venres, 7 de setembro de 2018

O que Farruco contoulle á súa muller (despois de morto). (2)


Segunda parte do texto corrixido da carta incluída no testamento hológrafo de Derradeiras vontades de Francisco Vasalo Queixa, industrial da Vila de Bouzas (Vigo). Completada con algunha cousa que o autor engadiu no exercicio dos seus dereitos coma tal.

Na xastrería do señor Benigno entraba moita xente, e raro era o cliente co que o xastre non pegaba o fío da charla, que era home que gustaba dunha boa conversa tanto coma outros do bo viño, tamén lector ocasional de libros e mais habitual do periódico dos agraristas de Basilio Álvarez, La Zarpa. Eu gustaba moito destes parrafeos, porque polo taller pasaba moita xente moi sabida, que daba xenio escoitalos falar, coas palabras moi requintadas que eu nunca escoitara pronunciar, e cuxo significado moitas veces se me escapaba. Deste xeito, botando a orella a pastar mentres cosía, decateime da enorme extensión que os eidos da miña ignorancia tiñan, e, engaiolado coa ansia de aprender, en mais dunha ocasión tiven que escoitar a suave reprimenda de don Benigno, ao que non desagradaba de todo o feito de que quixera cultivar os campos tantos anos en barbeito.

Un dos clientes que, por unha ou outra razón, mais frecuentaban a xastrería era un mozo de Verín que viña a ser fillo dos donos do Balneario de Cabreiroá e neto do seu fundador don José García Barbón. Fernando Salgueiro, que tal era o seu nome, era un dos que mais disputaban, porfiaban e rifaban con don Benigno, por mor da defensa que o xastre facía dos logros da República.

-          Grazas á República temos isto e estoutro –argumentaba o xastre.
-          Por culpa da República aquilo e o de mais aló –respondía o señor Salgueiro.

Eu calaba e escoitaba, atento pero sen tomar partido por ningún dos dous. Un día o señor Salgueiro invitoume a unha reunión na súa casa en Verín e teño que confesar que o que alí escoitei gustoume. Enchéronme a cabeza de patria pan e xustiza, unidade de destino no universal, superación da loita de clases e centos de cousas mais que non sei se entendía na súa totalidade.

-          A patria necesita homes coma ti –díxome o camarada Fernando. E eu despois de moito argallar decidín que entre deus e o diaño tiña que escoller ao que me tivera mais afecto.

O mes de xullo daquel ano 36 o ruído de sabres era xa atronador. Ás principais vilas da provincia chegaran telegramas ordenando o rexistro das sedes do noso Partido e a detención dos seus principais responsables. En Xinzo, o xefe da falanxe local, Xosé Prieto, non andou listo e caeu preso con abundante documentación no seu poder. Pero Verín non é Xinzo e distinta sorte tivo o camarada Fernando Salgueiro, ben pola súa habelencia ben porque a garda civil o busca sen poñer tampouco moita dedicación no labor. O venres dezasete de xullo ben de mañanciña, lémbrome coma se fora hoxe, escoito o son dunha buguina baixo a ventá da miña pensión en Laza. É o camarada Fernando Salgueiro no seu coche.

-          Prepárate! Imos a Vigo –órdea dende a rúa aínda deserta.

Laveime un pouco como os gatos, metín nunha pequena maleta un pixama limpo e as cousas de aseo, e deixando o cuarto máis desfeito cá cama do lobo en cinco minutos estou na rúa.

-          Estes son dous camaradas de Verín que veñen connosco. – Saudámonos á romana dicindo nosos nomes. Ti ven aquí adiante canda min. – Di Salgueiro.

Anoitecía cando chegamos á cidade de Vigo. Fernando reservara un par de habitacións dobres nunha pensión no barrio da estación.

-          Mañá chega de Coruña un camarada moi importante. Cumpre os anos precisamente este sábado dezaoito e imos celebrarlle o aniversario. Agora todo o mundo a durmir que non están as cousas para paseos turísticos – dinos por toda información.

Recordo que ningún de nos durmiu moito aquela noite. Non é doado prender o sono nunha cama allea rodeados de ruídos nunca escoitados, coa canseira da larga viaxe e a tensión nerviosa da situación! E cando ao fin o sono estaba a piques de pecharnos os ollos chegan as sereas de fábricas e estaleiros chamando aos obreiros ao traballo! Así que non houbo mais que erguerse en branco, almorzar frugalmente e coller o tranvía que nos levaría ata o Hotel Moderno. Conducidos sempre polo camarada Fernando chegamos á recepción do hotel no que, camaradas si pero a fin de contas de clases diferentes, se hospedara o home cuxo aniversario viñamos a celebrar.

-          ¡Por favor! ¿Puede Vd. avisar a don José Pasaván que están aquí unos amigos que vienen a saludarle?
-          ¡Estoy aquí Fernando! ¡Siempre tan puntual! ¿Quiénes son los camaradas que te acompañan?

O camarada Fernando fixo as presentacións solicitadas e sen mais cerimonia collemos camiño para o lugar de reunión cos camaradas de Vigo: un café da rúa Urzáiz, ao que chamaban o Derby, se mal non me acordo. Sentamos nunha mesa escondida no fondo do local. O camareiro toma a comanda e o camarada o que ata entón chamáramos José Pasaván a palabra.

-          ¡Camaradas de Vigo! Mi nombre es Manuel Hedilla, y os hablo en nombre del general Emilio Mola y la Junta de Defensa Nacional. El Ejército se ha alzado en África. ¡El día ha llegado! Las hordas marxistas tendrán su merecido castigo. Es misión de cada uno de vosotros ayudar, aún a riesgo de vuestra vida, al triunfo del Alzamiento. El camarada Enrique asume la jefatura provisional de la Falange en Vigo.

Alí deuse por rematada a reunión e marchamos de volta para Verín. No viaxe Fernando Salgueiro cóntanos que Hedilla ten esa mesma tarde unha reunión co Capitán José Pavón, o axudante do Comandante da Praza, Felipe Sánchez Rodríguez, e que ese mesmo día, ou ao seguinte, que non lémbrome ben, en toda España leranse nas principais prazas o Bando coa proclamación do estado de guerra.

Cando chegamos a Verín o domingo 19 a vila estaba nun estado de excitación, por mor das noticias da sublevación do Exército do Norte de África contra o Goberno da República que o administrador do Balneario de Sousas, difundiran polos altofalantes da megafonía do balneario, en conexión con Radio Madrid. Xinzo é nosa. Verín e a Gudiña, zonas de forte afiliación sindical quedan en mans da República. Pero por pouco tempo porque, para a nosa fortuna, a república ten mais medo dos obreiros que dos sublevados, e négalle as armas aos poucos que podían facernos fronte. A resistencia esmorece e Tui e A Gudiña son os derradeiros focos de resistencia armada.

Da noite para a mañá todo o mundo quería ser falanxista. Xa non soamente os elementos da burguesía local e os militantes dos partidos da dereita, senón moitos obreiros e labregos, e unha chea de cenetistas e ugetistas arrepentidos. Todos eles mais falanxistas e mais adictos ó novo réxime que nos mesmos. Se meses antes non xuntabamos unha ducia entre militantes e simpatizantes, a finais de mes tiñamos para mais dunha centuria. Entón comezou o horror.

O amigo, o veciño, o compañeiro de onte era o estranxeiro, o estraño, o inimigo, o que carecía de dereitos en absoluto, o que estaba fóra da comunidade, o can arrabiado que compre matar. A conservación do novo Estado é incompatible coa súa; é preciso que uno dos dous pereza, e cando se dá morte ao culpable se actúa en nome da defensa da sociedade. Os procedementos, o xuízo, son o de menos: non hai que pensar cando a Patria está en perigo! Soamente obedecer! Non chega con vencer hoxe; non chega con matar ao vencido. A hidra comunista ten moitas cabezas e compre cortalas todas! Nos ollos da muller e dos fillos dos paseados se esconde inimigo que nos enfrontará no futuro. Nos somos os cirurxiáns do corpo social: cando unha parte está necrosada é imprescindible cortar tamén parte da carne san para evitar que se propague. Todo isto aprendín; todo isto repetín; todo isto crin! Pero cando tes tanto sangue inocente nas mans, tantas olladas de horror chantadas na alma as arredas da ideoloxía valen de ben pouco cando a conciencia dáche alcance!

Coma sempre dirás que falo e falo e non digo nada. Dou voltas e voltas para non chegar ao momento terrible que é o único que é do teu e o meu interese. O día que don José Rivada, o párroco de Campobecerros mandoume un recado por un propio.

-          Ai Francisco, Francisco! Pouco che vexo pola igrexa! –díxome coa súa fala de raposo.
-          Don Jose, Cristo está en todas partes! Non hai por qué vir acó a buscalo.
-          Vaites, vaites! Moitos latíns aprendiches dende que andas con don Fernando!
-          Todo se apega, don José. Mandoume chamar …
-          Certo, certo! Ben sei que os soldados de Cristo tedes moito quefacer nestes tempos. Pois mira ti! Precisamente diso quero falarche. Lémbraste do João, o gaiteiro portugués que roubouche a noiva?
-          Nada meu se levou, que a Fina non era miña –respondinlle eu cada vez mais alporizado.
-          Anda no monte cunha partida de delincuentes. Pero eu sei o día que vai baixar a falar comigo. Non tes mais que apostarte na sancristía e dende alí non podes fallar o disparo que eu o porei a xeito para que o alcances con seguridade.

Calei. Calei e quedei canda o párroco en troques de saír da igrexa coma un can cando lle atan unha lata ó rabo. Ben sabía eu de onde saía o seu coñecemento da data na que o João se vería en segredo co cura, e aquela normalidade coa que un home deus planificaba  un asasinato a sangue fría podrecíame as entrañas.

Entón tomei a decisión: ninguén mais sabería nada do que don José me contara. O teu João baixaría do monte, falaría co cura o que tivera que falar e volvería ao monte sen que nada sucedera. Ti seguirías o camiño que libremente escolleras, e o seguirías grazas a mín, ao Farruco, co que sempre fuches boa, pero a quen non pudiches amar. Non sabes querida esposa o felíz que me fixo saber que, malia todo, aínda era quen de atopar no meu peito un leve remol de humanidade.

Parvo de min! Non sabía que o pensamento de don José era tan dereito coma a rabela dun arado, e que cando eu ía don José xa fixera o camiño de ida e volta catro veces! O cura leera nos meus ollos as miñas intencións e deu noticia da cita do gaiteiro a outro camarada da escuadra, con menos escrúpulos ca min. E cando viñeron a por ti e os teus como encubridores dun fuxido quixo a sorte que estivera eu tomando uns netos na do Fanchico, que está ben preto da vosa casa, e que formaran escándalo abondo como para decatarme do que estaba a pasar. Nun lostrego estaba, pistola en man, na trastenda.
-          Caguen sos! –berrei como un condenado- Fora as mans desa moza ou acabo a tiros con todos vos! Que vides a facer acó?
-          Vimos deter a esta muller por ser a muller dun delincuente.
-          Esa muller e o fillo que leva no ventre son meus.
-          Non son esas nosas noticias, camarada! Esta muller escondeu a un fuxido perigoso. Sabémolo de boa fonte!
-          Xa sei eu de que fonte bebestes! Esta muller é miña e morra o conto! E se tedes dúbidas consultades ao camarada Fernando Salgueiro.

E, miña esposa querida, iso era canto tiña que che contar. Como foron os tristes acontecementos que che levaron a viúva antes de te casar. A resposta que nunca che din ao que nunca me preguntaches. Que nada tiven que ver coa morte do teu João. Que fun un mais daqueles asasinos que nos anos da guerra acabaron con moitos inocentes para construír unha nova España que pensabamos mellor. Que grazas a ser un deles puiden salvarche a ti e aos teus da morte e que, de poder, o houbera salvado tamén a el, aínda que non fora mais que por verte de novo rir feliz.

Xúrocho, agora que a sombriza morte está a agardar por min arrimada á súa gadaña, polas dúas mellores cousas das que a vida deixoume gozar: á túa vida canda min e a filla á que tanto quixen entón, e quero hoxe que a morte arríncame do voso lado, aínda mais.

Quén me dera o escoitar
dar un ai á miña filla
que dixera, ai meu pai!
E se ouvira alá enriba

domingo, 2 de setembro de 2018

O que Farruco contoulle á súa muller (despois de morto).



Texto corrixido da carta incluída no testamento hológrafo de Derradeiras vontades de Francisco Vasalo Queixa, industrial da Vila de Bouzas (Vigo).

Querida esposa:

Hoxe que a morte peta tamén á miña porta e as pantasmas dos moitos cos que teño débedas de sangue turran por min para facermas por fin pagar, e no uso da totalidade das miñas facultades mentais, veño hoxe a facer memoria daqueles feitos por si, agora que xa non teñen remedio, tes a ben mos perdoar.

Nacín como froito dun deses perde coidado que xa descabalgo eu tan común nas familias numerosas,  na aldea de Carraxó, non moi lonxe de Laza. Segundo contaban as vellas lingoreteiras do lugar, o meu pai finou poucos meses despois da tal proeza, algunhas din que dun cólico miserere e outras que dunha cirrose hepática resultado do seu empeño por afoga-las penas, e que a miña nai foi a menciñeira por ver se lle libraba daquel tan inoportuno embarazo. Sen resultado, ben porque a arte da curandeira como desfacedora de preñazos non fora moito, ben porque eu decidira, para mal de moitos, chegar a este mundo, sempre conforme as rexoubas das mais afiadas linguas do lugar.

Din tamén estas bruxas afeccionadas que os fillos riba dos que exerceuse violencia para que non chegaran a nacer levarán para sempre consigo o selo do pánico á morte, episodios de ansiedade, depresión e un instinto suicida. Comigo non acertaron, que o que, segundo elas, tiña que levar na alma o levo no corpo. Nacín pequeno e mirrado, débil e enfermizo e co lombo un pouco encrequenado. No meu corpo aniñaron tódalas enfermidades infantís; farinxite, amigdalite, otite e, claro está!, as papeiras e a varíola, a mais de moitas outras das que non fago mentes.

Mais todos eses achaques,afeccións, doenzas e alifafes, magoaron so o meu corpo. Pola contra o meu espírito elevouse, chegando ao convencemento de que a miña supervivencia a todos eses padecementos era un sinal de que deus pensara en min para algo importante, algo do que descoñecía ocasión e natureza pero que recoñecería inmediatamente cando se presentara a ocasión.

Un día farteime de facer na casa tódolos traballos que ninguén quería, de andar todo o día de cacho para cribo para apañar toda canta couce e labazada se perdía, e tomei a decisión de deixar o casal, que toda a terra é país, e peor do que estaba non me podía ir. Descartado o profesar no seminario, que, non sei ben se por pouca asistencia ou moita torpeza, nin de letras nin de números fun nunca amigo, collín camiño para Laza pensando que alí, se non montes e moreas delas, algunha posibilidade mais de medrar habería que nunha aldea de catro veciños mal contados como a miña. Recadei as catro cousas que podía chamar miñas, fixen un atado con elas e ben de mañanciña deixei a casa onde nacera como deixa a serpe a camisa, e con mais pena por deixar as bestas que a pais e irmáns. 

Non é moito o camiño de Carraxó a Laza, e costa abaixo tódolos santos axudan. Nun par de horas, tres coma moito estaba bebendo un neto de viño na taberna do Canducho, non tanto por tira-la sede como por facer relación con os que alí estaban, pois non hai mellor lugar nas vilas e aldeas para saber das vidas da xente do lugar. E non foi mala táctica aquela, que de contado o taberneiro ao que fixera saber as miñas necesidade e habilidades encamiñara os meus pasos cara ao taller do señor Benigno, un dos catros xastres que daquela había na vila, e non o peor deles.

O señor Benigno era un artista das tesoiras e a sona do seu talento e pericia era tal que traspasara os límites da contorna, de xeito que viña xente de vilas ben afastadas para facerse un traxe no seu taller. Aínda que para a xente de Laza o mérito do xastre estaba no seu arte para facer os traxes de peliqueiro, arte algúns din que herdara do pai, outros que do avó, e do tataravó aqueles que gustan de chamar boi ao xovenco. O entroido estaba ás portas e o taller do señor Benigno cheo de mais encargas das que podía atender, así que a miña chegada foi para el e para min coma unha beizón. Ben sei que moita xente despreza aos do noso oficio, por ser traballo de figureiros, amaneirados e xente pouco de fiar, mais eu digo que os que tal din son os que teñen que traballar ao sol e a chuvia e non poden gaña-la vida coma nos, sentadiños nunha cadeira ao abeiro de ventos e treboadas.

Laza cambiou a miña vida. Non é que en Carraxó non houbera entroido: nono houbera para min, e na vila tiven a oportunidade de descubrir o que síntese ao poñer o pantalón coas catro filas de trenzado de lá e as outras catro de encaixe de gancho, a camisola branca coa gravata e a chaquetiña curta con flocos dourados; logo a faixa e o cinto coas chocas. Cando finalmente pos na cabeza a carauta, axustas a badana e deixas caer riba do teu lombo a pelica que da nome á máscara, invádeche unha sensación estraña; coma se deixaras atrás todos os medos e frustracións, e te converteses no animal que levas pintado na mitra. Deixas de ser Farruco o aprendiz de xastre para ser o Gato montés, o bravo, o fero, o peliqueiro. Dende entón tiven unha razón para vivir: o seguinte entroido. 

E así pasaron os anos, tampouco moitos, ata o bendito día que che coñecín naquel baile na do Fanchico. Dende aquela xa tiña unha razón mais para vivir sen ter que agardar tanto tempo. Fíxenche ás beiras un domingo despois de outro, e ata cheguei a pensar que eu tamén che gustaba, aínda que fora pouquiño! 

Mais pouco dura a alegría na casa do probe, e tivo que chegar aquel maldito domingo no que o grupo de gaiteiros que contrataran na do Avelino, o Fanchico, non dera chegado, e tiveran que subir ao estrado o grupo de carrilanos portugueses, e gobernando en todos eles aquel gaiteiro, o João, que nubrouche o sentido! 

Teño que recoñecer que ver nos teus ollos o amor que nunca mirara por min doeume coma se me quitasen o pelexo, e deixoume a alma triste coma un prado sen rego, mais podo xurarche, agora que ven a morte e é tempo de verdades, que nin o rancor nin a xenreira tiveron niño no meu peito. Certo é que intenteino con todas as miñas forzas, pero fracasei no labor. Quizais non fun quen de odiar á muller que amaba sen esperanza, nin tampouco de abominar do home a quen ti amabas.

Na alma se me cravou
á raíz do teu querer,
mentres eu viva no mundo
outro amor non hei de ter.

mércores, 15 de agosto de 2018

Segredo de confesión.



Coa partida de Mario de Langullo, estivera no monte o meu João, cando a derradeira resistencia armada ao golpe rematou. Logo os dous terían as súas diferenzas. Digo eu!, que o meu João nunca nada me contou, e a partida separouse. Mario e os seus marcharon para Manzaneda e  João cun pequeno grupo formado polos que tiñan familia en Campobecerros e polos que, coma el, colleran intereses na aldea que turraban por eles mais que o chamado da súa terra natal, viñeron para a serra da Queixa. Deste xeito, mantendo o contacto coa familia e os amores, podían, pensaban eles, meter algo mais de medo no corpo a falanxistas e civís e empecer, xa quen non impedir, o seu quefacer de eliminación física das persoas que eles consideraban os inimigos do novo orde. E a, non menos importante, da eliminación polo terror da moral dos sobreviventes.

Podería contarte de moitos deses raposos, algúns deles que ti tamén coñeces, das poucas veces que, mais para enterros que para vodas ou bautizos, regresamos á aldea. Os peores deles eran os conversos, os arribistas e oportunistas, os Camisas novas, afiliados no pasado a algún sindicato ou unión labrega, que, conscientes do moito que tiñan que facerse perdoar, extremaban o seu celo ata o grotesco. E o peor de todos eles era, sen dúbida, aquel que pola súa vocación e oficio debera ser o mellor, inzado sempre de carraxe en troques de caridade cristián: don José, o párroco. 

No meu tempo e lugar, as xentes do común eramos unha mestura de relixiosos por obrigación e pagáns por convicción. Católicos porque non había outra, pero sempre cos ollos ben abertos a outras realidades non necesariamente ben admitidas pola igrexa oficial, que na nosa terra a relixión sempre tivo que andar lidando a golpes de crucifixo con trasnos e mouras, con castros e fontes, con fin do mundo e a Santa Compaña. E xa sabes Fina, que non se pode crer todo nin nada, que como dicía o teu avó:

Á porta do rezador
non poñas o trigo ó sol;
e a do que non reza nada,
nin o trigo nin cebada.

Para don José toda denuncia era válida, aínda que se demostrara a súa falsidade, con tal de facer medrar o estado xeral de terror no que vivía toda a aldea. Nos eidos da ignorancia é onde a igrexa colleita o mellor millo, e eu fun ignorante abondo como para pensar que nun personaxe coma don José o cabestro do segredo de confesión podía ser mais forte que o vendaval da súa xenreira.

Naqueles tempos eu era unha rapariga moi relixiosa, case que a rentes da beatería, de xeito tal que o meu pai, que era moi amigo das comparanzas chuscas, dicía que o cu cheirábame a incenso. O certo é que eu era moi igrexeira, gustaba moito do recendo das madeiras dos bancos e dos santos, da friaxe das vellas pedras e da conversa don José no que tiña unha gran confianza e unha gran fe nos seus consellos. Por iso cando cheguei ao convencemento que o moito practicar certos xogos co João dera os resultados habituais, e que en poucos meses estarías entre nos, convencín ao teu pai que pasar pola vicaría antes de que tal acontecemento se fixera evidente era parte da miña felicidade.

-          Vaites, vaites, Fina! – Saúdame o párroco ao chegares canda el  - Vai alá ben tempo que non te escoito en confesión!
-          Pois diso veño falar con vostede, don José! Que quero casar, e teño cousas que contarlle.
-          Moi ben, moi ben, miña filliña! E, quen é o afortunado? O Farruco de Carraxó?
-          O Farruco? Estaríache bo o choio! Non don José; é outro home. Vostede nono coñece porque non é de aquí; pero eu o quero; e el quéreme a min; quéreme abondo coma para casar pola igrexa e pasar por estes perigos …
-          Perigos dis? Medo me das! Logo quen é o noivo? Un fuxido? Non contestas Fina?

E eu, miña filla, non podía contestar! Porque aquel home que me facía aquelas preguntas non era o don José que eu coñecía, o meu confidente, o meu mestre de canto! Tiña a voz rouca, e cincenta a color do rostro; os cotobelos brancos da forza coa pechaba as mans e un fío de babuxa baixáballe pola comisura da boca, coma un lobo que albiscara unha presa. Algo rompeuse no meu peito e un arrepío de espanto cravóuseme nas costas coma un coitelo de matachín.

Non hai mellor palabra que a que está por dicir, pensei, baixei a cabeza, levanteime do reclinatorio e vireille as costas para marchar para casa sen dar nin chío. Pero don José tiña outra idea. O sangue volveulle ao rostro, relaxou a presión das mans e foi coma se o don José de sempre nunca houbera deixado o seu corpo ao diaño.

