sábado, 29 de outubro de 2016

Manuel Quiroga na Illa de Medal



Mire que lle digo, Don Manoel! Que agora que mo di, ben puidera ser que o Don Manuel que ensinoulle a Muiñeira de Ponte San Paio ao noso Tiniño o gaiteiro, fora o grande violinista de Pontevedra que vostede di, Don Manuel Quiroga, que o retrato que me mostra é ben acaído ao que Averomar contoume dese home. Os ollos! Eses ollos coma ardendo, esa testa ergueita coma a dun león que, aínda ferido por cen balazos, négase a deixarse abater, fora o que mais lle impresionara. E un ar de inmensa tristura, como se tivera perdido unha patria, que polo que vostede me conta daquela xa tivera o accidente en Nova York e perdera a mobilidade no brazo dereito, e con ela a capacidade para tocar o violín. Tamén díxome Tiniño, que o músico tocaba o piano coma aqueles que coñecen pero non aman o instrumento.

-   A que tocaba ben era a miña muller – dixéralle daquela.

E, mire que lle digo, Don Manoel! Que ben me gustaría que fora precisamente Don Manuel Quiroga, o mellor violinista que deu esta terra, o que lle ensinara esa fermosísima muiñeira ao noso Averomar!

(Ilustracións: Autorretrato / retrato de Martha Lehmann. Manuel Quiroga. Debuxos a lapis sobre Papel. Museo de Pontevedra. Nº inventario: 005952-B-2)

venres, 28 de outubro de 2016

A escola pública ou privada pero non concertada

Mire que lle digo Don Manuel! Que as veces penso que a educación que lle estamos a dar aos cativos e non tan cativos é coma a espada de Xoán da Palla que nin pincha nin talla. Que moita reforma do ensino, moitos planos de estudios novos para que a xente siga a confundir o valor das cousas co seu prezo. Que eu observo que os rapaces de hoxe dispoñen de moita información pero teñen moi pouca formación, e que estamos outra volta, a reproducir os esquemas do pasado, vostede estudando nos Xesuítas e eu nas Escolas de san Ignacio. Mire que lle digo, Don Manoel, que eu non teño nada contra das escolas privadas, que os centros privados están financiados con cartos privados, é considero normal que neles se imparta obrigatoriamente a ideoloxía de quen os financia. O que non son quen de entender é que case que corenta anos despois da morte do ditador sigamos a ter escolas concertadas, financiadas polo pobo pero ao servizo das clases dominantes! E a escola pública coma delegacións dos departamentos de persoal a fabricar obreiros sen conciencia de clase, amas de casa, e sobre todo, parados, moitos parados, que compre acabar coa escola pública para poder gobernar a un pobo de carneiros. E mire que lle digo Don Manuel, que nos, cando éramos novos, loitamos e nos sacrificamos moito para que os nosos fillos estudaran, pero non para que foran mais que nos, senón para que foran mellores que nos, non para que foran felices obedecendo a un amo senón para que estiveran preparados para pensar pola súa conta, porque pode ser que iso os fixera tan probes coma as arañas no inverno pero ceibes coma o vento.

xoves, 27 de outubro de 2016

Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas

Mire que lle digo, Don Manoel! De Santa Olaia de Portela, o pobo do noso Averomar, era tamén Faustino Miranda, o pai da escritora galego/cubana Anisia Miranda. E Teresa Fernández, a súa nai, de Celanova. Anisia foi galega por escolla, e cubana por nacemento, que Faustino e Teresa, coma tantos outros galegos, tiveron que emigrar, non para mellorar senón para non morrer de fame. Porque non se lle pode chamar mellorar a pasar de labrego a tendeiro, a vivir no que alí chaman unha “bodega”, unha tenda na que, ademais de viño, véndense patacas, xabón, sachos, e ata roupa. Non sei se os pais de Anisia vivirían, como os mais dos aprendices das bodegas, na trastenda, no soto, ou tirados detrás do mostrador, pero ata que Anisia chegou aos nove anos non se mudaron a un lugar onde houbera escola. E mire que lle digo, Don Manoel! Anisia era unha rapariga ben espelida, que con doce anos publicou o seu primeiro traballo na prensa. E ben pouco despois escribiu o seu primeiro conto para nenos. Logo marchou para Bos Aires e alí asistiu ás clases de lingua galega de Eduardo Blanco Amor. e tamén ás de Historia, Xeografía, Literatura e Economía de Galicia que impartían, respectivamente, Alberte Vilanova, Ramón de Valenzuela, Rafael Dieste e Antonio Baltar.
En 1954 coñeceu ao que ía ser o seu home, Xosé Neira Vilas, co que casou en 1957, o mesmo ano no que fundaron "Follas Novas", e viviron moitos, moitos anos xuntos, para felicidade propia e da cultura galega.
Anisia,
cidadá do mundo,
árbore florecida
con raíces en Cuba
e a vizosa ramaxe
con espazo de seu, intransferible
neste doce, inmemorial recanto.
(Fragmento de Anisia, poema de Xosé Neira Vilas)

martes, 25 de outubro de 2016

100 anos da visita de FGL a Galicia

Mire que lle digo, Don Manoel! Que hoxe, 25 de outubro, cúmprese 100 anos da primeira visita de Federico García Lorca a Galicia, e vexo ao seu amigo moi entusiasmado convidando á xente a participar con poemas, textos ou artigos, desta tan importante efeméride. E, mire que lle digo, Don Manuel, que xa sabe que eu son fácil de enredar en causas coma esas, e que algunha cousa das miñas podería contar; e logo: “pero en que enredo vaste meter! Que vas facer ti entre tanta xente notable?” E finalmente lembrei o que dicía Manuel Pazos de Merexo cando o invitaron a tocar con Kepa Junquera: “cada un vai a feira co que ten!” Así que, viva o meu atrevemento! E coma son daqueles que chamaban de caíño revirado, non direi nada do Federico poeta, do Federico home de teatro, do Federico debuxante, que outros o farán mellor que eu; falarei do Federico irmán dos que sofren, do Lorca indignado ante a inxustiza social.
Na súa primeira estadía en Compostela Lorca visitou o hospicio de orfos de San Domingos de Bonaval. E anos mais tarde escrebe:
UN HOSPICIO EN GALICIA
Es el otoño gallego y la lluvia cae silenciosa y lenta sobre el verde dulce de la tierra. […] Frente a una iglesia de piedra negriverdosa, donde los jaramagos quieren prender sus florones, está el Hospicio humilde y pobre…Da impresión de abandono el portalón húmedo que tiene... Ya dentro, se huele a comida mal condimentada y pobreza extrema. El patio es románico... En el centro de él juegan los asilados, niños raquíticos y enclenques, de ojos borrosos y pelos tiesos. Muchos son rubitos, pero el tinte de enfermedad les fue dando tonalidades raras en las cabezas... Pálidos, con los pechos hundidos, con los labios marchitos, con las manos huesudas pasean o juegan unos con otros en medio de la llovizna eterna de Galicia.
E segue mais adiante:
Me dio gran compasión esta puerta por donde han pasado tantos infelices... [...] Quizá algún día, teniendo lástima de los niños hambrientos y de las graves injusticias sociales, se derrumbe con fuerza sobre alguna comisión de beneficencia municipal donde abundan tanto los bandidos de levita y aplastándolos haga una hermosa tortilla de las que tanta falta hacen en España.

luns, 24 de outubro de 2016

A Muiñeira de Ponte San Paio

Mire que lle digo, Don Manoel! Que as lembranzas con coma as cereixas: tiras de un e veñen vinte ensarillados nel. No conto anterior enguedelleime nas lembranzas de Tino, coma outros se enredan nos rabos dun polbo, e quedoume sen contar a historia da  Muiñeira de Ponte San Paio, cousa que, co seu permiso, penso poñer hoxe remedio. A cousa comeza cando Don Antonio, escoitada xa boa parte do repertorio, dille entusiasmado:
  • Veña gaiteiriño! Xa que estamos na terra que a viu nacer, toca agora a Muiñeira de Ponte San Paio.
  • Pois ben que o sinto Don Antonio! – respondeu Averomar - Non lla sei; nunca sentira falar dela.
  • Iso ten bo arranxo. Manuel – dille Medal a un dos convidados - te importa sentar ao piano e tocarlle a peza ao noso gaiteiro?
O tal Manuel, contárame o Constantino, era un home alto e ben parecido, cunha ollada chea dunha infinda tristeza. Non sen certo esforzo, achegouse ao piano e marcoulle ao noso gaiteiro as primeiras notas.
  • Pregunta e resposta – asentiu Averomar – Xa o teño. Siga Don Manuel!
E Don Manuel tocaba e Averomar repetía, sen errar unha soa nota. E así ata dar cabo á peza, e de contado, alzar o vo a gaita, co piano facéndolle ás beiras. E deste xeito, nun fermoso diálogo entre os dous instrumentos, aprendeu o noso Tiniño a súa muiñeira favorita, aquela que soaba cando o mar bruaba con mais rabia, e os embornais non eran quen de achicar a auga da cuberta. E mire que lle digo Don Manoel, que o noso gaiteiro sempre me dixo non lle custara nada aprendela, coma se dalgún xeito xa a levara escrita nalgún curruncho da memoria

