sábado, 29 de outubro de 2016

Manuel Quiroga na Illa de Medal



Mire que lle digo, Don Manoel! Que agora que mo di, ben puidera ser que o Don Manuel que ensinoulle a Muiñeira de Ponte San Paio ao noso Tiniño o gaiteiro, fora o grande violinista de Pontevedra que vostede di, Don Manuel Quiroga, que o retrato que me mostra é ben acaído ao que Averomar contoume dese home. Os ollos! Eses ollos coma ardendo, esa testa ergueita coma a dun león que, aínda ferido por cen balazos, négase a deixarse abater, fora o que mais lle impresionara. E un ar de inmensa tristura, como se tivera perdido unha patria, que polo que vostede me conta daquela xa tivera o accidente en Nova York e perdera a mobilidade no brazo dereito, e con ela a capacidade para tocar o violín. Tamén díxome Tiniño, que o músico tocaba o piano coma aqueles que coñecen pero non aman o instrumento.

-   A que tocaba ben era a miña muller – dixéralle daquela.

E, mire que lle digo, Don Manoel! Que ben me gustaría que fora precisamente Don Manuel Quiroga, o mellor violinista que deu esta terra, o que lle ensinara esa fermosísima muiñeira ao noso Averomar!

(Ilustracións: Autorretrato / retrato de Martha Lehmann. Manuel Quiroga. Debuxos a lapis sobre Papel. Museo de Pontevedra. Nº inventario: 005952-B-2)

Ningún comentario:

Publicar un comentario