venres, 28 de outubro de 2016
A escola pública ou privada pero non concertada
Mire
que lle digo Don Manuel! Que as veces penso que a educación que lle estamos a
dar aos cativos e non tan cativos é coma a espada de Xoán da Palla que nin
pincha nin talla. Que moita reforma do ensino, moitos planos de estudios novos
para que a xente siga a confundir o valor das cousas co seu prezo. Que eu
observo que os rapaces de hoxe dispoñen de moita información pero teñen moi pouca
formación, e que estamos outra volta, a reproducir os esquemas do pasado, vostede
estudando nos Xesuítas e eu nas Escolas de san Ignacio. Mire que lle digo, Don
Manoel, que eu non teño nada contra das escolas privadas, que os centros
privados están financiados con cartos privados, é considero normal que neles se
imparta obrigatoriamente a ideoloxía de quen os financia. O que non son quen de
entender é que case que corenta anos despois da morte do ditador sigamos a ter
escolas concertadas, financiadas polo pobo pero ao servizo das clases
dominantes! E a escola pública coma delegacións dos departamentos de persoal a fabricar
obreiros sen conciencia de clase, amas de casa, e sobre todo, parados, moitos parados, que
compre acabar coa escola pública para poder gobernar a un pobo de carneiros. E mire
que lle digo Don Manuel, que nos, cando éramos novos, loitamos e nos
sacrificamos moito para que os nosos fillos estudaran, pero non para que foran
mais que nos, senón para que foran mellores que nos, non para que foran felices
obedecendo a un amo senón para que estiveran preparados para pensar pola súa
conta, porque pode ser que iso os fixera tan probes coma as arañas no inverno
pero ceibes coma o vento.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Onde hai que asinar, Mirequelledigo??????
ResponderEliminar