Mire que lle digo, Don Manoel! Xa lle contara que
Constantino Domínguez, o Averomar,
era un rapaz espilido, que aprendera a tocar a gaita, case que antes que as
catro regras, ao que deseguida os horizontes de Portela, nas terras de Celanova
se lle fixeron pequenos. O que non lle contara tanto foi como veulle a súa
dedicación á música, cousa que tamén ten a súa historia. Xa sabe, Don Manoel,
que de rillotes faciamos música con calquera cousa que tiveramos a man. Atando
unha cortiza a unha baraza e dándolle voltas sobre a cabeza, cunha herba sostida
entre os dedos, o facendo asubíos coas bugallas dos carballos. Tino, coma os
mais dos gaiteiros daquela, aprendeu a tocar as melodías que escoitaba nas
festas nunha gaita de alcacén, que faina un mesmo cunha palla de centeo, e non
custa cartos. E, mire que lle digo Don Manoel! Que o que o Tiniño facíala con
dúas pallas, unha con furados para a melodía e outra sen eles para o roncón, e
tocando non perdíalle a cara ao dos mellores gaiteiros que por alí pasaban,
tanto así é, que o gaiteiro Marcial cando o escoitou tocar, quedou tan pampo
que lle propuxo marchar con el a tocar polas feiras e romarías. Aínda que esa
xa é outra historia que lle contarei outra volta. Agora déixolle cunhas coplas das
gaitas de alcacén que lle escoitara a Don Pablo Carpintero.
María da Rúa Alta,
como te pille na eira,
cunha palla de centeo
tocareiche a muiñeira.
O pandeiro toca ben,
así tamén toco eu
unha gaita de alcacén.
Non me acorda quen tocaba
nunha gaita de alcacén,
alá riba, non sei onde,
na porta de non sei quen.
Para gaiteiro prantado
o que temos en Sisán,
que o de Santo Tomé toca
nunha ferraña de pan.
Fotografías orixinais de Pablo Carpintero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario