Mire que lle digo, Don Manoel! A vida na mar éche
moi dura. Ao Gran Sol ía case calquera cousa que flotara! Moitos en buques
vellos nos que as poucas cousas que funcionaban no porto deixaban de facelo
cando estabamos no medio do mar, a moitas millas da terra firme, e sen
posibilidade de regresar a porto. Na travesía a xente durmía moi mal, e cando
chegabamos ao caladoiro moi mal e moi pouco; fregando os ollos para non quedar
durmido cando estás de quenda, e cando non, durmindo
coma o anacleto, cun ollo pechado e outro aberto! Se a este pouco durmir
xúnguelle vostede a inexperencia, xa ten unha boa colleita
de accidentes que incluien amputacións
traumáticas de brazos e pernas, e mariñeiros, ou partes deles, que ían parar ao
mar enredados mas mallas das redes. A necesidade de chegar a porto rápidamente
para atender aos accidentados era o principal pesadelo dos patróns. No porto de
Bantry, no sul de Irlanda, onde faciamos base, había un hospital para os
primeiros auxilios, pero se a cousa era grave compría trasladar ao accidentado
ata Cork, a unhas tres horas en taxi por camiños sen asfaltar. Tres horas a
engadir ao tempo que levaría chegares dende o caladeiro ata Bantry, amarrar,
desembarcar ao accidentado e arrincar ao condutor do taxi das brétemas do
alcohol! E se a largada traía moito peixe e a ferida era moi grave non querría
estar na pel do Patrón e tomar a decisión de a quen intentar salvar!
E, mire que lle digo, Don Manoel! Que
se non lle sabe mal íomolo deixar por hoxe, que non quero coller máis maquía da
que poda moer.
Ningún comentario:
Publicar un comentario