousas do máis alá as que teñen máis predicamento entre os escritores limiaos! E como boa proba do seu aserto citan a Carlos Casares ou Antón Riveiro Coello; e aínda algún máis sabido, douto e erudito, o “Trasmundo de Antioquía" de Rafa Laso.

Que “cidades asolagadas” hai na nosa terra máis que lentellas dan por un peso! Setenta, cando menos, nunha conta rápida! E todas elas asolagadas como castigo pola maldade dos seus habitantes. Por denegar auxilio a Xesús Cristo, á Virxe, ao Apóstolo ou a un peregrino, reciben a maldición da que soamente sálvase, normalmente unha nena ou unha muller probe, que partira con ela ou con el o seu escaso pan, exemplificando deste xeito que a pobreza asumida, resignada, é o mellor camiño para a salvación, que en todas partes hai cans descalzos, e toda a terra éche país!

E a min, don Manoel, que quere que lle diga! Que todas estas lendas de cidades mergulladas, castigadas pola súa maldade a vivir agochadas baixo das augas, que no solsticio de verán e no de inverno deixan ouvir as campás das súas igrexas, non son outra cousa que relatos de medo que os poderosos inventaron, e os curas e os seus acólitos propagaron nas súas prédicas e lendas, para fincar a desconfianza, a submisión, a suspicacia no peito dos explotados, un narcótico que lles impida decatarse de que se alzaranse contra dos poderosos, os que nada teñen, nada poden perder! Fora do propio medo!

-          O meu cuñado Zalo –comezou o Tavo o seu relato –tiña un sentido do humor moi especial. Bancario que non banqueiro, chegou por méritos propios a director da sucursal que o Banco de Santander tiña na nosa vila de Xinzo de Limia.

O Tavo deu un tento á cunca de monterrei, sorbeu as pingas do bigote, para que nada de líquido se perdera, e proseguiu:

-          Un día destes de inverno entralle pola porta da sucursal unha muller toda embozada. Era a Ermesinda de Sarreaus, que tiña unha irmá xemelga que vivía en Trandeiras e que tamén tiña conta no Banco. O Zalo míralle en fite e dille:

-          Que alegría vela dona Ermesinda! Tanto tempo sen facernos unha visita! Pero escoite! teño unha dúbida: logo a que morreu … foi vostede ou a súa irmá?

-          Non don Gonzalo, a que morreu foi a probe da miña irmá.

Tomar do prato unha tallada de polbo e mollar unha migalla de pan no prebe, son provisións necesarias para poñer a mente en disposición de encetar o segundo dos sucedidos.

-          Moita xente ía ao Banco por obriga, pero algúns deles pasaban pola sucursal por parrafear co meu cuñado. Un dos desta caste era o Xácome, o delegado de Seguros Ocaso, nome ben acaído, por certo, para unha compañía cuxa principal fonte de negocio eran as pompas fúnebres! O Xácome tiña un arte especial para vender funerais de sete estralos con misa cantada, que aínda que os penitentes foran máis probes que unha voda sen caldo, os envolvía contándolles como de pasada o que contratara o seu veciño, e xa se sabe que ninguén quere ser menos que ninguén; xa que en vida non foi posible, polo menos na morte!
-          Sempre me preguntei polas razóns que pode ter a xente para gastar en vida o diñeiro que non ten para asegurarse a morte! –dixen, dándolle liña para afirmar o anzol.
-          Rematado un destes funerais con curas de catro ou máis parroquias da contorna seica o Xácome comentoulle ao Zalo: “Que fillo de puta o cura de Lamas! Nono vou a contratar nunca máis. Bebe tanto viño que logo non da afinado cos demais! Xa sei que para cantar cómpre mollar a palleta, pero unha cousa é mollala e outra afogala!”

O Tavo peitea cos dedos o seu mostacho, toma unha presada de aire e mira con sobresalto para o seu reloxo. 

-          Manda carallo, que tarde se me fixo!
-          Marcha don Tavo?
-       Como can pola porta! Pero olla: aínda queda para un chope! Teño para min que ha de dar para unha historia curta.

E meu dito, meu feito, o Tavo, o contador de historias insólitas, oficiou o, polo momento, último alzamento de cunca, que non pousou no mostrador ata que a derradeira das pingas de monterrei baixou pola súa sedenta gorxa. 

- Unha das obrigas dun director de banca e asistir aos enterros. –Continuou o Tavo –Nun deste enterros, meu cuñado foi canda a viúva para darlle o pésame pola morte do seu marido, observou que tiña un aspecto desastrado e farrapento, como se andara a rebolos por unha encosta. Case sen respirar, a viúva explicoulle: “Que desgraza, que desgraza, don Gonzalo! Que indo para o cemiterio no coche fúnebre caemos por un barranco. Nos quedamos moi mancados pero, que sorte que tivemos don Gonzalo! Ao defuntiño non lle pasou nada! Unhas raspaduras nada máis, pero nada grave!”


Nota: ilustración "Antioquía para Antía" de M. Figueiras.

xoves, 16 de xullo de 2020

Guerra de identidade en Cangas.



Mire que lle digo don Manoel! Que malia a canseira e o afogo que supón estar unha hora arquexando detrás dunha máscara para un home do meu tempo, pagou a pena acompañarlles ao Auditorio Municipal de Cangas a ver á rapaciña esa tan feituca, e de nome tan complicado para min de lembrar. Deborah Vukusic, certo! Grazas don Manuel, sempre ao quite! Recordo agora o que dixo do seu nome: que era unha abella polo seu nome, Déborah en hebreo, e unha abella con orellas de lobo, polo significado do apelido Vukusic en croata. Pero, como vostede ben sabe, unha hora da para moito falar, e un xa non ten a cabeza para quedarse con todo o que contou!

Que contou moito e moi ben, cunha voz doce pero firme que chegaba ata as últimas ringleiras do auditorio. Cunha voz con máis rexistros que teclado da súa neta, abofé! Tocaba o da tenrura na man dereita e o humor (negro, por suposto!) na esquerda; os recordos familiares nunha man e a situación social na outra; o galego para o aloumiño e o croata para o ademán. E retrincos en francés, inglés, italiano; e sempre o galego para a felicidade e o croata poucas veces para a ledicia. E o zunido da súa fala, doce coma o mel das abellarizas, fainos esquecer por unha hora as dificultades de respiración, engaiolados no tecido do seu conto, enredados na maxia da súa presenza física, con esas mans sempre voando, sempre chamando pola nosa atención. E eses os seus pasos nerviosos, ese xeito de ballet, sempre xirando arredor de algo, dunha verdade escura?, algo que agacha na máquina de escribir, e nesa mochila que carga no seu lombo aínda cando a deixa no chan.

E e cóntanos que o seu pai foi un notable xogador de balonmán, ese deporte que para os croatas é case que unha relixión; que era unha persoa querida por todos; que era quen de botarse ao lombo ao equipo e coroar con el os cumios dos encontros máis difíciles. E cando o conta, somos quen de ver nos seus ollos todo o amor e admiración que por el tiña. Nos fala dos avós galegos cos que se criou, e dos avós croatas, grandes coma dous seres de lenda. E do seu irmán pequeno que quedou en Croacia.

E de súpeto cando camiñabamos da súa man, ledos coma cucos, polas chousas e veigas do cotián, viña a estoupar baixo os nosos pes a realidade, como una mina antipersoa, tripando todo o manto de esquecemento pacientemente tecido e meticulosamente cosido que nos permitía manternos a salvo da tolemia, co afiado gume da realidade, feita verdade nas táboas do escenario. Máis estarrecedora que a propia visión directa das moreas de cadáveres.

E mire que lle digo don Manuel! Que unha das cousas que máis me chegou da proposta escénica de Déborah, foi o xeito de achegarse á súa experiencia vital cunha ausencia total de pretensións filosóficas, de explicacións, de xustificacións do horror que supón comprobar como a xente normal, os teus veciños, os teus amigos, a túa familia, poden transformarse en monstros sedentos de sangue, e chegar a matarse por cousas que non tiveron, nin teñen, a menor importancia. Porque nos, don Manoel, desas cousas sabemos montes e moreas! E de cómo as feridas que pecharon coa pus dentro, non curan nunca, e despois non tes outra que fender o absceso para sacar de dentro da alma toda a  podremia!

(*) Foto orixinal de José Lores.

luns, 13 de xullo de 2020

Quen ben facer tenta precisa boa ferramenta.



Mire que lle digo don Manoel! Nin tanto acá nin tanto alá! Que non somos hoxe moito mellores simplemente polo feito de chamar discapacitados aos que teñen algunha eiva, algunha función básica limitada ou anulada. Especialmente se seguimos a pensar que os diferentes son menos humanos, menos válidos, se seguimos a actuar como se foran seres inútiles e inservibles e unha carga para a sociedade. Certo é que xa non estrangulamos aos neonatos mal formados, nin afogamos aos nenos débiles ou anormais, pero seguimos a clasificar á xente polo seu aspecto e a considerar repulsivos aos que son distintos a nos. Eses son para min, don Manoel, os peores discapacitados: os que eu chamo discapacitados morais.

Os discapacitados morais son xente que carece de toda ética, de toda consideración e respecto polos demais. Moitos deles, en nome dunha pretendida boa educación, evitarán chamar subnormal, atrasado ou mongólico aos que eles consideran deficientes. Pero para o seus internos seguiran a consideralos anormais, sen pararse a pensar que iso que chaman normalidade non existe; que a normalidade non é máis que unha construción mental; que a humanidade no seu conxunto é unha paisaxe heteroxénea de homes e mulleres, de novos e vellos, de sans e enfermos, de razas distintas, orientacións sexuais distintas e particularidades físicas distintas; unha humanidade de dereitos iguais e necesidades desiguais.

Un destes discapacitados morais do que lle falo, era o Fernando, home feito ao que con aquela teima tan propia de Bouzas de poñer alcumes chamabamos, máis por mal nome que por adeallo, o Cabesaghrande. Fernando era, a máis de cliente habitual da taberna do Mincha, un pailán sabichón daqueles que falan de calquera cousa ou de calquera tema, convencido de que sabe e entende de todo, e que non calan nin debaixo da auga. O Cabesaghrande traballaba na carpintería da rúa Alfolíes, esa que hoxe é un restaurante, e entre os seus costumes máis noxentos tiña o de facer escarnio do Moncho, un rapaz co síndrome de Down, ao que emprega como branco das súas mofas. Nun alarde de enxeño, imitaba a pronuncia do rapaz transformando o seu nome de Moncho en “Mongo”, nun ridículo intento de facer un xogo de palabras coa denominación que John Lagdon Down deulle aos que tiñan esta alteración xenética, por mor da semellanza que o rostro dos afectados polo síndrome, tiña coas persoas deste grupo étnico. [1]

Eu, don Manoel, tiña por este rapaz un grande afecto, e sincero aprecio. Fillo de solteira, a súa nai sempre estivo máis atenta en engaiolar a un home que fixera por ela, que en ocuparse da educación e mantenza do rapaz, que saíu adiante case que de milagre! Pero de milagre laico, obra da solidariedade dos probes, que caridade daqueles que a levan como bandeira non houbo! Ben sabe don Manoel que a igrexa non axuda aos fillos do pecado!

E nesta axuda ao Moncho, para maledicencia dalgúns que dicían que algo habería para tanta largueza, destacaba a do meu amigo Antonio o da asesoría. Ben é certo que Antonio non buscaba o recoñecemento, e agachaba acotío este aprecio polo rapaz detrás dun constante reproche polo que el chamaba o seu pouco sangue; pois para o seu entender, Moncho era excesivamente tranquilo e calmoso fronte as ofensas do Fernando. 

-          Ese rapaz, que pouco sangue ten! Eu no canto del xa tería feito algo.
-        Non teña mágoa don Antonio! –dicíalle o Moncho –Rinse de min porque son diferente, pero eu ríome de eles porque son todos iguais.

Antonio, o da asesoría, era un home tranquilo, pero xa sabe don Manoel aquilo que din de que “da auga maina líbreme o ceo que da auga brava líbrome eu”, e eu sempre andaba nun XX de que perdera a paciencia con Fernando e as cousas marcharan fora do rego! Ata que un fausto día que resoa no meu recordo como os versos do gran Homero, entra pola porta da taberna do Mincha o Cabesaghrande, cunha aparatosa vendaxe no dedo índice. Antonio, que xa sabemos que non lle tiña en moito aprezo, aproveita o incidente para intentar amolar: 

-          E logo Fernando? Que é iso que traes!
-          Manqueime coa ingletadora! –ao que o Moncho pregunta:
-          Coa que?
-          Ingletadora, “Mongo”!
-          E que cousa é unha ingletadora don Fernando?
-      Unha máquina para facer bispeis! –resposta o Fernando, engadindo retranqueiro –“Mongo”, ti non controlas moito de carpintería, non si?
-          Eu non! Pero parece que vostede tampouco é que controle moito se a tal ingletadora púxolle o dedo así!

E mire que lle digo don Manoel! A mandíbula inferior do Cabesaghrande descolgouse da superior, deixando ver un espazo tan grande como a cova de Polifemo; a cara viroulle de color, e foi collendo por quendas cada un dos do arco da vella. Foi o final das chanzas do Fernando. E “dígocho Xan, enténdeme Pedro”, nunca ninguén máis atreveuse a facer a burla do Moncho. E cando, van xa alá uns anos, démoslle terra ao coitadiño, no cemiterio estaban todos os parroquiáns da taberna do Mincha, con Fernando á cabeza.

Non te poñas fachendoso,
que cada un sabe o seu;
ves o lixo nos meus ollos,
non ves a tranca nos teus.


[1] Mentres, o médico, botánico e  zoólogo sueco Carl  Linnaeus no seu Systema Naturae editado no 1767, catalogou cinco "variedades" de especies humanas. Cada unha foi descrita como posuidora das seguintes características  fisionómicas:
1.        Americanus: vermello, colérico, xusto; negro, ergueito, cabelo groso;  obstinado, celoso, libre; pintándose con liñas vermellas; regulado por costumes.
2.        Europeanus: branco, sanguíneo; con abundante cabelo longo; ollos azuis; xentil, enxeñoso, inventivo; cuberto con vestimenta pechada; regulado por costumes.
3.        Asiaticus: amarelo, melancólico, teso; cabelo negro, ollos escuros; severo, arrogante, cobizoso; cuberto con vestimenta solta; regulado por opinións.
4.        Africanus: negro, flegmático, relaxado; negro, cabelo rizado; pel suave, nariz plano, beizos  inflamados; mulleres sen vergoña; glándulas  mamarias dan leite abundantemente; astuto, descoidado; se  unta graxa; regulado pola vontade.
5.        Monstrosus: non apareceron nas primeiras edicións do Systema Naturae. Este caixón de xastre, incluía ao  Homo feralis, home feroz de catro pés, mudo e peludo; o Juvenis lupinus hessensis, neno lobo de Hessen, criado por animais, o Juvenis hannoveranus, ou neno de Havelín, a Puella campanica nena salvaxe de  Champaña; o áxil pero débil de corazón  Homo monstrosus, o xigante de Patagonia, o anano dos Alpes, e  Khoikhoi ( Hottentot). Logo, no Amoenitates academicae (1763),  engadiu ao Homo anthropomorpha, o troglodita, o sátiro, a hidra e o fénix, incorrectamente identificado como criatura simiesca.

venres, 3 de xullo de 2020

O anel de Jana.


Mire que lle digo don Manoel! Xa lle falara do Canouco? Corren os días coma cabalos desfreados e xa non son quen de enxergar se algunha cousa andarei a repetir nestas nosas conversas, que como dicía o Marcial “a miña cabeza xa non é o que era”, ao que a Sefa, que sempre tivo moita retranca, engadía “nunca o foi”. Non lle soa? Pois era cliente habitual desta nosa taberna do Mincha. Non sei se cadrou algunha vez con el, pero se tal fora non perdería memoria da súa cara de coiro vello, da cute de color parda, da figura osuda e desamañada.

O Canouco sempre tomaba unha única cunca de viño. Pedía e pousaba ben á vista un pequeno anel de plástico no mostrador de mármore da taberna. Non falaba con ninguén e a ninguén se achegaba. Eu, ben o sabe don Manoel, teño un certo aquel pola xente necesitada de afecto, así que un día collín folgos, achegueime a el e convideino a unha pombiña. Sorrindo díxome que nunca tomaba máis viño que a cunca que xa tiña no mostrador, pero sen dar máis chío, colleuna nunha man e o anel noutra, sentouse canda a min na miña mesa e, nun fío de voz, debullou a historia que paso a relatar.

O Canouco, que imos seguir chamándolle así aínda que tal nome non tivera daquela, viña dunha familia de clase media, se é que tal cousa existe máis alá da imaxinación dos economistas. Mal estudante, conxugaba demasiado adoito o verbo latar, xuntándose con xente ociosa desas que fan pola vida menos que a besta pola albarda. Máis o nada que facer custa moitos cartos, e a escaseza de recursos propios, xunto coa negativa da nai a seguir sendo cómplice dos seus desfalcos, lle fixo esquecer os poucos escrúpulos e os moitos medos, para xuntarse cun fato de malas xentes que vivían do contrabando de tabaco. De tabaco ao primeiro, e de fariña e cabalo en canto a algún iluminado ocorréuselle igualar as penas por unha e outra actividade. Porque se os riscos que corren quen tan suculenta actividade ofician son os mesmos para unha e outra mercadoría, o volume das a mover delas non o é, e moito menos os beneficios que dunha descarga poden saír!

“O traballo físico da descarga non pide moito dos portadores” –contoume o Canouco –“algo de brazos, algo de pernas e moi pouca cabeza. E aí está o problema: na pouca cabeza. Nunha noite de descarga gañaba o dobro que o meu pai no banco nun mes! Máis o diñeiro que entra fácil sae con máis facilidade aínda, e se parte do que cobras pola descarga dancho en tabaco, o vendes polos bares ou vaise en fume, pero se cobras en droga, entras no seu mundo e nun dicir amén xa estás cabalgando ese faco do que é tan difícil apearse. E cando te enganchas na heroína perdes o teu control e a confianza dos teus, e deixan de chamarche para as descargas, co que perdes de vez a subministración e os cartos para poder mercar, co que non tes outra que comezar os pequenos roubos na casa. Os cartos do bolso da túa nai, as poucas alfaias, a prata, a tele, o vídeo; todo val! E cando na túa casa xa non hai nada que converter en droga, xuntas con outros que están coma ti e comezas a entrar nas casas dos demais”.

Daquela, ben me lembro, o Canouco detívose un intre, como para pillar folgos. Deu un pequeno grolo ao viño, ceibou un suspiro e, aliviado o peito e mollada a gorxa, proseguiu o seu relato.

“Tiñámoslle botado o ollo á casa dunha xente de posibles, desas que ao dicir dos veciños da contorna saen moito e chegan moi tarde. Casa grande, boa de feitura, lonxe da vista doutras vivendas, e con moitas árbores arredor. Ideal para un golpe rápido e produtivo. Aquela noite agardamos apostados detrás dunhas árbores axexando o intre en que apagaran as luces da casa, colleran o auto e saíran carreteira abaixo rumbo a Vigo. Dimos unha volta arredor da casa para asegurarnos e atopamos unha fiestra mal pechada. Nun ai estamos dentro. A casa ten unha feitura estraña e case que caemos a rebolos polas escaleiras que dan ao salón. Para a nosa sorpresa alí non hai ningún televisor; nin vídeo; nin nada que poida pagar a pena. So moitos cadros estrambóticos cubrindo case que completamente as paredes. Chegamos ao dormitorio principal. Tampouco nada de interese; unha chea de vestidos extravagantes; colares, pendentes e outros ornamentos de fantasía; pero nada de valor. A impaciencia e o desengano comezan a poñernos irascibles cando, de súpeto, ao abrires unha porta levamos unha sorpresa que púxonolo sangue nos pes: a casa non está baleira! No interior doutro dos cartos atopamos, tesos como as vergas dun canizo, a dous cativos, un rapaz duns doce anos e unha rapaciña que non pasaría dos seis, a mirar para nos cos ollos abertos como pratos. A sorpresa inicial, segue o chasco, a rabia, e sinto de pronto que toda o enfado e a frustración, vénseme á boca como un vómito de carraxe que descargo contra aqueles rapaces asustados nun berro exasperado. E, o que máis me avergonza: sen me decatar de que levaba na man unha desmedida navalla, berreille a nena:

-          A ver, ti rapaza que pareces espelida: onde ten a túa nai as xoias?

E a nena, aínda que estarrecida de medo e cos olliños a piques de desbordar coas bágoas, responde á miña pregunta con moita seguridade:

-          Ai meu señor don Caco! A miña nai non ten nada desas cousas! Pero non nos faga dano, que eu doulle o meu anel de Jana que é a cousa que máis estimo!

Sacouno do dedo da súa manciña e achegoumo. Eu, sen nin saber o que facía, puxen a man e collino. Logo, sen dar nin chío, baixei os ollos, virei as costas e saímos da casa. Ninguén de nos dixo nada. Separámonos alí e nunca máis volvémonos a ver. Eu entrei nun programa de desintoxicación e aquí estou: limpo como unha patena. E para que os olliños da rapaciña non me deixen nunca caer na tentación levo o anel de Jana sempre comigo. É o meu talismán, e por iso o poño sempre onde me recorde quen fun e quen non quero volver a ser endexamais".

E mire que lle digo don Manoel. O Canouco tivo sorte! Sorte de dar coa rapaciña aquela, sorte de tomar das súas mans o anel; sorte de utilizar a maxia do anel para escapar das poutas da morte! Porque a droga en Galicia levouse por diante case que a metade dos mozos da súa xeración.

Durme miña nena
que ven o ladrón
A levar os nenos
que non dormen, non.

Os números do Canducho.


Mire que lle digo don Manoel! Non sei que feitizo pode haber os números, que poucos son os inmunes á súa influencia. E mesmo os que así se declaran, non escapan ao gusto polos capicúas e os “números bonitos” da lotería; a celebrar de xeito especial cousas como o cambio de década, os aniversarios de vodas 25, 50 e 65, aos que se outorgan as virtudes dos metais máis preciosos; e ao feitizos de moitos outros números que teñen, como o 22 ou o 69 cadaquén polas súas razóns, moito predicamento.

E logo están os numerólogos e pseudomatemáticos. Para esa xente, don Manoel, os números sonche moito máis que unha forma de medir ou cuantificar o que existe ao noso ao redor. Pitágoras e os pitagóricos aínda sosteñen que o universo debe ser visto como un todo harmonioso, onde cada unha das partes emite o seu son ou vibración: “a música das esferas”. Digo eu que poderíamos analizar estes meus longos relatorios consonte o método desenvolto por estes continuadores do filósofo grego, por ver se a frecuencia dos números resultantes vibran harmoniosamente co resto do universo e non violan as leis da natureza!

Tal disposición, inclinación ou tendencia pode ser para os que teñen que aturar ao oficiante, dende simplemente incómoda ata altamente tóxica, consonte a natureza do fregués. Para a miña sorte o Canducho, meu compañeiro de mareas no Gran Sol, era da caste dos primeiros: prosma sen chegar a enfastioso. Para el cada un dos números, do 1 ao 9, que no eido do macrocósmico representaban os principios universais, no eido do persoal representaban as características e as facultades do individuo, así como os acontecementos da súa vida, e a súa axeitada combinación era garantía de unha existencia repleta de fermosas experiencias.

Ben é certo que as teimas numerolóxicas do Canducho, como a de, por poñer un exemplo,  revisar a numeración dos billetes que lle daban no banco cando ía a cobrar, e pedirlle ao caixeiro llos trocara porque non  lle gustaban, quedaban sobradamente compensadas polas súas calidades como persoa; atento, compracente, servizal e sempre disposto a axudar, o Canducho era unha desas persoas positivas que en todo vía vantaxes. Para que se faga unha idea, don Manuel! O Canducho era un pouco estrábico, aínda que sen chegares a birollo. Cando alguén con pouca educación ou mal talante chamáballe trusgo ou vesgo el sempre contestaba que non tal, que o que pasaba era que tiña un ollo mirando ao pasado e outro para o porvir.

E tal debía ser porque un día 28 de xuño, con mar entre arborada e campal, o arrastreiro de Bouzas Virxe do Carme deu o seu derradeiro pantocazo abrindo unha fenda na obra viva que o afundiu en menos de dez minutos. O Canducho e máis eu, que estabamos de garda, logramos tirar ao mar o pequeno bote de madeira que levabamos como emerxencia. O mar está cuberto de escuma branca e o vento brúa con tal forza que nin somos quen de escoitar os nosos propios alaridos. O aire está tan cheo de salseiro que custa verse a punta do nariz; non digo nada da dificultade de ver o bote choutando mais o menos afastado da borda! Non sei ben como, aproveitando un dos poucos intres en que o buque e o bote están á par, tirámonos dentro del. Nunha das sacudidas o bote rompe os cabos que o xonguen ao Virxe do Carme, e nun intre o perdemos de vista.

O mar e o vento non nos dan nin un respiro. Chove e o bote aboia dando chimpos como unha cortiza no pé dun cadoiro. O medo a caer pola borda mantennos tirados sen xeito sobre as táboas do fondo do bote. Soamente o Canducho mantén a serenidade:

-          Veña rapaces! Remos aos toletes, que sen goberno non aguantamos á boia nin cinco minutos!

O que é o ter algo que facer, don Manoel! Nun intre pasamos de náufragos a mariñeiros! Uns nos remos mantendo a proa do bote cara ao vento e outros baldeando a auga do seu interior, pero todos cun mesmo propósito: sobrevivir! E tal traballo adquire no mar un sentido diferente. Cando estás na terra a supervivencia é a loita coa natureza nun territorio do que es parte; cando estás no mar a supervivencia loitas nun territorio alleo. Na terra a natureza é, de vez, amiga e inimiga; no mar … o mar non é o teu inimigo; o mar non quere levarche ao fondo; o mar non quere acabar contigo; a túa existencia élle totalmente indiferente! No mar o peor inimigo es ti mesmo, e as mellores virtudes para a supervivencia a fe e a esperanza.

E de fe e esperanza vai esta historia de supervivencia. Porque auga non faltou a bordo, porque choveu a chou; mantenza tampouco que galleta e conserva había no bote; o que faltaba aos dous días, máis ben corenta e oito horas, ou aínda 2880 minutos era ánimo de seguir resistindo coa única esperanza de que alguén nos avistara naquel mar tan cuberto de espuma e salseiro que dende a amura de babor apenas distinguías a de estribor. Pero alí estaba o Canducho coas súas teorías:

-      A ver compañeiros! Botemos contas. Somos seis a bordo. Naufragamos o día 28. Dimas ti que estabas de ponte: que hora era cando caemos ao mar?
-      Serían como ás 5 e media –responde Dimas.
-     Cinco e media … Poñamos que eran ás 5 e 36. Sacamos unha hora ao cinco e xa temos o seguinte da serie: 496!
-     Onde queres chegar Canducho? –pregunteille eu.
-    O que xa te contara! O dos números perfectos! Os tres primeiros son precisamente 6, 28 e 496. O seguinte número perfecto é o 8128. Se lle sacamos ás dúas cifras do final, que son precisamente as do día do naufraxio, obtemos o número 81. Que son as horas que imos pasar no mar: tres días e nove horas. Como xa levamos algo máis de dous días neste bote non temos máis que agardar un día e unhas horas máis!

Protestamos; algún fixo algunha observación fora de ton acerca das teimas do Canducho; pero ás súas palabras acenderon unha chamiña de esperanza nos nosos peitos que axudounos a levar o frío que mordía como unha quenlla e cortaba como unha navalla. E un día e unhas horas despois da sentenza do Canducho avistounos o bou “Gestoso 3”, folio 3550, que 33 horas despois deixou aos 6 no peirao de Bantry: 33 550 336, o quinto número perfecto.

E mire que lle digo don Manoel! Eu nin poño nin quito, nin afirmo nin nego. Se o Canducho inventou todo aquilo da secuencia dos números, se amañou as cousas para que todo tivera un significado, ou as cousas sucederon así para ben da harmonía do cosmos e a música das esferas, non llo sei, nin vou investigalo. Abondo teño eu con expor publicamente tal tipo de simplezas que contradín o meu espírito racionalista! Pero do que si que podo da fe é de que por unha vez a numeroloxía se non nos salvou a vida, polo menos axudounos a conservala mantendo viva a nosa esperanza no rescate.

Os números curiosos do Canducho.
Números reversibles: Son aqueles  capicúas que ao mirarse ao revés (cabeza abaixo) forman un número válido (por exemplo, o 80608, que dado volta forma o 80908). Os números considerados “reversibles” son o 0, 1, 2, 5, 6, 8 e 9, aínda que a súa imaxe non sexa exactamente igual ao dereito que ao revés.
Números reversibles netos:  Capicúas que ao mirarse ao revés forman o mesmo número, como o 28182 ou o 212.
Os “Que mágoa”: Aínda que estes números non son  capicúas, a súa relación directa con eles facíaos igualmente obxecto de colección. Trátase de boletos exactamente un número antes ou un número despois dun  capicúa (por exemplo, 27771, 72128). Dado que existen 1000  capicúas e hai dúas que mágoa para cada  capicúa, unha colección completa de boletos que mágoa ten 1998 boletos (o 00000 non ten que mágoa previo e o 99999 non ten que mágoa posterior).
Números dobres: Son aqueles que terminan nas mesmas últimas dúas cifras, por exemplo 60955, máis aínda cando se combinan tres ou catro cifras máis (triplos ou cuádruplos).

A xente segundo o Canducho.
1. A xente do número “UN” é independente, única e autosuficiente. Dedícase aos seus propios asuntos, persegue os seus propios obxectivos e non necesita compañía.
2. O “DOUS”, a díade, significa a diversidade, o indefinido. Considerábase o principio feminino e significaba o lado esquerdo.
3. O “TRES”, a tríade, era a unión dos dous anteriores, símbolo por tanto da harmonía e perfección. Relacionábase co tempo e considerábase o principio masculino.
4. O “CATRO”, a Lei Universal, a xustiza inexorable. Xa que 4=2+2, era considerado a clave da natureza e o home. 
5. O “CINCO”, a unión da  díade e  tríade, do feminino e masculino. Símbolo do matrimonio e do triángulo divino (32+42=52). Cinco eran tamén os  poliedros regulares: o  tetraedro, o cubo, o  octaedro, o dodecaedro e o icosaedro. Representaba tamén os cinco elementos que compoñían o universo: lume, terra, aire, auga e a bóveda celeste que o envolve todo. Dada a relevancia que este número tivo no seo da sociedade  pitagórica, o  pentagrama converteuse no emblema  pitagórico usado polos membros da seita para recoñecerse mutuamente.
6. O número “SEIS”, aínda máis sacro que o cinco se cabe. Simbolizaba a procreación, o masculino e o feminino (6=2·3) e sobre todo o primeiro número perfecto[1] 
7. O “SETE”, simboliza a virxindade, non é procreado nin procrea. Asociábase á luz e a saúde. Sete eran os astros  errantes que daban nome aos días da semana. 
8. O “OITO”, representaba á amizade, a plenitude e a reflexión. Trátase do primeiro número cubo.
9. O “NOVE”, símbolo do amor e a xestación.
10. Finalmente o “DEZ”, a década ou tetraktys, símbolo de Deus e do Universo. Considerado como a encarnación da perfección, posto que os catro primeiros números contiñan a escala musical (10  = 1+2+3+4). En palabras de Aristóteles, a síntese de “toda a natureza do número”



Nota [1]: Un número perfecto é un enteiro que é igual á suma dos divisores propios menores ca el mesmo. Así, 6 é o primeiro número perfecto, porque os seus divisores propios son 1, 2 e 3; e 6 = 1 + 2 + 3. Os seguintes números perfectos son 28, 496 e 8128.

mércores, 24 de xuño de 2020

Xé menino, não fala política.



Mire que lle digo don Manoel! Non é que sexa eu moito de praia, ou polo menos dese concepto de praia que teñen algúns de estar tendidos ao sol como se foran unha sardiña na grella, pero gústame camiñar mollando os pes, e ocasionalmente os pantalóns, nas mainas ondas das nosas praias. Nestas camiñadas as veces chegan a min levados pola brisa da mañá retrincos de conversas aínda de xentes moi afastadas da miña posición e que, por mor do meu paso de vagariño, ás veces son máis parrafeos que frases soltas.

-          ¿Sabes que te digo? Que voy a tomar el sol tan ricamente, y olvidarme de los noticiarios, que no dan más que reseñas de disputas y enfrentamientos.

Quen así fala é un rapaz novo, de corpo traballado nos ximnasios e nas saunas, á súa compañeira, unha “garota” con moi pouco téxtil, tendida a carón del.

-          Quiero decir que me aburre profundamente la política de este país y los temas de siempre, los comentaristas que viven de ello y la gente que les sigue el rollo como borregos.

A rapaza non da nin chío, máis concentrada na distribución de crema solar polo seu corpo que nas palabras do seu acompañante.

-          ¡Ya te digo! Y volveré […] cuando escuche cosas interesantes que han sucedido hoy, como por ejemplo que el mundo se ha vuelto normal y que la sociedad ha dejado de ser gilipollas.

Non calou, non! Seguiu falando e falando, que algúns cando atopan o cabo do novelo non lle dan solta ata que fan morrer de fastío á xente que teñen arredor! Menos mal que o vento rolara a nordés levando o resto da conversa lonxe de min.

E mire que lle digo don Manoel! Non sería precisamente aburrimento o que o comportamento de certos personaxes que exercen de políticos nesta terra nosa, debera de provocar neste mozo. O aburrimento é un estado de desinterese propio de xentes que non encontran cousas interesantes para ver, oír ou facer. A política, ou máis ben certa forma de facela, pode xerar indignación, vergonza, irritación, noxo, rabia, pero tedio! Podes aburrirte nun buque cunha vía de auga no costado? Podes aburrirte no medio do naufraxio da cultura, da sanidade, da educación pública? Nada máis perigoso que o anoxo, o darse por morto e non facer nada, cando está en xogo a vida de toda a tripulación. Porque como lles dicía Antonio Machado aos apolíticos:

 “Facede política, porque se non a facedes, alguén a fará por vós; e probablemente contra vós”.