venres, 5 de febreiro de 2021

O liscanzo astronauta.

 

Mire que lle digo don Manoel! Que tempos estes nos que xa ninguén quere que os nenos enfronten os seus medos, tristuras, rabias ou vergoñas! Nin tan sequera uns poucos minutos de saudábel aburrimento! Cando están ledos ou entretidos ninguén temos problemas en aturalos,  o malo está cando queremos un pouco de tranquilidade, e o neno reclama a nosa atención e coidados. Daquela o máis rápido e efectivo é meterlle ao picariño un chupete entre os dentes, para que teña algo no que se entreter. Nada novo, don Manoel, que xa os construtores de pirámides dábanlle aos cativos efixies de barro recheas de mel. Hoxe a electrónica veu botarnos unha man e temos chupetes máis eficaces: os teléfonos móbiles. E se non funciona sempre podemos volver ás vellas receitas:

Cando o neno chora cómpre o limpar,

fartalo de leite e o acariñar.

E despois de todo se non quer calar,

dea media volta e déixeo chorar.

Que tampouco cómpre esquecer que como di o refrán “o neno chora polo seu ben e o vello polo seu mal”!

Non me teña, don Manoel, por inimigo do progreso, que tal non son! Soamente advirto que ne quid nimis, nada en exceso, e que cando o neno abandona os xogos de grupo para refuxiarse nas máquinas pode chegar a ser un túzaro sen ningunha habilidade nin interese en comunicarse cos demais. E xa sabe, don Manoel, aquelo que di que “para os nenos os xogos non son tales, senón as súas máis serias actividades”, e que “o home non deixa de xogar porque se faga vello, senón que se fai vello porque deixa de xogar”.

Aínda que non é menos certo que para ser un túzaro non se necesita un móbil. Porque o Xosé, o fillo do meu amigo Diamantino, era túzaro de seu, sen necesidade de ferramenta ningunha que o fixera máis apartadizo. Aló polos anos sesenta a familia deixara os aires de Bouzas polos do Calvario, e o Xosé pasara de xogar ao gua, á buxaina, ao cravo e á billarda na Alameda a face-lo mesmo no Campo das Caralladas.

O Xosé tiña un único amigo: Álvaro, o fillo duns veciños dos seus pais que quedara co corpo deformado e as pernas paralizadas por mor da polio, aquela maldita enfermidade que deixou a moitos nenos moi mancados de corpo e alma naqueles anos sesenta. O que empezara sendo soamente unha tarefa imposta ao Xosé polos seus pais que consistía en recoller ao Álvaro da parada do autobús do colexio dos xesuítas, dos “corvos” pola color azul escuro dos seus uniformes, e axudalo a chegar á súa casa, acabou en amizade por mor do forte vincallo que a xenreira á aquela obriga provocaba nos dous. Aínda que, como tantas veces sucede, os dous amigos non podían ser máis distintos entre eles; alto e forte coma un carballo o Xosé, eivado das dúas pernas e miudiño como un gorrión o Álvaro; máis zoupo que un burro atado a un poste o primeiro, lizgairo como un esquío o segundo; triste como prado sen rego un, ledo como unha gaita nas festas o outro; a súa asociación os facía fortes e resistentes fronte ás risas e as burlas do mundo, do mesmo xeito que un lique, feito da simbiose dunha alga e un fungo, e moito máis resistente á secura, ao frío e á calor que cada un deles por separado. E se o Xosé estaba presto a ceibar unha labazada ao primeiro que ousara facer a máis mínima referencia a discapacidade física do seu amigo, Álvaro nono estaba menos para inxuriar, vituperar e ferir coa súa afiada prosa ao que intentara burlarse da pequenez mental de Xosé.

Álvaro gustaba moito da lectura; lía disto, destoutro e do de máis alá. Pero nestas nas que andamos estaba especialmente enguedellado coa ficción científica. Descubrira que despois de Tarzán, Edgar Rice Burroughs escribira unha chea de novelas coas aventuras dun tal John Carter en Barsoom, o nome que os marcianos dábanlle ao seu planeta, e despois dunha breve incursión polos Clark Carrados, Johnny Garlan das novelas de “a duro” das editoriais Molino e Toray, recalar nos Heinlein, Wyndham, Clarke ou Asimov da colección Nebulae. Todas estas lecturas inzaban o seu peito de esperanza, soñando que, libre da gravidade da terra, podería ceibar as pernas dos ferros, parafusos e bisagras, que no espazo non necesitas muletas! As lecturas e a realidade, que andaba moi emocionado contándolle a Xosé as fazañas de Yuri Gagarin.

-          Manda truco! E disque foi nun foguete?

-          El ía nunha cápsula. O foguete ía empuxando.

-          Como un deses das festas?

-          Supoño que si pero máis grande.

-          E non poderíamos nos facer un foguete e mandar alguén ao espazo?

-          Se ves que tal ao fillo da Xenara que non deixa de chorar ...

Pasaron os días e a idea ía callando na vontade de Xosé e no enxeño de Álvaro. Restos de foguetes das festas para o corpo e a cana de estabilización había abondo no campo das Caralladas. E pólvora para a propulsión non era moi complicado de fabricar: 15% de carbón vexetal; 10% de xofre e 75% de nitrato potásico. O carbón vexetal de queimar anacos de polas mortas nunha fogueira; o xofre de matar os ácaros das galiñas e o nitrato potásico do  fertilizante das leiras. Machucar e mesturar todo nun morteiro da cociña de casa, encher o corpo do foguete con ela, pechar a tobeira de saída con arxila e a mecha dun chisqueiro. E no papel de Gagarin un liscanzo daqueles que algúns chaman serpes de cristal.

-          E que ven sendo iso que pon no casco de Gagarin? -preguntou o Xosé

-          CCCP,  que quer dicir Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas.

-          E logo! Non era ruso?

-          Tamén, pero o importante é que foi o primeiro home no espazo! E sabes o que dixo cando chegou á terra?

-          Conta! 

-          Que alá arriba mirara e mirara, e ata abesullara, e que non vira a ningún deus alá arriba!

-          Que animal! Se o collen seguro que o fusilan!

-          Non tal! Que é soviético, e alá está prohibido crer en deus! -aclarou Álvaro.

-          Que cousas! Sexan uns sexan outros, todos son a prohibir á xente a pensar o que queiran!

-          Tamén dixo que dende alá non vía fronteira ningunha; so unha terra fermosa que cumpría salvar.

-          Iso gústame máis!

Chega o día do lanzamento. Vai un sol esplendoroso e non hai nin unha nube no ceo. десять (desâtʹ), девять (devâtʹ), восемь (vosemʹ) ... fai a conta atrás Álvaro imitando aos seus colegas do cosmódromo ruso. Ala vai o foguete, dereito como un fuso! Entón, cando o foguete está no máis alto da súa traxectoria un golpe de vento o afasta da vertical e os nosos aprendices de fogueteiros o perden de vista.

-          Calquera sabe onde foi a parar! −laméntase Álvaro.

-          Si. −rosma o Xosé por toda resposta.

Días despois souberon algo máis. Corría polas tendas dos Choróns o sorprendente caso, peripecia ou incidente, que lle pasara á Marica do Coxo, á que chamaban “A gata” polos seus fermosos ollos verdes. Disque, aproveitando o bo tempo, estaba a poñer a roupa ao clareo cando caéralle do ceo un liscanzo vivo enriba da cabeza! E que ela soubera aqueles bichos non voaban, nin había no campo, nin nas casas dos arredores, ninguén que llo puidera chimpar con tal precisión riba do pelo recen peiteado de perruquería.

E mire que lle digo don Manoel! Estaríache bo o choio que o noso amigo o liscanzo astronauta marchara de volta para o campo das Caralladas entoando polo baixiño aquela de:

Fun a taberna do meu compadre

Fun polo vento e vin polo aire.

Foi como cousa de encantamento,

que fun polo aire e levoume o vento

 

xoves, 21 de xaneiro de 2021

Para os compañeiros da ETRAD.


Mire que lle digo don Manoel! Teño para min que xa lle contara, que cando me chegou a idade da xubilación decidín aproveitar a oportunidade para comezar a facer realidade todos aqueles soños, que cando era mozo deixara de lado por non ter xeito para levalos adiante. Non don Manoel; a lectura non. Que cando deixei o Gran Sol e embarquei de xefe de máquinas no Mar de Labrador xa tiña tempo abondo para retornar ás paisaxes dos novelistas que arrouparan a miña infancia. Tolstói, Dostoyevsy, Gógol, Turguénev, Goncharov, Korolenko, Chéjov! E tamén os poemas Pushkin, e Mijaíl Lérmontov. Pero sobre Máximo Gorki, que sempre foi para min como un irmán maior animándome acotío a ser cada día mellor. Pero no vaia a pensar, don Manoel, que soamente os rusos merecían a miña estima e aplauso, que Vítor Hugo, Charles Dickens ou John Steinbeck, sempre estiveron entre os meus autores favoritos! E aínda que algún poida pensar que un buque non é o mellor lugar do mundo para ler novelas do mar, os Herman Melville, Joseph Conrad, Nathaniel Hawthorne, e riba de todos eles o meu Robert Louis Stevenson, que para meu interno dende ben neno eu sempre fun Jim Hawkins, foron sempre boa compañía das longas mareas. Bendita sexa a tendencia das máquinas a funcionar ben que permitiume tantas horas de lectura co arrolo do ronrón das máquinas, ou o balbordo do mar!

Xa sabe don Manoel: o sabio pensa as cousas e o parvo fainas. E moi listo non debo ser que con tal ocasión metéuseme na cheminea que á gaita do Marcial, que o Tiniño me deixara en agasallo antes de marchar con destino descoñecido, cumpría darlle uso máis acaído á súa natureza que o de decorar unha parede. E digo agasallo e non herdanza, que para tal cumpriría que o Tiñiño, do que nada máis souben dende que o Lisardo, o camareiro do Derby, me entregara o paquete que o gaiteiro do mar lle deixara para min, estivera morto, cousa que nada así o indica.

Os moitos anos e o pouco uso que tivo dende que chegou ás miñas mans, deixaran á gaita un pouco prexudicada de máis e, como recordará, leveina a reparar ao recén fundado Obradoiro de instrumentos da Universidade Popular de Vigo de don Antón Corral, e de que este esgrevio mestre artesán ao espila para revisar o estado do fol, atopara debaixo da veste da gaita a carta de despedida que o Tiniño me escribira, e agochara nela. Aquela gaita en escala modal, con diferenzas nas terceiras e nas sétimas maiores e menores, sorprendera moito ao mestre Corral, empeñado en saber algo máis da súa orixe e construtor, cousa da que non puiden dicirlle máis que o seu dono era das terras de Celanova. Argallou entón o mestre Corral que o construtor fora o López de Baltar. Conteille entón algunhas das andanzas do Marcial que o Tiniño me relatara, e ás súas viaxes pola terras de Lugo, o que levoulle a matizar que a gaita tamén podía ser do taller do Curuxeiras, que era de A Pastoriza, ou aínda do de Francisco do Crego de Sinde, aquel gaiteiro que tanto lle gustara a don Xosé Seivane cando era cativo.

Reparada a gaita xa podía comezar a tomar aulas do instrumento na Universidade Popular. Ben sabía eu que, polo que argallara coa gaita da man do Tiniño no bou do Gran Sol, isto de facela soar ben non ía ser cousa de chegar e encher! E menos aos meus anos, que o home ten catro idades: de neno, rei; de mozo, capitán; de casado, burro e de vello, can!, e pola escola corrían de mozos algúns dos mellores gaiteiros que esta terra deu, Carlos Corral, Tiano Labraña, Ramòn Casal, José Carlos Bouza, Carlos Núñez ou Anxo Pintos, e ningún deles necesitou moito tempo para coñecer tódolos segredos do instrumento! A comparación da miña torpeza coa súa habelencia e talento estivo a piques de acabar coa miña paciencia e dar ao traste coa miña determinación. E teño que dicir que sen as verbas de alento de don Ricardo Portela, que ás veces andaba pola escola, houbera devolto á gaita do Marcial ao seu soporte na parede.

Recordo que outro dos que andaban canda a min pola escola, e que tampouco dáballe moito xeito a aquel saco de tubos, era o Anxo, un mozo cunha prematura calvicie que gustaba moito de estar de lareta cos vellos. Anxo estaba casado cunha cordobesa, unha muller morena e moi guapa que cantaba e bailaba como os mesmos anxos.

Tengo un querer y una pena.

La pena quiere que viva;

el querer quiere que muera.

Cantaba arrancando por soleares, esa combinación métrica de tres versos octosílabos que riman en asonante o primeiro e o terceiro, e que os expertos chaman "terceto galego". Quizais por iso a Milagros, que tal era o seu nome, gustáballe o folclore galego. Polo menos ata que ao seu home deulle un día por ir a aprender a toca-la gaita. Ela soportou ecuánime o largo proceso de aprendizaxe de Anxo, pero en canto aprendeu a tocar ben, pediu a separación, argumentando, non sen certa razón, que se antes o seu marido cansaba deseguida de practicar, en canto colleulle o tintimán á cousa xa non parou de tocar e tocar, polo día e pola noite.

Anos despois Anxo casou de novo. E vai o vello día a día morrendo e máis e máis deprendendo. Que se non se pode dicir que cos anos faise un máis listo pero si que máis prudente, e desta o meu amigo Anxo casou cunha pandeireteira, coa que aínda segue felizmente casado, xuntos practicando a súa devoción na CANMP, a Confraría da Adoración Nocturna da Música Popular.

E mire que lle digo don Manoel. Anos despois, debeu de ser a finais dos noventa, chegou a Vigo o mestre Rodrigo Romaní para dirixir o Conservatorio de Música Tradicional; deste primeiro conservatorio naceu, no 2008 se a memoria no me traizoa, a Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo, a ETRAD, esa marabilla de proposta educativa sobre música tradicional que, como a pintura impresionista, por tela tan preto de nos non somos quen de apreciar; aprecio que no estranxeiro danlle, e que obxectivamente merece. E para todos os que forman parte del vai a cantiga de hoxe:

Cando a lebre diga misa

e o raposo sexa frade,

daquela, meus queridiños,

que a nosa amizade acabe!

luns, 4 de xaneiro de 2021

Poderoso Caballero es don dinero!



Mire que lle digo don Manoel! Sobre este mesmo mármore desta nosa Taberna do Mincha caeron as pingas dos brindes que pola terceira República (desta tamén necesariamente Galega) facíamos ano tras ano con Nuno Espiñeiro, ese hoxe famoso arquitecto! Eran os anos setenta e, morto aquel can cuxa dentadura esixiamos que caera, todo parecía posible. E eu, que aos meus anos xa viña de volta de demasiadas cousas, admiraba o seu entusiasmo, a súa determinación e afouteza en demanda de liberdades. Porque don Manoel, tras demasiados anos de ver como os meus camaradas esnaquizaban a súa vida loitando contra da ditadura, comezaba a pensar dela que era como a pedra Cantadeira da bocana norte da ría, que por moitas e moi feroces ondas vaian escacholar nela seguirá firmemente aferrollada ao magma primixenio e cada día máis cuberta de cadáveres de valentes.

Nuno lideraba un grupiño de mozos de pelaxes diversas, aos que aos que emborrachaba co doce licor do seu coidado discurso, e engaiolaba coa súa fermosa voz de barítono. Recordo especialmente unha destas xornadas; serían os primeiros anos dos sesenta cando chegou á taberna, tirou do peto unha folla e recitou aquel poema de Celso Emilio que empeza dicindo:

Erguerémo-la espranza

sobre ista terra escura

coma quen ergue un facho

nunha noite sin lúa.

Para engadir decontado a reflexión seguinte:

-   A esperanza ten dúas fillas moi prezadas; a carraxe e a bravura. A carraxe para encarar a inxustiza e a bravura para enfrontarse con ela”

Fermosos anos aqueles don Manoel! Logo o tempo co seu incansable remoer foi desfacendo un a un aquel alegre grupiño de mozos, e Nuno, sensible á perda de público, deixou de vir pola do Mincha. Pasaron moitos, moitos anos ata que un día no que, en contra do meu costume, subín a Vigo para mercar no Corte Inglés algo que non daba atopado en ningures. E foi entrar pola rúa Venezuela para ao chegares á Gran Vía quedar pampo diante do espectáculo! Comprendo que alguén que ten que aturar durante anos o monumento ao “cabezón” na praza Maior de Ponteareas pódelle quedar o padal definitivamente estragado, e nun afán suicida facerse fanático do Sálvame, de Julio Iglesias, e das películas de Almodóvar, pero quedoume claro que a etioloxía do elevado ritmo cardíaco, vertixe, confusión e mesmo alucinacións que a feitura do invernadoiro multicolor chantado no bulevar me orixinou, non era precisamente unha síndrome de Stendhal!

Aínda non fora quen de repoñerme da desagradable experiencia cando escoitei ao meu lado unha voz que chamaba por min. Era Nuno Espiñeiro, aquel arquitecto, músico, amante do cinema e de cen cousas máis, ao que coñecera coa cabeza amoblada de soños, e que hoxe a tiña vestida das neves do tempo. Chocamos os cóbados nese tan ridículo saúdo ao que nos ten sometidos a pandemia, e iniciamos o rápido repaso do moito esquecido e o pouco acadado. Contoume que tiña un estudio de arquitectura e un grupo de música; que escribira é publicara algúns libros de arquitectura e cousas con ela relacionadas, que viaxara moito e andaba encerellado investigando as viaxes de Odiseo polas illas atlánticas. Eu, levando a auga ao meu rego, pregunteille se seguía celebrar o 14 e o 25 de abril. Un pouco anoxado sorprendeume recordando o manido argumento de Churchill que “os que non foran comunistas aos 20 anos era que non tiñan corazón, pero os que aos 40 ségueno sendo non teñen cerebro”.

-          Meu querido Nuno −argumentei −Apostar por unha egua porque teña moito porte sen saber se ten galope, é como procurar a sombra dun “umbraculum” para comprobar ao pouco, que os paus que sustentan o que pensas que vai ser o teu acubillo, son como os do paraugas do Xosé, que cando caen catro ghotas xe se lle humedece o pau! Porque a primeira pista do pouco futuro que ías ter cos teus novos amigos a tiveches evidente cando ese proxecto teu do Templo de exaltación do peixe en restaurantes temáticos, afundiuse no Leteo administrativo. Por non falar do teu proxecto de Museo Portuario, afundido sen esperanza, xunto coa candidatura dos teus!

Nuno engurrou o fociño, deume catro escusas mal fiadas e marchou Gran Vía abaixo, rodeado polos poucos palmeiros da triste oposición, flaxelado polas verdades do mariñeiro, que non do barqueiro, e abafado pola indiferenza cidadá.

E mire que lle digo don Manoel. O que fai o tempo cos nosos mitos! Ver hoxe a aquel revolucionario que tronaba contra das desfeitas arquitectónicas e urbanísticas dos poderosos, convertido en esmoleiro daqueles dos que tanto abominaba, dos herdeiros dos autores daqueles delitos urbanísticos, ten para min un sabor acedo, como o dun deus grego pillado fornicando cunha galiña. Non me entenda mal don Manoel! Non digo eu que ser de dereitas sexa unha eiva, nin que unha persoa de esquerdas non poda chegar honradamente ao convencemento de que as cousas non son tal como pensara cando tiña menos canas; ou ás avesas, que tamén os hai! Aínda que ben sei que cando non hai que roer, a ideoloxía perde importancia, e primum bívere e deinde filosofare! O ruxidos dun bandullo baleiro non deixan escoitar os murmurios da conciencia, e o exercicio dalgunhas actividades como a arquitectura onde o peso do público pode chegar a ser abafante, son especialmente complicadas para manter as formas e a independencia ideolóxica cando se está a loitar coa fame! “Poderoso caballero es don dinero”, que dicía don Francisco Gómez de Quevedo y Santibáñez Villegas, por suposto sen coñecer ao alcalde de Vigo!

Madre, yo al oro me humillo,

él es mi amante y mi amado,

pues de puro enamorado

de continuo anda amarillo.

martes, 15 de decembro de 2020

A taberna do Mincha.





Mire que lle digo don Manoel! Din que “Nunca é tarde cando a dita é boa” pero tamén que “canto máis tarda máis xea” e que “o que tarde vendima, cómenlle ás uvas e cáganlle nas viñas”, porque para a sabedoría popular cada paremia ten a súa oposta e cada verdade ten a súa verdade oposta, que na vida poucas certezas hai, e que ten menos perigo o que nunca leu un libro que o que leu un so e pretende queimar tódolos demais.

E todo isto a conto de que? Pois que (non sen tempo!) xa chegou á Libraría Cartabón (permítame don Manoel que me sinta un pouco autor tamén) o noso libro “A taberna do Mincha”. O que ven a ser as “Crónicas dun filósofo tabernario 2”, que tal nome tamén leva, por mor de darlle un certo vincallo coa nosa primeira colección de relatos á que vostede deu en chamar “Mirequelledigo!


sábado, 5 de decembro de 2020

Para dona Lucía que hoxe cumpre doce anos.

 


Mire que lle digo don Manoel! Hoxe que a súa neta cumpre doce anos quero contarlle un conto do seu avó! Chame polo mancontro a Lucía que o relato empeza xa!

Érase, non unha vez senón moitas veces, as que a netiña dicíalle ó seu avó:

-   Avó, cóntame un conto de princesas!

E o avó calaba. Como ía explicar a súa adorada netiña de so cinco anos de idade, a carraxe que o invadía cada vez que alguén faláballe de princesas? Porque o avó fora dende ben novo un neno especial, ao que os moitos accidentes que sufrira na rúa e na escola acabaron por apartalo das actividades de risco e dos deportes violentos e, para a súa inmensa sorte, encamiñar os seus ocios ao abeiro das páxinas dos libros. E coa sabedoría contida nelas e o axeitado siso, oportunamente recuperado dos despoxos do seu naufraxio vital, edificar a fortaleza de prudencia, razón e sensatez, dende onde administrar rectamente o coñecemento, ciencia e cultura precisos nos eidos e searas da súa vida.

O avó fora (e era) un lector afoutado, impenitente e contumaz. Afoutado porque tiña a gala rematar todo canto libro encetara; impenitente porque leu tódolos días da súa larga vida, estivera onde estivera; e contumaz porque, aínda estimando e escoitando as opinións alleas, nunca mudou no seu amor por certos libros que a crítica profesional deostaba, nin no seu desdén por outros sinalados como obras mestras por esa mesma crítica.

Por escoller dúas máis entre as particularidades lectoras do avó, (por ter, ten máis que facetas o ollo dunha mosca!) citaremos o seu espírito inquiridor, que obrígalle a ler cun dicionario enciclopédico aos alcances, e o de contradición, que en demasiadas ocasións estraga o goce de algunhas das súas lecturas; en particular os contos para nenos e mozos: a literatura infantil e xuvenil, LIX no seu acrónimo.

Xa de ben novo, ao avó os heroes dos contos non lle parecían tan heroes nin as princesas tan desexables. Poñía os seus afectos máis no Capitán Garfo que no Peter Pan; máis na balea Moby Dick que non no insensato e desvariado Ahab; máis no valente Long John Silver que non no irascible e lingoreteiro Trelawney. Leu a Biblia, cousa que daquela non facían os católicos, e descubriu que o deus do Xénese era un trampón que facía que o fume das ofrendas que Caín lle facía esmagárase contra o chan namentres as de Abel subían dereitiñas ao ceo; un manipulador que tiña que levar a Isaac ata a insania coa súa esixencia de que lle sacrificara ao seu fillo primoxénito, para probar algo cuxo resultado, na súa omnisciencia, xa coñecía previamente; antolladizo e tarabelo que, descontento coa súa propia creación, manda un dioivo universal no que afoga a, cando menos, 20 millóns de persoas e innúmeros animais; un demente sedento de sangue que fai sufrir 10 pragas ao pobo exipcio, inocente das decisións do seu faraón; un racista irredento que pretende que o pobo que escolleu ten dereito a masacrar ao resto de pobos, en teoría tan obra súa como os demais. Todo iso leu e nada entendeu, e nada creu.

E un día nuns exercicios espirituais os xesuítas lle contaron que un católico irreprochable, despois de toda unha vida de bondades e sacrificio polos demais, ía ao inferno por, no intre do seu pasamento, ter un mal pensamento; namentres o que fora un canalla explotador ía ao ceo, tras unha oportuna confesión no instante anterior á súa morte. Ese día decidiu deixar para sempre unha relixión tan absurda onde hai “máis gozo no ceo por un pecador que se arrepinte que por noventa e nove xustos que non necesitan arrepentimento”

E dende esas ningún conto podía ser lido sen buscarlle as cóxegas, ningún heroe era tan perfecto como lle querían facer crer, e canda seu vilán tiña os seus motivos para non seguir o camiño vital establecido. E conforme os libros e a vida o facían medrar intelectual e politicamente aprendía que para a ideoloxía conservadora, viláns eran  tódolos que loitaban por cambiar as cousas, e os heroes aqueles que procuraban por calquera medio que todo seguira igual. Por iso ás máis das veces os viláns tiñan para el tanto atractivo.

E se dos heroes renega, as princesas tampouco teñen para el unha especial consideración:

-  E, que dicir das princesas? Branca Neves por exemplo. Branca Neves era unha inxenua; unha inxenua e unha imprudente. Como senón se pode explicar que se deite tranquilamente a durmir na casa duns descoñecidos? Sete homes que viven no medio dun bosque, afastados do resto da xente. E ananos! Que é cousa sabida que o seu armamento non corresponde coa súa estatura! E logo, cando comproba que, por fortuna para ela, os ananos non estaban moi interesados polo sexo oposto, mete á unha muller do máis sospeitosa na casa e cómese a mazá que lle ofrece. Finalmente nun máis difícil aínda, casa cun tipo do que non sabe máis que o seu xeito de bicar. Bela, a da besta, ten o síndrome de Estocolmo. A saber que libros lía que pouco ou nada aprendeu neles! Porque chegar á conclusión de que para converter a un maltratador nun príncipe azul chega cun pouquiño de paciencia, unha presada de humildade e un brazado de resignación, é, cando menos, perigoso para a saúde.

O avó colle folgos e continúa impertérrito o inventario.

-   E logo temos a Aurora, a Bela Dormente. Outra Bela máis! E cando falan de beleza, claro está!, nunca é da beleza interior! A señorita Dormente é, ante todo e sobre todo, torpe. Máis torpe e zoupeira que un burro atado a un poste. Outra explicación non ten que con 16 anos pida que lle aprendan a fiar, e á primeira que senta na roca sexa quen de picarse coa punta do fuso. Por non falar de que é outra que tal! Como Branca Neves vaise co primeiro que a bica! Que digo eu que, que obsesión que teñen cos bicos! Nin que foran rusos!

E algunha máis merece a súa atención.

-  E para acabar de rematar as cousas o caso de Cincenta. Que pasa por afable, benévola e transixente, cando o que é  de verdade unha coitada, mexeriqueira e pusilánime, que non é quen de dar unha puñada na mesa e defender os seus dereitos. Criada de servir na súa propia casa! Vivindo no faiado cos ratos e agardando un feitizo con hora de caducidade! Menos mal que esta non é princesa senón da aristocracia vinda a menos!

Pero nunca choveu que non escampase! Hai esperanza: as boas e afoutadas lexións da LIX levan anos na loita por trocar o paradigma na literatura infantil e xuvenil! Sen dar nomes, que sempre ten un o risco de deixar fora a alguén con méritos abondo como para estar nela!

E mire que lle digo dona Lucía! O seu avó, que a quere tanto, decidiu deixar por un intre ás súas historias de infamia, e contribuír, aínda que sexa minimamente, á tarefa común da Lexión LIX, publicando na súa segunda entrega das nosa Crónicas dun filósofo tabernario, un conto arredor das andanzas dun xigante xusto que leva por título “O muíño de sal”, e outro dunha serea afoutada, cuspidiña a vostede que chamou “Fuco, a serea e o diaño”. E non quero rematar este conto sen dedicarlle unha copla que non é miña senón popular:

Baila, nena! Baila, nena,

e non deixes de bailar!

Que as estrelas tamén bailan

e non deixan de alumear!

domingo, 8 de novembro de 2020

Eulalia, a da tenda de contos. (2)

 


(Fala dona Lola)

Escoite e verá don Paio! Nun lateral do fielato da estación de Vigo, da que lle falei no conto anterior, había por catro ou cinco escaleiras nas que adoitábamos a sentar ata rematar o bocadillo e a froita da merenda; condición indispensable imposta pola nosas nais antes de poder xogar. E aínda que os libros da época se obstinen en contar que daquela as nenas andabamos por un lado xogando con bonecas e cocinas, a xogos tranquilos, relacionados coas tarefas do fogar que todas soñabamos en crear, e os nenos por outro cos seus xogos de acción como a billarda, os birlos ou as “carrilanas”, o certo era que moitos nenos xogaban con nos á mariola, a corda ou a goma, e nos con eles á buxaina ou ao “gua”. E todos xuntos ás lombas, o brilé ou pés quietos. Por non falar de “polis e cacos”, o “escondite” e un, un pouco máis arriscado, que eu practicaba con especial mestría: os equilibrios riba dun dos barrís que os taberneiros deixaban almacenados na explanada ata encher un vagón con eles para devolvelos á súa procedencia, e que en tanto colmaban aquela parte da praza dun estraño recendo a viño e taberna.

Como ás máis das tendas de barrio daqueles anos de miseria, Eulalia agachaba na parte traseira, disimulada detrás dunhas caixas vellas, algúns produtos de dubidosa orixe. Café Sical da outra banda do Miño; un pouco de Winston “de batea” e algunhas cousas de comiso que un garda civil de aduanas, amigo do seu home, depositaba na tenda para a súa venta ás persoas de confianza. Aínda que o certo é que todas aquelas mercadorías so servían para meter o desasosego no corpo de Eulalia, á que aquelas cousas gustábanlle menos que a auga aos gatos. Máis axeitado ao seu carácter e ideas era aquela outra actividade cotián do quilo de patacas, un cartucho de fariña e outro de azucre, e “apúntamo na libreta ata que o meu home cobre o salario da semana”, que ter que estar sempre coas pantasmas da policía axexando na caluga era máis malo de aturar que á señora Virtudes!

A señora Virtudes, a “cangallo” por mal nome, era unha das clientas de a diario. Unha muller grosa e sempre suorenta que tiña por costume, odioso onde os haxa, de picar nas uvas do acio que Eulalia tiña no mostrador, mentres agardaba que a tendeira completara a comanda. Picaba e picaba nelas como quen anda coa cabeza enfaenada en cousas de moito fundamento, ata que non deixaba delas máis que o cangallo. Cando dona Virtudes entraba á tenda, os nenos da estación deixabamos o que estiveramos a facer para poder asistir, mortos de risas, ás rifas entre tendeira e cliente por mor de tan noxento hábito.

Pero se algún cliente facía suar frío á nosa Eulalia era ao señor Amaro; era velo baixar polo muro da estación e comezar unha frenética actividade de ocultación de mercadorías, non moi doada de entender se non sabías quen era o señor Amaro, e que hábitos vestía. Porque o señor Amaro, don Paio, era, a dicir das xentes ben informadas, inspector de Facenda.

Un deses días nos que estaba sentada nun dos banzos da entrada da tenda, lendo un dos tebeos de aluguer, entrou pola porta un home baixiño e osudo, pelo negro engomado peiteado cara atrás, que lle daban á cara unha expresión cruel, subliñada polo omnipresente bigote fino, case un trazo de lapis, dos homes do réxime: o señor Amaro.

-     ¡A los buenos días! -saudou o señor Amaro en castelán, por suposto!

-    ¡Buenos días! -responderon ao unísono Eulalia e a Pilar, que tamén estaba na tenda; eu nada dixen porque os nenos daquela viviamos nun mundo paralelo aos maiores, e raramente entrabamos no deles sen invitación previa.

-     Le veo hoy muy poca fruta, Eulalia. ¿No le quedan pavías?

E antes de que Eulalia puidera contestar, abre a Pilar a súa bolsa da compra e ensínalle ao señor Amaro a cobizada froita:

-      Leve, meu señor, leve desa froita que está deliciosa!

-   Disculpe don Amaro. -intervén rauda a tendeira -Me acaba de llegar a aún no he tenido tiempo de ponerla en el mostrador. ¿Cuánto le pongo?

-    No sé ... Ponme lo que tengas, que a mi señora le gustan mucho las pavías.

Non ben saíu pola porta o señor Amaro que xa estaba Eulalia a berrar coa Pilar:

-   Seica non sabes calar, cona! Non ves que non llas quería dar!

-   Como é iso de que non llas quería dar? Pois non a entendo!

-   Que é o que non entendes! Que este home colle o mellor da tenda, dime que o apunte, e logo nunca paga!

-   Como dis? Que non paga as pavías?

-  Nin as pavías nin nada do que leva! Que non sabes que é inspector de facenda! El non mira para o SICAL e outras cousas de estraperlo que teño, e eu non reclamo o pago de todo o que me debe!

Xa ve don Paio! Do ut des! Que ben sabe vostede que “máis vale o que deixa a seca que o que leva a chea” e que “cando moe o pobre, sempre fai aire”, que non sei se ten moito que ver co conto pero viume a cabeza e “mellor deitalo fora que podreza dentro”.

venres, 6 de novembro de 2020

Eulalia, a da tenda de contos. (1)

 


Mire que lle digo don Manoel! Que xa era ben tempo que volvera a esta xa nosa taberna a súa muller, que o ben feito ben parece e labor esmerado non quer presa. Albízaras e parabéns por tan sisuda decisión! E calo sen máis reviravoltas, que ao pouco falar chámanlle labrego, e que oír, ver e calar son cousas de apreciar!

(Fala dona Lola)

Escoite e verá don Paio! A tenda de Eulalia, da que vai o meu relato, estaba nos baixos da miña vella casa da baixada á Estación. Ben pretiño do Recreo, a taberna da rúa Urzáiz da que me fala; a que que nos anos vinte rexentaban Benito Alonso e Anxelina Montero, os pais de don Xesús. Don Xesús Alonso Montero, por suposto! Xa sabe! Ese rapaz de noventa anos, cantareiro e falador que gusta de levar a contra aos que din del que é comunista.

-          Xa me gustaría a min, chegar a tan alta cualificación! -escoiteille dicir moitas veces! As máis delas elevando unha cunca de viño a xeito de consagración da súa firme determinación de cumprir algún día, non moi afastado, este inquebrantable desexo.

Eulalia, así sen o dona diante, que daquela poucas tendeiras levaban o trato de respecto; Eulalia, dicía, nacera na vila de Arcade, terra de moita sona pola calidade dos seus bivalvos, ostras, voandeiras e berberechos, e na súa mocidade exercía de croqueira [1] polas rúas de Vigo. Esta viaxe cotiá no ferrocarril de Arcade a Vigo, esa tan demorada espera na Estación de Vigo para coller o tren de volta, deu ocasión a que un rapaz de Monforte que traballaba nos talleres da RENFE, ollara por ela, e quedara tan enguedellado no seu feitizo que en pouco tempo levouna ao altar e, co produto da venta dunha leira que a súa familia tiña nas terras de Lemos, lle puxera a citada tenda en tan frecuentada rúa.

Moitos tesouros había para nos os nenos naquela tenda, pero ningún deles resistía a comparanza cos tebeos! Tebeos de venta, troco e aluguer; dos de aquí como Pulgarcito, DDT, Tiovivo, Mortadelo, ou o propio TBO que lles daba nome a todos; e dos de alá como o Tom e Jerry, El gato Félix, La pequeña Lulú, Porky e os seus amigos, ou aínda Supermán. Tebeos suxeitos con pinzas da roupa a cordas que cruzaban a tenda; tebeos atrás dos vidros das portas; e montes de tebeos detrás do mostrador da tenda para a o seu repaso máis de vagar cando xa leras todo o resto! Sen deixar de lado as novelas para ás irmáns maiores ou as nais! Novelas de un peso de Corín Tellado ou Carlos de Santander. E para os rapaces, os pais e os poucos dos carreteiros da Estación que sabían ler, ás “do oeste” de Marcial Lafuente Estefanía ou Silver Kane; as do espazo de Clark Carrados ou Keith Luger e as de medo de Lou Carrigan.

Á tenda de Eulalia baixabamos acotío a mercar á merenda; unha onza de chocolate para meter no pan ou un plátano que collía da piña que tiña colgada do teito. Tamén facía bocadillos de longaínza, de mortadela e o que máis me gustaba de todos eles: o de queixo de tetilla con marmelo! Con el na man saíamos á xogar á praza que había diante da estación. Na zona máis afastada da rúa da baixada á estación estaba unha gran báscula para camións, cunha pequena caseta de madeira mal pintada. Na máis achegada estaba un xardín bastante vizoso e moi coidado, protexido por un sebe de buxo. Entre un e outra estaba o fielato, unha construción de pedra e tellado a catro augas onde estaban os servizos de cobro dos arbitrios e as taxas municipais sobre as mercancías que por esa vía entraban en Vigo. A parte posterior do fielato non chegaba ata o muro da estación; deixaba entre ambas un corredor, cuxa pequena intimidade aproveitaban os moitos que non puideran aliviar no tren as súas urxencias minxitorias, para baleirar a vexigas deixando un espazo cun cheiro noxento a ouriños e quen veña detrás que tanga. Por moi ocupado o espazo citado, ou por outras razón que ao caso non veñen, un día que estabamos a miña irmá pequena e máis eu na tenda, agardando que Eulalia completara o mandado de mamá, entrou pola porta unha muller grosa coa face suorenta arfando de angustia.

-   Que me vou! Que me vou por min! -dicía polo baixiño.

E sen máis pechou a porta da tenda, separou as pernas, púxose en crequenas e deixou saír do seu corpo o exceso de líquido que tanto lle molestaba. Eulalia que ata ese momento quedara coa boca aberta como un sapo, ollando para ela se poder crer o que estaba a suceder na súa tenda, saíu do seu pasmo para poñerse a berrar

-  Pero muller que fai!

-  Non fago nada. Fixen, que xa non aguantaba máis! Déame unhas serraduras e unha vasoira que isto o arranxo eu decontado. E se fai o favor un plátano e unha mazá para levar.

E pode crer don Paio que a Eulalia non deu nin chío? Deulle a vasoira e as serraduras; envolveu nun papel de estraza plátano e mazá, e deullo, man por man co diñeiro; que seguro que foron cartos cumpridos para axudar a esquecer o dano.



[1] Os croques, é a denominación que reciben os berberechos en Vigo e a súa área de influencia por mor da galeguización da súa denominación en inglés palabra inglesa “cockles”.