Mire que lle digo, Don Manoel! Que non quero ser coma
o pexegueiro: moita flor e pouco proveito. Xa vai tempo alá que faleille do gaiteiro
Marcial, e coma propuxo ao noso Tiniño de marchar con el a tocar polas feiras e
romarías, e hoxe, se esta purrela que nos puxo o taberneiro en lugar de viño me
deixa, quero coller o fío do conto. Ben sabe Don Manoel que nos anos de que lle
falo a figura do gaiteiro xa perdera moito do prestixio que chegou a ter antes
da sublevación militar, e a xente nova pedía menos xotas e muiñeiras e mais
bailes agarrados, malia a oposición do púlpito, que manda carallo que a igrexa
tivera que vir agora a defender aos gaiteiros!
Pero, imos ao conto, Don Manoel, que hoxe ando mais
torto cun fouciño! Marcial coñeceu ao Tiniño cando este era un rillote que
andaba coas cabras no monte, requintando coa gaita de alcacén para pasa-lo
tempo, e xa daquela botoulle o ollo enriba. Ou debera dicir a orella? Pero todo
chega para o que sabe esperar, e non tivo que agardar moito para que, tal día
coma hoxe, o noso Tiniño caera nas súas gadoupas coma pera
madura na boca dun larpeiro, por mor do primeiro desengano amoroso do pequeno
cabreiro. Porque, mire que lle digo Don Manoel, cousas da vida!, hoxe é festa en
Portela, a terra do noso gaiteiro, e compre celebrar, polo que, se non lle
parece mal, deixaremos as desgrazas para a semana que ven!
Ningún comentario:
Publicar un comentario