-          Está ben Fina. Non me entendas mal! Non é o que eu houbera querido para unha rapaza coma ti, tan boa filla da igrexa e tan respectuosa das leis de deus, pero ao feito peito! É mellor que o que ten que vir o faga dentro dunha familia cristiá a que sexa filla do pecado. Fala co teu home e que veña falar comigo.

Canto teño sobado todos estes anos os recordos deste funesto día! Coma quen da voltas as pezas dun crebacabezas incompleto, intentando enxergar por qué o que hoxe é para min tan evidente, agacheino entón coma se nunha houbera sucedido. Por qué non abandonei por absurdos os meus planes, por qué insistín unha e outra vez ata que logrei coas miñas caricias, afagos e aloumiños torcer a vontade de João, e nubrar o seu raciocinio.

Unha cree o que quere crer, e a miña vontade de casar na igrexa foi mais forte que o meu entendemento. O monstro de xenreira que albiscara en don José, nunca estivera alí.

Mala morte, mala morte,
A que a eses homes lles deches;
levástesvos aos mellores,
pra sombra dos alciprestes.

sábado, 4 de agosto de 2018

Escarmentar en cabeza allea.




Mire que lle digo, don Manoel! Din algúns finxidos historiadores que en Galicia tivemos moita sorte porque a oposición ao Alzamento foi moi cativa e a paz estableceuse na totalidade do territorio galego antes de finais de xullo do trinta e seis, o día 26 en Tui ou uns días mais tarde na Gudiña, pero a única vantaxe do fracaso da resistencia armada en defensa da República non foi outra que o verdadeiro obxectivo da eliminación física e moral de todos os que non pensaran coma eles, puidera comezar de xeito mais inmediato.

A idea estaba clara: gañar de novo as eleccións non era abondo: o corpo social da Patria está infectado pola gangrena comunista e libertaria, e o cirurxián terá que cortar aínda do san para asegurar a salvación de España[1].

Foi a igrexa, don Manoel a que deu a orde do golpe? Non digo eu tanto, pero si que o inspirou[2] e alentou, e tomou, salvo moi escasas excepcións, partido polos alzados. Algúns foron quen de manter algo da mensaxe de Cristo en medio do furacán da depuración, pero o noso don José era un dos chacais da manda. E non dos que se acubillaban no grupo, senón dos que destacaban na súa ferocidade e celo perseguidor.

De don José contárame Farruco moitas cousas; algunhas de propia experiencia e outras de díxome díxome. De propia experiencia os seus constantes enfrontamentos cos obreiros do ferrocarril e da súa complicidade coas partidas de falanxistas na persecución, despois do alzamento militar, dos desafectos ao novo réxime, denunciando aos homes cos que antes discutira e delatando os lugares onde se acochaban, e que, a súa tolemia e delirio o levaban a ver inimigos da Patria en calquera veciño cuxo ardor delator fora menor que o seu. Ou que tivera algunhas terras que el cobizara, que, a dicir de moitos, don José quedouse coas fincas de moita xente obrigándolles a testar ao seu favor para non perde-la vida.

Destes feitos, don Manoel, non acredito  súa veracidade, que é historia que se repite con mais dunha parroquia coma escenario e mais dun cura como protagonista, pero coma o merquei o vendo. Segundo este relato, cando algún veciño estaba a piques de dar as tres boqueadas, recibía a visita do cura disposto a darlle alivio espiritual e paz, liberalo dos seus pecados coa unción dos enfermos, e de camiño, xa que andamos nesas, das súas posesións materiais, de nula utilidade na outra vida. E se o moribundo non tiña forzas abondo para pronunciarse nun ou outro sentido cunhas verbas ou un aceno, sempre estaba a man paternal de don José para axudar á cabeza do moribundo a facer o movemento de asentimento que os músculos do pescozo xa non eran quen de dar. E pouco en contra podían dicir os familiares presentes pois, sempre consonte as testemuñas mais ou menos directas, don José seguía a portar pistola ao cinto, coma medida de defensa diante do eventual ataque dalgún fuxido, deses que andaban no monte esquecidos de deus e a legalidade vixente.

A segunda destas historias de transmisión oral ten coma protagonistas ao cura de Cesuris, don Manuel Fernández, o grupo guerrilleiro do Mario de Langullo, e, claro está!, ao noso don José. Don Manuel era, como o noso don José, da caste dos curas que mais se distinguiron nos primeiros meses do golpe sinalando a todos aqueles que eran, aberta ou secretamente, defensores da Fronte Popular e que, consonte as ordes recibidas, debían ser eliminados.

Mario Rodriguez Losada, que marchara aos quince anos a traballar a Bilbao, era sen dúbida un destes que eles chamaban froitos podres da árbore do mal. Militante da UGT, e fillo do alcalde de Manzaneda pola Fronte Popular, estivo no cárcere pola súa participación nos conflitos sociais de Biscaia, e mantivo ese compromiso político ao seu regreso a Galicia. Co fracaso da loita armada fuxiu ao monte con outros compañeiros e veciños onde organizaron unha partida ou maquis, que plantou cara con éxito ao Falanxe e Guarda Civil, de xeito que nin uns, nin outros se atreveran a extremar a persecución daqueles, aos que, para non estendernos na relación, agrupamos baixo o nome de desafectos.

Esta situación era algo que don Manuel non podía soportar. Sobre todo no caso de Juan  Rodríguez, o pai do Pinche como era coñecido Mario na guerrilla, un home  de extrema bondade, que malia a ser alcalde de Manzaneda pola Fronte Popular, era moi querido pola veciñanza, e aínda polas novas autoridades. Así que don Manuel fartouse de berrar dende o púlpito, de dar a prosma a uns e outros, de acirrar a cans e porcos ata que, nove meses despois, en abril de 1937, conseguiu que unha partida de falanxistas de Langullo lle deran o paseo a don Juan Rodriguez.

Din os vellos do lugar que os berros de Mario no monte, cando soubo do asasinato do seu pai, puxeron, na negrura das noites de terror daqueles anos, os pelos de espeto ao párroco e un pequeno hálito de esperanza nos peitos dos perseguidos.

Días despois a partida de Mario tomou a aldea con cinco homes, e detiveron a don Manuel. Parece ser que Mario e o párroco falaron; que Mario pediulle cartos para a causa e que don Manuel negouse; que Mario lle dixo e don Manuel respondeu; que Mario acusou e don Manuel cuspiu todo o seu desprezo polos inimigos de deus; que a Mario fóiselle a cabeza e tirou de pistola; e ao que finalmente fóiselle a cabeza foi ao párroco de Cesuris, xa morto, a mans de outro da partida ao que chamaban O Porco[3].

E queren as lendas non documentadas que ao pouco, mentres o noso don José Rivada, párroco de Campobecerros estaba na casa a ler as sagradas escrituras diante da cheminea, un obxecto esférico rachou o cristal da xanela, e foi rodando polo chan ata deterse nos seus pes.

-          Aí te vai a cabeza de don Manuel; a próxima será a túa!

E mire que lle digo, don Manuel. Que don José xa nunca foi o mesmo. O seu animo decaeu desque decatouse de que para poder andar tranquilo tiña que facerse protexer por unha parella da Garda Civil, que o acompañaban a tódolos sitios que ia misar. Ao pouco don José conseguiu o traslado a Ourense onde continuou a súa carreira de barítono/tenor no Orfeón Unión Orensana ata o seu falecemento en outubro de 1966 aos 63 anos.


NOTA [1]:A acción deberá ser en extremo violenta para reducir canto antes ao inimigo, que é forte e ben organizado. Desde logo, serán encarcerados todos os directivos dos partidos políticos, sociedades ou sindicatos non afectos ao movemento, aplicándolles castigos exemplares aos devanditos individuos para estrangular os movementos de rebeldía ou folgas é necesario crear unha atmosfera de terror, hai que deixar sensación de dominio eliminando sen escrúpulos nin vacilación a todo o que non pense como nós. Temos que causar unha gran impresión, todo aquel que sexa aberta ou secretamente defensor da Fronte Popular debe ser fusilado.” (Emilio Mola. Directrices secretas. Xullo de 1936)
NOTA [2]:Sendo a guerra uno dos azoutes máis tremendos da humanidade, é ás veces o remedio heroico, único, para centrar as cousas no couzón da xustiza e volvelas ao reinado da paz. Por iso, a Igrexa, aínda sendo filla do Príncipe da Paz, bendí os emblemas da guerra, fundou as ordes militares e organizou cruzadas contra os inimigos da fe.” … “Esta  é unha guerra de principios, de doutrinas, dun concepto da vida e do feito social contra outro, dunha civilización contra outra. É a guerra que sostén o espírito cristián e español contra esoutro espírito, se espírito pode chamarse, que quixese fundir todo o humano, desde os cumes do pensamento á pequenez do vivir cotián, no  molde do materialismo marxista". (Cardeal Isidro Gomá i Tomás. Carta colectiva de los obispos españoles a los obispos de todo el mundo con motivo de la guerra en España. 1937)
Nota [3]: Consonte a documentación á que temos acceso, o autor da morte do cura de Cesuris foi Manuel García Rodríguez, o Porco, nado tamén en Langullo (parroquia de Cesuris, Manzaneda), De carácter violento, fixo honra aos alcumes de Verdugo e Sarxento, foi o autor do asasinato do cura de Cesuris e de numerosos atracos. Mario de Langullo acabou por expulsalo do grupo. Agochado dende 1945 na casa de Gumersinda Rodríguez en Placín, foi denunciado pola muller que o albergaba e arrestado o 7 de novembro de 1958 en Pena Folenche (A Pobra de Trives). Xulgado en Ourense en consello de guerra, foi condenado a garrote vil e executado na cadea da cidade o 3 de setembro de 1959.

sábado, 21 de xullo de 2018

Ti contando nas estrelas.



A mala nova axiña chega. Soubemos, mira ti!, as novas do levantamento dos militares polo sermón de don José na misa do domingo. Daquela prédica incendiaria na que o crego xuntaba as serpes que se arrastran polo chan, a liberdade mal entendida e as forzas infernais que queren esganar á patria, quedei tan só coa parte dos militares católicos que se alzaran para esmagar a hidra do comunismo. E non polo da hidra, que non sabía que caste de animal era, senón polo dos militares católicos que se alzaran, que desa estirpe de alzamentos estaba ben avisada.

Nunca tan largo se me fixera o tempo que vai dende o final da homilía ata o ite missa est, para saíres da igrexa e contarlle o que escoitara ao meu João, que esperábame, como o resto dos domingos, no adro do templo.

-          Ai meu rapaz! – díxenlle nada mais ollalo – Moito me temo que aquilo de que me falaches xa estea ao caer!

Non tiven necesidade de contarlle moito mais. Todos os obreiros en xeral e os carrilanos en particular, estaban mais que avisados de que o balbordo dos púlpitos e o retrincar de sables era anuncio de treboada, e que a mobilización e a organización obreira eran imprescindibles para parar o golpe. Armas coas que intentalo non tiñan, polo que os mais afoutados colleron camiño cara ao campamento de Santa Bárbara no Padornelo onde se concentraba a meirande parte dos carrilanos, na procura de explosivos e as armas dos Gardas Civís do posto, coas que facer fronte aos golpistas. Alá marcharon namentres as mulleres quedabamos na casas, agardando por eles, con mais medo que ovellas na boca do lobo.

Nada souben de João e os seus compañeiros ata case que unha semana despois, cando os ladridos de alarma dos cans fixéronme espertar dun sono cheo de pesadelos. Eran tres carrilanos portugueses, dous armados cunhas escopetas de caza e o meu João cunha carabina de pequeno calibre chea de ferruxe. Un deles traía unha ferida bastante fea na cabeza que intentaba esconder debaixo dun pano manchado de sangue seca, e os outros dous non tiñan moito mellor aspecto. Despois de comprobar con bicos, abrazos e aloumiños que o meu home viña enteiro, funme para a cociña e recadei os restos que quedaran da cea, un xerro de viño e unhas cuncas.

Entre bocado e grolo, João contoume que a maioría dos traballadores do poboado de Santa Bárbara estiveron dacordo e tomar as armas para apoiar á República. Aproveitando a escuridade da noite, un grupo dos mais comprometidos coa causa forzaron a cancela da polvoreira do campamento e recadaron algo de dinamita e algunhas armas que alí estaban gardadas. Descansaron un pouco ata que amenceu e puideron achegarse ao cuartel da Garda Civil por ver de obter o seu apoio á legalidade vixente. Discutiron; uns poucos estaban a favor; outro, o comandante do posto, en contra; os mais tanto lle tiña. Os carrilanos argumentaron que se non estaban decididamente a favor da República tiñan que requisarlles as armas. Nese intre o comandante ordeou disparar sobre eles. Da refrega, resultaron varios feridos, e algún morto, por ambos bandos, pero o poboado quedou en mans dos obreiros e os gardas que apoiaban, por activa ou por pasiva, á República.

Coas poucas armas e escasa munición que puideran apañar, João e os seus dous amigos tomaron lixeiros como enterro de pobre o camiño de volta a Campobecerros. Polos altos da Venda do Bolaño tiveron un mal encontro cunha partida de sublevados, falanxistas e Garda Civil, cos que cruzaron uns cantos disparos. Un deles deulle na cabeza a Duarte, que así chamábase o ferido, e o hubera de dar morte se o rapaz non tivera tan dura a cachola.

-          Merda de falanxistas! Aos primeiros tiros saíron a fume de carozo como se lles meteran un foguete no cu. Pero o que tiraron sen tan sequera apuntar a pouco nos mata ao Duarte! Imos ter que pensar que teñen, como din eles, a deus do seu lado!

Cando João rematou o seu relato chegou a ocasión de explicarlles que os pobos da contorna deixaran de ser un sitio seguro. Que despois de marchar eles chegaran as partidas de falanxistas, con moitas armas e poucos escrúpulos, e que, axudados polas delacións do párroco, levaran detidos a un grupo de carrilanos dos que, por unha razón ou outra, quedaran no pobo. Carrilanos que ao pouco apareceron asasinados, tirados a vista dos camiñantes nunha cuneta no Lombo do Marco no camiño de Campobecerros a Portocamba.

Custoume mais traballo contarlle o que estaba a pasar á nosa familia. Porque don José metéranos, por mor do noso noivado, na listaxe dos desafectos ao novo réxime, lista que non só incluía a todos aqueles que militaban en partidos e organizacións da Fronte Popular, ou simplemente non votaran polos candidatos do cacique, senón todos aqueles que non eran de ir moito a misa, ou que rifaran con algún deles por unha ou outra razón, ou simplemente tiñan unha xugada de bois, ou unha muller, que cobizaban.

Estar nesa listaxe supoñía entrar nun proceso de acoso que podía empezar con ameazas á familia, seguir cunha palleira que ardía sen razón aparente, un can que aparecía envelenado na eira ou aforcado nun valado, tiros ou pedradas pola noite aos vidros da casa, para rematar na detención dun ou varios membros da familia perseguida, sen que ninguén puidera chegar a saber, si a adiviñar, as razóns da persecución.

João calou, e durante un bo espazo de tempo pareceu perdido nos seus pensamentos, mentres os seus compañeiros ollaban para el de fite en fite, coma agardando ás súas ordes. Ao fin ergueu a testa e falou.

-          Camaradas! Verín e A Gudiña caeron. Se as novas son certas toda Galicia está nas mans do feixismo. Genésio: faite cargo de Duarte; saltade a raia e voltade a Portugal. Para min a loita continúa. Quedo na Galiza, o mais preto que poda da que vai a ser a miña muller.

Non había moito mais que dicir. Genésio e Duarte colleron camiño a Portugal pouco antes do mencer, namentres João e mais eu consumabamos o que a igrexa non quixera bendecir.

Que noite aquela neniña
Que noite aquela do verán
Ti contando nas estrelas
Eu as pedriñas do chan.

luns, 16 de xullo de 2018

O cura de Campobecerros




Mire que lle digo, don Manoel! O don Xosé do que fala a Fina, era don José Fernández Rivada, cura párroco de Campobecerros entón e tenor solista do Orfeón Unión Orensana uns anos mais tarde. Don José tiña naquel funesto ano trinta e seis, tantos anos como botóns na sotana, os mesmos do cristo cando o mataron, única semellanza real entre un e outro personaxe, que ser cura e ruín coma a fame é confundir o cu coas témporas e orneos de burro non chegan ao ceo.

No exercicio do seu apostolado nas freguesías de Campobecerros, Portocamba, Sanguñedo, Veiga de Nostre, Fontefría, e algunha mais que quédame por citar, don José mantiña unha fecunda relación coas mulleres igrexeiras, (canto mais novas e bonitas mellor relación, a dicir das linguas de navalla), e constantes e duros enfrontamentos cos homes en xeral e cos obreiros do ferrocarril e os seus líderes sindicais en particular, pois en Campobecerros se formara un moi activo centro sindical grazas á presenza de traballadores asturianos, andaluces e murcianos, con mais experiencia nas loitas obreiras que os portugueses e galegos, ben dados pola súa orixe labrega a confundir os mexos con a chuvia.

Toda a xenreira e o carraxe que don José atesouraba no seu interno contra os que non comulgaban coas súas prédicas converteuse en santa vinganza en canto o alzamento militar contra o lexítimo Goberno deulle a oportunidade. E abofé que os primeiros na súa lista foron os obreiros do ferrocarril, os carrilanos cos que tanto rifara e pelexara.

Don José era home de orde e de paz. Dos homes de orde que din aquilo de prefiro a inxustiza ao desorde que algúns atribúen a Goethe[1], e home de paz; pero dos da paz dos cemiterios porque tamén andaba coma instigador, que non coma executor, nunha das partidas de falanxistas que xurdiron co golpe coma a mala herba no maínzo.

Malia as súas coñecidas simpatías polos alzados ningún dos defensores da República, obxecto da súa xenreira, molestou a don José cando os carrilanos pasan á acción contra o levantamento militar e asaltan o Campamento de Santa Bárbara, á beira do Padornelo, para conseguir armas e explosivos cos que facer fronte aos golpistas. Os leais á República fanse fortes en Verín e na Gudiña, zonas de forte afiliación sindical, e conseguen, senón o apoio activo, a pasividade dos carabineiros que, como di a cantiga dormen cos pes á xeada, e non están para moitas rumbeiradas.

Mais pouco dura a ledicia na casa do probe. O día 23 de xullo chega a Verín unha columna da Guarda Civil ao mando do capitán Juan Ros Hernández con máis de setenta homes armados e con adestramento militar. As partidas da CNT e da UGT, mal armadas e carentes de estratexia e disciplina, mirándolle o  cu á curuxa, abandonaron Verín, namentres a xente de orde afecta a República quedaba na vila pensando que non tiñan nada que temer dos golpistas. Polo menos son quince os detidos por estar na horta e non ver as verzas; entre eles o médico da Beneficencia municipal e alcalde Verín polo Fronte Popular Carlos Reino Caamaño, o empregado José Antonio Álvarez Diéguez e o comerciante Lino García Vázquez.

Nos seguintes días de agosto as partidas de falanxistas e Guarda Civil fan batidas de limpeza polas terras de Monterrei deixando ao seu paso decenas de mortos, e miles de abusos, sen outra oposición que a dalgúns grupos de carrilanos que botáranse ao monte para tentar ocultarse. Entre eles está o home da nosa benquerida Fina. Pero isto xa é gran para outra maquía, e para para outro muiñeiro.

Mala morte, malos homes
esganados cun cordel;
miña naiciña da alma
gardádeme ao meu Manoel.


NOTA [1]: En realidade a tradución mais aproximada da frase de Johann Wolfgang von Goethe é: prefiro cometer unha inxustiza que tolerar unha desorde, Pero é importante saber que díxoa diante da cidade de  Mayence, cando foi reconquistada polos prusianos durante a Revolución Francesa, poucos minutos despois de que o escritor se interpuxera persoalmente para impedir o linchamento dun soldado francés. A inxustiza da que fala, posta en contexto, consiste en salvar a vida dun soldado inimigo inerme; a desorde é a do populacho ávido de sangue. A frase, nesta conxuntura, significa en realidade o contrario ao que a tradición, e a mala tradución, lle fai dicir.

martes, 10 de xullo de 2018

Fina fala do seu curto noivado.




Pouco che podo contar, miña filliña querida, do meu noivado co teu pai, o meu benquerido carrilano portugués, que pouco tempo deume a vida para estar xuntos! Vinte días mal contados dende o primeiro domingo de xullo no que João foi falar co meu pai para acordar as datas do casamento ata o malfadado día que tanto me custa traer á memoria. Ese día no que os ventos revoltos dos enfrontamentos entre obreiros e patróns transformáronse nunha tempestade de odio e rancor que levou por diante as vidas de tantas boas xentes que non fixeran mais que organizarse e reclamar o que lles deberan ter dado de seu!

Mais antes de chegares aos tempos das desgrazas, déixame continuar o relato onde o deixara: no día que o vin coa súa gaita mirandesa e as súas maneiras virís, subido no estrado dos músicos para tocar cos seus dous acompañantes as pezas necesarias para que o baile do domingo, na taberna do Avelino o Fanchico, non se tivese que suspender pola ausencia dos músicos que se contrataran.

Aquela primavera de 1936, viñera cedo de mais, e nin marzo amolara nin abril esfolara, que xa chegara maio tan longo que sodes, que morro de fame e morro de amores. Ao domingo seguinte viñeron os gaiteiros de sempre e o João, que decatárase do moito que o miraba cando estaba a tocar, esqueceu os medos, procurou no seu interno a coraxe necesaria, e, nun fío de voz, pediume para bailar. E eu, miña filla, esquecín as mañas que a túa avoa me ensinara, e dinlle a resposta que os dous estabamos a soñar.

Envexa de tod' as mozas,
Cando xuntos vén ou ván,
Moitas ó son d'o pandeiro
Cantábanll' este cantar:
“Non te chegues moit' ó lume,
Volvoretiña real,
Non te chegues moit' ó lume,
Mira que te vas queimar.”
Mais fan tanto caso d' ésto,
Tanto d' esto se lles dá;
Como si rousara un carro,
Como si ladrara un can.

Aquela nosa primeira tarde foisenos nun único baile que durou ata que os músicos nos berraron que tiñan que marchar. Dende aquela os días para min foron de dúas velocidades: seis días de carro cansón e un de lume no piñeiral. Lume, miña filla, que non tiña que ver coas naturais calores da mocidade, non labarada nin queimada de restrollo, senón lume de carozo, porque, se ben o meu enamoramento primeiro entrou polos ollos, decontado afirmouse pola súa forte e afectuosa personalidade, polo seu falar lento e pausado, e por riba de todo o seu xeito de argumentar na defensa das súas conviccións sen escarnecer as dos demais.

Nada mais me permite o natural recato que debe existir entre unha nai e unha filla, contarche dos nosos namoros e galanteos. Soamente que amabámonos coma dous pombos, e que todo o tempo era pouco para estar xuntos e que o noso maior anceio era formar unha familia e vivir xuntos ata chegar a vellos. Como eu sempre fun unha muller relixiosa pedínlle casar na igrexa cousa á que él, que era ateo, non puxo ningunha obxección.

O que si a puxo, non algunha obxección senón unha total oposición, foi don Xosé, o párroco de Campobecerros, que daquela tiña a edade de cristo pero non a súa tolerancia.

(Estrofas do poema de Manuel Curros Enriquez, Unha voda en Einibó)