domingo, 23 de outubro de 2016

A San Andrés de Teixido ...

Mire que lle digo Don Manuel! Din que cando o Cristo, que estaba percorrendo o mundo enteiro, chegou ata nosa terra, andou e andou por ela ata que, canso de andar, detívose en Teixido, preto do fin do mundo. Para recuperar forzas tomou unha mazá dun árbore, non está documentado que fora unha maceira pero tal debera ser, e cando a abriu a mazá atopou nela a Santo André. O Santo, que era un pouco choricas, queixouse o Cristo da súa situación, esquecido e abandonado naquelas afastadas terras. O Cristo compadeceuse del, e prometeulle que a súa romaría sería a máis visitada da terra, xa que ninguén, nin morto, nin vivo, deixaría de acudir a ela. “Queda aí Santo André, que quen no veña de vivo unha vez virá de morto tres”
E mire que lle digo Don Manuel. Que eu polo si ou polo non cos santos quero estar ben, e alí fun, e ata merquei os cinco sanandreses, que outros din que son oito e aínda outros que sete. Unha flor para ter sorte no amor; unha man para levar ben os estudos; unha sardiña para que nunca falte sustento, unha barca para que as viaxes conclúan felizmente, unha escaleira para mellorar no traballo, unha pomba da paz, a coroa de San Andrés, e un homiño para as boas mozas. Como din a cantiga:

Meu divino San Andrés
que estás na alta montaña,
se este ano vin solteira
pro que ven, virei casada.

E responden os homes:

Meu divino San Andrés
non che veño pedir pan,
veño pedirche unha moza
que faga tremer o chan.

sábado, 22 de outubro de 2016

Víctimas do franquismo

Mire que lle digo, Don Manoel! As cousas que vostede acha, nese que se lle deu en chamar “Faiado máxico”, son motivo de admiración de propios e estraños! E abofé que non é esta a mais cativa! O programa dunha das maiores e mais significativas concentracións de cantantes, convocados arredor dun acto político, reunidos durante tres días nos terreos do antigo cuartel da Montaña! E cunha ilustración do grande Antonio Saura na cuberta! Vinte e seis organizacións convocantes, dende a CNT e CC.OO, dende Izquierda Republicana a Euskadiko Eskerra, dende o PCE(ml) ata o PCE, xunguidos na loita pola recuperación da memoria colectiva. E algúns dos mais grandes intelectuais, Alberti, Estellés, Pierre Vilar, Buero Vallejo, Gala, Carlos Álvarez, “cantaores”, José Menese, Enrique Morente, José Dominguez “El Cabrero”, cantautores latinoamericanos coma Soledad Bravo ou Rafael Amor, casteláns coma Luis Eduardo Aute, Javier Krahe, Joaquin Sabina, Elisa Serna e Pablo Guerrero, cataláns coma Raimon, Lluis Llach, Pi de la Serra, Serrat, Joan Isaac e María del Mar Bonet, canarios coma Mestisay e Los Sabandeños,  vascos coma Urko, aragoneses coma Labordeta, e galegos de nazón ou corazón, coma Brath, Na Lua, Suso Vaamonde e Amancio Prada. Todos eles xuntos e solidarios, que naquelas anos a ilusión en que sería posible construír un pais libre, democrático e mellor, era tan grande e tan radical que todos pensabamos antes no que tiñamos en común que no que nos diferenciaba. Coma cantou Labordeta:
Habrá un día
en que todos
al levantar la vista,
veremos una tierra
que ponga libertad.