Mire que lle digo, Don Manoel! De Santa Olaia de Portela, o pobo do noso Averomar,
era tamén Faustino Miranda, o pai da escritora galego/cubana Anisia Miranda. E
Teresa Fernández, a súa nai, de Celanova. Anisia foi galega por escolla, e
cubana por nacemento, que Faustino e Teresa, coma tantos outros galegos,
tiveron que emigrar, non para mellorar senón para non morrer de fame. Porque
non se lle pode chamar mellorar a pasar de labrego a tendeiro, a vivir no que alí
chaman unha “bodega”, unha tenda na que, ademais de viño, véndense patacas,
xabón, sachos, e ata roupa. Non sei se os pais de Anisia vivirían, como os mais
dos aprendices das bodegas, na trastenda, no soto, ou tirados detrás do
mostrador, pero ata que Anisia chegou aos nove anos non se mudaron a un lugar
onde houbera escola. E mire que lle digo, Don Manoel! Anisia era unha rapariga
ben espelida, que con doce anos publicou o seu primeiro traballo na prensa. E ben
pouco despois escribiu o seu primeiro conto para nenos. Logo marchou para Bos
Aires e alí asistiu ás clases de lingua galega de Eduardo Blanco Amor. e tamén
ás de Historia, Xeografía, Literatura e Economía de Galicia que impartían,
respectivamente, Alberte Vilanova, Ramón de Valenzuela, Rafael Dieste e Antonio
Baltar.
En 1954 coñeceu ao que ía ser o seu home, Xosé
Neira Vilas, co que casou en 1957, o mesmo ano no que fundaron "Follas Novas", e viviron moitos, moitos anos xuntos, para
felicidade propia e da cultura galega.
Anisia,
cidadá do mundo,
árbore florecida
con raíces en Cuba
e a vizosa ramaxe
con espazo de seu,
intransferible
neste doce, inmemorial
recanto.
(Fragmento
de Anisia, poema de Xosé Neira Vilas)
Ningún comentario:
Publicar un comentario