Mire que lle digo Don Manoel! Que gaba o mar o que traballa na terra! Que o
mar ten mal talante, e por iso para telo contento algúns teñen os costume de botarlle
un pouco de pan, para telo contento. Tamén é moi desconfiado, e andando nel non
se pode falar de raposos, cregos, zapateiros, xastres, ou calquera outra caste
de xente falsaria, por que non pense que se está a falar del. Xa sabe Don
Manoel que ningún deses oficios ten moi boa sona. Especialmente o de xastre, ou
alfaiate, como tamén se di por estas terras tan achegadas a Portugal, que, aínda
que sexa das mais antigas profesións do mundo, sempre anda en coplas e refráns:
Si tu viras o que eu vin
na feira do Carballiño,
vinte cinco xastres xuntos
bebendo un neto de viño!
Os contos en Galicia están cheos de xastres melindrosos, afectados e pouco
virís, como o Milhomes da Esmorga, e conforme eses contos, son sempre xente pouco
de fiar:
Sete xastres fan un home
e vinte cinco un testigo,
fan falla cento cincuenta
para firmar un recibo
E tamén o refraneiro:
Alfaiate das mentiras, que
todo o pano fai cachizas.
Alfaiate do vío vío, que
cose de balde e máis pon o fío.
Alfaiate sen dedal, cose
pouco e iso mal.
O alfaiate da encrucillada
trae o fío da súa casa.
O alfaiate que non furta,
pouco gana coa agulla.
E, mire que lle digo Don Manoel! Das carqueixas que cría o monte sae o mel
que todos lambemos, e moitas desas coplas non son mais que envexa; envexa que
lle ten a xente que, coma eu, ten que andar no mar, ou amarrado ao legón, aos
que poden gaña-la vida sentados nun banco, quentiños e a beira dos seus. Para
eles hai tamén outra cantiga que di:
Tódolos xastres de agora
fan a roupiña ò pintar.
Se eu fora muller dun
xastre,
guapa che había de andar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario