xoves, 15 de decembro de 2016
Os Alfolíes de Bouzas
Mire
que lle digo Don Manoel! Que moito me gusta que o bombo do grupo de gaitas
Alfolíes estea hoxe nun lugar destacado no Lagharto Pintado! A fin de contas Alfolíes
e, ademais do grupo de Fernando, Fidel e Suso Pereira, o pai do seu amigo Anxo
Pintos, unha das rúas mais antigas da nosa vila, onde se atopaban os almacéns do
sal, que é o que dicir alfolí, produto estratéxico para a economía de Bouzas. Precisamente
este privilexio de manter alfolí e de que Bouzas fose declarado porto de libre
comercio foi a orixe dos preitos con Vigo, resoltos favorablemente para nos no século
XVI, grazas a Don Diego de Avellaneda. A Bouzas que era a cabeza titular, estaban
xunguidas as veciñas parroquias de Bembrive, Beade, Coia e Coruxo. Mudan os
tempos, mudan as vontades, e o 28 de decembro de 1903, as Cortes españolas
aprobaron un proxecto de Lei no que Bouzas perdía a súa independencia a favor
do concello de Vigo. E mire que lle digo Don Manoel!, que hoxe aquilo de que os
pescadores e industriais puidesen salgar, sen limitación, todo o peixe que
quixeren, perdeu toda importancia, porque hogano nin o peixe se salga, nin hai
moito peixe que salgar.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario