mércores, 21 de decembro de 2016
O número da cabra!
Mire
que lle digo Don Manoel! Que hoxe, non sei moi ben por qué, me veu ás mentes aquelas
familias xitanas que chegaban aos barrios das vilas e cidades co seu triste
circo ambulante. O pai, a nai e dous ou tres “xurumbeis”. As mais das veces un
can esfameado e unha mona. E unha cabra, claro!, cuxo número, o número da cabra, era a principal
atracción de nenos e maiores. O home tocaba un instrumento musical que podía
ser unha trompeta abolada e cuberta de roña, un acordeón do que soaban a metade
das notas ou, coa chegada da tecnoloxía, un deses teclados electrónicos que case
que tocan solos. A función comezaba cun baile da rapaciña vestida de volantes
raídos e golpeando cos peciños nus nas pedriñas do chan. De contado o can, de saia
tamén de volantes e sombreiro de punta, púñase riba das patas traseiras, nun
penoso esforzo por gañarse a atención do escaso público congregado. Finalmente
o número forte do espectáculo. A muller abría unha escada de cinco ou seis
chanzos e puña no cumio unha lata de tomates, oxidada e baleira. Entón, nun
xesto teatral, amosaba a vella cabra que levaba atada cunha baraza, mentres a
rapariga redobraba no tambor reclamando a atención do público. Entón, ao son de
“En er mundo”, España cañí” o pasodobre semellante, a cabra ía subindo os
banzos da escaleira, ata quedar facendo equilibrio, coas catro patas reunidas
riba da lata. O número da cabra! E mire que lle digo Don Manoel! Todo isto
perdeuse. Hoxe os números da cabra fanse nas televisións, nas empresas, nos
Xulgados, nos Concellos, e de xeito especial en canda seu dos múltiples parlamentos, autonómicos, estatal e europeo. E mire que lle digo Don Manoel,
que así non hai cabra nin xitano que poida aturar esta competencia
institucional!
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Mira tí aquilo que era tan fermoso.... agora é unha cabronada!!!!!
ResponderEliminar