sábado, 31 de decembro de 2016

Para todos os meus lectores no día de Fin de Ano

Mire que lles digo, amigos que estanme a ler nesas cousas modernas nas que anda o meu Don Manuel! Que hoxe que están coma reis nunha cesta agardando polo cabo do ano, e coma as miñas ledicias son as ledicias dos meus amigos, e síntome un pouco parte delas, e porque non todo van ser historias tráxicas, quero deixarlles, nesta que chaman noitevella, unhas cousas desas coas que anda a argallar a rapazada. Chámase:

OS DEZ “CARALLOS” MAIS FAMOSOS DA HISTORIA DA HUMANIDADE

Se a escrita ten os seus signos de puntuación que axudan á correcta lectura e interpretación dos textos, a oratoria ten os seus, sendo o carallo o mais notable e polisémico deles, acaído non soamente para o encomio coma o vituperio, senón aínda para outras actividades mais pracenteiras.

1.- ¿Cándo carallo vai parar de chover? (Noé, 5000 A.C.).
2.- !Deixa de enredar co carallo na bañeira! (A nai de Arquímedes; 212 A.C.)
3.- ¡Vai unha calor do carallo!  (Xoana de Arco; 1431)
4.- ¿E cando carallo imos chegar? (Martín Alonso Pinzón a Cristóbal Colón; 1492).
5.- ¡Vou pinta-lo teito ese polo carallo enriba! (Miguel Ángel; 1566).
6.- ¿E quén carallo es ti que ves sorprender os meus secretos? (Julieta a Romeo; 1595).
7.- ¿De ónde carallo saíron todos eses indios? (Xeneral Custer; 1887)
8.- ¿Por ónde carallo entra tanta auga? (Capitán Smith, SMS Titanic; 1912).
9.- Todos somos uns ignorantes do carallo, pero en cousas diferentes (Einstein; 1938).
10.- E como carallo fago agora para ires a Suíza sen pasaporte?  (Luis Bárcenas, Febrero 2013).

venres, 30 de decembro de 2016

A vida no mar eche moi dura!

Mire que lle digo, Don Manoel! A vida na mar éche moi dura. Ao Gran Sol ía case calquera cousa que flotara! Moitos en buques vellos nos que as poucas cousas que funcionaban no porto deixaban de facelo cando estabamos no medio do mar, a moitas millas da terra firme, e sen posibilidade de regresar a porto. Na travesía a xente durmía moi mal, e cando chegabamos ao caladoiro moi mal e moi pouco; fregando os ollos para non quedar durmido cando estás de quenda, e cando non, durmindo coma o anacleto, cun ollo pechado e outro aberto! Se a este pouco durmir xúnguelle vostede a inexperencia, xa ten unha boa colleita de accidentes  que incluien amputacións traumáticas de brazos e pernas, e mariñeiros, ou partes deles, que ían parar ao mar enredados mas mallas das redes. A necesidade de chegar a porto rápidamente para atender aos accidentados era o principal pesadelo dos patróns. No porto de Bantry, no sul de Irlanda, onde faciamos base, había un hospital para os primeiros auxilios, pero se a cousa era grave compría trasladar ao accidentado ata Cork, a unhas tres horas en taxi por camiños sen asfaltar. Tres horas a engadir ao tempo que levaría chegares dende o caladeiro ata Bantry, amarrar, desembarcar ao accidentado e arrincar ao condutor do taxi das brétemas do alcohol! E se a largada traía moito peixe e a ferida era moi grave non querría estar na pel do Patrón e tomar a decisión de a quen intentar salvar!
E, mire que lle digo, Don Manoel! Que se non lle sabe mal íomolo deixar por hoxe, que non quero coller máis maquía da que poda moer.

xoves, 29 de decembro de 2016

Do barco na rotonda

Mire que lle digo Don Manoel! Que o alcalde de Vigo e toda a xente que anda atrás del coma se foran rabo de can, poden dicir, se lles presta, ata misa cantada, pero os mariñeiros de Bouzas non loitamos pola recuperación do Bernardo Alfageme para varalo nunha rotonda, que para acabar como decorado mellor morrer no mar. E estará "onde o quere a cidade" na "mellor situación posible", “precioso que da gusto velo na rotonda", pero gaivotas á terra mariñeiros á merda, e os homes do mar non queremos homenaxes nin recoñecementos desta caste, que o mellor xeito de intentar achegarse, aínda que en moi pequena medida, á vida nun pesqueiro de altura, e non dos peores don Gran Sol, é conservalo coma o que foi, o orgullo dos traballadores dun estaleiro, Barreras, o derradeiro dos pesqueiros roblonados, con capacidade para catorce tripulantes e 70 toneladas de peixe. Un barco no que se poda subir a bordo, baixar á máquina, entrar no sollado e na ponte de mando; un barco coa mar arredor, movéndose en suave abaneo. E, mire que lle digo Don Manoel! Tiñamos grandes sonos para o buque, reparar o exterior, acondicionar o interior e poñelo a punto para poder navegar. Pero todo o que se fixo foi substituír os roblóns por soldadura e pintalo ben bonitiño e chantalo nunha rotonda. Grazas á desidia daqueles que tanto lles ten perdido como ganado, porque gastan do que non é seu, xa nunca mais navegará. Pero tamén por culpa de todos nos, mais habitantes que cidadáns dunha vila que debe gran parte da súa medra ao mar, e que a cotío dálle as costas aos seus orixes.

sábado, 24 de decembro de 2016

Dichoso aquel...

Mire que lle digo, Don Manoel! Que iso que canta o Roque, na Habanera de Marina, de dichoso aquel que tiene su casa a flote, é cousa de teatro, ou, polo que me toca, de mares mais apracibles que os que eu naveguei; que penso que xa contara o que se di do tempo no Gran Sol, o malo e o peor. E tampouco lle chamaría eu arrolo aos botes, brincos e cabriolas que o mar faille dar ao bou, que tampouco é que os choutos dean moito sono! E, mire que lle digo, que non deixa se ser cousa boa que o medo no deixe que che colla o sono, porque abonda con pechar un intre os ollos cando estás a traballar na cuberta, para que os abras no medio do mar a 50 brazas do buque, a varios días da costa, e, naqueles anos, sen chaleco salvavidas nin farrapos de gaita! Que toda a protección que levabas era a roupa impermeable de lona de algodón encerada e, as mais das veces, os pes espidos para non esvarar na cuberta mollada. E andar con moito ollo que mesturado entre o peixe no viñera unha quenlla, que unha trabada do peixe can podíache deixar mancado de por vida! Logo nos sesenta empezaron a chegar as botas de Bueu, que facía Don José Riobó, e que eran moi sólidas, moi resistentes e, sobre todo, moi adherentes, co que o risco de escorregar era xa moito menor. E mire que lle digo Don Manoel! Que a sona das botas de Bueu chegou a medio mundo, dende Terranova ata Namibia, coma boa proba de que os galegos para ser universais non temos que saír da terra.

venres, 23 de decembro de 2016

Xaime Isla e os Ultreias

Mire que lle digo Don Manoel! Que cando lle falaba dos Ultreias esquecera que Xaime Isla, vigués de adopción coma vostede mesmo, foi o seu profesor de Dereito e Economía de Empresa na Escola de Peritos! Don Xaime dáballe unha grande importancia ás experiencias vividas neste grupo xuvenil, sinaladamente ás esculcas e contactos coa xentes do campo, e as estadías e visitas na Misión Biolóxica de Galicia. Aínda que o primeiro alento cara ao amor a lingua galega veulle coma a tantos outros do alén mar, da man do seu irmán Ramiro, os obxectivos de “repensar Galicia, proxectar Galicia, facer Galicia” que foron o facho da súa vida naceron daquel movemento de “educación patriótica” E mire que lle digo Don Manoel!, que a min, que a palabra patriota dáme arrepíos, gústame pensar que aínda organizacións tan sospeitosas coma a dos Ultreias, poden servir para facer agromar nos peitos dos bos e xenerosos un sincero amor á terra.

xoves, 22 de decembro de 2016

A balandra dos Ultreias

Mire que lle digo Don Manoel! Alá polo ano 2000, fai xa uns pouco anos, agasalláronme cun disco recompilatorio de Suso Vaamonde, que leva por título Lembranza. Na capa un retrato do cantante que lle fixera o seu amigo Xosé Guillermo. Pechando o segundo disco hai un himno con letra de Fermín Bouza Brei que me trouxo moitas cousas á memoria:

A balandra dos ultreias
Leva os corazóns por vela
Navega cara ao futuro
Toda Galicia vai nela

Certo é que a balandra que chegou a Vigo en xuño do 32, non era tal senón un pailebote de nome Joaquín Pérez, que tampouco ía nela toda Galicia senón dezaoito Ultreias comandados por Álvaro das Casas, un  ultra españolista e monárquico que foi mestre de  Xoán Carlos I de España (e quinto de Alemaña) e membro do tribunal de acceso a Policía, que baseado na súa experiencia scouts, crea unhas mocidades "amantes" da terra e a cultura galega nas que militou o propio “Pepe dos Cestos”, é dicir Ramón de Valenzuela, candidato do PCG nas eleccións xerais de 1979.
E mire que lle digo, Don Manoel, que xa que estamos nestas, déixolle aquí o Decálogo dos Ultreias:
I.- Porque amo a Galiza con toda a miña alma, dedicareille os meus mellores esforzos para tornala eternamente feliz.
II.- Porque a vida está chea de mágoas, miña mocidade será unha leda canción que ha erguer o espírito de tódolos coitados.
III.- Porque estou afincado ao chan nativo e endexamais hei crebar as ligazóns coa miña xente, manterei sempre aceso o fogo do meu lar.
IV.- Porque penso no que fun no que son e no que teño de ser, respectarei aos vellos e pequenos e defendereinos de todo aldraxe e sufrimento.
V.- Porque quero a eficacia do meu labor, axudarei os nobres desexos dos meus compañeiros como quixera que me axudasen a min na arela dos meus limpos ensonos.
VI.- Porque teño de ser home útil á miña Terra, cumprirei tódalas miñas obrigas pra ire facendo a miña historia de cidadán exemplar.
VII.- Porque quero limpar a miña axuda de erros, educarei meu espírito no estudo e no traballo.
VIII.- Porque teño de ser rexo na axuda aos meus irmáns, fortalecerei meu corpo na claridade das augas e nor ar das montañas.
IX.- Porque soño nun porvir de verdadeira fraternidade, farei por que rente de min se xunten tódolos rapaces galegos pra que o día de mañá non nos afasten prexuízos de caste.
X.- Porque quero unha Galiza enteiramente galega en convivo con tódalas razas, en fala con tódalas culturas, abrirei meu peito a tódolos homes de boa vontade e recta intención.

mércores, 21 de decembro de 2016

O número da cabra!

Mire que lle digo Don Manoel! Que hoxe, non sei moi ben por qué, me veu ás mentes aquelas familias xitanas que chegaban aos barrios das vilas e cidades co seu triste circo ambulante. O pai, a nai e dous ou tres “xurumbeis”. As mais das veces un can esfameado e unha mona. E unha cabra, claro!, cuxo número, o número da cabra, era a principal atracción de nenos e maiores. O home tocaba un instrumento musical que podía ser unha trompeta abolada e cuberta de roña, un acordeón do que soaban a metade das notas ou, coa chegada da tecnoloxía, un deses teclados electrónicos que case que tocan solos. A función comezaba cun baile da rapaciña vestida de volantes raídos e golpeando cos peciños nus nas pedriñas do chan. De contado o can, de saia tamén de volantes e sombreiro de punta, púñase riba das patas traseiras, nun penoso esforzo por gañarse a atención do escaso público congregado. Finalmente o número forte do espectáculo. A muller abría unha escada de cinco ou seis chanzos e puña no cumio unha lata de tomates, oxidada e baleira. Entón, nun xesto teatral, amosaba a vella cabra que levaba atada cunha baraza, mentres a rapariga redobraba no tambor reclamando a atención do público. Entón, ao son de “En er mundo”, España cañí” o pasodobre semellante, a cabra ía subindo os banzos da escaleira, ata quedar facendo equilibrio, coas catro patas reunidas riba da lata. O número da cabra! E mire que lle digo Don Manoel! Todo isto perdeuse. Hoxe os números da cabra fanse nas televisións, nas empresas, nos Xulgados, nos Concellos, e de xeito especial en canda seu dos múltiples parlamentos, autonómicos, estatal e europeo. E mire que lle digo Don Manoel, que así non hai cabra nin xitano que poida aturar esta competencia institucional!