Mire que lle digo Don Manoel! Que o alcalde de Vigo e toda a xente que anda
atrás del coma se foran rabo de can, poden dicir, se lles presta, ata misa
cantada, pero os mariñeiros de Bouzas non loitamos pola recuperación do Bernardo Alfageme para varalo nunha
rotonda, que para acabar como decorado mellor morrer no mar. E estará "onde o quere a cidade" na "mellor situación posible", “precioso que da gusto velo na rotonda",
pero gaivotas á terra mariñeiros á merda,
e os homes do mar non queremos homenaxes nin recoñecementos desta caste, que o
mellor xeito de intentar achegarse, aínda que en moi pequena medida, á vida nun
pesqueiro de altura, e non dos peores don Gran Sol, é conservalo coma o que
foi, o orgullo dos traballadores dun estaleiro, Barreras, o derradeiro dos pesqueiros
roblonados, con capacidade para catorce tripulantes e 70 toneladas de peixe. Un
barco no que se poda subir a bordo, baixar á máquina, entrar no sollado e na
ponte de mando; un barco coa mar arredor, movéndose en suave abaneo. E, mire
que lle digo Don Manoel! Tiñamos grandes sonos para o buque, reparar o exterior,
acondicionar o interior e poñelo a punto para poder navegar. Pero todo o que se
fixo foi substituír os roblóns por soldadura e pintalo ben bonitiño e chantalo
nunha rotonda. Grazas á desidia daqueles que tanto lles ten perdido como ganado,
porque gastan do que non é seu, xa nunca mais navegará. Pero tamén por culpa de
todos nos, mais habitantes que cidadáns dunha vila que debe gran parte da súa
medra ao mar, e que a cotío dálle as costas aos seus orixes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario