Mire que lle digo Don Manoel! Alá polo ano 2000, fai xa uns pouco anos, agasalláronme
cun disco recompilatorio de Suso Vaamonde, que leva por título Lembranza. Na capa un retrato do
cantante que lle fixera o seu amigo Xosé Guillermo. Pechando o segundo disco hai
un himno con letra de Fermín Bouza Brei que me trouxo moitas cousas á memoria:
A balandra dos ultreias
Leva os corazóns por vela
Navega cara ao futuro
Toda Galicia vai nela
Certo é que a balandra que chegou a Vigo en xuño do 32, non era tal senón
un pailebote de nome Joaquín Pérez, que
tampouco ía nela toda Galicia senón dezaoito Ultreias comandados por Álvaro das
Casas, un ultra españolista e monárquico
que foi mestre de Xoán Carlos I de
España (e quinto de Alemaña) e membro do tribunal de acceso a Policía, que
baseado na súa experiencia scouts, crea unhas mocidades "amantes" da
terra e a cultura galega nas que militou o propio “Pepe dos Cestos”, é dicir
Ramón de Valenzuela, candidato do PCG nas eleccións xerais de 1979.
E mire que lle digo, Don Manoel, que xa que
estamos nestas, déixolle aquí o Decálogo dos Ultreias:
I.- Porque amo a Galiza con toda a miña alma, dedicareille os meus mellores
esforzos para tornala eternamente feliz.
II.- Porque a vida está chea de mágoas, miña mocidade será unha leda canción
que ha erguer o espírito de tódolos coitados.
III.- Porque estou afincado ao chan nativo e endexamais hei crebar as
ligazóns coa miña xente, manterei sempre aceso o fogo do meu lar.
IV.- Porque penso no que fun no que son e no que teño de ser, respectarei
aos vellos e pequenos e defendereinos de todo aldraxe e sufrimento.
V.- Porque quero a eficacia do meu labor, axudarei os nobres desexos dos
meus compañeiros como quixera que me axudasen a min na arela dos meus limpos
ensonos.
VI.- Porque teño de ser home útil á miña Terra, cumprirei tódalas miñas
obrigas pra ire facendo a miña historia de cidadán exemplar.
VII.- Porque quero limpar a miña axuda de erros, educarei meu espírito no
estudo e no traballo.
VIII.- Porque teño de ser rexo na axuda aos meus irmáns, fortalecerei meu
corpo na claridade das augas e nor ar das montañas.
IX.- Porque soño nun porvir de verdadeira fraternidade, farei por que rente
de min se xunten tódolos rapaces galegos pra que o día de mañá non nos afasten prexuízos
de caste.
X.- Porque quero unha Galiza enteiramente galega en convivo con tódalas
razas, en fala con tódalas culturas, abrirei meu peito a tódolos homes de boa
vontade e recta intención.
Ningún comentario:
Publicar un comentario